Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 2000 Páx. 3.349

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona.

O título VI da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, regula a xestión recadatoria da Facenda pública de Galicia e os órganos ós que se lle encomenda a dita xestión.

Desa regulación destaca o establecemento das zonas de recadación como órganos encargados da xestión recadatoria en vía de constrinximento dos tributos e ingresos de dereito público que, por ser propia ou concertada, lle corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, prevese que á fronte de cada unha das zonas de recadación haxa un recadador titular cos dereitos e deberes que se establezan.

Pois ben, de conformidade co establecido no citado título VI da mencionada Lei 11/1996, aprobouse o Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona.

No momento presente cómpre acomete-la súa reforma, ben que en aspectos puntuais, para incorporar ó texto regulamentario certos aspectos que permitan unha maior axilidade na aplicación do réxime vixente, atendendo ás esixencias que a dita aplicación puxo de manifesto.

Así, en materia de competencias dos órganos de recadación, atribúenselles expresamente outras aconselladas pola aplicación práctica da norma regulamentaria.

Tamén é obxecto de modificación a creación das zonas de recadación e a delimitación do seu ámbito territorial.

Ademais, en materia de nomeamento, incompatibilidades e cesamento dos recadadores, valídase a esixencia do diploma de aptitude para o desempeño do cargo de recadador pola experiencia no desempeño de tarefas recadatorias que habiliten para a prestación do servicio. Igualmente, en caso de producirse unha vacante no posto de recadador, prevese a posibilidade de establecer concursos restrinxidos entre os restantes recadadores.

Por outra banda, regúlase o deber, por parte do recadador, de achega-la información que lle sexa requirida en relación cos gastos e investimentos inherentes á actividade da zona.

Así mesmo, son obxecto de revisión determinados aspectos relacionados co persoal colaborador da zona e do procedemento de xestión.

Para evita-la dispersión normativa regúlase neste decreto o réxime xurídico vixente ata o de agora sobre a materia de que se trata, así como as novidades sinaladas anteriormente que van modificalo.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Organización recadatoria da Xunta de Galicia

Capítulo I

Órganos recadatorios

Artigo 1º.-Réxime legal.

A xestión recadatoria da Facenda pública de Galicia rexerase:

a) Polas disposicións do Estatuto de autonomía.

b) Pola Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, modificada polas leis orgánicas 1/1989, do 13 de abril e a 3/1996, do 22 de decembro.

c) Pola Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e medidas fiscais complementarias.

d) Polo texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

e) Polas demais leis do Parlamento de Galicia.

f) Polas disposicións regulamentarias aprobadas pola Xunta de Galicia en desenvolvemento das leis anteriores.

g) Polas normas de desenvolvemento que as leis ou os regulamentos autoricen a dictar ó conselleiro de Economía e Facenda.

h) Pola Lei xeral tributaria e demais disposicións dictadas no seu desenvolvemento.

i) Pola Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantía dos contribuíntes.

j) Polos tratados, acordos, convenios internacionais ou normas emanadas de órganos internacionais ou supranacionais aplicables á xestión recadatoria.

Artigo 2º.-Xestión recadatoria.

1. A xestión recadatoria consiste no exercicio da función administrativa conducente á realización dos créditos tributarios e demais de dereito público establecidos a prol da Facenda pública de Galicia no artigo 14 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. A xestión recadatoria da Facenda pública de Galicia, tanto da Administración xeral da Comunidade Autónoma como a dos seus organismos autónomos e sociedades públicas, correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda e será levada:

a) En período voluntario: polos órganos da Consellería de Economía e Facenda e dos organismos autónomos que teñan atribuída a xestión dos correspondentes recursos.

b) En período executivo: polos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda, cando se trate de recursos da Facenda pública de Galicia e dos organismos autónomos esixibles en vía de constrinximento.

c) Os recursos de dereito público a xestión dos cales estea atribuída a un ente público vinculado á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, serán recadados en período voluntario polos servicios do devandito ente. A recadación en período executivo corresponderalle ós órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda.

3. Os órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda poderán asumi-la xestión recadatoria dos recursos doutras administracións públicas, cando a dita xestión se lles encomende en virtude de lei ou por convenio.

4. Igualmente, a Consellería de Economía e Facenda, para a xestión recadatoria dos seus recursos, poderá subscribir convenios con outras administracións públicas.

Artigo 3º.-Órganos de dirección.

1. A xestión recadatoria será dirixida, baixo a autoridade do conselleiro de Economía e Facenda, pola Dirección Xeral de Tributos no ámbito central e polas delegacións territoriais da consellería no ámbito territorial.

2. As respectivas competencias destes órganos serán as que se establecen nas distintas leis, neste decreto e nas normas que para o efecto dicte a Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 4º.-Competencia funcional do conselleiro de Economía e Facenda.

O conselleiro de Economía e Facenda, como xefe superior da organización recadatoria, e sen prexuízo de poder solicitar para si as atribucións en materia de recadación de órganos inferiores, terá, ademais das que lle atribúan neste decreto e outras normas aplicables, as seguintes facultades:

1ª Efectua-lo nomeamento dos recadadores da Comunidade Autónoma mediante resolución dos concursos ou outros procedementos que se establezan para a súa selección, acorda-lo seu cesamento, así como admiti-la renuncia destes.

2ª Resolve-los expedientes incoados ós recadadores por infraccións cometidas por estes no exercicio das súas funcións.

3ª A creación, supresión e modificación de zonas recadatorias.

4ª Establece-las retribucións dos recadadores mediante a participación, cifrada nunha porcentaxe, sobre os ingresos obtidos dos valores que teñan encomendados e a súa modificación, así como as recompensas especiais que se poidan fixar.

5ª Subscribir con outras administracións públicas convenios de xestión recadatoria.

Artigo 5º.-Órganos de recadación.

1. Integran os órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda:

a) Na esfera central e respecto de todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Tributos e o Servicio Central de Recadación.

b) Na esfera da Administración territorial.

1º Os servicios de recadación das delegacións territoriais.

2º As zonas de recadación da Comunidade Autónoma.

2. Así mesmo, terán a consideración de órganos de recadación as unidades administrativas dos organismos autónomos e entes públicos que xestionen a recadación en período voluntario de recursos de dereito público.

Artigo 6º.-Competencia territorial.

1. A competencia da Dirección Xeral de Tributos e do Servicio Central de Recadación esténdese a todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os servicios de recadación das delegacións territoriais serán competentes, no territorio da súa demarcación, para a realización da xestión recadatoria.

3. As zonas de recadación da Comunidade Autónoma teñen facultades para actuar dentro do territorio que comprenda a respectiva demarcación.

Artigo 7º.-Competencia funcional dos órganos de recadación.

Sen prexuízo das facultades e atribucións que outorgan as distintas leis e regulamentos, os distintos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda que desempeñan a función recadatoria terán, entre outras, as competencias que atribúe este decreto e, en concreto, as seguintes:

1. Dirección Xeral de Tributos.

a) A xefatura, inspección e dirección inmediata da organización recadatoria.

b) Proporlle ó conselleiro a imposición das correccións disciplinarias que sexan da exclusiva competencia deste.

c) Tramita-los expedientes de compensacións e procesos concursais.

d) Declara-la existencia de responsables solidarios, esixíndolle-lo pagamento da débeda, así como acorda-la derivación da acción administrativa ós responsables subsidiarios.

e) Acorda-la execución de garantías.

f) Aproba-las valoracións, acorda-los alleamentos e dicta-las providencias para as poxas e adxudicacións directas dos bens ou dereitos embargados.

g) Dictar calquera outro acto de xestión recadatoria que sexa da súa competencia ou que non se atribuíra expresamente a outros órganos.

Estas competencias atribuídas á Dirección Xeral de Tributos poderán ser delegadas, agás as previstas nas alíneas a) e b) anteriores.

2. Servicio Central de Recadación.

a) Promover, impulsar e dirixi-la recadación nos seus dous períodos, exercendo a debida vixilancia para que os procedementos se ultimen con rapidez.

b) Velar pola actuación dos recadadores da Comunidade Autónoma, esixíndolle-lo cumprimento exacto dos seus deberes.

c) Propoñe-la inspección das zonas recadatorias e leva-las actuacións pertinentes.

d) Realiza-lo proceso de cargo de valores ás zonas de recadación, así como a recepción das datas que cada unha destas renda periodicamente.

e) Recepción de informes e control das liquidacións que rendan os recadadores de zona.

f) Dicta-la providencia de embargamento no procedemento de recadación en período executivo daquelas débedas a xestión das cales corresponda ás zonas de recadación.

g) Resolve-las reclamacións por tercerías que se poidan formular.

3. Servicio de recadación das delegacións territoriais.

a) Aprobación e autorización das datas.

b) Dicta-las providencias de constrinximento nos expedientes administrativos deste carácter.

c) Comprobar que a oficina do recadador de zona é debidamente atendida por aquel e polo seu persoal durante o horario establecido.

d) Informa-los expedientes de reorganización e modificación de zonas recadatorias.

e) Outorgar de oficio as escrituras de venda dos inmobles embargados que resulten alleados, en nome dos debedores e a prol dos adxudicatarios, se non compareceran á citación os debedores ou os seus representantes, se os tivesen.

4. Zonas de recadación.

Serán competentes para a tramitación dos expedientes de constrinximento, con suxeición ó disposto nas leis e regulamentos sobre a materia, en especial o Regulamento xeral de recadación aprobado polo Real decreto 1684/1990, do 20 de decembro, modificado parcialmente polo Real decreto 448/1995, do 24 de marzo, e demais disposicións que dicte a Consellería de Economía e Facenda sobre a materia, e entre elas:

a) A xestión das débedas en vía de constrinximento que, como ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma ou das administracións e entidades

coas que se concerte, lles fora encomendada polos órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda.

b) Practica-los embargamentos mediante a extensión das dilixencias de embargamento, traba de bens e demais actuacións precisas para o cobramento dos créditos.

c) Expedir mandamentos de anotación preventiva, cancelación de cargas e demais documentos necesarios para as actuacións recadatorias perante os rexistros públicos.

d) Comunicarlle ó director xeral de Tributos o nomeamento de depositarios dos bens embargados, a atribución a estes de funcións de administrador e a subscrición dos contratos de depósito e demais que procedan.

e) Acordar de oficio o levantamento de embargamento de bens non alleados.

f) Paraliza-las actuacións do procedemento de constrinximento cando se dean algunhas das causas previstas no punto 2º do artigo 101 do Regulamento xeral de recadación.

g) Dictar providencia de acumulación das débedas dun mesmo debedor nun só expediente de procedemento de embargamento.

h) Acorda-la precintaxe e outras medidas para evita-la substitución ou levantamento de bens embargados.

Artigo 8º.-Zonas de recadación.

1. Á fronte de cada unha das zonas de recadación haberá un recadador cos deberes e dereitos establecidos neste decreto e demais normas aplicables.

2. Cada unha das zonas de recadación será adscrita a unha delegación territorial e a súa demarcación será fixada pola Consellería de Economía e Facenda dentro da correspondente á devandita delegación territorial.

3. Nas zonas de recadación, logo da autorización da Dirección Xeral de Tributos, poderán existir oficinas auxiliares dependentes da principal.

4. A Dirección Xeral de Tributos, por si mesma ou por proposta dos delegados territoriais, poderá promove-la creación, reorganización ou modificación da demarcación das zonas nos casos en que se considere aconsellable para unha maior eficacia do servicio.

Artigo 9º.-Deber de información.

1. As persoas ou entidades depositarias de diñeiro en efectivo ou en contas, valores ou outros bens de debedores á Administración da Xunta de Galicia en período executivo, están obrigados a informa-los órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda e a cumpriren os requirimentos que lles sexan feitos por estes no exercicio das súas funcións legais.

2. As obrigas ás que se refire o número anterior deberán cumprirse, ben con carácter xeral, ben a requirimento individualizado dos órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda, na forma e prazos que se establezan.

Capítulo II

Aprazamentos e fraccionamentos

Artigo 10º.-Aprazamento e fraccionamento do pagamento.

1. Ó abeiro do disposto no artigo 20.5º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, poderá aprazarse ou fraccionarse o pagamento da débeda, tanto en período voluntario como executivo, logo da solicitude dos obrigados, cando a súa situación económico-financeira, discrecionalmente apreciada pola Administración, lles impida transitoriamente efectua-lo pagamento das súas débedas.

2. O fraccionamento de pagamento, como modalidade do aprazamento, rexerase polas normas aplicables a este no non regulado especialmente.

3. As cantidades nas que o pagamento se aprace, excluída, se é o caso, a recarga de constrinximento, percibirán o xuro de demora a que se refiren os artigos 58.2º c) da Lei xeral tributaria e 36 da Lei xeral orzamentaria, segundo se trate de débedas tributarias ou non tributarias respectivamente.

4. As consecuencias en caso de falta de pagamento, ó seu vencemento, de cantidades aprazadas ou fraccionadas serán as establecidas no artigo 57 do Regulamento xeral de recadación.

Artigo 11º.-Competencia.

1. As solicitudes de aprazamento das débedas a xestión recadatoria das cales leva a cabo a Consellería de Economía e Facenda serán tramitadas e resoltas polos órganos desta.

O conselleiro de Economía e Facenda poderá atribuí-las competencias en materia de aprazamentos ós ditos órganos podendo habilitar ó director xeral de Tributos para dictar resolucións normativas polas que se realice a atribución concreta de competencias.

2. As solicitudes de aprazamento formuladas en período voluntario de pagamento das débedas a xestión das cales estea encomendada a un órgano de recadación dun organismo autónomo ou ente público, serán tramitadas e resoltas por estes, salvo que, de forma expresa e específica, as normas reguladoras deses recursos lle reserven á Consellería de Economía e Facenda ou outros órganos a xestión do aprazamento en período voluntario.

3. As solicitudes de aprazamento formuladas en período executivo serán tramitadas e resoltas, en calquera caso, polos órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda que teñan atribuída tal competencia. No suposto de tratarse de débedas da titularidade dun organismo autónomo ou ente

público, os órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda poderán solicitar destes informe sobre a solicitude formulada.

TÍTULO II

Estatuto dos recadadores de zona

Capítulo I

Das zonas de recadación

Artigo 12º.-Carácter.

Á fronte de cada unha das zonas de recadación, adscritas á delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda do seu ámbito, haberá un recadador que ten o carácter de axente da Facenda autonómica dentro da súa respectiva zona e, no exercicio das súas funcións, exerce os dereitos e prerrogativas inherentes á condición de autoridade.

Capítulo II

Nomeamento, incompatibilidades e cesamento dos recadadores

Artigo 13º.-Nomeamento.

1. O nomeamento do recadador será competencia do conselleiro de Economía e Facenda.

2. Poderán participar na convocatoria pública de selección os que reúnan as seguintes circunstancias:

a) Pertencer como funcionario de carreira a algún dos corpos seguintes:

1. Escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia ou ó corpo superior de inspectores de finanzas do Estado.

2. Escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia ou do corpo de xestión da Facenda pública do Estado.

b) Contar cunha antigüidade de catro anos de servicios prestados nos corpos ou escalas da alínea anterior.

c) Atoparse en posesión do diploma de aptitude para o desempeño do cargo de recadador da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Ministerio de Economía e Facenda ou, no seu defecto, contar cunha experiencia mínima de cinco (5) anos no desempeño de tarefas recadatorias propias de órganos de tal natureza e que a Consellería de Economía e Facenda considere axeitadas e suficientes para a tarefa que se realiza na prestación do servicio como recadador.

d) Non ter notas desfavorables ou sancións non canceladas ou prescritas, nin estar inhabilitado para o exercicio do cargo.

3. Os funcionarios que sexan nomeados recadadores da Comunidade Autónoma de Galicia haberán de solicitar e obter previamente á súa toma de posesión a situación administrativa de excedencia voluntaria por interese particular.

4. No caso de producirse unha vacante nalgún posto de recadador titular da Comunidade Autónoma,

o conselleiro de Economía e Facenda poderá convocar para a súa cobertura, de forma previa á convocatoria pública a que se refire a alínea 2 anterior, concurso restrinxido entre os restantes recadadores titulares.

Artigo 14º.-Diploma de aptitude.

Para a obtención do diploma de aptitude a que se refire o artigo anterior, a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia convocará oportunamente a realización de probas de acordo coas seguintes cláusulas:

1ª Poderán solicita-la súa admisión ás probas os funcionarios que cumpran os requisitos do artigo 13º.2 a) e b).

2ª As probas versarán sobre calquera aspecto relacionado, directa ou indirectamente, coa materia recadatoria, tanto da área xurídica coma da económica e contable.

3ª Para a convocatoria das probas e todo o demais relacionado coa obtención do referido diploma de aptitude, observarase o disposto nas normas que para tal efecto dicte a Consellería de Economía e Facenda, que haberán de publicarse coa suficiente antelación.

Artigo 15º.-Incompatibilidades.

Os recadadores da Comunidade Autónoma de Galicia son incompatibles para o exercicio de calquera outra actividade empresarial ou profesional por conta propia ou allea, incluída a condición de recadador ó servicio doutras administracións públicas, organismos autónomos ou entes de dereito público dependentes destas.

Artigo 16º.-Cesamento.

1. Os recadadores da Comunidade Autónoma de Galicia cesarán no cargo:

a) Por renuncia

b) Por imposibilidade física para o desempeño do cargo.

c) Por incumprimento grave dos seus deberes.

d) Ó cumpri-los 70 anos.

e) Por falecemento.

2. No caso de cesamento do recadador, calquera que fose a causa, a Dirección Xeral de Tributos incautarase de toda a documentación e valores que aquel tivese no seu poder, logo de face-lo correspondente inventario.

O recadador afectado ou, de se-lo caso, os seus habentes-causa, deberán facilita-lo cumprimento desta operación.

En tales casos e cando, por proposta da Dirección Xeral de Tributos, se considere preciso para a continuidade do servicio, o conselleiro de Economía e Facenda nomeará recadador interino outro recadador titular da Comunidade Autónoma de Galicia

ou un funcionario adscrito á Consellería de Economía e Facenda e que reúna os requisitos do artigo 13º.2 a) e b).

O dito recadador interino asumirá, mentres non fose revogado o seu nomeamento ou tomase posesión da zona un novo recadador, tódolos dereitos e deberes que a este lle correspondan, séndolle tamén aplicable o disposto no artigo 13º.3 deste decreto.

3. O cesamento do recadador supón a extinción da súa relación xurídico-laboral co persoal colaborador. O dito persoal deberá ser asumido polo recadador que continúe coa función recadatoria.

4. A renuncia formularase expoñendo os motivos en instancia dirixida ó conselleiro de Economía e Facenda, presentada na delegación territorial da consellería, que a cursará informada á Dirección Xeral de Tributos. Aceptada a renuncia, o cesamento producirase no derradeiro día do semestre en curso, non sendo que existan circunstancias que aconsellen o cesamento inmediato.

5. Nos supostos en que se entenda producida a renuncia por non constituí-la garantía inicial ou a ampliación da existente nos termos establecidos, aplicarase o disposto nos artigos 35 e 36.

6. O cesamento por imposibilidade física acordarase logo da instrucción do expediente acreditativo desta, promovido polo director xeral de Tributos e será resolto polo conselleiro de Economía e Facenda.

7. No suposto de que un recadador titular da Comunidade Autónoma con destino nunha zona sexa nomeado, en virtude do concurso restrinxido a que se refire o artigo 13.4º, como recadador titular doutra, cesará na zona de orixe na mesma data en que se produza a toma de posesión no novo destino.

Capítulo III

Dereitos e deberes dos recadadores

Artigo 17º.-Dereitos.

1. Percibi-las retribucións que fixe a xestión recadatoria que lle fora encomendada pola Xunta de Galicia.

2. Contratar, de acordo co cadro de persoal proposto polo recadador e aprobado pola Dirección Xeral de Tributos, o persoal colaborador da súa zona, comunicándolle á dita dirección xeral os contratos e rescisións efectuados no momento en que estes se produzan.

3. Pedi-la cooperación e auxilio da autoridade nos termos establecidos no artigo 187.1º do Regulamento xeral de recadación, sempre que sexa necesario para o exercicio das súas funcións.

4. A liberalización e devolución, ó cesar no cargo, das garantías que constituíran.

5. Que a autoridade competente lles expida a correspondente acreditación.

Artigo 18º.-Deberes.

1. Xestiona-los valores que se lles cargaran nos prazos establecidos, se é o caso, e de acordo cos procedementos regulamentarios establecidos, sendo desde este momento responsable do importe total daqueles, así como de tódolos prexuízos que se poidan irrogar por defectos na tramitación dos seus expedientes, atrasos dos ingresos ou no cumprimento de preceptos de imperativa aplicación e, incluso, nos casos fortuítos de roubo, incendio, perda ou destrucción.

2. Tramita-los expedientes de constrinximento con estricta suxeición ó marco xurídico aplicable.

3. Ingresar diariamente nas contas restrinxidas de recadación das entidades colaboradoras autorizadas da Consellería de Economía e Facenda o producto dos ingresos realizados directamente na zona.

4. Ser correcto nas súas relacións co público, coidando de que esta norma sexa observada igualmente polos seus colaboradores.

5. Constituí-la garantía na contía e cos requisitos que se establecen neste decreto e demais normas de desenvolvemento.

6. Instala-las oficinas recadatorias no lugar que previamente merecera a conformidade do correspondente delegado territorial, de forma que conten co decoro e os medios axeitados para atende-los contribuíntes, dotalas dos medios adecuados para o desempeño das súas tarefas, así como manter aberta a oficina, como mínimo, no horario que oficialmente lle fixe a Dirección Xeral de Tributos.

7. Non recadar valores distintos dos que lle sexan cargados polos servicios correspondentes da Xunta de Galicia.

8. Cumprir coas demais obrigas de acordo co establecido nas disposicións regulamentarias polas que se regulan as súas funcións.

9. Someterse no exercicio da súa función recadatoria ás directrices, control e inspección da Dirección Xeral de Tributos.

10. Autorizarlle o acceso á oficina ó persoal designado pola Dirección Xeral de Tributos para exerce-las funcións de control e inspección.

11. Residir na Comunidade Autónoma de Galicia e asitir diariamente á oficina.

12. Asumir interinamente a titularidade doutra zona de recadación cando, por ausencia ou enfermidade do seu titular, así o dispoña a Dirección Xeral de Tributos.

13. Achega-la información e, de se-lo caso, os xustificantes que en relación ós gastos ou investimentos inherentes á actividade da zona de recadación sexa requirida pola Consellería de Economía e Facenda con carácter previo ou posterior á súa realización e coa periodicidade que se determine.

Capítulo IV

Do persoal colaborador do recadador

Artigo 19º.-Contratación.

1. O recadador contratará o seu persoal colaborador de recadación acomodándose ás disposicións laborais vixentes e con suxeición ó cadro de persoal da respectiva zona.

2. Os contratos do persoal colaborador e as rescisións destes serán comunicados á Dirección Xeral de Tributos na mesma data en que se verifiquen, por conducto da respectiva delegación territorial.

3. No exercicio das súas funcións, o citado persoal colaborador terá o carácter de axente da autoridade.

4. O persoal auxiliar de recadación non terá relación laboral ou administrativa ningunha coa Comunidade Autónoma galega, senón unicamente relación laboral co recadador, quen asume integramente tódalas obrigas e responsabilidades inherentes á dita relación.

5. O persoal colaborador será provisto de documentos que os identifiquen como tales, autorizados polo recadador e polo xefe do Servicio Central de Recadación.

Artigo 20º.-Dereitos do persoal colaborador.

O persoal colaborador terá dereito a solicita-lo auxilio da autoridade nos mesmos casos en que o poida pedi-lo recadador, por conducto deste ou directamente en caso de urxencia.

Artigo 21º.-Deberes do persoal colaborador.

1. Actuar con corrección no trato co público.

2. Realiza-las funcións que lle son propias e os servicios que lle encomende o recadador para a execución das providencias e dilixencias do procedemento de constrinximento.

3. Efectuar puntualmente os ingresos das cantidades recadadas.

4. Responder perante o recadador de calquera falta de fondos da que sexa causante e dos prexuízos que se ocasionen pola súa neglixencia.

5. Desempeña-los demais traballos que, dentro da súa función de colaboradores, requira o desenvolvemento do servicio.

6. Asistir diariamente á oficina.

Artigo 22º.-Responsabilidades dos colaboradores.

1. Os colaboradores do recadador responderán perante este dos valores que lles entregara para o seu cobramento e das cantidades recadadas, podendo serlles esixida por aquel, para tal efecto, a correspondente garantía.

2. As faltas cometidas polo persoal colaborador regularanse polo que dispoña a regulamentación laboral correspondente.

Capítulo V

Da xestión recadatoria en vía de constrinximento

Artigo 23º.-Cargos de valores.

1. Entenderase por cargo toda entrega de valores efectuada polo Servicio Central de Recadación a un recadador.

2. O modo de entrega dos valores será establecido pola Consellería de Economía e Facenda, debendo documentarse esta a través dun prego de cargos.

3. A data de recepción polo recadador do cargo de valores servirá de base para a determinación do prexuízo de valores.

Artigo 24º.-Data de valores.

1. Entenderase por data de valores a devolución destes por parte do recadador ó Servicio Central de Recadación polas causas que se determinan neste artigo.

2. A devolución de valores realizarase do modo que determine a Consellería de Economía e Facenda, e que en calquera caso se documentará nunha factura de datas.

3. As facturas de datas serán:

a) Por ingresos.

b) Por baixa ou anulación.

c) Por adxudicación de bens ou dereitos.

d) Por crédito incobrable.

e) Por outros motivos.

4. A data por outros motivos realizarase polas seguintes causas:

1ª Falta no título executivo dalgún dos datos esenciais para identifica-lo debedor.

2ª Admisión xudicial a trámite da solicitude de declaración do estado de quebra ou suspensión de pagamentos.

3ª Por domicilio fiscal noutra zona ó tempo de realiza-lo cargo ou sobrevido con posterioridade.

4ª Calquera outra que sexa autorizada polo Servicio Central de Recadación.

Artigo 25º.-Rendición de contas.

1. Documentación diaria.

Os ingresos que diaria e directamente se realicen na zona quedarán reflectidos tanto no parte diario de ingresos coma na correspondente folla rexistro de cobramentos diarios. O primeiro recollerá o saldo anterior, os ingresos do día e o saldo resultante. A segunda rexistrará os ditos ingresos por conceptos, número de documento, contribuínte e importe, indicando se é total ou parcial.

2. Documento mensual.

A documentación mensual que se lle renderá ó Servicio Central de Recadación será a seguinte:

a) Factura de data por ingresos. Recollerá os ingresos totais ou parciais, realizados durante o mes

correspondente, con indicación do concepto, número de documento, principal, recargas e participación do recadador.

b) Facturas de data. Por cada un dos motivos de data, distintos do ingreso, recollidos no artigo anterior, confeccionarase unha relación dos valores que se atopen nesta situación, con indicación de concepto, número de documento e importe.

3. Documentación anual.

A documentación anual que se lle renderá ó Servicio Central de Recadación será a seguinte:

a) Relación de valores pendentes de cobramento ó remate do exercicio debidamente identificados.

b) Conta de xestión na que figurarán os seguintes datos, con expresión do número de documentos e o seu importe:

-Cargo pendente de exercicio anterior.

-Cargo do exercicio actual.

-Total cargo.

-Datas por ingreso:

-Ingresos parciais.

-Ingresos totais.

-Total ingresos.

-Datas por ingresos en orixe.

-Datas por baixa ou anulación.

-Datas por adxudicación de bens ou dereitos.

-Datas por crédito incobrable.

-Datas por outros motivos.

-Total datas.

-Pendente ó remate do exercicio.

A conta de xestión renderase necesariamente no mes de xaneiro de cada ano perante ó Servicio Central de Recadación, o cal poderá solicitar calquera outra información que considere necesaria.

Artigo 26º.-Pagamento de débedas en vía de constrinximento.

1. Os pagamentos que se deban efectuar daquelas débedas en vía de constrinximento que se atopen en poder do recadador asignaranse necesariamente á respectiva zona.

2. Así mesmo, os pagamentos que teñan que realizarse como consecuencia da concesión de fraccionamentos ou aprazamentos polos órganos competentes, correspondentes a débedas en período executivo, asignaranse igualmente ás zonas de recadación.

3. Os pagamentos realizados, excepcionalmente, fóra da zona de recadación de débedas en vía de constrinximento que se atopen en poder do recadador, entenderanse realizados a este para os efectos da súa participación nos ingresos, sempre e cando os devanditos pagamentos foran efectuados con posterioridade á data do cargo de respectivo valor, o que terá lugar logo da proposta de data formulada

polo Servicio Central de Recadación á zona que corresponda.

Artigo 27º.-Oficios rogatorios.

Os recadadores da Comunidade Autónoma poderán oficiarse entre si os seguintes actos e documentos:

1. As dilixencias concretas que, respecto dos expedientes da súa competencia, deban realizarse fóra da súa zona, debendo ser efectuadas aquelas no prazo dun mes.

2. Os expedientes en que, unha vez demostrada a imposibilidade de cobramento na súa zona, aparezan bens noutra.

Artigo 28º.-Remoción de obstáculos.

1. No caso de que os recadadores atopasen obstáculos que paralicen ou demoren o exercicio da súa función, provenientes das oficinas de calquera das administracións públicas que houberan de intervir, auxiliar ou cooperar no proceso recadatorio, solicitarán do delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda que se removan aqueles obstáculos ou inconvenientes. Nas ditas solicitudes consignaranse os datos necesarios para a finalidade perseguida.

2. A expresada petición formularase por parte dos recadadores dentro dos dous meses seguintes, como máximo, contando desde o vencemento do prazo marcado para o despacho do servicio o incumprimento do cal ocasione a paralización ou demora do procedemento.

3. Transcorridos dous meses desde a presentación da solicitude de remoción de obstáculos sen ter obtido o fin perseguido, os recadadores comunicarano ó Servicio Central de Recadación para os efectos de que a partir dese momento non se computen os prazos que poidan transcorrer e polos que se incorra nalgún grao de responsabilidade.

Capítulo VI

Das retribucións do servicio

Artigo 29º.-Disposición xeral.

1. Os recadadores da Comunidade Autónoma ou, se é o caso, os que interinamente desempeñen o dito cargo nunha zona determinada, serán retribuídos mediante unha participación, cifrada nunha porcentaxe, sobre os ingresos obtidos dos valores a xestión dos cales lles fora encomendada pola Xunta de Galicia.

2. A porcentaxe a que se refire o número anterior será establecida pola Consellería de Economía e Facenda ben con carácter xeral, ou para cada unha das zonas de recadación en particular, mediante as disposicións regulamentarias oportunas.

3. A determinación da dita participación realizarase tendo en conta tanto o número de documentos e o volume de débeda cargada a cada zona, como os gastos desta e a súas circunstancias obxectivas.

4. A Consellería de Economía e Facenda poderá revisa-las retribucións a que se refire o presente

artigo, cando as circunstancias, en atención ás variacións que se produzan nos conceptos do punto anterior, o aconsellen.

5. No sistema retributivo descrito nos puntos anteriores poderase establece-lo límite máximo a que poida ascende-lo importe derivado da porcentaxe do ingreso obtida respecto de cada valor.

6. Así mesmo, o recadador poderá percibi-la asignación mínima a que se refire o artigo 31º e as recompensas especiais previstas no artigo 33º.

Artigo 30º.-Cobramento das retribucións polo recadador.

1. O importe da recadación situarase diariamente nas contas restrinxidas de recadación abertas nas entidades colaboradoras autorizadas pola Consellería de Economía e Facenda, en función do sistema de ingresos que se estableza.

Dentro dos dez primeiros días hábiles de cada mes, o Servicio Central de Recadación, e referido á xestión do mes anterior, obterá por cada unha das zonas de recadación a liquidación de datas, na que constará, entre outros, o importe ingresado e a participación do recadador.

O Servicio Central de Recadación, e dentro dos quince primeiros días hábiles do mes seguinte do que sexa obxecto de liquidación, unha vez prestada conformidade á factura polo recadador, propoñerá mandamento de pagamento a prol deste.

2. As retribucións de cada zona de recadación estarán integradas exclusivamente pola participación, cifrada nunha porcentaxe, sobre os ingresos obtidos dos valores que teña encomendados e polas recompensas especiais que se poidan establecer, de se-lo caso, que se computarán na súa totalidade, con independencia de cales fosen as administracións ou entidades titulares dos valores a recadación dos cales fose cargada á dita zona polo Servicio Central de Recadación.

Artigo 31º.-Asignación mínima.

1. A asignación anual mínima dos recadadores das distintas zonas será a equivalente ás retribucións dun funcionario en servicio activo da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo A, nivel 28 A e complemento específico correspondente a ese nivel, quedando excluídos trienios.

2. A dita asignación anual mínima será revisada para cada exercicio económico, incrementándose en idéntica proporción en que o foran as retribucións dos funcionarios en activo da Comunidade Autónoma e a súa contía será fixada para cada ano por resolución do conselleiro de Economía e Facenda.

3. O aboamento da dita asignación anual mínima soamente procederá cando a diferencia en exceso dos ingresos sobre os gastos computables dunha zona a que se refire o artigo 32 non acadase a contía daquela asignación anual, procedendo o aboamento pola diferencia ata a dita asignación.

4. No caso de que a dita diferencia resulte negativa, a cantidade que se lle aboe ó recadador cubrirá

a perda resultante e a asignación anual mínima que se fixe.

5. A Consellería de Economía e Facenda poderá dispoñe-lo procedente para lle aboar trimestralmente ó recadador, a conta da liquidación final, un 25% da cantidade que previamente se fixara por este concepto. As ditas entregas realizaranse dentro dos 10 primeiros días de cada trimestre natural.

Artigo 32º.-Gastos computables da zona.

Para os efectos do cómputo dos gastos previstos no punto 3 do artigo anterior, son por conta do recadador como gastos referentes á zona de recadación os conceptos que a continuación se detallan e que estarán, agás o último, debidamente xustificados, tanto no aspecto material como na súa necesidade para o exercicio de referencia:

a) Retribucións do persoal colaborador conforme a súa lexislación laboral.

b) Seguros sociais por conta do recadador.

c) Aluguer e limpeza de oficina.

d) Luz, teléfono, auga e calefacción.

e) Impresos e material non inventariable.

f) Gastos de mantemento informático.

g) Seguros de incendio e roubo.

h) Calquera outro extraordinario non especificado expresamente e que sexa admitido pola Dirección Xeral de Tributos.

i) O 3% do total de gastos anteriores, como gastos de difícil xustificación.

Artigo 33º.-Recompensas especiais.

1. Co obxecto de incentivar e premia-la actuación dos recadadores na xestión executiva das débedas encomendadas, a Consellería de Economía e Facenda poderá establecer, mediante resolución, unha recompensa especial consistente nunha porcentaxe sobre o total recadado en período executivo, cando a suma das datas por ingreso máis por crédito incobrable e de adxudicacións acade ou supere o 60% do importe total dos valores pendentes ó comezo de exercicio máis os cargados nel, deducidas as datas por baixas ou anulacións acordadas e aqueles valores que se atopen en suspensión regulamentaria de cobramento.

2. Para o aboamento de calquera tipo de recompensa especial será necesario que o recadador non incorrera nas responsabilidades a que se refire o capítulo IX durante o exercicio de que se trate.

3. A Dirección Xeral de Tributos disporá o pertinente verbo da documentación que os recadadores deban presentar, demostrativa de terse feito acredores de tales recompensas.

Capítulo VII

Da prestación de garantías

Artigo 34º.-Obriga de prestar garantía.

1. Para exerce-lo cargo de recadador da Comunidade Autónoma de Galicia cómpre a previa pres

tación de garantía na contía e forma que se expresa neste decreto.

2. A garantía que prestará o recadador determinarase en función do cargo efectuado á zona no exercicio inmediatamente anterior a aquel para o cal se esixa, conforme a seguinte escala:

a) Porción do cargo que non exceda de 100 millóns: o 5%.

b) Porción do cargo desde 100.000.001 ptas. a 300.000.000: o 4%.

c) Porción do cargo desde 300.000.001 ptas. a 600.000.000: o 3%.

d) Porción do cargo desde 600.000.001 ptas. a 1.000.000.000: o 2%.

e) Porción do cargo que exceda de 1.000 millóns: o 1%.

3. A dita garantía poderá prestarse en metálico ou aval solidario de banco ou de caixa de aforros rexistrados oficialmente.

Artigo 35º.-Constitución da garantía.

1. A garantía haberá de ser constituída perante a Caixa Xeral de Depósitos dos servicios centrais da Consellería de Economía e Facenda e á disposición da Dirección Xeral de Tributos no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ó da publicación da orde de nomeamento do recadador.

Transcorrido este termo sen terse constituído a garantía, enténdese que o recadador nomeado renuncia á praza, quedando sen efecto o dito nomeamento e podendo realizarse nova convocatoria pública para a provisión dela, sen prexuízo das responsabilidades ou penalidades en que aquel puidese incorrer.

2. Este prazo dun mes poderá ser ampliado pola Dirección Xeral de Tributos cando se xustifique por parte do recadador a existencia de motivos que impidan a constitución da garantía no dito prazo.

3. A garantía que o recadador constitúa entenderase transmitida a prol desta Comunidade Autónoma de Galicia sen limitación de ningunha clase, para os efectos de facer efectivas co seu importe ata onde fose necesario e suficiente as responsabilidades contraídas polo dito recadador.

4. En caso de execución total ou parcial da garantía, o recadador queda obrigado a repoñe-la súa contía no prazo dun mes contado desde o día seguinte a aquel en que tal execución se fixo efectivo. De non se repoñe-la garantía no prazo previsto, observarase no disposto no punto 1 anterior.

Artigo 36º.-Revisión da garantía.

1. As garantías prestadas polos recadadores poderán ser obxecto de revisión cando exista unha diferencia entre o cargo dun ano e o inmediatamente anterior dun 20%, ou cando a dita diferencia fora acadada no transcurso de catro anos consecutivos.

2. A ampliación da garantía que poida resultar esixible deberá quedar constituída perante á Caixa

Xeral de Depósitos dos servicios centrais da Consellería de Economía e Facenda e á disposición da Dirección Xeral de Tributos no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte ó da notificación da súa esixencia ó recadador afectado.

Transcorrido este termo sen terse constituído a dita ampliación de garantía, entenderase que aquel recadador renuncia á súa praza, na que cesará seguidamente, coa obriga inmediata de rendición de contas.

3. A Dirección Xeral de Tributos poderá amplia-lo prazo fixado anteriormente, cando o recadador xustifique documentalmente a existencia de motivos que impidan a formalización da ampliación da garantía requirida.

Artigo 37º.-Substitución de garantías.

Se os recadadores da Comunidade Autónoma desexaran substituír, total ou parcialmente, a garantía prestada, deberán constituír novo depósito ou achega-la garantía admisible, outorgándose escritura pública na que se estableza que a nova garantía garante a xestión do recadador non só desde a súa admisión senón desde a mesma data que a anterior e no mesmo xeito que esta. O director xeral de Tributos aprobará se procede a dita substitución e disporá a liberación das garantías substituídas.

Artigo 38º.-Certificado de solvencia.

1. O certificado de solvencia da xestión recadatoria é o documento base para a devolución da garantía.

2. Será expedido polo Servicio Central de Recadación e nel farase especial mención á existencia ou non de responsabilidades, con especificación destas últimas, de se-lo caso, así como á aprobación das correspondentes contas de xestión.

Artigo 39º.-Devolución de garantías.

1. Expedido o certificado de solvencia, o director xeral de Tributos acordará a devolución e liberación das garantías dentro dos tres meses seguintes ó remate da xestión dos recadadores.

2. Se a garantía resultase comprometida por declaración de responsabilidades ou por calquera outra causa relativa á xestión recadatoria, só poderá ser devolta na parte que resulte totalmente liberada.

Capítulo VIII

Do prexuízo de valores

Artigo 40º.-Graos de prexuízo.

Son os seguintes:

a) Primeiro ou preventivo, que se orixina polo só feito de que os valores non se cobraron ou dataron antes de finaliza-lo prazo de tres anos contados desde a data do seu cargo á zona.

b) Segundo, que se orixina ó transcorrer un ano máis desde a finalización do prazo sinalado na alínea anterior sen, igualmente, terse cobrado ou datado.

c) Terceiro, que se orixina pola prescrición da acción do cobramento.

Artigo 41º.-Procedemento de declaración do prexuízo de valores.

Para a declaración do prexuízo de valores ós que se refire o artigo anterior iniciaranse e tramitaranse expedientes na forma seguinte:

A) Primeiro grao de prexuízo.

Ó termo de cada liquidación anual de contas rendidas polos recadadores, e sempre dentro do mes seguinte ó seu remate, o Servicio Central de Recadación declarará o prexuízo de valores por teren transcorrido os tres anos determinantes da dita situación e, consecuentemente, iniciará os expedientes de declaración de primeiro grao a que fai referencia a alínea a) do artigo anterior, formulando prego de cargos ós recadadores nos que se sinalarán os valores prexudicados, debidamente clasificados por conceptos, número de documento e importe.

Unha vez notificado o prego de cargos e transcorrido o prazo dun mes, que se concederá para a presentación de alegacións, o Servicio Central de Recadación elevará ó acordo do director xeral de Tributos proposta de declaración de prexuízo de valores. As consecuencias fixaranse en razón ó tempo que cada recadador tivera no seu poder os respectivos valores prexudicados.

B) Segundo grao de prexuízo:

1. As declaracións de prexuízo de valores de segundo grao levan consigo a esixibilidade do ingreso en depósito, á disposición do director xeral de Tributos do 10% do importe dos valores pendentes que, ó termo de cada liquidación de contas anual se atopen na situación a que fai referencia a alínea b) do artigo anterior. O 75% do indicado depósito será esixido ó recadador ou recadadores declarados xa incursos en prexuízo do primeiro grao, e o 25% ós recadadores incursos no segundo, sempre en proporción ó tempo polo que se declarase a cada un dentro de cada grao.

2. Para a efectividade destes prexuízos iniciaranse expedientes por zonas recadatorias dentro do mes seguinte á liquidación de contas, formulándoselles ós recadadores afectados pregos de cargos compresivos dos valores prexudicados incursos neste segundo grao e das cantidades que, respectivamente, terán que depositar unha vez acordadas as declaracións de prexuízo de valores. Transcorrido o prazo de alegacións, o Servicio Central de Recadación elevará ó director xeral de Tributos as pertinentes propostas.

3. Procederase á devolución ó recadador do depósito a que se refire este artigo, dentro do mes seguinte ó cobramento ou data do valor de que se trate.

C) Terceiro grao de prexuízo:

1. Ó termo de cada liquidación de contas anual, e sempre dentro do mes seguinte ó da finalización desta, o Servicio Central de Recadación iniciará os expedientes de declaración de prexuízo de valores de terceiro grao por cada zona recadatoria, comprensivos de todos aqueles valores que, sendo obxecto dos expedientes de prexuízo en primeiro e segundo

grao, non foran realizados ou datados e non se poidan facer efectivos por ter prescrito a acción para o seu cobramento.

2. O prexuízo deste grao será polo total importe dos valores e a súa imputación ás partes afectadas virá dada por aplicación das seguintes porcentaxes sobre o importe dos valores prescritos de cada zona recadatoria:

-Primeiro grao de prexuízo, o 30%.

-Segundo grao de prexuízo, o 20%.

-Terceiro grao de prexuízo, o 50%.

3. Declarados deste xeito os prexuízos de valores de cada grupo e unha vez efectuada a imputación individual proporcionalmente ó tempo en que, de se-lo caso, cada un dos recadadores tivera no seu poder os valores en cada grao, o Servicio Central de Recadación procederá a formular por zonas recadatorias os pertinentes pregos de cargo dirixidos a todos aqueles, nos que se fará consta-la liquidación practicada para os efectos de fixa-las cantidades esixibles de referencia.

Capítulo IX

Das responsabilidades

Artigo 42º.-Réxime das responsabilidades.

1. Ós recadadores seralles aplicable o réxime de responsabilidades previsto no título VI do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O disposto no número anterior entenderase sen prexuízo da competencia na función de alleamento contable que corresponde ós órganos de control externo segundo a normativa vixente.

Capítulo X

Procedemento para a declaración do cesamento por incumprimento dos seus deberes

Artigo 43º.-Iniciación do expediente.

O expediente para a declaración do cesamento do recadador por incumprimento dos seus deberes será iniciado polo conselleiro de Economía e Facenda por proposta do director xeral de Tributos.

Artigo 44º.-Nomeamento de instructor e secretario.

1. Ó incoa-lo procedemento, e na mesma resolución en que se acorde, nomearanse instructor e secretario, encargados da tramitación do expediente, que deberán ser funcionarios adscritos á Consellería de Economía e Facenda.

2. Os ditos nomeamentos, así como a incoación do expediente, comunicaránselle ó recadador.

Artigo 45º.-Tramitación do expediente.

1. O instructor do expediente ordenará a práctica de cantas probas e actuacións considere necesarias para esclarece-los feitos e determina-los incumprimentos cometidos, podendo practicarse as ditas probas por proposta do recadador.

2. Se da gravidade dos feitos cometidos se entende necesario, en calquera momento do procedemento, a adopción de medidas preventivas, o conselleiro de Economía e Facenda poderá acorda-las que se estime oportunas, entre elas, a suspensión preventiva do recadador no exercicio das súas funcións.

3. De conformidade coas probas e actuacións practicadas formulará o correspondente prego de cargos, no que se recollerán, numerados, todos e cada un dos feitos imputados e os seus fundamentos, con especificación dos deberes incumpridos.

4. O prego de cargos notificaráselle ó interesado, concedéndolle un prazo de quince días para constestalo.

5. Contestado o prego de cargos, ou transcorrido o prazo sinalado para facelo, o instructor poderá acordar, se o xulga imprescindible, que se practiquen novas actuacións para unha máis perfecta determinación dos incumprimentos resultantes, segundo o alegado e proposto polo interesado, ou o que o propio instructor determine.

6. Ponderando tódolos datos e circunstancias que constan no expediente, o instructor, dentro dos quince días seguintes ó termo dos trámites indicados formulará proposta de resolución, que se lle notificará ó interesado para que no prazo de quince días poida alegar perante a Consellería de Economía e Facenda, por conducto da Dirección Xeral de Tributos, canto considere conveniente ó seu dereito.

7. Transcorrido este último prazo, o director xeral de Tributos eleváralle ó conselleiro de Economía e Facenda a proposta de resolución que en definitiva se deba dictar.

Artigo 46º.-Notificación ós recadadores.

A resolución na que se acorde o cesamento polo conselleiro de Economía e Facenda notificaráselle ós interesados, con indicación dos prazos e recursos procedentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Mantéñense as Zonas de Recadación da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, creadas polo Decreto 90/1997, do 10 de abril, mentres a Consellería de Economía e Facenda non faga uso da facultade 3ª do artigo 4º do presente decreto.

Segunda.-Con independencia dos importes que resulten polas garantías que presten os recadadores de zona, o importe mínimo destas, en calquera caso, será o seguinte:

Zona de:

A Coruña: 25.000.000 de ptas.

Lugo: 12.000.000 de ptas.

Ourense: 18.000.000 de ptas.

Pontevedra: 15.000.000 de ptas.

Vigo: 23.000.000 de ptas.

Estes importes mínimos poderán ser revisados á baixa mediante decisión motivada do conselleiro de Economía e Facenda cando se dean as circunstancias previstas no artigo 4º.3 anterior.

Disposición transitoria

O disposto no artigo 18º.13 anterior será de aplicación ós xustificantes de pagamento que, en desenvolvemento do citado artigo, poidan ser requiridos no curso da primeira inspección de zonas que se realice con posterioridade á entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, e demais normas que se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda