Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 14 de agosto de 2000 Páx. 11.927

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 208/2000, do 21 de xullo, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello do Corgo (Lugo).

O Concello do Corgo (Lugo) considerou conveniente adoptar unhas armas ou brasón propio no que, coa simboloxía adecuada e conforme as tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia peculiaridade. Para iso, e de acordo coas facultades que lle cofiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe his

tórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo de Administración local de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Visto o informe favorable, de data 14 de xullo de 2000, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia por proposta do Concello do Corgo (Lugo), segundo o que se recollen tres alusións concretas e suficientemente representativas da realidade física, e do propio pasado histórico das terras que hoxe conforman o concello. Así ocorre, co ondado de azur e prata, que fai referencia ó propio topónimo, e coa banda brochante, que recorda o paso da 4ª vía romana, que conducía a Lugo, e do propio camiño real. Esta banda brochante cárgase, por outro lado, con catro torres heráldicas, que serven para recorda-las numerosas casas fortes e pazos que ó longo dos séculos se levantaron dentro do termo municipal, conservándose na actualidade un bo número de valiosas testemuñas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello do Corgo (Lugo), que quedará organizado do seguinte modo: ondado de azur (azul) e prata (branco), cunha banda de brochante de gules (vermello), cargada de catro torres de ouro (amarelo). Ó timbre, coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais