Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 04 de abril de 2002 Páx. 4.257

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 1/2002, do 26 de marzo, pola que se modifica a Lei de Galicia 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo.

A institución do Valedor do Pobo, creada pola Lei de Galicia 6/1984, do 5 de xuño, baseándose na habilitación contida no artigo 14 do Estatuto de autonomía de Galicia, comezou a súa andada no segundo trimestre do ano l990, durante a terceira lexislatura.

Á devandita institución correspóndelle, como garante dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidos na Constitución, dos dereitos individuais e colectivos emanados do Estatuto de autonomía de Galicia, especialmente os sancionados no título preliminar, supervisa-la actividade da Administración da Comunidade Autónoma, dos seus entes e empresas públicas ou dependentes, así como a da Administración local naquelas materias que son competencia da nosa Comunidade Autónoma.

A magnitude acadada pola Administración autonómica galega desde a data da posta en funcionamento desta institución, como consecuencia do traspaso de competencias transferidas desde a Administración xeral do Estado, aconsella proceder ó incremento do número dos vicevaledores, como órganos auxiliares deste alto comisionado, que permitan implementa-la eficacia da actuación desta institución e coadxuvar, en definitiva, ó cumprimento dos fins para os que foi creada.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei de Galicia 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo.

Artigo único.-Modifícanse os artigos 8 e 9.1 da Lei de Galicia 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, modificada pola Lei 3/1994, do 18 de xullo, que quedan redactados nos seguintes termos:

«Artigo 8

O valedor do pobo estará auxiliado por ata un máximo de tres vicevaledores, nos que poderá delega-las súas funcións, e que o substituirán no exercicio destas conforme a orde que se estableza no seu nomeamento, segundo o disposto no artigo 5.4 desta lei».

«Artigo 9

1. A Comisión de Peticións, por iniciativa dos grupos parlamentarios, proporalle ó valedor do pobo o nomeamento dos vicevaledores. Correspóndelle ó valedor do pobo o seu nomeamento e mailo seu cesamento».

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA