Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 55

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 243/2011, do 15 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas en prol do Concello de Ourense.

Segundo o teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Ourense e a extinta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes asinaron un convenio de colaboración o día 8 de xullo de 2008 para levar a cabo actuacións en estradas autonómicas no concello de Ourense.

Este convenio actúa como acordo entre as administracións afectadas segundo o disposto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Ao amparo das previsións legais, a Dirección Xeral de Infraestruturas emite informe favorable ao cambio de titularidade dos seguintes treitos de estradas autonómicas no concello de Ourense:

– Estrada OUR-402 de Ourense a Cortegada (denominación do concello «rúa Ervedelo»); o tramo a transferir é o comprendido entre a rúa Progreso e a estrada N-525 coa excepción da ponte sobre o río Barbaña.

– Estrada OUR-421 praza Xeneral Moscardó-avda. Estación (denominación do concello «rúa Adrio Menéndez» e «rúa Rei Soto»).

– Estrada N-525a (denominación do concello «rúa Vicente Risco»).

– Estrada OUR-611 avda. Buenos Aires a C. Enríquez (denominación do concello «rúa Celso Emilio Ferreiro»).

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, despois do acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello de Ourense dos seguintes treitos de estradas autonómicas:

– Estrada OUR-402 de Ourense a Cortegada (denominación do concello «rúa Ervedelo»); o tramo que se transfire é o comprendido entre a rúa Progreso e a estrada N-525 coa excepción da ponte sobre o río Barbaña.

– Estrada OUR-421 praza Xeneral Moscardó-avda. Estación (denominación do concello «rúa Adrio Menéndez» e «rúa Rei Soto»).

– Estrada N-525a (denominación do concello «rúa Vicente Risco»).

– Estrada OUR-611 avda. Buenos Aires a C. Enríquez (denominación do concello «rúa Celso Emilio Ferreiro»).

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Ourense deberá incorporar ao seu Plan de Estradas a vía o que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponde ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas