Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 177

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se somete a información pública a petición de autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución dunha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa forestal primaria en Meis (expediente IN407A 2011/256-4).

Para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no artigo 125 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e no Decreto 149/2008, do 26 de xuño (DOG número 141), polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, sométese a información pública a petición de autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se describe:

Solicitante: Montelimpo, S.A. (Grupo Adelanta).

Domicilio social: Parque San Lázaro n.º 7, 1.º Ourense.

Título: central de biomasa de 10 MW de potencia neta exportada a rede no polígono industrial Barro-Meis (Pontevedra).

Situación: Meis.

Características técnicas:

• Parque de almacenamento exterior, procesamento e pretratamento interior de biomasa composto por almacéns, cintas transportadoras e elementos de transporte, trituradora-esteladora frontal de 4 coitelas de 250 kW, sistema de arrastre tipo vaivén (con 2 fondos móbiles e 4 unidades hidráulicas), sistema de detección de metais e sistema de cribado dimensionados para unha produción de 25 t/h.

• Caldeira de produción de vapor de tipo acuotubular, construción vertical e compacta de 41.400 kg/h de produción nominal, cos seus correspondentes elementos, mesmo auxiliares, tales como cámara de combustión, grella, queimador de arranque, tambor de vapor superior, evaporador, economizador, prequentador de aire, intercambiador de calor aire/vapor, tres sobrequentadores, controlador de temperatura, condutos de aire/gases, cheminea, ventilador de aire forzado primario e secundario, ventilador de recirculación de gases, ventilador de tiraxe inducida, filtro de mangas, silo dosificador de alimentación á caldeira.

• Conxunto de equipamentos independentes asociados a caldeira como economizador de 3.400 m2 de área de transferencia, prequentador de aire, intercambiador de calor aire/vapor para un caudal de vapor de 2.466 kg/h a 4,5 bar e 149,5 ºC e 3 sobrequentadores (2 cunha área de transferencia de 215 m2 e o terceiro de 102 m2).

• Sistemas auxiliares principais da caldeira consistentes en desgasificador térmico de tipo torre, estación de inxección de produtos químicos, sistema de extracción de cinzas e sistema de control e automatización; circuíto de refrixeración de aceite da turbina por torre de refrixeración de tipo pechada de 130 m3/h de caudal primario, dispondo de balsa de retención.

• Grupo turbo-xerador composto por turbina de vapor de tipo condensación con redutor incorporado conectado mediante axuste elástico a alternador síncrono trifásico de 4 polos, auto-excitado, sen vasoiras, con regulación de tensión, cos φ electrónico e conexión en paralelo á rede de potencia nominal de 11.400 kW e cos phi de 0,91 e tensión de 6,3 kV.

• Sistema de condensación e baleiro que consta dun aerocondensador con 2 bombas de condensados e 2 de drenaxe; así como dos equipamentos e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento.

• Subsistema eléctrico de xeración composto por unha subestación MT/MT con relación de transformación 66 kV/6,3 kV de tipo mixto con aparellaxe de montaxe exterior (equipamentos complementarios de MT, descargadores de sobretensións, transformadores de tensión, transformadores de intensidade, seccionadores e disxuntores. Transformación de potencia con relación de transformación 66 kV/6,3 kV de 12,6 MVA de potencia nominal e sistema de refrixeración ONAN e transformador auxiliar para autoconsumos de relación de transformación 6,3 kV/400 V de 1.600 kVA de potencia nominal e sistema de refrixeración ONAN.

• Edificio de mando do sistema eléctrico que inclúe o cadro eléctrico de MT formado por celas illadas en SF6, e os sistemas de alimentación e de mando e control, así como os sistemas de seguridade cos diferentes grupos de dispositivos eléctricos e mecánicos necesarios.

• Subsistema de baixa tensión cos seus correspondentes cableados entre o grupo turbo-xerador e o transformador do grupo; cadro xeral con embarrado de urxencia; canalizacións eléctricas entre cadros e equipamentos, implantación da rede de terras e grupo xerador de urxencia.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as súas alegacións nesta xefatura territorial, edificio administrativo avda. Fernández Ladreda n.º 43, 5.º, 36003 Pontevedra, no prazo dun mes a partir da última publicación.

Así mesmo, e durante o mencionado prazo, poderase examinar nesta xefatura territorial e no concello de Meis o proxecto da instalación.

Pontevedra, 23 de novembro de 2011.

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra