Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2012 Páx. 8754

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de febreiro de 2012 pola que se crea o Rexistro electrónico de plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o seu procedemento.

O Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, sinala no seu artigo 5 que se creará o Rexistro de plans de autoprotección. Así mesmo, di que o rexistro ten como finalidade o establecemento dunha base de datos sobre o contido dos plans de autoprotección, á cal poderán acceder os servizos de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de ampliar a información sobre os centros, establecementos, espazos, instalacións ou dependencias que facilite e optimice as súas posibles intervencións en caso de sinistro.

Os titulares das actividades e dos centros e instalacións públicos e privados que se determinan no catálogo de actividades deberán solicitar a inscrición do Plan de autoprotección con carácter previo ao inicio da súa actividade ou á modificación do exercicio da xa autorizada, e deberán utilizar a aplicación electrónica habilitada para tales efectos, mediante sinatura electrónica, isto último segundo o disposto no artigo 15 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, salvo que acrediten motivadamente que non concorren neles os supostos do artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Neste caso, está xustificada a obrigatoriedade do rexistro electrónico, xa que os interesados se corresponden con persoas xurídicas e colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica ou técnica, dedicación profesional, teñen garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos. Adicionalmente, no caso de que estes profesionais ou establecementos non tivesen acceso a medios telemáticos, poderían acudir ás oficinas de rexistro da Xunta de Galicia onde se dispón de terminais que permiten o acceso á aplicación.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no seu título IV as condicións que se terán en conta para regular os plans de autoprotección en Galicia, coa previsión dun desenvolvemento regulamentario posterior deste tipo de plans.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Esta orde ten por obxecto crear o Rexistro electrónico de plans de autoprotección, que dependerá da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de protección civil e regular o seu procedemento.

Artigo 2.

A inscrición neste rexistro é obrigatoria para todos centros, establecementos e instalacións dedicados a actividades que se determinan no catálogo de actividades, recollido no anexo I do Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia. As non incluídas no devandito catálogo poderán, así mesmo, inscribirse no rexistro con carácter voluntario.

Artigo 3.

Tanto o catálogo de actividades, como o contido mínimo do plan de autoprotección, o certificado da implantación do plan de autoprotección e o contido mínimo do rexistro de datos dos centros, lugares ou establecementos onde sexa habitual a concentración de persoas, se recollen no Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo de que se poida requirir a presentación doutra documentación que se considere oportuna.

Artigo 4.

Os titulares de centros, establecementos e instalacións dedicados a actividades que se determinan no catálogo de actividades recollido no anexo I do Decreto 171/2010, do 1 de outubro, deberán solicitar a inscrición no rexistro do plan de autoprotección con carácter previo ao inicio da súa actividade ou á modificación do exercicio da xa autorizada, e deberán utilizar a aplicación electrónica habilitada na páxina web oficial da Xunta de Galicia, no seguinte link: https://sede.xunta.es/, mediante sinatura electrónica, isto último segundo o disposto no artigo 15 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, salvo que acrediten motivadamente que non concorren neles os supostos do artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Publícase para efectos informativos como anexo a esta orde o modelo de solicitude de inscrición.

Artigo 5.

As taxas que deriven da aplicación do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, rexeranse polas leis vixentes na materia, e especificamente pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e polas normas regulamentarias ditadas en desenvolvemento destas.

Artigo 6.

A resolución pola que se acorde a inscrición deberá notificarse no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro. Transcorrido o devandito prazo sen ser notificada resolución expresa, o interesado poderá entender estimada a súa solicitude.

Artigo 7.

Para todo o non previsto nesta orde aplicarase o previsto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia; norma básica de autoprotección establecida polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo (modificado polo Real decreto 1468/2008, do 5 de setembro); na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán; no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como no resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición transitoria primeira.

Os titulares de centros, establecementos e instalacións dedicados a actividades incluídas no catálogo de actividades que presenten un plan de autoprotección, seguindo o regulado no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, ou o Decreto 171/2010, do 1 de outubro, deberán tramitar a súa inscrición no rexistro antes do día 22 de abril de 2012.

Disposición transitoria segunda.

Os titulares de centros, establecementos e instalacións que estean obrigados a presentar un plan de autoprotección e tiveran concedida xa licenza de actividade na data de entrada en vigor da presente orde, deberán tramitar a súa inscrición no rexistro antes do día 22 de outubro de 2012.

Disposición derradeira primeira.

Con base no establecido na disposición derradeira segunda do devandito Decreto 171/2010, do 1 de outubro, autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de protección civil para realizar os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file