Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 26 de marzo de 2012 Páx. 10442

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se abre o prazo para a inscrición de aspirantes de diversas categorías sanitarias e de xestión e servizos para vinculacións temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

No pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CC.OO., CEMSATSE, CIG, CSI.F, UGT e USAE, publicado no DOG n.º 89, do 9 de maio de 2011, mediante Resolución conxunta do 26 de abril de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, regúlase o procedemento de selección das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

De acordo co punto 1.4.5 do pacto citado, como consecuencia dos importantes cambios organizativos e de carácter técnico que supón a aplicación do expediente electrónico a procesos de selección, logo de acordo na Comisión Central de Seguimento do Pacto, na súa sesión do 27 de xaneiro, formalízase o inicio do proceso de inscrición para as listaxes seguintes:

1. Facultativo/a especialista de área de Psicoloxía Clínica.

2. Traballador/a Social.

3. Logopeda.

4. Técnico/a superior en Prevención de Riscos Laborais.

5. Técnico/a de grao medio en Prevención de Riscos Laborais.

As persoas interesadas en formar parte das listas deberán inscribirse nos modelos formalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, no punto FIDES/expedient-e, imprimir o formulario en papel e formalizar o rexistro administrativo.

Na inscrición faranse constar expresamente a/s categoría/s a/as que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade e demais declaracións que constan no modelo de inscrición.

As primeiras listas xeraranse coas persoas inscritas ata o 26 de abril de 2012. Os méritos que serán tidos en conta nesta primeira xeración de listas serán os causados ata o día 11 de abril de 2012 coa puntuación e número de orde que resulte da aplicación dos baremos OPE 2008/2009 e daqueles que se determinan para as categorías estatutarias non incluídos na referenciada Oferta Pública e que figuran na páxina web do organismo: www.sergas.es

A partir desta primeira xeración a inscrición será aberta e permanente no sistema informático expedient-e coas previsións contidas nos puntos II.4.3.1 e II.4.4 do pacto.

Nos diversos centros de xestión do organismo, nas unidades de validación constituídas neles, facilitaráselles ás persoas interesadas a información e apoio para a presentación da solicitude de inscrición e demais actuacións de xestión do expedient-e e dos procesos habilitados. Así mesmo, estarán á disposición das persoas interesadas equipos informáticos nos distintos centros, para facilitar o acceso ás persoas que non dispoñan dos ditos medios.

Esta resolución dítase tendo en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes, no que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española, coa Directiva comunitaria do 9 de febreiro de 1976 e no previsto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para igualdade de mulleres e homes, na redacción modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Logo do acordo do contido desta resolución no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto que tivo lugar o día 27 de xaneiro, esta Dirección de Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto.

Por medio desta resolución procédese a abrir o prazo para a inscrición das persoas aspirantes interesadas en presentar a súa solicitude nas listas que se confeccionen en aplicación do Pacto de selección temporal de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia n.º 89, do 9 de maio de 2011), para o acceso ás vinculacións temporais neste organismo, nas seguintes categorías de persoal:

1. Facultativo/a especialista de área de Psicoloxía Clínica.

2. Traballador/a Social.

3. Logopeda.

4. Técnico/a superior en Prevención de Riscos Laborais.

5. Técnico/a de grao medio en Prevención de Riscos Laborais.

Segundo. Solicitudes e prazo.

1. Solicitudes de inscrición.

1.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren por cada categoría das previstas no punto anterior, debendo presentar unha solicitude por cada categoría na que desexe inscribirse. Unha vez confirmada a inscrición electronicamente no formulario de solicitude, non poderá modificarse. O formulario confirmado debe imprimirse e presentarse nos rexistros administrativos.

1.2. A solicitude formalizarase nos modelos normalizados de instancia e a través do currículo profesional habilitado electronicamente na páxina web do organismo www.sergas.es, no punto correspondente do FIDES/expedient-e, no punto procesos.

1.3. Na inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s a/as que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade e demais declaracións que constan no modelo relacionadas cos requisitos de admisión.

1.4. As persoas de acceso libre terán que inscribirse dentro do punto de selección temporal. O persoal fixo do Servizo Galego de Saúde para participar na promoción interna temporal terá que inscribirse dentro do punto de promoción profesional.

1.5. Os ámbitos de inscrición das listas, en ambas as quendas de acceso, segundo sexan de Comunidade Autónoma ou de Área ou Zona, recóllense no anexo I.

1.6. Como regra xeral, as persoas aspirantes poderán solicitar a súa inclusión nunha única das categorías convocadas e nunha única área/zona das previstas no anexo I. Non obstante, e sempre que se reúnan os requisitos exixidos, poderán achegar tantas solicitudes como listaxe/s a/as que se queira optar, tendo en conta o seguinte réxime de compatibilidade, e que só se poderá exercer a devandita opción de inscrición nun só dos bloques indicados a seguir:

1.6.1. Enfermeiro/a, Enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061 e Logopeda.

1.6.2. Técnico/a superior en Prevención de Riscos Laborais, técnico/a en grao medio en Prevención de Riscos Laborais e Traballador/a Social.

1.7. En caso de indispoñibilidade nalgunha área ou zona acudirase ás limítrofes (anexo II). Os centros que comprenden as áreas son os determinados nos respectivos mapas sanitarios. Para aquelas listaxes cuxo ámbito sexa o da Comunidade Autónoma, non caberá opción, tendo en conta do carácter unitario da lista.

1.8. As solicitudes en papel, que resultan da impresión da inscrición automatizada, poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nos rexistros das direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e nos rexistros dos centros hospitalarios e das xerencias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, e nas xerencias de Área de Xestión Integrada, de ser o caso, así coma nos órganos e nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de solicitude de inscrición. Recoméndase remitir a inscrición á mesma unidade onde xa consta o resto de documentación de méritos, de ser o caso.

1.9. A inscrición electrónica unha vez xerada non será modificable. De haber diferenzas entre os datos rexistrados electronicamente e os rexistrados administrativamente en papel terán validez estes últimos sobre os primeiros.

2. Prazo.

2.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o 27 de marzo ata o 26 de abril de 2012. Os méritos computables serán os causados ata o 11 de abril de 2012 e acreditados dentro das datas anteriormente citadas.

2.2. Para adquirir a condición de aspirante nas novas listas, figúrese ou non nas listas con anterioridade, será requisito imprescindible presentar a solicitude por dúas vías: electrónica e documental.

2.3. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición con posterioridade ao 26 de abril de 2012, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas.

Terceiro. Requisitos.

1. Normas xerais.

Poderán inscribirse nas listas as persoas interesadas que, antes do remate do prazo previsto no punto 2.1 reúnan os seguintes requisitos:

1.1. Requisitos comúns.

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos/as españois e dos/as nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e dos/as nacionais dalgún Estado ao/s que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da devandita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder da idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s, que se acreditará conforme o procedemento que para o efecto se estableza.

Para a protección da seguridade e saúde dos profesionais e da calidade asistencial, a administración sanitaria poderá requirir, en calquera momento, da UPRL ou órgano competente, no transcurso dalgunha vinculación e a través do procedemento que para o efecto se estableza, a verificación do mantemento da capacidade funcional das persoas aspirantes cando, por razón das ausencias destas no transcurso de vinculacións precedentes ou de calquera outra circunstancia, resulte necesario determinar a súa aptitude para futuros nomeamentos.

Se como resultado da valoración se concluíse que a persoa aspirante non reúne a capacidade funcional necesaria, esta manterase en situación de suspensión de chamamentos na lista da categoría correspondente ata a recuperación do dito requisito. Non entanto, a persoa aspirante suspendida poderá solicitar a revisión da súa capacidade funcional, de considerar que se produciu unha mudanza desta, ante o citado órgano.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/as nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación, e de ser o caso, a formación complementaria, prevista na Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 publicada no DOG n.º 40, do 26 de febreiro de 2009 pola que se convoca concurso oposición para diversas categorías de persoal estatutario, que habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data prevista no punto 2.1. As titulacións e demais requisitos de formación requiridos están recollidas no anexo III.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

f) Aboamento das taxas por dereito de 1.ª inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base novena.

Os requisitos deben reunirse durante todo o período de permanencia na lista correspondente.

1.2. Promoción profesional:

O persoal fixo interesado en promocionar internamente deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior a que se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación requirida na Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 18 de febreiro de 2009 publicada no DOG n.º 40, do 26 de febreiro de 2009 pola que se convoca concurso oposición para diversas categorías de persoal estatutario e os novos baremos publicados na páxina web do Servizo Galego de Saúde, para aquelas categorías que non tiveran OPE, para o acceso á categoría á que se opta.

2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto V do pacto de selección temporal.

Cuarto. Rexistro electrónico de datos e avaliación.

4.1. Os datos persoais e demais requisitos e méritos deberán ser rexistrados no expedient-e, previo acceso a este, sendo o expediente electrónico profesional iniciado por Resolución do 15 de xullo de 2011 (DOG n.º 139, do 20 de xullo).

4.2. A acreditación do cumprimento dos requisitos e méritos consignados no expediente e no formulario de inscrición debe ser efectuada pola persoa interesada antes de que remate o prazo do punto 2.1. Para iso, deben achegar os documentos orixinais ou copias compulsadas con anterioridade a data prevista no punto 2.1, no caso de non telo feito con anterioridade, desde a apertura do expedient-e; de ser así, non terán que volver a entregar a documentación xa achegada. Non obstante, a Administración, en calquera momento, poderá requirir a persoa aspirante a acreditación documental complementaria de calquera requisito ou mérito.

4.3. Non será necesario acreditar documentalmente porque o órgano convocante xa dispón destes datos, a seguinte información:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da última convocatoria de OPE das categorías convocadas.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– Datos validados no sistema informático expedient-e.

4.4. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición así como a consignación de datos falsos nesta, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

Quinto. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

O chamamento para a formalización de nomeamentos a tempo parcial nos centros e institucións do Servizo Galego de Saúde efectuarase a favor das persoas aspirantes que tivesen manifestado expresamente a súa opción de dispoñibilidade á formalización do dito tipo de vínculos. Nos chamamentos que se efectúen respectarase a orde de puntuación das persoas aspirantes.

Nos supostos de indispoñibilidade de profesionais con opción voluntaria á formalización de nomeamentos a tempo parcial, os chamamentos efectuaranse entre as persoas aspirantes que figuren inscritas na lista da respectiva categoría, con independencia da opción formulada e seguindo rigorosamente a orde de puntuación. A renuncia ao nomeamento proposto penalizarase nos termos do punto IV do Pacto, de modo que a penalización acordada estenderase a todas as listas nas que figure admitida a persoa aspirante na respectiva categoría.

Sexto. Puntuación.

6.1. Para proceder a resolver sobre a avaliación de méritos das persoas aspirantes, constituirase unha comisión de avaliación que estará composta por persoal designado pola Administración sanitaria nos servizos centrais do organismo.

6.2. A puntuación obterase automaticamente por aplicación dos resultados e puntuación obtida nos exercicios do concurso oposición destas categorías, se é o caso, o baremo de méritos previsto na Resolución do 18 de febreiro de 2009 publicada no DOG do 26 de febreiro de 2009 e os novos baremos publicados na páxina web do Servizo Galego de Saúde, para aquelas categorías que non tiveran OPE.

6.3. Serán de aplicación, así mesmo, as demais disposicións previstas no punto II. 3 do baremo do Pacto (Diario Oficial de Galicia n.º 89, do 9 de maio).

Sétimo. Procedemento de elaboración das listas.

7.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal das categorías convocadas elaboraranse de conformidade con previsto no punto II.4 do Pacto citado.

7.2. A elaboración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/expediente profesional), ao que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

7.3. Integrarán cada área sanitaria/zona, para os efectos desta convocatoria, os centros, unidades e dispositivos asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con localización no referido ámbito territorial, nos termos da normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

7.4. Publicaranse, de forma sucesiva, catro listas. A primeira lista, que terá carácter provisional, determinará a relación de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas listas de cada categoría, podendo os/as interesados/as presentar reclamación perante as direccións das áreas de xestión integrada, as direccións provinciais do organismo, e as direccións con competencias na xestión de persoal nas entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo máximo de dez días a partir do día seguinte ao da súa publicación. As reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación das segundas listaxes previstas no parágrafo seguinte.

7.5. A segunda lista determinará a publicación da lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos por cada categoría, contra a cal os/as aspirantes poderán interpoñer recurso de alzada perante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

7.6. A terceira lista será a lista provisional de aspirantes admitidos por cada categoría e ámbito, coa súa puntuación, segundo o baremo aplicable, e co número de orde provisional na prelación de chamamentos na referenciada listaxe. Contras estas listas, poderán as persoas interesadas presentar reclamación perante os mesmos órganos e co mesmo prazo que se transcribe no punto 7.4. anterior. Estas reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación das listaxes definitivas de aspirantes admitidos con número de orde e puntuación.

7.7. A cuarta lista determinará a publicación das listaxes definitivas de aspirantes admitidos con número de orde e puntuación, contra as cales os/as aspirantes poderán interpoñer recurso de alzada perante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Oitavo. Entrada en vigor das listas.

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na resolución pola que se publiquen as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas con número de orde e puntuación.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es) e anunciarase no DOG.

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no pacto citado.

Noveno. Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG n.º 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que, figurando nas listas anteriores, soliciten o cambio de categoría ou, de ser o caso, a inscrición nunha ou máis dunha categoría adicional das convocadas na presente resolución, deberán aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 16,98 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, nos centros e complexos hospitalarios, nas xerencias de área e nas xerencias de atención primaria e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e, dentro desta, á lenda Oficinas virtuais e tributaria. Premerase entón a lenda Servizos de acceso libre, e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase Taxas, prezos, multas e sancións. Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% as persoas que figurasen como demandantes de emprego, desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta presente resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

Así mesmo, non terán que aboar esta taxa as persoas aspirantes xa inscritas en procesos precedentes na mesma categoría que cambien de área/zona de inscrición e/ou o acceso a algunha ou algunhas das áreas especiais, así como as que, a través de expedient-e, modificasen os seus datos persoais ou actualizasen os seu currículo de méritos.

Para estes efectos, entenderase como mesma categoría as categorías de Prevención de Riscos Laborais integradas nas novas categorías publicadas no DOG n.º 115, do 16 de xuño de 2011.

As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data da resolución pola que se publiquen as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012.

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos

ANEXO I
Comunidade Autónoma/áreas e zonas

Ámbitos listas.

A) Para as listas de facultativo/a especialista de área de Psicoloxía Clínica.

Áreas/zonas:

1. Ferrol (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

2. A Coruña (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo I do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde).

3. Santiago de Compostela (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo II do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde).

4. Ourense (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

5. Lugo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

6. Pontevedra (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

7. Vigo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

B) Para as listas de Logopeda.

Áreas/zonas:

1. A Coruña (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo I do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde).

2. Santiago de Compostela (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril; de acordo coa revisión prevista no anexo II do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde).

3. Pontevedra (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

4. Vigo (segundo a ordenación disposta no Decreto 126/1984, do 27 de xullo, do Mapa Sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 55/1989, do 5 de abril).

C) Para as listas de Técnico/a superior en prevención de riscos laborais, Técnico/a de grao medio en prevención de riscos laborais e de Traballador/a Social.

Lista de ámbito único para todos os dispositivos sanitarios comprendidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO II
Áreas/zonas limítrofes

1. Para Ferrol. A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e Burela, nesta orde.

2. Para A Coruña. A Coruña/zona de Cee, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e O Salnés, nesta orde.

3. Para A Coruña/zona de Cee. A Coruña, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza, O Salnés e Pontevedra, nesta orde.

4. Para Santiago de Compostela. Santiago de Compostela/zona da Barbanza, A Coruña, O Salnés, Pontevedra e Vigo, nesta orde.

5. Para Santiago de Compostela/zona da Barbanza. Santiago de Compostela, O Salnés, Pontevedra, Vigo e A Coruña, nesta orde.

6. Para Burela. Lugo, Monforte de Lemos, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, nesta orde.

7. Para Lugo. Monforte de Lemos, Burela, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, nesta orde.

8. Para Monforte. Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras e Ourense/zona de Verín, nesta orde.

9. Para Ourense. Ourense/zona de Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

10. Para Ourense/zona de Verín. Ourense, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Vigo, nesta orde.

11. Para O Barco de Valdeorras. Ourense, Ourense/zona de Verín, Monforte de Lemos, Lugo e Santiago de Compostela, nesta orde.

12. Para O Salnés. Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e A Coruña, nesta orde.

13. Para Pontevedra. O Salnés, Vigo, Santiago de Compostela, Santiago de Compostela/zona da Barbanza e Ourense, nesta orde.

14. Para Vigo. Pontevedra, O Salnés, Santiago de Compostela, Ourense e Santiago de Compostela/zona da Barbanza, nesta orde.

ANEXO III
Requisitos de titulación/formación

1. Para a lista de técnico/a superior en Prevención de Riscos Laborais:

a) Deberá posuír, cando menos, unha das titulacións indicadas:

• Título universitario de grao.

• Licenciado/a.

• Enxeñeiro/a ou arquitecto/a.

b) E deberá posuír a formación complementaria que se indica a seguir:

• Formación acreditada nas tres disciplinas previstas no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención: seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada. Respecto da formación complementaria exixida, lémbrase a/o aspirante a necesidade de inscribir previamente a esta en expedient-e, na epígrafe de Formación Continuada Recibida.

2. Para a lista de técnico/a de grao medio en Prevención de Riscos Laborais:

a) Deberá posuír, cando menos, unha das indicadas:

• Título universitario de grao.

• Diplomado/a universitario/a ou equivalente.

• Enxeñeiro/a técnico/a ou arquitecto/a técnico/a.

b) E deberá posuír a formación complementaria que se indica a seguir:

• Formación acreditada nas tres disciplinas previstas no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención: seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

Respecto da formación complementaria exixida, lémbrase a/o aspirante a necesidade de inscribir previamente esta en expedient-e, no epígrafe de Formación Continuada Recibida.

3. Para a lista de Traballador/a Social (deberá posuír, cando menos, unha das indicadas):

• Título de diplomado universitario en Traballo Social.

• Grao en Traballo Social.

4. Para a lista de Facultativo/a especialista en Psicoloxía Clínica:

• Título de Psicólogo/a especialista en psicoloxía clínica expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia.

5. Para a lista de Logopeda (deberá posuír, alomenos, unha das indicadas):

• Grao en Logopedia.

• Diplomado universitario en Logopedia.

• Licenciado ou diplomado universitario co programa de posgrao de especialista en Psicopatoloxía da linguaxe e a súa rehabilitación. Respecto da formación complementaria esixida, lémbrase a/o aspirante a necesidade de inscribir previamente esta en expedient-e, na epígrafe de Formación Continuada Recibida.