Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 17 de abril de 2012 Páx. 13902

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 16 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisoria dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Vilar de Vacas (Cartelle-Ourense).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Vilar de Vacas (Cartelle-Ourense), e resoltos os recursos presentados contra este, e non representando os reclamantes máis do 10% da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios. A toma de posesión é obrigatoria para todos os interesados e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro). No caso de que algún propietario non permita a toma de posesión dos predios de substitución, no prazo indicado, será obxecto, logo do apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da antedita lei, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impoñer conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes desta lei.

Os interesados poderán reclamar ante esta xefatura territorial, sita na rúa Florentino López Cuevillas, 4 e 6 baixo de Ourense, xuntando ditame pericial sobre diferenzas superiores ao 2% entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais seguintes á data en que os predios de substitución se poñan á disposición dos novos propietarios para a súa toma de posesión (artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia).

As denuncias dos propietarios que impidan a toma de posesión deberán facelas os novos propietarios no prazo sinalado no segundo parágrafo deste aviso.

Así mesmo, ponse en coñecemento de todos, que a posesión dos predios de substitución outorga aos que no acordo de concentración figuren como adxudicatarios, os medios de defensa establecidos nas leis.

Para os efectos oportunos establécese como data de toma de posesión o día seguinte ao da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia.

En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión, logo de petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso, e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo entenderase que pertencen ao propietario do novo predio.

Desde o día 1 de xullo de 2006, data en que tivo entrada en vigor o Decreto 105/2006 (DOG n.º 125, do 30 de xuño), polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, deberase ter en conta o establecido nos seus artigos 21 e seguintes de cara a evitar posibles danos nos predios en cuestión.

Ourense, 16 de marzo de 2012.

Ricardo Ignacio Vecillas Rojo
Xefe territorial de Ourense