Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 15 de maio de 2012 Páx. 18247

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia.

Tomando como punto de partida a lexislación básica estatal contida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, esta supuxo un punto de inflexión no tradicional formalismo e a burocracia que historicamente presidiron as relacións entre a Administración e os cidadáns, no que atinxe ás solicitudes e documentación que estes debían achegar, necesariamente de xeito presencial, nas oficinas de rexistro correspondentes para a tramitación de todos e cada un dos procedementos administrativos en que aqueles concorresen como interesados. Co conseguinte custo, cando menos, en termos de tempo e distancia para a formalización dos respectivos trámites.

Así, a antedita lei introduciu por vez primeira, na redacción orixinaria do seu artigo 45, o impulso do emprego e a aplicación das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, por parte da Administración, co obxecto de desenvolver a súa actividade e o exercicio das súas competencias e de lles permitir aos cidadáns relacionarse coas administracións cando fose compatible cos medios técnicos de que aquelas dispuxesen.

O citado precepto acompañouse doutros, como os artigos 38 e 59, ambos segundo a redacción da Lei 24/2001, do 27 de decembro, nos cales se permitía o establecemento de rexistros telemáticos e a notificación por medios telemáticos. Abríase, deste xeito, paso á utilización dos citados instrumentos para relacionarse coa Administración.

Na liña apuntada afondou a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que eleva as anteriores posibilidades xa á categoría de dereito a relacionárense coas administracións públicas a través de medios electrónicos, regulando asemade os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa e nas relacións dos cidadáns coas administracións coa finalidade de garantir os seus dereitos, así como un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica, entre outros aspectos. De tal xeito que ese novo dereito se traduce no establecemento das correlativas obrigas das administracións públicas co fin de facelo efectivo.

Pola súa vez, no ámbito da nosa comunidade autónoma, un dos eixes de actuación do Goberno da Xunta de Galicia é impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica, co obxecto de potenciar a mellora da calidade dos servizos ofrecidos aos cidadáns, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo de referencia para o desenvolvemento da Administración electrónica en Galicia e en todos os seus ámbitos.

Para tal fin, a través do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, desenvólvese o dereito dos cidadáns a relacionarse coa Administración por medios electrónicos, dándolle pulo ao proceso de modernización administrativa e garantindo o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Deste xeito, preténdese conseguir unha Administración diferente, que ten a electrónica como elemento central na súa modernización e onde os seus efectos reais sobre a poboación van encamiñados á xeneralización do emprego das tecnoloxías da información e da comunicación.

No que atinxe de modo particular ao sistema público de saúde de Galicia e en aras da protección dos dereitos dos pacientes e usuarios, mediante o Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica, dáse un paso decisivo para a regulación do citado instrumento, na concepción de que a implantación e uso das tecnoloxías da información constitúe a base para o logro dunha maior calidade e seguridade na información e na propia asistencia sanitaria.

No citado contexto de modernización administrativa e de impulso das novas tecnoloxías co fin de acadar a maior eficiencia e, asemade, de garantir o recoñecemento legal do dereito a relacionarse coa Administración por medios electrónicos, é chegado o tempo de instaurar un procedemento aberto á súa utilización polos propios profesionais do sistema público de saúde de Galicia, presentes e futuros, mediante unha ferramenta que integre todos os seus datos curriculares, nun contorno electrónico interoperativo e multidisciplinar, que resulte ao mesmo tempo flexible, práctico, áxil e actualizable e que evite asemade a tradicional necesidade de repetir a entrega de documentación para todos e cada un dos procesos de selección, provisión e desenvolvemento profesional do persoal do sistema público de saúde de Galicia xestionados polo Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, o expediente persoal electrónico regulado nesta orde eríxese no instrumento que integra en formato telemático e nun soporte único a información do persoal do sistema sanitario público, facilitando a súa xestión e a relación entre os profesionais e a Administración sanitaria, permitindo asemade que o citado persoal dispoña dun instrumento que o habilite para a configuración e actualización do seu propio currículo.

Para tal obxecto, coa presente orde abórdase a regulación do contido, a utilización e o acceso á dita ferramenta e contorno telemáticos, cualificados como expediente electrónico (Expedient-e) do persoal do sistema público de saúde de Galicia.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 92 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia; o artigo 34.6.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e a súa Presidencia; así como o artigo 3 do Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto regular o contido, uso, acceso e efectos da información recollida no expediente persoal electrónico (Expedient-e) dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia.

2. Para tal efecto, a Oficina Virtual do Profesional (Fides) constituirá a plataforma de acceso ao expediente persoal electrónico, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

1. Esta orde será de aplicación no ámbito da xestión dos recursos humanos das institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia.

2. No plano dos profesionais, esta orde e o expediente persoal electrónico aplicaranse aos empregados públicos do sistema público de saúde de Galicia que teñan a condición de persoal estatutario das anteditas institucións, así como aos profesionais que no pasado posuísen a precitada condición ou sexan susceptibles de a posuíren no futuro, no decurso da súa traxectoria profesional.

No entanto, a presente orde e o seu contido serán susceptibles de ser aplicables asemade ao persoal vinculado ao sistema público de saúde galego mediante unha relación de carácter funcionarial ou laboral, cando así o dispoñan as normas reguladoras dos correspondentes procedementos de xestión, e na medida en que aquelas o determinen.

Artigo 3. Expediente persoal electrónico.

1. O expediente persoal electrónico Expedient-e defínese como o sistema de información corporativo que integra todos os datos persoais e curriculares dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia nun soporte electrónico interoperativo e multidisciplinar, que posibilita a xestión integral do seu currículo nun contorno propio, flexible, áxil e actualizable no tempo.

2. O persoal incluído no ámbito de aplicación desta orde accederá, a través do Expedient-e, tanto á información profesional contida nel como á súa xestión, actualización, explotación e comunicación.

3. O Expedient-e configúrase así mesmo como un sistema de información para a xestión do persoal polos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade e das institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 4. Contido e uso.

1. O Expedient-e incluirá dous tipos de datos: de carácter persoal e de carácter profesional ou curricular.

2. Os datos de carácter persoal serán os necesarios para a comunicación coas persoas interesadas nos diferentes procedementos relativos á xestión dos recursos humanos, así como os datos bancarios para o aboamento das retribucións.

3. Os datos de tipo profesional ou curricular serán os precisos para a valoración do coñecemento, experiencia e pericia da persoa.

Estes datos empregaranse na tramitación e valoración de requisitos e méritos correspondentes aos procesos de selección de persoal estatutario, tanto fixo como temporal; aos de provisión de postos de traballo, incluíndo concursos de traslados e procesos de mobilidade interna, e aos procesos de desenvolvemento profesional do devandito colectivo.

4. Así mesmo, o Expedient-e incorporará a información xerada nos sistemas informáticos de xestión de persoal que se correspondan con outro tipo de procedementos que se poidan realizar, así como os resultados da valoración de exercicios ou probas distintas ás dos procesos selectivos, a avaliación do desempeño profesional ou calquera outro proceso que a Administración sanitaria considere incluír no exercicio das súas competencias de xestión e ordenación do persoal.

Artigo 5. Xestión do expediente persoal electrónico.

1. A elaboración, desenvolvemento, dirección, xestión e seguimento do expediente electrónico corresponderalle ao órgano directivo responsable da xestión de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde.

2. A súa xestión realizarase mediante o sistema de información corporativo Expedient-e, accesible coas preceptivas medidas de seguridade, desde o contorno telemático denominado Oficina Virtual do Profesional (Fides), co fin de garantir a calidade, accesibilidade e seguridade técnica da información, así como a coordinación na xestión do persoal do sistema público de saúde de Galicia.

3. A información recollida no Expedient-e será accesible para:

a) O/a propio/a usuario/a.

b) Profesionais da xestión de recursos humanos nas institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia designados para tal fin, así como o persoal dos servizos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade cuxas funcións, por razón das súas competencias, garden relación co Expedient-e.

c) O persoal designado como validador polo procedemento establecido para tal fin pola Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. Para estes efectos, o persoal validador é o encargado da comprobación e posterior consignación, no expediente persoal electrónico, da validez e acreditación documental suficiente dos datos de carácter persoal e curricular alegados polos profesionais e rexistrados no sistema informático.

d) O persoal designado como catalogador polo procedemento establecido polo dito órgano directivo. Para estes efectos, o persoal catalogador é o responsable da clasificación da información relativa ao expediente profesional, segundo os diferentes atributos definidos en cada apartado do Expedient-e.

4. O persoal do sistema público de saúde de Galicia que, por razón das súas competencias e das funcións dos seus postos, precise utilizar o Expedient-e como ferramenta de traballo, figurará como usuario/a rexistrado/a no dito aplicativo e estará facultado para consultar a información rexistrada e utilizada por eles, así como aqueloutra información recollida no sistema que se determine para cada procedemento.

Tanto os citados profesionais como o persoal dos servizos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade que sexan dados de alta como usuarios do sistema Expedient-e, terán a condición de profesionais con participación no procedemento e deberán gardar a debida confidencialidade e sixilo, nos termos establecidos na lexislación vixente, sobre a información a que tivesen acceso na dita condición.

5. O sistema identificará individualizadamente o persoal que acceda á información contida no expediente electrónico.

6. Así mesmo, estableceranse medidas de control e auditorías en aras de garantir e preservar o deber de confidencialidade e sixilo dos usuarios do sistema.

A eventual inobservancia do dito deber poderá dar lugar, de ser o caso, á exixencia de responsabilidades disciplinarias consonte o réxime sancionador do persoal incurso na infracción, sen prexuízo da aplicación de calquera outra medida de carácter sancionador que proceda en dereito, de conformidade coa normativa sectorial de aplicación.

Capítulo II
Oficina Virtual do Profesional e expediente persoal electrónico

Artigo 6. Acceso.

O acceso á plataforma da Oficina Virtual do Profesional-Fides poderase realizar desde:

– A internet, tanto para aspirantes demandantes de emprego como para os profesionais con relación de servizos en vigor no sistema público de saúde de Galicia, así como para quen no pasado desempeñou servizos profesionais no dito sistema.

– A intranet do Servizo Galego de Saúde. Este acceso só estará dispoñible para profesionais en activo no Servizo Galego de Saúde ou nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipos informáticos situados fisicamente na súa rede corporativa.

Artigo 7. Introdución e comunicación dos datos.

1. No Expedient-e figura a información actualmente existente nos aplicativos de persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, respecto dos profesionais que prestan ou prestaron servizos nelas, concernente aos seus datos persoais e curriculares tales como titulación, experiencia profesional, expediente académico, información relativa á formación continuada recibida e impartida, coñecemento da lingua galega e outros idiomas, ou actividades relacionadas coa súa categoría profesional que resulten de interese para o seu desenvolvemento profesional.

2. A introdución de novos datos no Expedient-e é responsabilidade dos usuarios que interveñan nel, na súa dobre condición de titulares dos seus respectivos datos de carácter persoal e curricular e das persoas interesadas nos correspondentes procedementos; así como do persoal catalogador e validador, no desenvolvemento das súas respectivas competencias de catalogación e validación dos rexistros e méritos.

3. Os usuarios que desexen cambiar os seus datos persoais poderán facelo, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde, en calquera momento, sen prexuízo do disposto respecto aos datos identificativos no artigo 8 e nos anexos da presente orde. As modificacións terán efecto nos seguintes períodos:

– Os cambios de datos persoais producirán efectos o día seguinte á data da modificación.

– A mudanza de datos bancarios terá efectos ao mes seguinte do seu rexistro, para o aboamento da nómina que proceda.

4. Os datos relativos á participación nos procesos formalizados no ámbito do sistema público de saúde de Galicia inseriranos os participantes neles, así como o persoal catalogador ou validador nos termos establecidos na normativa reguladora dos correspondentes procesos, dentro dos prazos que, de ser o caso, aquela determine para os efectos de incorporar méritos ou requisitos de participación e de acordo tamén co establecido no capítulo III da presente orde.

5. As comunicacións que por razón do Expedient-e deban practicarse co persoal vinculado por relación de servizos coas institucións do sistema sanitario público efectuaranse de xeito telemático, a través do enderezo electrónico rexistrado para tal efecto no propio Expedient-e.

Artigo 8. Contido e estados da información recollida no expediente persoal electrónico.

1. A información contida no Expedient-e clasifícase, segundo a súa natureza, nos seguintes apartados:

a) Datos persoais.

b) Formación.

c) Experiencia profesional.

d) Actividade docente.

e) Idiomas.

f) Actividade investigadora.

g) Outros méritos.

h) Informe.

En función do desenvolvemento do proceso de implantación do Expedient-e, poderá incorporarse ao sistema información de natureza diferente á sinalada nos puntos anteriores.

2. Pola súa vez, a información relativa ao currículo e méritos dos profesionais visualizarase no sistema nalgún dos estados seguintes:

a) Validada.

b) Pendente de validar.

c) En trámite.

d) Descartada.

e) Non catalogable.

f) Acreditación documental incompleta.

g) Duplicada.

h) Outros.

Co avance e desenvolvemento do proceso de implantación do Expedient-e poderán configurarse máis estados da información, que se irán incorporando ao sistema na medida en que sexa preciso e co contido que se determine.

Capítulo III
Procesos con soporte no expediente persoal electrónico

Artigo 9. Procedementos incluídos.

1. Con carácter xeral, o expediente persoal electrónico soportará datos e información relativa aos participantes nos seguintes procedementos que afecten o persoal estatutario das institucións sanitarias comprendidas no artigo 2 da presente orde:

a) Os procesos de selección de persoal estatutario fixo determinados na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

b) Os procesos de provisión de postos de traballo do persoal estatutario establecidos nas normas sinaladas no punto anterior.

c) Os procesos de selección de persoal estatutario temporal determinados no Estatuto marco e na Resolución conxunta do 26 de abril de 2011 (DOG do 9 de maio), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se dispón a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CC.OO., Cemsatse, CIG, CSIF, UGT e USAE, sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade; ou na normativa que o substitúa, modifique ou desenvolva.

d) Os procesos de desenvolvemento profesional previstos na Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias e no Estatuto marco.

2. O expediente electrónico poderá incorporar así mesmo a información xerada nos procedementos previstos no número 4 do artigo 4 desta orde, nos termos establecidos na normativa que regule os citados procedementos.

3. Do mesmo xeito, o Expedient-e poderá recoller a información xerada nos procedementos que sexan de aplicación ao persoal funcionario e laboral consonte o número 2 do artigo 2 da presente orde, nos termos da normativa que así o estableza.

Artigo 10. Inscrición nos procesos.

1. A inscrición dos profesionais participantes nos diversos procesos sinalados no artigo anterior, cando así se dispoña nas bases da convocatoria ou nas normas reguladoras do procedemento correspondente, efectuarase por medio do sistema informático Expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es, en tanto non se habilite a sede electrónica consonte a normativa de desenvolvemento do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

2. O modelo normalizado de solicitude de participación e os formularios correspondentes estarán dispoñibles no dito sistema.

Os citados modelos incorporarán todos os datos necesarios para consignar os requisitos de participación e os méritos avaliables, de ser o caso, e deberán ser cubertos e confirmados por cada participante, quen remitirá a dita información de acordo co procedemento establecido na correspondente convocatoria, anuncio ou resolución de apertura do procedemento de que se trate. Así mesmo e mentres non se desenvolva o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, deberase imprimir o formulario cuberto, para a súa presentación en formato papel a través do preceptivo rexistro administrativo.

3. A dita documentación deberá ir dirixida ao órgano convocante ou á unidade que se determine en cada convocatoria, anuncio ou resolución habilitante para a súa presentación, e poderá presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, nas institucións sanitarias citadas no artigo 2 desta orde ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. Xa que logo, a inscrición será electrónica e a súa impresión en papel efectuarase para os efectos do seu rexistro oficial, mentres non estean habilitados os rexistros e procedementos administrativos electrónicos previstos no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e na súa normativa de desenvolvemento.

No caso de discrepancia entre o formulario de inscrición cuberto pola vía electrónica e a documentación orixinal acreditativa dos datos incorporados, será válida este última, salvo que a dita normativa dispoña o contrario.

5. O modelo normalizado terá a condición de solicitude de participación para todos os efectos, e a consignación dos requisitos e méritos terá lugar nos termos das convocatorias, resolucións ou anuncios de apertura dos correspondentes procesos, que serán publicados en cada caso no Diario Oficial de Galicia.

6. A cobertura, confirmación e presentación do modelo normalizado implica a aceptación das condicións establecidas nas bases da convocatoria ou proceso de que se trate, entre elas, a valoración automática dos datos rexistrados no Expedient-e e que teñan sido achegados e rexistrados documentalmente nos prazos establecidos en cada proceso. Estes datos estarán á disposición dos participantes na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides).

7. Na inscrición faranse constar expresamente os campos obrigatorios que figuren determinados con tal carácter no modelo normalizado de solicitude. A falsidade nos datos de inscrición, ou nos datos rexistrados no Expedient-e, comportará a perda do dereito a participar no proceso de que se trate, nos termos da convocatoria ou da normativa pola que se lle dea apertura a aquel.

8. As solicitudes vincularán os profesionais participantes nos termos consignados no modelo normalizado. No entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias, poderanse aceptar as renuncias de participación nos correspondentes procesos segundo se determine en cada convocatoria ou resolución de apertura publicada no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo, non se admitirá ningunha renuncia á participación, agás erro manifesto do/da solicitante apreciado pola Administración.

Artigo 11. Acreditación dos datos relativos aos procesos.

1. Os méritos e os requisitos específicos para cada proceso deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de instancias, ou na data que expresamente se indique nas respectivas bases, resolución ou anuncio de apertura do procedemento.

2. A acreditación do cumprimento dos requisitos de admisión e dos méritos consignados na solicitude de participación efectuarao a persoa interesada, con carácter previo á finalización dos procesos e no trámite procedimental que se determine nas bases de cada un deles, ou na normativa que os regule, mediante o rexistro e achega de documentos orixinais ou copias compulsadas, ante a unidade ou unidades de validación que se determinen.

3. Verificada a citada documentación polos órganos competentes, así como a súa correspondencia cos datos inseridos electronicamente, procederase á validación de todos os datos que consten acreditados e á súa consignación, como información validada, no sistema informático Expedient-e.

4. Non será necesaria a acreditación dos requisitos e méritos dos que xa teña constancia a Administración sanitaria e aparezan xa validados no citado sistema informático. Non obstante, o órgano competente poderá requirir en calquera momento á persoa interesada no respectivo proceso a acreditación documental complementaria de calquera requisito ou mérito, malia que xa figure como validado, para os efectos de realizar as comprobacións que procedan.

5. Os méritos consignados pola persoa aspirante na solicitude de participación, que non consten debidamente validados no sistema informático na data de apertura da correspondente convocatoria ou proceso, ou na data que se determine na normativa aplicable, non serán obxecto de valoración.

Artigo 12. Xeración da información relativa aos procesos.

1. En cada proceso terá lugar a publicación, na fase procedemental correspondente, do respectivo anuncio ou resolución que incorpore as relacións de profesionais admitidos e excluídos nos ditos procesos, con indicación, neste caso, das causas de exclusión; así como os recursos que caiba interpor contra aqueles e os prazos para a súa interposición. Os citados anuncios e resolucións serán inseridos no Diario Oficial de Galicia e publicados, cando menos, na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

2. Así mesmo, en todos os procesos se publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución ou anuncio do órgano convocante, ou competente segundo o caso, pola que se declare rematada cada fase do dito proceso, incluído o réxime de recursos que proceda nos termos determinados nas bases ou convocatorias correspondentes.

3. A información correspondente a cada participante e que conste no seu expediente administrativo quedará recollida para cada unha das fases do proceso no sistema informático Expedient-e, coa información do estado e puntuación obtida, desagregada por epígrafes ou tipo de méritos, de ser o caso. A dita información estará tamén dispoñible para todos os participantes, a través das correspondentes listaxes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde ou no lugar que se determine en cada procedemento, de acordo coa súa normativa.

4. O órgano convocante, ou competente en cada caso, anunciará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Servizo Galego de Saúde a publicación do resultado final dos procesos e a súa data de efectos, así como, de ser o caso, a súa vixencia, dependendo do proceso de que se trate.

Artigo 13. Comisións de valoración de requisitos e méritos.

1. A valoración dos méritos alegados polos participantes en cada proceso será efectuada polas comisións que se determinen en cada convocatoria ou na normativa aplicable ao proceso de que se trate, coa composición establecida nelas. Neste senso, poderá nomearse máis dunha comisión de valoración en cada ámbito cando for necesario en función do número de participantes.

Os membros da comisión ou comisións encargadas da valoración de méritos serán nomeados pola autoridade convocante, ou o órgano competente segundo a normativa aplicable e co ámbito que se determine en cada caso. Así mesmo, caberá a súa remoción ou substitución pola autoridade designante e nos termos da normativa reguladora do proceso.

2. Pola súa vez, no ámbito dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade constituirase unha comisión técnica de avaliación, dependente da Dirección de Recursos Humanos do organismo, e que terá como fin elaborar os criterios de catalogación que resulten aplicables aos distintos procesos, así como resolver as incidencias e consultas formuladas polas comisións de valoración en relación cos requisitos e méritos dos participantes neles.

Esta comisión técnica estará integrada por persoal adscrito á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e aos órganos sinalados no artigo 4.1 da presente orde, correspondéndolle á persoa titular do respectivo órgano directivo acordar a súa designación ou substitución, de ser o caso.

3. As ditas comisións terán a condición de primeira categoría para os efectos do disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Os acordos das comisións adoptaranse por maioría dos seus membros e o seu funcionamento, en todo o que non resulte previsto pola normativa específica de cada proceso, axustarase ao establecido na regulación vixente sobre órganos colexiados. De xeito particular, será de aplicación o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como, no que atinxe á actuación dos seus membros, o réxime de abstención e recusación previsto nos artigos 28 e 29 do mesmo corpo legal.

Disposición adicional.

Os datos identificativos, como nome, apelidos e NIF, consignados no Expedient-e terán un nivel de seguridade básico nos termos da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e da súa normativa de desenvolvemento. Os datos que deban resultar especialmente protexidos, como os relativos á saúde ou as nóminas dos profesionais, terán un nivel de seguridade avanzado.

As bases da convocatoria ou proceso de que se trate poderán eximir o consentimento da persoa interesada na comunicación e no tratamento dos datos, por parte da Administración, cando se trate de profesionais vinculados por razón do servizo co sistema público de saúde de Galicia, ou daquelas persoas interesadas en participar nos procesos de selección, provisión ou desenvolvemento profesional que formalice a Administración sanitaria, consonte as bases ou normas reguladoras do correspondente proceso.

Disposición transitoria.

A regulación contida nesta orde aplicarase nos seus íntegros termos, en tanto non se desenvolva o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, de acordo co establecido na súa disposición derradeira primeira.

Unha vez emitida a dita normativa de desenvolvemento, procederase á modificación ou adaptación desta orde ao contido daquela.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira.

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Epígrafes da información clasificada no Expedient-e:

a) Datos persoais

Información de identificación e contacto co/coa usuario/a. Os datos de identificación (nome, apelidos, NIF e número de afiliación á Seguridade Social) do profesional ou demandante de emprego non resultarán modificables, agás nos supostos establecidos na lexislación vixente. A información restante poderá ser editada e actualizada polos usuarios en calquera momento.

b) Formación

Información relativa á formación académica e continuada do profesional.

c) Experiencia profesional

Servizos prestados por conta allea polo/a interesado/a, tanto na Administración pública como en entidades ou empresas de carácter privado.

d) Actividade docente

Docencia impartida polo profesional ou aspirante, relativa á formación continuada, formación especializada e docencia universitaria e non universitaria.

e) Idiomas

Información relativa ao grao de coñecemento da lingua galega, así como doutros idiomas.

f) Actividade investigadora

Información relativa á participación do/da usuario/a en proxectos de investigación, publicacións, premios e outras actividades relacionadas coa ciencia e a investigación, tales como patentes, estancias formativas ou a dirección de teses de doutoramento.

g) Outros méritos

Información relativa a aspectos curriculares non definidos nas epígrafes precedentes.

h) Informe

Situación do expediente dos profesionais en canto a méritos pendentes de validar.

ANEXO II

Estados da información rexistrada no Expedient-e:

a) Validada

V - Validado. Indica que a información rexistrada no expediente electrónico foi sometida ao proceso de validación, co resultado de comprobada e correcta, ou ben que procede dos propios sistemas de información do organismo. Este estado implica que a información rexistrada figura acreditada documentalmente e, polo tanto, existe unha coincidencia entre a información electrónica e a documental, logo da súa verificación polo persoal validador.

b) Pendente de validar

P - Pendente de validar. Información introducida no expediente electrónico polo/a usuario/a, que deberá ser debidamente acreditada mediante a achega da pertinente documentación xustificativa, presentada en documentos orixinais ou copias compulsadas e a través do correspondente rexistro de entrada, para a súa validación.

c) En trámite

ET - En trámite. Información incluída no expediente electrónico e acreditada documentalmente polo/a usuario/a, que, por non estar previamente clasificada en ningún dos catálogos existentes no Expedient-e, se encontra en proceso de catalogación.

d) Descartada

DE - Descartado. Información rexistrada no expediente electrónico que non pode ser validada ao non se corresponder, nun ou varios elementos, cos datos que constan na documentación achegada polo/a interesado/a para a súa acreditación e validación.

O/a profesional poderá emendar o dito defecto rexistrando novamente e de forma correcta o citado mérito no seu expediente electrónico e coa presentación, dentro do prazo establecido, de ser o caso, da documentación acreditativa correspondente.

A información que se encontre neste estado non resultará computable para ningún dos procesos formalizados polo Servizo Galego de Saúde ou no ámbito do sistema público de saúde de Galicia. No entanto, este estado non resulta definitivo, polo que o/a interesado/a poderá emendar os defectos que motivaron o rexeitamento da validación do dito mérito, realizando un novo rexistro deste, segundo o expresado no parágrafo anterior.

e) Non catalogable

NC - Non catalogable. Información rexistrada no expediente electrónico que, despois de ser sometida ao correspondente proceso de catalogación, non é susceptible de ser clasificada dentro do Expedient-e, por non constar como atributo definido dentro do currículo profesional.

A información que figure neste estado non resultará avaliable en ningún dos procesos formalizados pola Administración sanitaria.

f) Acreditación documental incompleta

DI - Acreditación documental incompleta. Información rexistrada no expediente profesional que non pode ser validada, por non resultar suficiente a documentación achegada polo/a interesado/a para acreditar a totalidade dos elementos do mérito rexistrado, o que se advertirá coa especificación da causa no correspondente campo do Expedient-e.

A información manterase neste estado en tanto o/a profesional non presente a totalidade da documentación necesaria para unha acreditación veraz e completa do mérito rexistrado no expediente electrónico, e aquela sexa revisada polo persoal validador.

g) Duplicada

DPL - Duplicado. Indica que a información ou mérito rexistrado coincide con outro elemento idéntico xa incluído previamente no expediente electrónico, calquera que sexa o estado no cal se encontre este último.

A información que figure neste estado non será valorada en ningún dos procesos formalizados pola Administración sanitaria.

h) Outros

---. En función do avance e desenvolvemento do proceso de implantación do Expedient-e.