Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 18 de xuño de 2012 Páx. 23766

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de xuño de 2012 pola que se convoca a concesión de subvencións estatais para axuda á eficiencia enerxética na promoción de vivendas protexidas.

O Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012 establece, no seu artigo 63, unha axuda na promoción de vivendas protexidas dirixida á eficiencia enerxética.

Por outra banda, o Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2 establece que: «as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia».

Á vista do anterior, para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3 do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e en virtude do disposto no artigo 4 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria correspondente ás bases reguladoras establecidas mediante o Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, en particular no seu artigo 63, para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a favorecer a eficiencia enerxética das vivendas protexidas de nova construción.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as devanditas subvencións aquelas persoas físicas ou xurídicas promotoras de vivendas de nova construción, mesmo en áreas de rehabilitación integral e áreas de renovación urbana, que, na data de publicación desta orde, conten coa cualificación definitiva de vivendas protexidas ao abeiro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, cuxos proxectos obteñan unha cualificación enerxética da clase A, B ou C, segundo o establecido no Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción.

2. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, terase en conta o establecido no artigo 2 do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

3. Non poderán acceder a estas axudas os promotores de aloxamentos protexidos nin de vivendas rehabilitadas, nin tampouco se poderá acceder a estas axudas respecto a aquelas vivendas para as cales xa se concedese a subvención en anos anteriores.

Artigo 3. Contía das subvencións

A contía que se concederá por vivenda dependerá do nivel de cualificación enerxética. Así:

a) Para o nivel A corresponderán 3.500 euros.

b) Para o nivel B, 2.800 euros.

c) E para o nivel C, 2.000 euros.

Artigo 4. Crédito orzamentario e contía total máxima da convocatoria

As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación orzamentaria 07.83.451B.770.0 proxecto 2006 00604 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para o ano 2012, a cal está dotada adecuada e suficientemente; resérvase o importe total de 2.449.417,88 € para atender as concesións que procedan.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán dirixirse á xefatura da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que corresponda pola situación da promoción, seguindo o modelo que se recolle no anexo I a esta orde, debidamente cuberto pola persoa solicitante xunto cos seguintes documentos:

a) Autorización ao IGVS para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos presentados no procedemento administrativo. No suposto de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, a persoa interesada estará obrigada a presentar copia compulsada do DNI, e o certificado de eficiencia enerxética de edificio terminado rexistrado de acordo coa Orde do 3 de setembro de 2009 da Consellería de Economía e Industria, no suposto de non telo presentado xunto coa solicitude de cualificación definitiva.

b) No suposto de que non sexa necesario inscribir o certificado de eficiencia enerxética de acordo co disposto nas disposicións transitorias do Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción en Galicia, deberá achegarse, xunto coa acreditación de estar comprendido nas circunstancias previstas nas citadas disposicións transitorias, o certificado de eficiencia enerxética de edificio terminado subscrito pola dirección facultativa da obra de acordo co establecido no Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción.

c) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

d) No suposto de que o solicitante sexa unha persoa xurídica ou titular dunha empresa, deberá xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que recibise non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais de acordo co establecido no artigo 3.2.c) do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.

2. As solicitudes presentaranse en calquera rexistro do IGVS, e tamén se poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), sen prexuízo de poder empregar calquera das outras formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A presentación da solicitude implicará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se poidan obter de oficio, requiriráselle ao interesado a súa presentación.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón as certificacións indicadas.

Artigo 6. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Procedemento de tramitación das subvencións

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberta e acompañada da documentación que nela se indica consonte co artigo 5.1 desta orde.

Se a solicitude ou documentación presentadas non reunen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos e advertiráselle que, no caso de non completar o citado requirimento, teráselle por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do anterior, o IGVS poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

2. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como efectuadas as comprobacións oportunas, o/a xefe/a da área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente ao/á director/a xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 4 desta orde, resolverá o que conforme a dereito proceda.

3. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro da área provincial do IGVS competente para a súa tramitación.

Artigo 8. Resolución das subvencións

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude tal e como se establece na disposición adicional primeira do Decreto 402/2009.

2. Contra a resolución de concesión ou denegación da subvención, que será ditada pola Dirección Xeral do IGVS, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 9. Pagamento das subvencións

Ditada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento e as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 10. Compatibilidade e incompatibilidade

Esta subvención é incompatible, sempre que se dirixan á mesma finalidade, coas correspondentes ao Plan de Acción de Aforro e Eficiencia Enerxética para o período 2008-2012, e ao Plan de Enerxías Renovables 2005-2012, do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Polo demais, é compatible con outras formas de axuda ou subvención que o beneficiario poida obter de calquera administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 11. Reintegro da subvención

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, levará consigo, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

2. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

3. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/A director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial ditará resolución expresa, debidamente motivada, en que figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

3. Contra a resolución de modificación da Dirección Xeral do IGVS, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 13. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o IGVS publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun rexistro informático de carácter permanente, a disposición do IGVS, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a facilitar calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 14. Deber de colaboración e facultade de inspección

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Disposición adicional única.

Delégase no director xeral do IGVS a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste os orzamentos nesta ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file