Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2013 Páx. 4777

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada subestación Belesar 220 kV Seteventos e trafo 220/132 kV 240 MVA, no termo municipal de Chantada (expediente IN407A 2012/47-2, 8016 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación en avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación eléctrica de Belesar, situada en terreos da Central Hidráulica de Belesar no concello de Chantada (Lugo), divídese en dous parques, de 220 e 132 kV, e consta de catro transformadores trifásicos de potencia, os tres primeiros (T-I, T-II e T-III) para a conexión aos grupos xeradores á rede e o cuarto (T-IV) para a transformación de 220 a 132 kV:

– O parque de 220 kV é propiedade de Rede Eléctrica España, S.A.U.

– E o parque de 132 kV, integrado por unha posición convencional liña/trafo, é propiedade de Unión Fenosa Distribución, S.A. Actualmente estase acometendo o proxecto de blindaxe e ampliación deste parque, que consiste nunha posición mixta de protección de liña e transformador e a súa ampliación mediante unha nova posición de liña para evacuar a enerxía do caudal ecolóxico da central hidráulica Belesar 2 (expediente IN407A 2010/50-2, 7663 AT).

Segundo. O 13 de abril de 2012 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada subestación Belesar 220 kV Seteventos e trafo 220/132 kV 240 MVA; acompañada da preceptiva documentación á que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Este proxecto prevé a ampliación da citada subestación eléctrica de Belesar, co obxecto de poder evacuar a enerxía eléctrica xerada polas centrais fotovoltaicas Seteventos II e Seteventos III, que se concreta na ampliación do parque blindado de 132 kV con dúas novas posicións de protección de liña (central fotovoltaica Seteventos II e central fotovoltaica Seteventos III) e na substitución do autotransformador T-IV 60 MVA por un de 240 MVA:

– As celas de 132 kV serán blindadas de interior, con illamento en hexafluoruro de xofre (SF6), de simple barra, da marca ALSTON e modelo F35/4, e equipadas cada unha delas con:

– 1 seccionador tripolar de barras con tres posicións, aberto, pechado e posta á terra para mantemento, 1.250 A.

– 1 interruptor automático tripolar de corte en SF6, 1.250 A, 31,5 kA.

– 3 transformadores de intensidade 150-300 / 5-5-5-5 A.

– 3 transformadores de tensión 132.000:√3 /110:√3 - 110:√3 - 110:√3 V.

– 1 seccionador de posta a terra rápida, 1.250 A.

– 3 terminais enchufables cable illado SF6 para conexión a cable unipolar de illamento seco 76/132 kV.

– A conexión entre o secundario do autotransformador de potencia 220/132 kV 240 MVA e a cela de protección do secundario do transformador (132 kV) realizarase mediante dúas ternas de cable illado RHE-2OL(S) 76/132 kV de aluminio 1.200 mm2 de sección con pantalla de fíos de cobre de 165 mm2 de sección, das cales unha xa está tendida para a conexión do actual T-IV de 60 MVA que se substitúe.

Terceiro. O 27 de xullo de 2012 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23 de agosto de 2012 e no Boletín Oficial da provincia do 30 de agosto de 2012.

Cuarto. Durante o período en que o devandito proxecto de execución se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 26 de xullo de 2012 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto de execución.

Sexto. Posteriormente, esta dirección xeral trasladou as separatas deste proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter a súa conformidade ou oposición ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

Entidade

Resumo da resposta

1

Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE)

Non contestou á petición de informe (xustificante de recepción do 10 de decembro de 2012), nin á reiteración desta petición (xustificante de recepción do 11 de xaneiro de 2013). Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada subestación Belesar 220 kV Seteventos e trafo 220/132 kV 240 MVA, no termo municipal de Chantada (Lugo).

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17068, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio con nº 201201212 e data 13 de marzo de 2012, e no que figura un orzamento total de 1.997.309 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas