Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2013 Páx. 7252

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada Nova subestación Cangas II 66 kV, situada no termo municipal de Cangas (Pontevedra) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2012/190-4).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 28.6.2012 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura eléctrica denominada Nova subestación Cangas II 66 kV; acompañada do preceptivo anteproxecto. Esta nova subestación, que se situará nas cercanías do polígono da Portela no termo municipal de Cangas, substituirá a subestación Cangas I, situada no lugar de San Pedro-Darbo dese municipio.

Segundo consta neste anteproxecto, a Nova subestación Cangas II responde a un esquema unifilar de dobre barra, tanto en 66 kV como en 20 kV, e estará constituída por un parque intemperie en que se instalarán tres transformadores de potencia (3×25 mVA) e un edificio de fábrica, que albergará as celas de AT, as de MT, o cadro de distribución de BT, as baterías de 125 e 48 (c.c.) e os equipamentos de comunicación e control. As características básicas dos seus elementos constitutivos son as seguintes:

– Sistema de 66 kV: está composto por un conxunto de celas de AT no interior do edificio, blindadas encapsuladas tipo F-35 e con illamento en SF6; e consta de 8 posicións (3 de liña, 3 de transformador, 1 de medida de tensión en barras e 1 de acoplamento transversal), quedando no interior do edificio espazo para outras 3 posicións.

– Sistema 20 kV: está composto por un conxunto de celas de MT no interior do edificio, blindadas e con illamento en SF6; este conxunto de celas está formado por 23 posicións (12 de liña, 3 de transformador, 2 de medida de tensión en barras, 2 de acoplamento transversal, 2 de acoplamento lonxitudinal e 2 de servizos auxiliares), quedando no interior do edificio espazo para outras 10 posicións de MT.

– Transformadores de potencia: contará con 3 transformadores trifásicos equipados con regulación de tensión en carga e refrixeración natural (ONAN), cada un deles cunha potencia nominal de 25 mVA, unha relación de transformación de 66.000/20.000 V e conexión primario secundario YNd11; un dos transformadores será de nova adquisición e os outros dous aproveitaranse da subestación Cangas I.

– Servizos auxiliares: están constituídos por un cadro de distribución en BT, un equipamento cargador-batería de 125 V (c.c.), un equipo cargador-batería 48 V (c.c.), un armario UCI (unidade de control integrada), un equipamento de comunicacións e dous transformadores cunha potencia de 160 KVA e relación de transformación 20.000/420 V.

Segundo. O 1.8.2012 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 27.8.2012 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 13.9.2012. Durante o período en que o devandito anteproxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. Así mesmo, a xefatura territorial trasladou a separata deste anteproxecto ao Concello de Cangas, por tratarse dunha Administración con bens e dereitos afectados pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter a súa conformidade, reparos ou oposición ao respecto. Este concello non contestou á petición de informe, nin á reiteración desta petición (xustificante de recepción do 23.10.2012); polo tanto, enténdese a súa conformidade coa autorización da citada infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto. O 1.8.2012 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o devandito anteproxecto.

Quinto. O 26.11.2012 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou, ante a xefatura territorial, a solicitude de aprobación do proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica; acompañada do preceptivo proxecto.

Sexto. A xefatura territorial trasladou a separata deste proxecto de execución ao Concello de Cangas, por tratarse dunha Administración con bens e dereitos afectados pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter a súa conformidade, reparos ou oposición ao respecto. Este concello non contestou á petición de informe (xustificante de recepción do 17.12.2012), nin á reiteración desta petición (xustificante de recepción do 22/01/2013); polo tanto, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa aprobación do proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Sétimo. O 8.1.2013 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada Nova subestación Cangas II 66 kV, situada no termo municipal de Cangas (Pontevedra) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución presentado pola empresa promotora, denominado subestación Cangas II 66 kV-Nova subestación, datado en novembro de 2012, asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e no cal figura un orzamento total de 4.389.575 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. A administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas