Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2013 Páx. 7891

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que imparten ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, entre outros aspectos, establece os principios xerais aos que se debe axustar o proceso, co fin de garantir o dereito á educación, á liberdade de elección de centro, ao acceso a unha praza escolar, á gratuidade do ensino obrigatorio, á conciliación da vida familiar e laboral e á equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

O novo decreto determina a necesidade do seu desenvolvemento mediante orde, obriga que se viu reforzada polas exixencias derivadas da sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 1477/2010, do 22 de decembro, pola que se declarou a nulidade do artigo 19.2 e a inaplicación aos centros privados concertados de determinados artigos da derrogada Orde do 17 de marzo de 2007, que regulaba o procedemento de admisión no mesmo ámbito de ensino que a presente.

En uso da autorización normativa contida no Decreto 254/2012, do 13 de decembro, esta consellería desenvolve mediante a presente orde o procedemento de admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos, tratando de dotalo das máximas garantías, dada a importancia e transcendencia social dos intereses implicados, e a necesidade de resolver dunha forma máis conveniente as situacións concretas nas que a demanda de prazas escolares é superior á oferta.

A orde consta dun total de corenta e sete artigos estruturados en sete capítulos, dúas disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras. O capítulo I refírese a materias comúns como a delimitación e publicación das áreas de influencia, a adscrición de centros docentes, a determinación de postos escolares vacantes e a ratio de alumnado por unidade escolar, así como a protección de datos de carácter persoal.

O capítulo II está destinado a regular a garantía de permanencia no centro, a prioridade do alumnado procedente de centro ou centros adscritos e a reserva de praza nos centros adscritos.

O capítulo III aborda a información ás/aos administradas/os, os requisitos das solicitudes, os prazos e o seu cómputo, a documentación que pode ser necesario achegar, a definición dos distintos criterios susceptibles de baremo e a forma de acreditalos. Completan o resto do capítulo as listaxes provisionais e definitivas de persoas admitidas e non admitidas, as reclamacións e recursos e o procedemento contraditorio previo á declaración de perda do dereito de prioridade.

Os capítulos IV e V refírense aos supostos de adxudicación subsidiaria de postos escolares, cando o alumnado non resulte admitido no centro que indicou como primeira opción e a adxudicación de postos escolares reservados a alumnado con necesidades especificas de apoio educativo.

Finalmente, completan o contido da orde o capítulo VI sobre o procedemento de matrícula e o capítulo VII relativo a supostos extraordinarios de admisión, en casos de escolarización por traslado de domicilio, incorporación ao sistema educativo, acoso escolar e violencia de xénero.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no uso das facultades conferidas na disposición derradeira primeira do Decreto 254/2012, do 13 de decembro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver o procedemento de admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que imparten as ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. No relativo á escolarización en centros ordinarios do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, esta orde será aplicable no que non estea previsto na súa normativa propia.

3. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde os procedementos de admisión do alumnado en ensinanzas de formación profesional e de réxime especial.

Artigo 2. Áreas de influencia, áreas limítrofes e procedemento para a delimitación

1. A área de influencia dun centro é o conxunto de todas as direccións catastrais nas que se obtén a máxima puntuación polo criterio de proximidade do domicilio familiar ou do lugar de traballo das/os nais/pais ou representantes legais.

2. A persoa titular da xefatura territorial delimitará as áreas de influencia dos centros e as limítrofes destas, oídos os consellos escolares municipais, a xunta provincial de directoras/es e un/unha representante das/dos titulares dos centros privados concertados, e logo do informe da inspección educativa.

De non estar constituído o consello escolar municipal, oirase o concello ou concellos afectados.

3. As áreas de influencia e limítrofes terán unha vixencia de cinco anos prorrogables, sen prexuízo de que se poida proceder á súa modificación en calquera momento, por variación dos postos escolares ou da poboación que haxa que escolarizar no seu ámbito, ou porque así o aconselle a experiencia acadada na súa aplicación.

4. A resolución pola que se delimiten ou modifiquen as áreas de influencia e limítrofes publicarase antes do inicio do correspondente proceso de admisión no ámbito das xefaturas territoriais e manteranse expostas durante todo o proceso.

Artigo 3. Determinación e publicación dos postos escolares vacantes en cada centro

1. A persoa titular da xefatura territorial, por proposta da dirección dos centros públicos e da titularidade dos centros privados concertados, determinará o número de postos escolares vacantes en cada centro, de acordo coa planificación previamente elaborada e a capacidade deste, así como co establecido no seu réxime de autorización e o número de unidades concertadas no caso dos centros privados concertados.

2. En todo caso para escolarizar ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, deberá reservar tres postos escolares por unidade, nos seguintes cursos: 4º de educación infantil, 1º de educación primaria e 1º de educación secundaria obrigatoria.

3. Para determinar os postos escolares vacantes no centro ou centros docentes en cuxas áreas de influencia quede comprendido o domicilio dunha residencia escolar ou dunha escola fogar, a persoa titular da xefatura territorial fixará nos devanditos centros un número de postos vacantes que sexa suficiente para garantir a escolarización neles do alumnado residente.

4. Os centros docentes publicarán a relación de postos escolares vacantes antes do 1 de marzo de cada ano.

Artigo 4. Determinación do número de alumnas e alumnos por unidade escolar

O número de alumnas e alumnos por unidade escolar que se utilizará para estimar as vacantes en cada un dos niveis, é o que se indica a continuación:

a) Segundo ciclo de educación infantil e educación primaria: 25 por unidade.

b) Educación secundaria obrigatoria: 30 por grupo.

c) Bacharelato: 33 por grupo.

Artigo 5. Simultaneidade de estudos

A persoa titular da xefatura territorial determinará en que centros, dos que imparten educación secundaria obrigatoria e bacharelato, terá prioridade para ser admitido o alumnado que siga programas deportivos de alto rendemento ou que curse simultaneamente ensinanzas de música ou danza e ensinanzas de educación secundaria.

Artigo 6. Acceso a servizos complementarios

1. O alumnado que solicite e obteña praza nun centro escolar distinto ao que lle corresponda segundo a distribución das áreas de influencia delimitadas polas xefaturas territoriais, non terá dereito a ningún dos servizos complementarios establecidos pola consellería.

2. Excepcionalmente, terán dereito aos servizos complementarios as irmás e os irmáns do alumnado xa escolarizado no centro con carácter forzoso.

3. A solicitude destes servizos efectuarase nos centros públicos na forma indicada na disposición adicional segunda desta orde.

Artigo 7. Protección de datos de carácter persoal e deber de confidencialidade

1. A obtención de datos de carácter persoal do alumnado e das familias, o deber destes de colaborar na obtención da información necesaria para o desenvolvemento do procedemento de admisión e matrícula, o tratamento dos datos nestes procedementos e a súa cesión a outros centros, axustaranse ao previsto na disposición adicional 23ª da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Toda a información a que se refire esta orde só poderá utilizarse para os fins previstos nela.

3. As persoas que teñan acceso a esta información, por razón da función que desenvolvan no procedemento de admisión e matrícula do alumnado, están suxeitas ao deber de sixilo e confidencialidade.

Artigo 8. Adscrición de centros docentes

1. A persoa titular da xefatura territorial acordará a adscrición dos centros docentes públicos, oídos os consellos escolares municipais e a xunta provincial de directoras/es, e logo do informe da inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

Os centros públicos adscritos a outros centros públicos que impartan etapas diferentes, consideraranse centros únicos para os efectos da aplicación dos criterios de admisión do alumnado.

2. No caso de centros privados concertados procederase de acordo co disposto no artigo 6.2 do dito decreto.

CAPÍTULO II
Garantía de permanencia e prioridade

Artigo 9. Garantía de permanencia no centro docente

1. O alumnado matriculado nun centro docente público ou privado concertado ten garantida a súa permanencia nel nos termos establecidos no artigo 5.1 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo tanto, o cambio de curso, ciclo, nivel ou etapa non requirirá un novo procedemento de admisión, agás que coincida cun cambio de centro.

2. O alumnado de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato que se atope nesta situación, deberá formalizar a matrícula en tempo e forma.

3. Sen prexuízo da garantía de permanencia, nais, pais ou representantes legais do alumnado poderán presentar solicitude de admisión noutro centro educativo na forma e dentro do prazo establecidos nesta orde e, ao mesmo tempo, deberán remitir ao centro de orixe copia da solicitude de admisión presentada no novo centro.

4. Os centros que admitan a alumnado procedente doutro centro, comunicaranlle a este a súa admisión. O alumnado que resulte admitido no novo centro perderá o dereito de permanencia no centro de orixe.

Artigo 10. Prioridade do alumnado procedente de centros adscritos

1. O alumnado procedente dos centros adscritos de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, terá prioridade para a admisión de conformidade co artigo 9.2 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. O alumnado que pretenda continuar estudos nun centro de adscrición, para os efectos de reserva de praza neste, deberá presentar no centro de orixe o modelo normalizado que se publica como anexo I da presente orde entre os días 1 e 15 de febreiro de cada ano.

3. A dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados remitirán ao centro de adscrición unha relación do alumnado susceptible de matricularse nel para o vindeiro curso xunto coas solicitudes de reserva de praza.

Artigo 11. Reserva de praza

1. Cando os postos escolares dispoñibles no centro de adscrición sexan suficientes para satisfacer a demanda existente, publicarase no taboleiro de anuncios deste centro e comunicaráselle ao centro ou centros de orixe.

2. Neste caso, a reserva adquirirá carácter vinculante e será incompatible coa presentación de solicitude de admisión noutro centro, salvo renuncia expresa e por escrito presentada no centro de adscrición antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

3. A presentación de solicitude de admisión noutro centro estando vinculado por reserva terá a consideración prevista no artigo 34.1.b) desta orde para os efectos de perda da prioridade.

4. Este alumnado deberá formalizar a matrícula en tempo e forma no centro de adscrición.

Artigo 12. Admisión do alumnado cando a demanda de postos escolares sexa superior á oferta

1. Cando no centro de adscrición o número de postos escolares dispoñibles non sexa suficiente para satisfacer a demanda existente, comunicarase esta circunstancia ao alumnado afectado mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do centro de adscrición e do centro ou centros de orixe.

2. O alumnado afectado deberá presentar a solicitude de admisión no centro de adscrición na forma e dentro do prazo establecidos nesta orde, e posteriormente presentarán a documentación xustificativa dos criterios de baremo no prazo sinalado no artigo 17.1.

Capítulo III
Procedemento ordinario de admisión do alumnado

Sección 1ª. Normas comúns

Artigo 13. Información ao alumnado e ás familias

1. Os centros docentes sustentados con fondos públicos facilitarán ao alumnado e ás familias información sobre os aspectos concretos mencionados no artigo 3 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. Así mesmo, durante o proceso de admisión do alumnado, exporán no seu taboleiro de anuncios e en todos os sistemas de información pública de que dispoñan, como mínimo, a seguinte información:

a) Normativa reguladora do procedemento de admisión.

b) Postos escolares ofertados para o curso académico nos niveis de ensino aos que se refira o procedemento de admisión.

c) Prazo de presentación das solicitudes de admisión.

d) Nota informativa que indique expresamente:

1º. Que cada alumna e alumno só pode presentar unha única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar, advertindo que a infracción determinará a perda dos dereitos de prioridade que poidan corresponderlle.

2º. Que o alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicalo, ao mesmo tempo, ao centro de orixe.

3º. Que o alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

e) Prazo de presentación da documentación xustificativa dos criterios alegados para o baremo, se é o caso.

f) Calendario que inclúa a data de publicación das listaxes do alumnado admitido e non admitido e os prazos para formular reclamación.

g) Prazo para formalizar a matrícula que deberá axustarse ao modelo normalizado do anexo III desta orde.

h) Centros que ten adscritos, e adscrición do centro a outro ou outros, se é o caso.

i) Área de influencia do centro en cada unha das ensinanzas impartidas e áreas limítrofes.

j) Servizos complementarios que ofreza o centro, identificando a normativa concreta que os regule.

Artigo 14. Solicitude de admisión

1. O alumnado matriculado nun centro docente que desexe cambiar a outro centro, o alumnado que pretenda continuar estudos nun centro de adscrición cando o número de prazas dispoñibles sexa inferior á demanda, e o alumnado que solicite posto escolar por primeira vez, presentará a solicitude que deberá axustarse ao modelo normalizado do anexo II desta orde.

2. Esta solicitude será única e terá carácter vinculante.

3. O impreso será facilitado gratuitamente nos correspondentes centros docentes e poderá descargarse da páxina web desta consellería.

4. A solicitude terá que estar asinada por calquera das/os titulares da patria potestade ou representantes legais.

No caso de separación ou divorcio será necesaria a sinatura de ambas/os proxenitoras/es, agás que a patria potestade estea atribuída, con carácter exclusivo, a un deles. En ambos casos, será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a resolución xudicial correspondente para o seu cotexo polo centro educativo.

No suposto de alumnado afectado por situación de violencia de xénero non será exixible o previsto no parágrafo anterior.

5. A solicitude irá dirixida á dirección dos centros públicos e á titularidade dos centros privados concertados, e presentarase no centro indicado en primeiro lugar.

Sen prexuízo do anterior, a persoa titular da xefatura territorial poderá dispoñer que, en determinadas localidades, as solicitudes se presenten nun único centro ou dependencia.

6. Cada solicitude poderá conter unha relación de ata seis centros, por orde de preferencia. No caso de que a persoa solicitante non fose admitida no centro indicado en primeiro lugar, aplicarase o procedemento para a adxudicación subsidiaria de postos escolares regulado no capítulo IV desta orde.

7. A persoa interesada terá dereito a que o centro lle expida copia ou xustificante, con data e selo, acreditativa da presentación da solicitude.

8. O centro educativo deberá rexistrar a solicitude na aplicación de xestión académica e administrativa desta consellería (XADE), nos tres días hábiles seguintes ao da súa presentación.

As persoas interesadas autorizarán expresamente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a solicitar ante o Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a información de identidade persoal necesaria para o proceso de admisión. De non autorizar esta consulta, deberán achegar copia do documento de identidade correspondente.

Artigo 15. Prazo de presentación da solicitude de admisión

O prazo de presentación das solicitudes de admisión será do 1 ao 20 de marzo de cada ano, ambos os dous inclusive.

Artigo 16. Documentación

1. A solicitude de admisión deberá ir acompañada da documentación acreditativa do requisito de idade e de estar en disposición de reunir os requisitos académicos exixidos en cada nivel educativo ou etapa nos termos do anexo II.

2. A documentación que se presente en calquera trámite do procedemento deberá ser orixinal ou copia cotexada.

Artigo 17. Documentación cando a demanda de prazas escolares sexa superior á oferta

1. Logo de determinar que o número de solicitudes é superior ao de prazas ofertadas, o centro abrirá un prazo de 10 días hábiles, contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión, para achegar a documentación xustificativa dos criterios de baremo.

2. A presentación desta documentación ten carácter voluntario. A falta de presentación desta documentación impedirá valorar o criterio ou criterios para efectos de determinar a puntuación correspondente.

3. O consello escolar dos centros docentes públicos e a titularidade dos centros privados concertados poderán requirir, de forma motivada, a documentación complementaria que estimen necesaria para acreditar as situacións e circunstancias alegadas, concedendo un prazo de 5 días hábiles para á súa presentación.

4. A falta de presentación en prazo da documentación requirida impedirá ter por acreditado o criterio ou criterios afectados, e en consecuencia, impedirá valoralos para efectos de determinar a puntuación.

Artigo 18. Cómputo de prazos

Para efectos de cumprir os trámites do procedemento de admisión e matrícula do alumnado, cando o último día do prazo non sexa lectivo, prorrogarase automaticamente ata o día lectivo inmediato seguinte.

Sección 2ª. Criterios xerais de baremo

Artigo 19. Criterios xerais para a admisión do alumnado

1. Se unha vez adxudicados os postos escolares ao alumnado que teña garantía de permanencia ou que goce de prioridade por proceder de centro adscrito, o número de solicitudes é superior ao de postos dispoñibles, aplicaranse os seguintes criterios para establecer unha orde de prioridade:

a) Existencia de irmás/áns matriculadas/os no centro.

b) Nai, pai, titora ou titor que traballe no centro.

c) Proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar de traballo das/dos nais/pais ou titoras/es.

d) Renda anual per cápita da unidade familiar.

e) Condición de familia numerosa.

f) Condición de familia monoparental.

g) Concorrencia de discapacidade na alumna ou alumno, ou en nai, pai, titora, titor, irmá ou irmán do alumnado.

h) Ademais, para as ensinanzas do bacharelato terase en conta o expediente académico do alumnado.

i) Criterios establecidos por cada centro educativo, consistentes noutras circunstancias relevantes e xustificadas, de acordo con criterios obxectivos, que deberán ser publicados coa necesaria antelación ao inicio do proceso de admisión.

Artigo 20. Acreditación e valoración do criterio irmás ou irmáns matriculadas/os no centro educativo

1. Para a consideración do criterio de irmás e irmáns matriculadas/os no centro, só se terán en conta as/os que vaian continuar escolarizadas/os nel durante o curso escolar para o que se solicita a admisión.

2. Para os efectos do previsto nesta orde, terán a consideración de irmás ou irmáns:

a) As persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído dentro da mesma unidade familiar.

b) As fillas e fillos das familias formadas por nais ou pais separados ou divorciados, aínda que non sexan fillos comúns.

3. Nos casos de irmás/áns que nacesen dun parto múltiple outorgaráselle a cada unha/un delas/es a puntuación que establece o punto 5 deste artigo, sempre que soliciten o mesmo centro e o domicilio familiar estea na mesma área de influencia.

4. A acreditación deste criterio realizarase mediante fotocopia completa do libro ou libros de familia ou, no caso das/os menores en situación de acollemento, mediante fotocopia da resolución ditada pola Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

5. Valoración do criterio: por unha irmá ou irmán matriculada/o no centro, outorgaranse 8 puntos; polas/os seguintes, 2 puntos por cada unha/un.

Artigo 21. Acreditación e valoración do criterio nai, pai, titora ou titor que traballe no centro educativo

1. Para a consideración deste criterio é necesario que a nai, o pai, a titora ou titor do alumnado, no prazo de presentación da solicitude, estea vinculada/o co centro mediante relación funcionarial ou contrato de traballo celebrado por escrito, sempre que non estea previsto o remate da relación no curso escolar para o que se solicita a admisión.

2. Non se aplicará este criterio cando se trate de alumnado maior de idade ou menor que non conviva coa persoa que traballa no centro.

3. A valoración por este criterio é de 3 puntos. Esta puntuación non será acumulable no suposto de que ambas/os as/os proxenitoras/es ou titoras/es traballen no mesmo centro.

4. A acreditación deste criterio será realizada polo propio centro, incorporando ao expediente a documentación que proceda.

Artigo 22. Acreditación e valoración do criterio de proximidade do centro educativo ao domicilio familiar ou lugar de traballo das/dos proxenitoras/es ou titoras/es

1. Na solicitude de admisión a persoa solicitante deberá indicar, para os efectos de baremo, a súa opción polo domicilio familiar ou polo lugar de traballo, non sendo acumulables as puntuacións polos dous criterios. Esta opción afectará a todos os centros relacionados na solicitude.

No caso da admisión a ensinanzas de bacharelato, as alumnas e alumnos maiores de idade ou menores emancipadas/os, poderán optar por que se considere o domicilio do seu lugar de traballo, se é o caso.

2. Considerarase como domicilio familiar o habitual de residencia das/os representantes legais do alumnado ou, se é o caso, o das alumnas e alumnos maiores de idade e menores que co consentimento dos pais vivan en domicilios distintos dos daqueles.

Cando os representantes legais do alumnado vivan en domicilios diferentes, considerase como domicilio familiar o daquel con quen este conviva.

Con carácter excepcional, poderá considerarse como domicilio familiar o de outras/os familiares cos que efectivamente conviva a alumna ou alumno, sempre que esa convivencia real se probe mediante certificación específica expedida para o efecto.

A devandita certificación poderá requirirse ao abeiro do deber de colaboración coa Administración educativa doutras instancias administrativas, para garantir a autenticidade dos datos achegados ao proceso de admisión do alumnado, nos termos establecidos no artigo 84.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. O domicilio familiar acreditarase mediante certificado do Padrón municipal no que figuren todos os membros da unidade familiar que conviven nel. A data de alta no concreto domicilio deberá ter unha antigüidade mínima dun ano respecto ao inicio do procedemento de admisión, agás circunstancias debidamente xustificadas. Así mesmo, o certificado deberá estar expedido dentro do ano natural ao que corresponda o proceso de admisión.

A dirección ou a titularidade dos centros docentes sustentados con fondos públicos solicitarán, ao día seguinte do remate do prazo de presentación de documentación sinalado no artigo 17.1 desta orde, á xefatura territorial correspondente que verifique que os datos de identificación fiscal, emitidos pola Axencia Estatal de Administración Tributaria no ano no que se solicita praza escolar, coinciden cos achegados no certificado do Padrón municipal.

Para tal fin e para os únicos efectos do proceso de admisión de que se trate, as persoas interesadas autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación do domicilio fiscal, que será subministrada a esta consellería pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos. As persoas que non formulen esta autorización terán unha valoración de 0 puntos neste criterio.

4. De non coincidir os domicilios familiar e fiscal, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación complementaria: copia do título que lexitime a ocupación da vivenda declarada como domicilio familiar (escritura de compravenda ou doazón, contrato de aluguer) e contrato de alta de recibos actualizados de subministracións (auga, luz, gas) a nome da persoa ou persoas que solicitan a admisión.

5. Nos supostos excepcionais a que se refire o terceiro parágrafo do punto 2 deste artigo, será requisito imprescindible para a súa consideración que a convivencia real se xustifique mediante unha certificación expedida para tal efecto polo concello, a partir dos informes da Policía Local ou da Garda Civil, agás no caso das/dos menores en situación de acollemento no que as familias de acollida presentarán a fotocopia da resolución ditada pola Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

6. A proximidade ao centro educativo do lugar de traballo acreditarase:

a) No caso de persoas que presten servizos retribuídos por conta allea, mediante a achega de documento expedido para o efecto pola/o empregadora/or xunto cunha copia do contrato de traballo. O centro de traballo deberá estar determinado nunha localidade e enderezo concreto.

b) No caso de traballadoras e traballadores por conta propia, mediante a alta censual inicial ante a Axencia Estatal de Administración Tributaria, con todas as posibles modificacións posteriores e altas na Tesourería Xeral da Seguridade Social no réxime correspondente.

c) O persoal ao servizo das administracións públicas presentará unha certificación expedida pola xefatura de persoal correspondente.

7. A valoración deste criterio realizarase aplicando os seguintes baremos, con carácter excluínte:

a) Proximidade do domicilio familiar:

1º. Se se atopa na área de influencia do centro: 6 puntos.

2º. Se se atopa nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 3 puntos.

b) Proximidade do lugar de traballo:

1º. Se está situado dentro da área de influencia do centro: 4 puntos.

2º. Se está situado nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 2 puntos.

Artigo 23. Acreditación e valoración do criterio da renda anual per cápita da unidade familiar

1. Para a valoración deste criterio terase en conta a renda da unidade familiar que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural no que se presenta a solicitude.

2. Para os efectos desta orde, considérase que a unidade familiar está integrada polos cónxuxes non separados legalmente ou parellas de feito debidamente inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia e, se os houber, por:

a) As fillas e fillos menores de idade, con excepción das/dos menores que, con consentimento das/dos nais/pais ou titoras/es, vivan independentemente.

b) As fillas e fillos maiores de idade incapacitadas/os.

3. Nos casos de nulidade, separación ou divorcio, entenderase por unidade familiar a formada pola nai ou pai e todas/os as/os fillas/os que residan habitualmente cun ou outro, que reúnan os requisitos subliñados no punto anterior. Nos casos de custodia compartida, entenderase como renda da unidade familiar a das persoas que convivan no domicilio familiar indicado na solicitude.

4. Para a valoración da renda da unidade familiar, as persoas interesadas deberán sinalar na solicitude a cantidade que resulte da suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro na declaración da renda conxunta, ou se é o caso, a que resulte da suma das declaracións individuais dos membros da unidade familiar, dividida entre o número de membros computables desta.

5. As/os solicitantes autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación da renda anual da unidade familiar, que será subministrada directamente a esta consellería pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos. Tanto que se optase por unha tributación conxunta como por unha tributación individual, a autorización concederase por ambos os dous cónxuxes.

De non formularse esta autorización, a solicitude valorarase con 0 puntos neste criterio de admisión.

6. No caso en que a Axencia Estatal de Administración Tributaria non dispoña dos datos tributarios das persoas integrantes da unidade familiar, estas deberán achegar unha certificación de haberes, ou calquera outro documento de cada unha delas, correspondente ao exercicio fiscal ao que se refire o punto 1 deste artigo, que permita aplicar o baremo.

7. A información á que se refire este artigo só poderá ser utilizada para a finalidade prevista nesta orde. As persoas que teñan acceso aos datos por razón da xestión do proceso de admisión, están suxeitas ao mesmo deber de sixilo profesional que as funcionarias e funcionarios da Administración tributaria.

8. A valoración da renda anual per cápita da unidade familiar realizarase con referencia ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) correspondente ao exercicio fiscal ao que se refire o punto 1 deste artigo, coa seguinte escala:

a) Se é inferior a 0,5 veces o IPREM: 3 puntos.

b) Se é igual ou superior a 0,5 e inferior a 0,75 veces o IPREM: 2 puntos.

c) Se é igual ou superior a 0,75 veces e inferior ao IPREM: 1 punto.

d) Se é igual ou superior ao IPREM: 0 puntos.

Artigo 24. Acreditación e valoración do criterio de condición de familia numerosa

1. Para a consideración de familia numerosa teranse en conta as que reúnan os requisitos que determinan os artigos 10 e 11 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, antes do final do prazo de presentación de solicitudes.

2. Esta circunstancia acreditarase mediante fotocopia do título oficial en vigor ou do carné familiar galego expedidos pola Consellería de Traballo e Benestar, ou copia da solicitude de recoñecemento ou renovación. Neste último caso, deberá achegar a fotocopia do titulo, da súa renovación ou do carné, antes da resolución definitiva da admisión no centro que solicita en primeiro lugar.

3. A valoración por este criterio é a que segue:

a) Por pertencer a familia numerosa de categoría especial: 3 puntos.

b) Por pertenza a familia numerosa de categoría xeral: 2 puntos.

Artigo 25. Acreditación e valoración do criterio da condición de familia monoparental

1. Para os efectos da valoración deste criterio, terá a consideración de familia monoparental a que reúna os requisitos que determina o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Esta circunstancia acreditarase mediante fotocopia do libro de familia, certificado de convivencia, resolución xudicial de separación, divorcio ou medidas paterno-filiais ou convenio regulador.

3. A valoración deste criterio é de 2 puntos.

Artigo 26. Acreditación e valoración do criterio de discapacidade

1. Puntuaranse as discapacidades en grao igual ou superior ao 33 % da alumna ou alumno, da súa nai, pai ou titora/or ou dalgunha/un das/os irmás/áns, recoñecida antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Esta circunstancia acreditarase mediante a certificación do grao de minusvalía expedida pola Consellería de Traballo e Benestar ou, se é o caso, do órgano competente doutras administracións públicas.

3. A valoración por este criterio realízase aplicando o seguinte baremo, cun máximo de 4 puntos:

a) Por discapacidade da alumna ou alumno: 4 puntos.

b) Por discapacidade dunha/un das/dos proxenitoras/es ou titoras/es: 3 puntos.

c) Por discapacidade dalgunha/un das/dos irmás/áns da alumna ou alumno: 1 punto por cada unha/un delas/es.

Artigo 27. Valoración e acreditación do criterio de expediente académico, para o acceso ás ensinanzas de bacharelato

1. No suposto de admisión nas ensinanzas do bacharelato, a nota do expediente académico irá referida ao terceiro curso da educación secundaria obrigatoria ou, se é o caso, da titulación que se alegue para o ingreso, e acreditarase mediante unha certificación académica persoal.

2. A valoración por este criterio é a que segue:

a) Nota media de sobresaliente: 2 puntos.

b) Nota media de notable: 1 punto.

c) Nota media de ben: 0,50 puntos.

Artigo 28. Acreditación e valoración do criterio complementario aprobado polos centros

1. Con anterioridade ao inicio do proceso de admisión de alumnado, os centros educativos poderán establecer un criterio complementario consistente en circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente, de acordo con criterios obxectivos, debendo sinalar a forma de acreditalo.

Entre tales circunstancias, poderán considerar un dos criterios xerais que detalla esta orde, que se acreditará na forma que esta establece.

2. A aprobación do criterio corresponde ao consello escolar dos centros educativos públicos. Nos centros privados concertados, a competencia corresponde á súa titularidade, por proposta do consello escolar.

3. No prazo de dous días hábiles seguintes á adopción do acordo, a dirección do centro público e a titularidade do centro privado concertado informarán do criterio a valorar á correspondente xefatura territorial, así como da forma de acreditalo.

4. Así mesmo, antes do día 1 de marzo de cada ano, os centros educativos farán público o devandito criterio e a forma de acreditalo no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web ou por calquera outro medio de difusión.

5. A valoración deste criterio é de 1 punto.

Artigo 29. Puntuación total e criterios de desempate

1. A puntuación total acadada conforme os criterios e valoración establecidos nos artigos precedentes decidirá a orde de admisión.

2. No caso de empate na puntuación final, resolverase atendendo á maior puntuación obtida en cada un dos referidos criterios atendendo a seguinte orde de prelación:

a) Existencia de irmás ou irmáns matriculadas/os no centro.

b) Nai, pai ou titoras/es que traballen no centro.

c) Proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar de traballo de nai, pai ou titoras/es.

d) Renda anual per cápita da unidade familiar.

e) Condición de familia numerosa.

f) Condición de familia monoparental.

g) Concorrencia de discapacidade na alumna ou alumno, na nai, pai ou titoras/es ou nalgunha/un irmá ou irmán.

h) Expediente académico do alumnado, no seu caso.

i) Criterio establecido polo centro educativo.

3. Se unha vez aplicados estes criterios se mantén o empate, este resolverase aplicando o resultado dun sorteo público, que realizará anualmente esta consellería a última semana do mes de febreiro e, en todo caso, antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes.

4. No sorteo extraeranse catro letras do abecedario, que determinarán, correlativamente, a primeira e segunda letra do primeiro apelido e a primeira e segunda letra do segundo apelido. As catro extraccións levaranse a cabo con todas as letras.

5. A orde de prelación comezará pola/o solicitante cuxo primeiro apelido comece coas dúas primeiras letras extraídas e, se non houber ningún, continuarase pola/o seguinte solicitante por orde alfabética.

6. No caso de coincidencia no primeiro apelido entre varias/os alumnas/os, comezarase por aquela/aquel cuxo segundo apelido comece coa terceira e cuarta letras extraídas e, se non houber ningún, pola/o seguinte solicitante por orde alfabética.

7. No caso de coincidencia do primeiro e segundo apelido entre varias/os solicitantes, acudirase como criterio de desempate ao nome, por orde alfabética; en caso de persistir, dirimirase por sorteo.

8. Cando os apelidos vaian precedidos de preposicións, conxuncións ou artigos, estes non serán tidos en conta.

Sección 3ª. Listaxe provisional e definitiva de persoas admitidas e non admitidas, reclamacións e recursos

Artigo 30. Publicación da listaxe provisional de persoas admitidas e non admitidas e reclamacións

1. Á vista das solicitudes de admisión presentadas, e unha vez determinada a puntuación resultante de aplicar os criterios de baremo, se é o caso, o centro publicará no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web a relación nominal de todo o alumnado admitido e non admitido por curso, por orde da puntuación total obtida.

2. De acordo coas garantías e límites da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, as persoas interesadas no procedemento de admisión poderán consultar as listaxes provisionais coa puntuación desagregada dos criterios de baremo na secretaría do centro.

3. As listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas deberán publicarse antes do día 25 de abril de cada ano, indicando expresamente que se poderá formular reclamación no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación, ante o consello escolar no caso de centros públicos, e ante a titularidade no caso de centros privados concertados.

Artigo 31. Publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e non admitidas

1. A estimación ou desestimación das reclamacións formuladas fronte as listaxes provisionais, entenderase realizada a través das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas.

2. A dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados publicarán no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web, antes do 15 de maio de cada ano, as listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas, ordenadas segundo a puntuación total, indicando expresamente a forma concreta para a súa impugnación, órgano competente e prazo, de acordo co artigo seguinte.

3. Estas listaxes definitivas permanecerán expostas no taboleiro de anuncios e na páxina web do centro ata o día de inicio do novo curso escolar.

4. De conformidade co anterior artigo 30.3, as persoas interesadas poderán consultar as listaxes definitivas coa puntuación desglosada dos criterios de baremo na secretaría do centro.

Artigo 32. Impugnación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: recurso de alzada ou reclamación

1. No caso de centros públicos, contra a relación definitiva, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da xefatura territorial, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

2. No caso de centros privados concertados, contra a relación definitiva, as persoas interesadas poderán formular reclamación ante a persoa titular da xefatura territorial no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. En ambos casos, a resolución da persoa titular da xefatura territorial porá fin á vía administrativa. Na notificación desta resolución á persoa interesada deberá indicarse expresamente, que contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo, o órgano competente e o prazo para a súa interposición.

Artigo 33. Comunicación da relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas

A dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados remitirán á correspondente xefatura territorial, no prazo de 2 días hábiles seguintes ao da publicación da relación definitiva, a seguinte documentación:

a) Listaxe definitiva do alumnado admitido no centro.

b) Número de postos escolares non cubertos, detallados por cursos e niveis, se é o caso.

c) Listaxe definitiva do alumnado non admitido no centro, xunto coa documentación presentada, se é o caso.

Sección 4ª. Perda do dereito de prioridade

Artigo 34. Perda do dereito de prioridade

1. A dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados remitirán, de xeito inmediato, á xefatura territorial:

a) As solicitudes de admisión presentadas fóra de prazo.

b) As solicitudes de admisión referidas a unha mesma persoa, no caso de presentación de máis dunha; así mesmo as solicitudes de admisión presentadas estando vinculado por reserva.

c) As solicitudes de admisión que conteñan datos que non se axusten ás circunstancias reais da alumna ou do alumno.

d) As solicitudes de admisión que estean acompañadas por documentación que reflicta datos que non se axusten ás circunstancias reais.

2. A persoa titular da xefatura territorial notificará esta incidencia á persoa interesada, concedéndolle un prazo de 5 días hábiles para que formule alegacións, achegue documentos ou xustificacións que estime procedentes.

3. Á vista das alegacións formuladas ou transcorrido o prazo indicado sen que se presentasen, a persoa titular da xefatura territorial resolverá o procedente no prazo de 5 días hábiles, declarando, se é o caso, a perda do dereito de prioridade que puidese corresponderlle. Así mesmo, adoptará as medidas necesarias para asegurar a escolarización do alumnado afectado nun centro sostido con fondos públicos que dispoña de prazas vacantes.

4. Na notificación desta resolución deberá indicarse expresamente que pon fin á vía administrativa, e que contra a mesma cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo, indicando o órgano competente e o prazo para a súa interposición.

CAPÍTULO IV
Adxudicación subsidiaria de postos escolares

Artigo 35. Adxudicación subsidiaria

Cando a persoa solicitante non fose admitida no centro indicado en primeiro lugar na súa solicitude, será baremada de forma sucesiva para cada un dos centros solicitados nos que existan postos vacantes, seguindo a orde de preferencia manifestada na solicitude, para determinar a súa puntuación no centro concreto conforme os criterios de baremo.

Artigo 36. Procedemento

1. A xefatura territorial correspondente remitirá a documentación indicada no artigo 33 desta orde á comisión de escolarización que, nestes casos, deberá constituírse con carácter preceptivo.

2. A comisión de escolarización, á vista da documentación recibida, tendo en conta os postos escolares non cubertos nos respectivos centros e niveis e a preferencia manifestada na solicitude en segundo lugar, procederá a baremar os criterios de admisión acreditados.

3. Cando non existan postos dispoñibles do curso ou nivel no centro indicado en segundo lugar, determinarase a puntuación que lle corresponde no centro indicado en terceiro lugar e, se é o caso, nos posteriores, seguindo sempre a orde de preferencia manifestada na solicitude na forma indicada no punto anterior.

4. Unha vez determinada a puntuación que lle corresponde ao alumnado afectado no centro concreto, a comisión de escolarización comunicará á xefatura territorial o resultado da súa valoración para efectos da adxudicación dos postos escolares dispoñibles ao alumnado que, no nivel de preferencia que se estea considerando, obtivese a maior puntuación.

5. A persoa titular da xefatura territorial remitirá a proposta de adxudicación subsidiaria de postos escolares aos centros nos que, segundo o resultado deste proceso, se vaia producir a escolarización da alumna ou do alumno.

6. Se logo de valorar os criterios de baremo xustificados polo alumnado en todos os centros indicados na súa solicitude, as puntuacións acadadas nos respectivos centros non lle permitisen obter posto escolar en ningún deles, a comisión de escolarización proporá a adopción das medidas necesarias para a súa escolarización nun centro sustentado con fondos públicos.

CAPÍTULO V
Adxudicación de postos escolares reservados a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Artigo 37. Solicitude de admisión

1. A solicitude de admisión deberá presentarse na forma e prazo establecido nesta orde, e ademais, nais, pais ou representantes legais deberán manifestar expresamente que optan a unha praza reservada para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo derivadas de discapacidade física, psíquica ou sensorial, de sobredotación intelectual, de trastornos graves de conduta ou por encontrarse en situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais económicos ou culturais.

2. Xunto á solicitude deberán achegar a documentación xustificativa das devanditas situacións e circunstancias. No caso de alegar situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais, económicos ou culturais, achegarán o informe dos servizos oficias competentes.

3. Cando o número de solicitudes de admisión recibidas nun centro supere o número de prazas reservadas, os centros requiriran as/os solicitantes para que acheguen a documentación xustificativa dos criterios de baremo no prazo establecido no artigo 17.1 desta orde.

Artigo 38. Valoración das necesidades específicas de apoio educativo alegadas

1. Os centros deberán remitir as solicitudes e a documentación achegada á xefatura territorial, no prazo máximo de 10 días hábiles seguintes ao da súa presentación, que irá acompañada da avaliación psicopedagóxica inicial realizada no centro, para a súa valoración polo equipo de orientación específico.

2. A xefatura territorial devolverá aos centros afectados as solicitudes acompañadas do informe do equipo de orientación específico, indicando se procede ou non a súa escolarización con cargo á reserva de prazas de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, antes da data de publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas.

Artigo 39. Asignación dos postos escolares reservados

1. Cando o número de solicitudes sexa superior ao de postos reservados, terán preferencia as/os solicitantes que obteñan maior puntuación conforme aos criterios de baremo fixados nesta orde. As restantes solicitudes concorrerán en igualdade de condicións con todas as demais.

2. As prazas reservadas non adxudicadas a este alumnado asignaranse conforme o procedemento ordinario e, se é o caso, ao procedemento subsidiario de adxudicación.

CAPÍTULO VI
Procedemento de matrícula do alumnado

Artigo 40. Formalización da matrícula

1. O alumnado admitido mediante calquera dos procedementos regulados nos artigos anteriores desta orde, formalizará a súa matrícula no centro educativo correspondente.

2. Os prazos para a formalización da matrícula serán os seguintes:

a) Do 20 ao 30 de xuño para o alumnado de educación infantil e primaria.

b) Do 25 de xuño ao 10 de xullo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

c) Prazo extraordinario do 1 ao 10 de setembro para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

3. Se finalizado o prazo de matrícula non se tivese formalizado esta, teráselle por decaído no dereito á praza obtida.

Artigo 41. Remisión da documentación relativa ao alumnado que formalizou a matrícula noutro centro

1. A dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados nos que se imparta educación secundaria obrigatoria, solicitará á dirección dos colexios de educación infantil e primaria ou de educación primaria, a remisión da documentación correspondente ao alumnado que formalizou a matrícula no centro.

2. Mentres non se produza a solicitude e efectiva remisión desta documentación, quedará depositada no centro de educación infantil e primaria ou de educación primaria no que estivese matriculado o alumnado.

Artigo 42. Comunicación de prazas escolares vacantes despois da formalización da matrícula

Transcorridos os prazos para formalizar a matrícula, a dirección dos centros públicos e a titularidade dos centros privados concertados comunicará á xefatura territorial o número de prazas escolares vacantes existentes, especificando o curso e nivel educativo ao que pertencen. Así mesmo, comunicarán todas as vacantes que se vaian producindo ao longo do curso académico.

Artigo 43. Anulación de matrícula

1. A dirección dos centros docentes, por petición razoada do alumnado ou, se é menor de idade, das/os proxenitoras/es ou representantes legais, poderán deixar sen efecto a súa matrícula en bacharelato, cando aleguen causas que imposibiliten a asistencia a clase da alumna ou do alumno antes de finalizar o mes de abril de cada curso.

2. Neste caso, a matrícula anulada non se computará para os efectos de determinar o número máximo de anos de permanencia no bacharelato.

CAPÍTULO VII
Procedemento extraordinario de admisión de alumnado

Artigo 44. Escolarización de alumnado por traslado de domicilio ou por incorporación ao sistema educativo

Nos supostos de escolarización de alumnado xa iniciado o curso escolar, por traslado do domicilio da unidade familiar que implique cambio de localidade, ou por incorporación ao sistema educativo, previstos no artigo 12 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro, a persoa titular da xefatura territorial poderá autorizar un incremento de ata o dez por cento do número máximo de alumnas e alumnos por unidade nos centros públicos e privados concertados dunha mesma área de influencia, para atender as necesidades que se produzan.

Artigo 45. Escolarización de alumnado derivada de acoso escolar

1. Unha vez iniciado o curso escolar, a alumna, o alumno ou a súa familia, poderán solicitar o cambio de centro por motivo de acoso escolar, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. Corresponderá á inspección educativa constatar a efectiva concorrencia da situación alegada e, de ser o caso, adoptar as mediadas necesarias para a inmediata escolarización do alumnado afectado noutro centro docente.

Artigo 46. Escolarización de alumnado derivada de situación de violencia de xénero

1. Unha vez iniciado o curso escolar, cando a alumna ou a nai ou titora do alumnado, por razón de violencia de xénero, véxanse obrigadas a abandonar a localidade de residencia onde radica o posto escolar, poderán solicitar o cambio de centro por este motivo, de acordo co previsto no artigo 13 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. A acreditación da situación de violencia de xénero realizarase mediante calquera dos mecanismos previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, nos seguintes termos:

a) No caso de que a acreditación se realice mediante algunha das formas recollidas nos puntos a) ou b) do artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, a orde de protección, as medidas cautelares ou as medidas de protección que se conteñan na sentenza deberán estar en vigor.

b) No caso de que a acreditación se realice mediante os medios reflectidos nos puntos c), d), e) ou f) do citado artigo 5 da Lei 11/2007, as certificacións ou informes deben ter sido emitidos no prazo máximo de 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude de admisión.

3. Corresponderá á inspección educativa constatar a efectiva concorrencia da situación alegada e, de ser o caso, adoptar as mediadas necesarias para a inmediata escolarización do alumnado afectado.

Artigo 47. Escolarización por traslado de centro durante o curso, sen cambio de localidade

Unha vez iniciado o curso escolar poderá autorizarse o traslado de centro dentro da mesma localidade, en supostos excepcionais debidamente xustificados.

Os centros docentes remitirán as solicitudes á xefatura territorial que, logo do informe motivado da inspección educativa, proporá á dirección dos centros públicos e á titularidade dos centros privados concertados a adopción das medidas necesarias para a escolarización, atendendo sempre que sexa posible, por existir postos vacantes, á opción manifestada na solicitude.

Disposición adicional primeira. Calendario do procedemento de admisión e matrícula

Os prazos previstos nesta orde para a tramitación dos procedementos de admisión e de matrícula do alumnado son os que se indican a continuación e, en todo caso, enténdense referidos ao ano natural:

1. Reserva de praza no centro de orixe: 1-15 de febreiro.

2. Data do sorteo público a efectos de desempate: última semana de febreiro e, en todo caso, antes do 1 de marzo.

3. Publicación de postos escolares vacantes: antes do 1 de marzo.

4. Presentación da solicitude de admisión: 1-20 de marzo.

5. Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: 10 días hábiles contados a partires dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.

6. Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas: antes do 25 de abril.

7. Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: antes do 15 de maio.

8. Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: 20-30 de xuño.

9. Formalización da matrícula en ESO e bacharelato: 25 de xuño-10 de xullo.

10. Prazo extraordinario de formalización de matrícula en ESO e bacharelato: 1-10 de setembro.

Disposición adicional segunda. Acceso aos servizos complementarios en centros públicos e autorización de utilización de datos de identidade persoal, de verificación de residencia e de información tributaria

1. As nais, pais ou representantes legais do alumnado que, de acordo co disposto nesta orde, presenten solicitude de admisión ou formalicen matrícula, deberán indicar expresamente nestas se solicitan o uso dos servizos complementarios de comedor e/ou transporte escolar.

2. O alumnado con garantía de permanencia no centro docente que non teña que formalizar matrícula, deberá manifestar expresamente mediante escrito dirixido a este ao longo do mes de maio de cada ano, que solicita utilizar os servizos complementarios de comedor e/ou transporte escolar.

3. Para os únicos efectos de acceder aos ditos servizos, as persoas interesadas autorizarán expresamente a utilización dos datos de identidade persoal e de residencia, que serán subministrados directamente a esta consellería polos respectivos Sistemas de Verificación de Datos de Identidade e Residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Así mesmo, autorizarán a utilización da información tributaria que se precise, que será subministrada directamente a esta consellería pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

De non autorizar esta consulta, deberán achegar copia do documento de identidade correspondente e do certificado de empadroamento.

Disposición transitoria primeira. Calendario do procedemento de admisión e matrícula para o curso escolar 2013/14

Para o curso escolar 2013/14 os prazos previstos nesta orde para a tramitación dos procedementos de admisión e de matrícula do alumnado, son os seguintes:

1. Reserva de praza no centro de orixe: 18-22 de marzo.

2. Data do sorteo público a efectos de desempate: antes do 2 de abril.

3. Publicación de postos escolares vacantes: 4 de abril.

4. Presentación da solicitude de admisión: 5-17 de abril.

5. Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: 22 de abril-3 de maio.

6. Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas: até o 10 de maio.

7. Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: antes do 31 de maio.

8. Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: 20-30 de xuño.

9. Formalización da matrícula en ESO e bacharelato: 25 de xuño-10 de xullo.

10. Prazo extraordinario de formalización de matrícula en ESO e bacharelato: 1-10 de setembro.

Disposición transitoria segunda. Criterio complementario

Para o curso escolar 2013/14 as actuacións establecidas no artigo 28 desta orde en relación coa adopción do criterio complementario, a súa comunicación á xefatura territorial, así como o relativo á publicación e forma de xustificación, deberán efectuarse antes do 5 de abril.

Disposición derradeira primeira. Autorización para ditar instrucións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file