Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 30 de maio de 2013 Páx. 19261

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2013 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección, na súa xuntanza do día 19 de marzo de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e facultar o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, que poderán estar cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia, eixe 1, tema prioritario 63, e convocar para o exercicio 2013 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Procedemento

Partida orzamentaria

Orzamento 2013

IG114. Apoio ás iniciativas abertas de difusión

08.A1.741A.4817

400.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de setembro de 2013. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á dita data (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).

Quinto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo
Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013

O Instituto Galego de Promoción Económica, en cumprimento das súas funcións, está chamado a desempeñar un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de maneira salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade galega.

Cómpre facer un esforzo específico a prol da colaboración e cooperación interempresarial incentivando proxectos e iniciativas promovidas e coordinadas por organismos intermedios de carácter empresarial que poidan implicar en proxectos de interese común conxuntos de empresas galegas, xerando así o valor engadido das sinerxías, aforros e reciprocidades dos proxectos compartidos, co obxectivo principal de incrementar e dinamizar a actividade económica na Comunidade Autónoma, favorecer o desenvolvemento equilibrado do territorio e lograr o incremento do emprego, a través do desenvolvemento e mellora da competitividade das empresas existentes, cuxa participación en iniciativas de reforzo da competitividade está condicionada polo seu reducido tamaño e reducida capacidade de atención individual aos incentivos que estimulan a súa acción.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o programa Impulsa-Lugo e o programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos que se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual en que as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

Estas axudas estarán cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 63.

Considerando o carácter básico do Igape como instrumento de promoción eminentemente horizontal e aberto á colaboración cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, ademais do previsto nestas bases, poderá xestionar e canalizar cara ao tecido empresarial outras medidas de acordo cos departamentos competentes por razón de materia.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Con carácter xeral, as axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1.1. Co obxectivo de incentivar proxectos e actuacións empresariais de distinta tipoloxía, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido ás iniciativas abertas de difusión, entendendo por tales:

a) Xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade.

b) Realización en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels).

c) Realización en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional. O alcance internacional do evento proposto será determinado en función do seu historial previo de congresistas e relatores, no caso de congresos, ou de asistentes e expositores, no caso de eventos expositivos, sen que poidan, por tanto, seren considerados como tales as primeiras edicións dun determinado congreso ou evento, aqueles cuxa periodicidade sexa inferior a un ano nin aqueles cuxo carácter internacional estea exclusivamente determinado por unha asistencia transfronteiriza ou pola presenza de relatores estranxeiros.

1.2. Os proxectos subvencionables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica e financeira.

1.3.  Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 1.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas previstas nesta base polo seu carácter de apertura xeral e difusión non constitúen axuda de Estado de acordo co artigo 107 do Tratado constitutivo da UE, dado que non afecta nin pode afectar os intercambios comerciais entre Estados membros.

2.4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 63, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo (DOUE L 210/25, do 31 de xullo de 2006), Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006), e Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os ditos proxectos cumpren os requisitos de elixibilidade da Orde TIN/2965/2008 e da Orde TIN/788/2009, que a modifica, sobre gastos subvencionables polo FSE.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con fondos ou instrumentos da UE.

3.2. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvención doutras administracións ou institucións, sempre que respecten as intensidades de axuda máxima indicadas na súa regulamentación específica.

3.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, de ser o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos últimos tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarias as entidades sen fin de lucro, con personalidade xurídica propia (organismos intermedios), que cumpran as seguintes condicións:

a) Que estean domiciliadas en Galicia ou que, tendo algún centro de actividade en Galicia, desenvolvan en Galicia, na súa totalidade, o proxecto obxecto de apoio.

b) Que a súa actividade estea dirixida eminentemente ao mundo empresarial.

4.2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 1 número 7 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións dos gastos subvencionables

5.1. Conceptos subvencionables e límites de axuda:

5.1.1. As xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade, previstas na letra a) do artigo 1.1. anterior, terán os seguintes conceptos subvencionables de gasto:

a) Gastos de publicidade.

b) Elaboración de documentación e edición de relatorios ou publicacións.

c) Custos de contratación de relatores.

d) O IVE cando o solicitante acredite a súa exención.

Segundo o alcance do evento, os límites de axuda serán os seguintes:

– Provincial ou inferior: 6.000 €.

– Autonómico: 9.000 €.

– Nacional: 12.000 €.

– Internacional: 20.000 €.

5.1.2. Para a realización en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels) prevista na letra b) do artigo 1.1. anterior, o Igape poderá patrocinar a organización dos encontros, cun límite por xuntanza de 10.000 €, suxeito á xustificación de custos producidos pola organización dos encontros empresariais patrocinados, por importe non inferior á cantidade asignada polo Igape.

5.1.3. Para a realización en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional prevista na letra c) do artigo 1.1. anterior, o Igape poderá patrocinar a organización de iniciativas de interese xeral, no seo do congreso ou evento expositivo, cun límite xeral de 50.000 €, e un límite especial de 125.000 € cando concorran as seguintes circunstancias:

– Eventos con periodicidade anual ou superior.

– Histórico de celebracións en Galicia de polo menos 5 edicións previas.

– Participación de congresistas (congresos) ou expositores (eventos expositivos) de polo menos 10 países distintos na última edición.

O aboamento da subvención estará suxeito á xustificación de custos en que se incorra pola organización das actividades patrocinadas, por importe non inferior á cantidade asignada polo Igape.

5.2. Os gastos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. Este prazo iniciarase con carácter xeral na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data que, á vista das características do proxecto, sexa establecida na resolución de concesión. Igualmente poderán subvencionarse os gastos executados desde o exercicio anterior ao da convocatoria, sempre que as datas de execución dependan exclusivamente de accións de terceiros e fosen posteriores á data límite de execución dos proxectos subvencionados dunha convocatoria anterior do Igape para a mesma tipoloxía de proxectos.

5.3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

5.4. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite mediante a correspondente certificación que se encontra acollido ao réxime de exención do IVE.

5.5. Os gastos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá ser concertada polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

5.6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Para as iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1. anterior, con carácter xeral cun mínimo dun 25 % e ata un máximo do 70 % dos gastos subvencionables, teranse en conta na avaliación e selección de proxectos e na determinación da intensidade da axuda, resultado da aplicación da seguinte fórmula: 25+45×(puntos obtidos/100), os seguintes criterios:

a) Proxectos presentados por clústers galegos legalmente constituídos (10 puntos).

b) A localización da celebración do evento, segundo o anexo III a estas bases (0-15 puntos).

c) A participación de representantes de empresas privadas, institucións públicas e universidades no evento (0-20 puntos).

d) A singularidade da temática e as formulacións previstas (0-20 puntos).

e) O nivel contrastado dos relatores (0-25 puntos).

f) A previsión de difusión de iniciativas e programas do Igape relacionados coa temática do evento (0-10 puntos).

6.2. O apoio ás iniciativas previstas nas letras b) e c) do artigo 1.1. anterior terá carácter prioritario na resolución da convocatoria e garantirase, en todo caso, un mínimo do 30 % do crédito para a resolución das iniciativas previstas na letra a) do artigo 1.1. No suposto en que o importe dos proxectos presentados para as iniciativas previstas nas letras b) e c) do artigo 1.1 supere a dotación prevista para elas, procederase ao rateo entre os solicitantes que cumpran os requisitos do artigo 4, sobre os límites máximos establecidos para este tipo de iniciativas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

7.3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A dita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

7.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

7.7. As propostas que resulten seleccionadas nos programas con cofinanciamento europeo pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8.4. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

8.5. A instancia de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

Escritura de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.

Certificado de exención de IVE, de ser o caso; os organismos públicos deberán facer referencia á norma que os rexe.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se encontre en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.6. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE e a documentación anexa, en orixinal ou copia cotexada, no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8.7. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente a instancia de solicitude co IDE e presentala no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.5, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderalle requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Entidades colaboradoras

De conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape poderá designar entidades colaboradoras para a xestión da subvención, cumprindo os requisitos do artigo 10 da mencionada lei. As entidades colaboradoras designaranse con base na súa experiencia na xestión de proxectos. Non se prevé a constitución de garantía por parte das entidades colaboradoras, salvo que a colaboración inclúa o aboamento directo das subvencións; neste caso prevese que as entidades recollidas no artigo 13.4 da Lei de subvencións no procedemento de selección constituirán garantía polo 1 % do orzamento previsto.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

11.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor ou das súas entidades colaboradoras, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

11.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

11.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas que cuantificará, se é o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva, vixente ata a emisión da resolución definitiva, para cubrir posibles revogacións ou desistencias, publicarase na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes.

11.4. A proposta seralles notificada individualmente a todos os interesados.

11.5. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da dita proposta de resolución provisional.

11.6. Unha vez analizadas as ditas alegacións, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

11.7. A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape no enderezo
www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que lles afecta no enderezo citado, introducindo o código indicado na notificación individual da proposta de resolución provisional.

Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria e, de ser o caso, polo Fondo Social Europeo. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

Na resolución das axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

11.8. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

11.9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

13.1. Unha vez firme a resolución de concesión, non se admitirán modificacións dela.

13.2. Sen necesidade de instar procedemento de modificación ou de incumprimento da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, especialmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un prazo de tres anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello. Todo isto coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, e deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos FSE.

f) Dar publicidade do financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria e, de ser o caso, o Fondo Social Europeo, así como lendas relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alá do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos, ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no Manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG nº 227, do 19 de novembro), e nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) nº número 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que se pode consultar na páxina web www.conselleriadefacenda.es

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Xustificación da subvención

15.1. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde a finalización do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que se poida presentar a solicitude de cobramento despois do 30 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (en caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

15.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

15.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

15.4. O beneficiario presentará a solicitude de cobramento co IDEL no Rexistro Xeral dos Servizos Centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación establecida no artigo 15.6 en orixinal ou copia cotexada.

Así mesmo, poderá asinar electronicamente a instancia de solicitude de cobramento co IDEL e presentalo no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), sempre que cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6. Neste tipo de presentación, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 15.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirirlle ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

15.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, selada e asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida e selada polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo orixinal asinado e selado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dalgún destes xustificantes de tipo de cambio a euros:

• Documentos bancarios de cargo en euros en que conste o tipo de cambio empregado.

• Cotización oficial publicada polo Banco de España ou Banco Central Europeo correspondente á data do pagamento da factura.

• Para outros tipo de cambio atenderase a tipos de cambio do mercado de divisas á data do pagamento das facturas.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital -que permita a súa lectura- de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade (fotos, diapositivas, CD…) do financiamento público citada no artigo 14.f) destas bases.

d) Memoria de execución do proxecto onde se fagan patentes as accións desenvolvidas.

e) Certificación, emitida polo representante legal, onde se faga constar que o evento obxecto de subvención foi de carácter gratuíto ou ben indicar a contía total percibida por parte dos seus asistentes.

15.7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

15.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

15.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento das axudas

16.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

16.2. Os órganos competentes do Igape ou as súas entidades colaboradoras poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

16.3. Sen necesidade de iniciar procedemento de reintegro, no caso de que o beneficiario xustifique gastos por importe inferior ao establecido na resolución de concesión, e sempre e cando o gasto xustificado iguale ou supere o 50 % do gasto subvencionable establecido, non desvirtúe o proxecto aprobado e o beneficiario manifeste a súa conformidade, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

17.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

17.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se e o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percbidas e os seus xuros de demora.

b) Non será necesario iniciar procedemento de incumprimento cando se xustifiquen gastos por importe inferior ao aprobado na resolución de concesión, sempre que non sexan inferiores ao 50 % deste, que a minoración non desvirtúe o proxecto, que se cumpran o resto das condicións da resolución e que o beneficiario manifeste a súa conformidade coa minoración proporcional da subvención en función dos gastos xustificados.

c) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

17.4. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe que se deberá reintegrar inferior a 30 € ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

20.1. O órgano concedente e as súas entidades colaboradoras comprobarán a ade-cuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 3 anos posteriores ao peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

20.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Publicidade

21.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes re-xistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

21.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE; no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; no Regulamento (CE) nº 1083/2006, Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009); no Regulamento (CE ) nº 1081/2006, do 5 de xullo de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L 210/1, do 31 de xullo de 2006), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file