Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Xoves, 6 de xuño de 2013 Páx. 20937

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 16 de maio de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación do monte Ampliación de Berlanga e Campanilla, a favor dos veciños da comunidade de Xunqueira de Ambía, no concello de Xunqueira de Ambía (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 8 de maio de 2013, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Ampliación de Berlanga e Campanilla, solicitada polos veciños de Xunqueira de Ambía, no concello de Xunqueira de Ambía (Ourense), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 10 de novembro de 2011 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar unescrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da comunidade de montes veciñal de Xunqueira de Ambía, no concello de Xunqueira de Ambía (Ourense), en que solicitan a ampliación da clasificación do devandito monte.

Segundo. Con data do 10 de outubro de 2012, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de ampliación da clasificación do referido monte, no cal designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abriuse un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións, Antonio Cid Fariñas, en representación de Antonio e Benito Cid Malvar, solicitou a exclusión das parcelas 5 e 6 do polígono 9 e Julián Pérez Puga solicitou a exclusión da parcela 3 do polígono 9. Todos eles achegaron documentación xustificativa da súa pretensión polo que o Xurado Provincial acordou estimar as súas reclamacións e excluír da clasificación do monte veciñal as parcelas 3, 5 e 6 do polígono 9 do concello de Xunqueira de Ambía.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Concello: Xunqueira de Ambía.

Denominación do monte: Ampliación de Berlanga e Campanilla.

Comunidade veciñal solicitante: veciños da comunidade de Xunqueira de Ambía.

Superficie total: 4,112 ha aproximadamente.

Parcelas catastrais das cales se solicita a clasificación como monte veciñal en man común: concello de Xunqueira de Ambía; parcela suroeste: constituída polas parcelas catastrais 47, 78, 79, 80 e 5.047 m2 da parcela 9003 do polígono 9, cunha superficie de 39.780 m2. Presenta un pequeno encravado na zona norte correspondente a instalacións do campo de fútbol; parcela sueste: constituída pola parcela catastral 222 do polígono 9, á cal detraemos 37 m2 que non ten carácter vecinal, polo que resultaría una superficie de 1.250 m2. Presenta un pequeno encravado correspondente a instalacións de telefonía ou similares.

Lindeiros:

As duas parcelas que constitúen os terreos en clasificación son lindantes co monte veciñal en man común Berlanga e Campanilla, co que forman couto redondo.

A parcela sueste (polígono 9, parcela 222), inclúe unha pequena superficie (37 m2) de terreo cercado cun muro de pedra, na cal atopamos unha pequena construción e horta, anexas a unha vivenda unifamiliar. Este terreo non ten carácter veciñal en man común.

A parcela catastral 9003 do polígono 9 está formada por unha serie de camiños que nalgúns casos nada teñen que ver cos terreos do monte, noutros atópanse xa clasificados dentro do monte veciñal en man común Berlanga e Campanilla, e que nunha superfice de 5.047 m2 si forma parte da parcela suroeste.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer dos expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa; correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña disfrutando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común a favor dos veciños da comunidade de Xunqueira de Ambía, no concello de Xunqueira de Ambía (Ourense), o monte denominado Ampliación de Berlanga e Campanilla, coa descrición reflectida no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa

Ourense, 16 de maio de 2013

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense