Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Luns, 17 de xuño de 2013 Páx. 23073

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

Exposición de motivos

1

A evolución de crecemento que se leva observando na realidade galega, tanto no ámbito económico coma no social, desde os últimos anos do século XX ata os nosos días, puxo de manifesto a necesidade de abordar unha reformulación da normativa de aplicación no ámbito da investigación e da innovación e de conseguir que o devandito crecemento se vexa acompañado e impulsado de xeito adecuado con estes dous piares xa esenciais no seu desenvolvemento.

É evidente que tanto o concepto de investigación coma o de innovación mudaron substancialmente de significado e de perspectiva, e afondaron dun xeito decidido na vida cotiá das empresas, das administracións públicas e das universidades, así como na das entidades investigadoras e na da sociedade galega en xeral.

Isto supón, indubidablemente, que a Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, que cumpriu como marco normativo de referencia ata o momento, ten que ser actualizada para seguir levando a cabo o salto cualitativo e cuantitativo que sen dúbida deberá garantir a evolución que se está a observar en Galicia e para facerlle fronte á situación económica actual, especialmente crítica, e incidir ao mesmo tempo dun xeito decidido na súa perspectiva de futuro.

Neste momento, coa experiencia e cos resultados acumulados desde a posta en marcha e a execución dos instrumentos e dos recursos incluídos na referida Lei 12/1993, do 6 de agosto, considérase necesario, despois de case dúas décadas, darlle un novo impulso máis acorde coa realidade socioeconómica galega actual e avaliar convenientemente os contidos no ámbito da innovación, da investigación e do desenvolvemento no territorio galego.

2

Ademais, a nova lei dá cabida aos cambios normativos producidos recentemente tanto no ámbito galego coma no estatal, así como ás recomendacións e aos escenarios propostos desde a Unión Europea.

Así, nesta lei incídese no fomento da investigación e da innovación como preceptos complementarios do marco regulamentario establecido na Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, na que se determinan os órganos e as entidades do sector público autonómico competentes para a planificación e a promoción da actividade industrial xunto co deseño dos instrumentos necesarios para iso, e considérase esencial impulsar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico como vía para favorecer a aplicación e a difusión dos seus resultados dentro do tecido industrial galego.

En cumprimento do disposto na disposición adicional segunda da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por medio do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, creouse a Axencia Galega de Innovación como axencia pública autonómica e aprobáronse os seus estatutos, coa finalidade de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e o impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas mediante estratexias e programas de innovación eficientes.

Por outra banda, no ámbito estatal marca a referencia a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, da tecnoloxía e da innovación, recentemente aprobada, que substitúe a Lei 13/1986, do 14 de abril, de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e que establece un novo marco de coordinación xeral da investigación científica e técnica.

Tamén con esta lei os ámbitos do fomento da investigación e da innovación en Galicia quedan incluídos no marco referencial establecido pola Comisión Europea dentro da Estratexia Europa 2020 como unha vía propositiva para un crecemento intelixente, sustentable e integrador, no que unha economía baseada no coñecemento e na innovación deberá formar parte do núcleo prioritario no devandito escenario temporal.

E, á marxe dos cambios normativos, o escenario obxectivo é o definido polo Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (I2C), Plan galego de investigación e innovación actualmente en vigor.

3

A todo isto hai que engadir a traxectoria evolutiva levada a cabo polos distintos axentes involucrados en Galicia no fomento da investigación e da innovación, e faise imprescindible establecer un marco normativo que deseñe o seu espazo de referencia para os próximos anos e centre o esforzo, por unha banda, na optimización dos procesos de investigación básica, onde as universidades galegas deben representar un papel clave como principais axentes do sistema que desenvolven esta actividade, e, por outra, na posta en valor de novos procesos innovadores dentro das empresas galegas, principais responsables do crecemento e do desenvolvemento económico de Galicia, que apoian e marcan os novos retos da estrutura económica galega, valorizando os proxectos investigadores que se están a materializar no Sistema galego de investigación e innovación.

Como complemento á Axencia Galega de Innovación, dentro do marco xeral de coordinación das políticas e actuacións no ámbito da investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia, créase o Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia como canle para recoller a participación, a coordinación e as achegas dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación.

Deste modo, desenvólvese un sistema integrado que dá cabida a todos os axentes do Sistema galego de investigación e innovación, o que posibilita unha evolución coordinada en todo momento das actuacións públicas e privadas que se desenvolvan no eido da investigación e da innovación en Galicia, respectando os marcos competenciais establecidos e sumando esforzos na dirección desexada.

Do mesmo xeito, é preciso tamén abordar o impulso da investigación como actividade de referencia para o conxunto do Sistema galego de investigación e innovación baixo unha nova perspectiva de optimización e posta en valor que faga da investigación e dos seus resultados piares esenciais no desenvolvemento do coñecemento científico e técnico, atendendo aos desafíos a que terá que facer fronte a sociedade galega nos vindeiros anos.

Neste sentido, considérase preciso incorporar a transferencia de resultados e a valorización da investigación como factores adicionais de máxima relevancia. É esencial potenciar a posta en valor dos resultados da investigación, entendendo esta posta en valor como o proceso que busca acadar un rendemento comercial dos resultados da investigación, e promover o retorno do investimento realizado para lograr estes resultados, de forma que se potencie a rendibilidade das achegas feitas pola sociedade galega.

Ao mesmo tempo, é conveniente incidir na mellora da capacidade de divulgación e difusión dos coñecementos obtidos no ámbito da actividade investigadora, sobre todo naqueles casos en que se estean a utilizar fondos públicos no seu financiamento, e tamén buscar en todo momento esta vía como retorno sobre o esforzo que a aplicación destes fondos pode supoñer para a sociedade galega. E, por suposto, é importante conseguir que certa parte da actividade investigadora teña tamén como resultado a creación e a potenciación de novas iniciativas empresariais cun marcado carácter innovador como fórmula para impulsar a economía baseada no coñecemento, e axudar a dinamizar e a reformular o sistema económico galego tal e como se pretende.

Con esta visión é preciso reflectir tamén a necesidade de dinamizar a cooperación público-privada en todas as fases dos procesos de investigación e innovación como vía para mobilizar recursos privados cara á I+D e á innovación estimulando a creación de unidades mixtas e desenvolvendo proxectos de investigación e de innovación conxuntos que estreiten lazos entre o tecido empresarial e o ámbito científico.

4

Esta lei conta na súa parte dispositiva con cinco capítulos e inclúe tamén cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No primeiro capítulo regúlanse as disposicións xerais da lei e especifícanse o seu obxecto e os seus fins, xunto coa definición dalgúns dos termos empregados na propia lei. Neste sentido, para os efectos desta lei dentro do seu ámbito de aplicación, empréganse os seguintes conceptos:

Investigación: actividade planificada, orientada á obtención de novos coñecementos, que é desenvolvida coa coordinación, participación e supervisión de persoal cualificado como investigador e co emprego de métodos científicos de traballo. Distínguense:

a) Investigación básica: a que ten por finalidade adquirir novos coñecementos non vinculados de forma directa con produtos ou procesos empresariais. Tamén se coñece como investigación fundamental.

b) Investigación aplicada: a que ten como finalidade a obtención de novos coñecementos directamente vinculados a procesos empresariais no desenvolvemento de novos produtos ou procesos ou na mellora substancial dos xa existentes. Tamén se coñece como investigación industrial.

Innovación: actividade que ten como resultado a obtención e a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou melloras substanciais dos xa existentes, de modo que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade.

Transferencia: proceso desenvolvido polas persoas físicas ou xurídicas titulares de resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos destinado a lle ceder a outra persoa física ou xurídica diferente da que os obtivo os dereitos sobre a titularidade e/ou o uso destes resultados ou tecnoloxías nos termos que se acorden entre as partes mediante un contrato específico chamado «contrato de transferencia», coa finalidade de incorporar estes resultados ou estas tecnoloxías en procesos de innovación.

Valorización: actividade consistente en dotar de valor comercial resultados de investigación ou tecnoloxías protexidos que carecen deste para conseguir a súa explotación empresarial ou a súa transferencia mediante o desenvolvemento de accións específicas e planificadas previamente.

O seguinte capítulo regula o Sistema galego de investigación e innovación, e considera tanto os axentes que interveñen nel de xeito xeral como as relacións que se deben establecer entre eles para os efectos de integrarse de xeito sistémico, o que favorece o traballo en rede e a transferencia.

A continuación, dentro do terceiro capítulo recóllese o Plan galego de investigación e innovación. Para unha mellor organización, este capítulo divídese en catro seccións. Na primeira sección regúlase a elaboración do Plan galego de investigación e innovación e reflíctese a estrutura mínima en canto a obxectivos e contidos. Na segunda sección regúlase a execución do plan. Na terceira sección recóllense os aspectos referentes á gobernanza do plan. E, por último, na cuarta sección establécense os organismos executores do plan.

No capítulo cuarto regúlanse os espazos tecnolóxicos e as áreas de innovación en Galicia e establécense os requirimentos para a súa cualificación e as súas funcións.

No quinto capítulo recóllense a transferencia e a valorización de resultados da investigación, e saliéntase a relevancia de que os resultados da investigación se lle poidan poñer en valor ao mundo empresarial mediante a súa valorización e transferencia ou mediante a súa difusión entre a sociedade en xeral e entre as institucións académicas en particular, de cara a enriquecer o corpus de coñecemento sobre as súas respectivas disciplinas, a achegarlle un valor engadido á sociedade en xeral e a contribuír á visibilidade e á valoración dos esforzos públicos e privados no ámbito da investigación e da innovación, feito que axuda a crear unha percepción positiva sobre estes labores na sociedade galega.

Dentro das disposicións adicionais, recóllese a participación en sociedades mercantís por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; a constitución do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia; a promoción da igualdade efectiva entre sexos no ámbito da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación; e o recurso á contratación pública nas súas modalidades de compra pública de tecnoloxía innovadora e de compra pública precomercial.

Na disposición transitoria recóllese o réxime que se lles debe aplicar a determinadas situacións que se poidan ver afectadas pola derrogación normativa contida nesta norma mentres non se promulguen os desenvolvementos regulamentarios previstos, así como a vixencia do Plan de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (I2C).

Por último, a disposición derradeira regula a entrada en vigor desta norma, que se producirá aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, para posibilitar un período de coñecemento do texto legal.

En consecuencia, esta lei dítase en virtude da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de fomento da investigación en Galicia, recollida no artigo 27.19 do seu Estatuto de autonomía, respectando as competencias que o artigo 149.1.15 CE reserva para o Estado en materia de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, e da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta lei ten por obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

Artigo 2. Fins

1. Esta lei ten como obxectivo coordinar e potenciar os esforzos destinados a promover o coñecemento científico, contribuír eficazmente á consolidación da posición das empresas e institucións galegas no ámbito competitivo europeo e internacional e posibilitar un cambio no modelo produtivo galego cara a outro centrado na innovación.

2. Igualmente, con esta lei preténdese estreitar as relacións entre o sector produtivo e os restantes axentes do Sistema galego de investigación e innovación, así como potenciar a difusión á sociedade das actuacións realizadas e dos resultados conseguidos.

3. Son fins fundamentais desta lei:

a) Fomentar a investigación básica e aplicada, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación en Galicia, cunha clara orientación á excelencia, e potenciar a difusión e o aproveitamento dos resultados obtidos nos procesos de investigación e de innovación.

b) Favorecer a mellora tecnolóxica, da produtividade e de resultados do sistema produtivo de Galicia en todos os seus sectores, con base na innovación, na transferencia e na valorización dos resultados de investigación, e impulsar o cambio no modelo produtivo.

c) Favorecer e impulsar a innovación na xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do resto do sector público autonómico de Galicia e buscar a efectividade e a eficiencia, así como o máximo beneficio e servizo ás persoas usuarias.

d) Potenciar o xurdimento de novas iniciativas empresariais e de emprendemento baseadas na transferencia e na valorización de resultados da investigación que contribúan a impulsar unha nova cultura empresarial baseada na innovación e que lle acheguen riqueza sustentable ao territorio.

e) Garantir a provisión de recursos para actividades de investigación, transferencia, valorización e innovación, e coordinar a súa asignación e o seu uso.

f) Contribuír á solución de problemas científicos, económicos, sociais e culturais claves para favorecer o desenvolvemento científico e económico de Galicia, a eliminación de desigualdades e discriminacións e a mellora da calidade de vida.

g) Estimular e apoiar a formación de persoal científico, investigador e xestor da innovación en Galicia e contribuír á creación dun ambiente adecuado para o desenvolvemento das súas carreiras profesionais.

h) Favorecer a coordinación das políticas, dos plans e dos programas en materia de investigación, transferencia de resultados de investigación, valorización e innovación da Administración xeral e do resto do sector público autonómico de Galicia cos da Administración xeral do Estado, así como cos emanados da Unión Europea, con pleno respecto ás competencias do Estado en materia de coordinación xeral da investigación científica e técnica.

i) Posibilitar e favorecer a interacción entre o Sistema galego de investigación e innovación e o tecido produtivo como canle de aproveitamento recíproco de oportunidades e resultados, así como para potenciar a mobilidade entre ambos do persoal investigador, de cara a un maior enriquecemento dos seus perfís profesionais e como vía de fomento da xestión do talento.

j) Impulsar a transferencia, favorecendo a interrelación dos axentes e propiciando unha eficiente cooperación entre as distintas áreas do coñecemento e a formación de equipos multidisciplinares.

k) Potenciar o fortalecemento institucional dos axentes do sistema.

l) Favorecer a internacionalización da investigación científica, do desenvolvemento tecnolóxico e da innovación, especialmente no ámbito da Unión Europea.

m) Promover a inclusión da perspectiva de xénero como categoría transversal na ciencia, na tecnoloxía e na innovación, así como unha presenza equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos do Sistema galego de investigación e innovación.

n) Apoiar o desenvolvemento en Galicia dun contorno social e institucional favorable á investigación, tanto básica coma aplicada, á innovación e ás empresas innovadoras, para a integración efectiva destas últimas cos restantes axentes do Sistema galego de investigación e innovación.

Artigo 3. Definicións relativas a espazos tecnolóxicos e a áreas de innovación de Galicia

Para os efectos desta lei, e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, serán aplicables as seguintes definicións relativas aos espazos tecnolóxicos e ás áreas de innovación de Galicia:

a) Infraestrutura científico-tecnolóxica de investigación: infraestrutura pública ou privada destinada ao desenvolvemento de actividades de I+D+i, para o que debe estar dotada das instalacións e dos equipamentos tecnolóxicos precisos e de persoal investigador e de apoio á investigación coa cualificación requirida para a execución destas actividades.

b) Centro tecnolóxico: entidade sen ánimo de lucro legalmente constituída, que goce de personalidade xurídica propia, que sexa creada co obxecto declarado nos seus estatutos de contribuír ao beneficio xeral da sociedade e á mellora da competitividade das empresas mediante a xeración de coñecemento tecnolóxico e que realice actividades de investigación, desenvolvemento e innovación e desenvolva a súa aplicación.

Esta función de aplicación do coñecemento comprenderá, entre outras, a realización de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación con empresas, a intermediación entre os xeradores do coñecemento e as empresas e a prestación de servizos de apoio á innovación e á divulgación mediante actividades de transferencia de tecnoloxía e formativas.

c) Parque tecnolóxico: espazo orientado á innovación e situado nun solo ordenado, urbanizado e cualificado para uso empresarial. Para asegurar esta orientación á innovación, o espazo deberá contar cunha entidade de xestión profesional legalmente constituída que represente o parque tecnolóxico, especializada na achega de servizos de valor engadido fundamentalmente relacionados coa I+D+i, así como con infraestruturas completamente executadas e en servizo, suficientes para o desenvolvemento de actividades tecnolóxicas e de innovación, e que utilice ferramentas tecnolóxicas para a súa xestión e para:

1º. Incrementar a riqueza do seu contorno promovendo a innovación e a mellora competitiva das empresas e actuando de maneira coordinada con outros axentes do Sistema galego de investigación e innovación, e, en especial, coas institucións xeradoras de saber instaladas no parque ou asociadas a el.

2º. Estimular e xestionar o fluxo de coñecemento e de tecnoloxía entre as empresas e entre os restantes axentes do sistema con estas e cos mercados, achegando un espazo empresarial de alta cualificación.

3º. Impulsar a creación e facilitar o crecemento de empresas innovadoras mediante mecanismos de incubación e de spin-off.

4º. Proporcionar outros servizos de valor engadido relacionados coa identificación e coa xestión de proxectos de I+D+i, así como espazos e infraestruturas de referencia.

CAPÍTULO II
Sistema galego de investigación e innovación

Artigo 4. Sistema galego de investigación e innovación

O Sistema galego de investigación e innovación está constituído polo conxunto dos axentes que o integran, xunto coas relacións, estruturas de coordinación e ferramentas de traballo colaborativo que posibilitan a planificación, a xestión, a execución e o seguimento das políticas en materia de investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia.

Artigo 5. Axentes do Sistema galego de investigación e innovación

1. Teñen a consideración de axentes do Sistema galego de investigación e innovación o conxunto de axentes, públicos e privados, que desenvolven funcións de financiamento, de execución ou de coordinación nel.

O Plan de investigación e innovación de Galicia poderá particularizar en cada momento a relación nominal dos axentes que se encadran nesta definición para axustala á evolución dinámica do sistema.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as entidades instrumentais do sector público autonómico, configuraranse como axentes de coordinación cando desenvolvan funcións de disposición metódica ou concerto de medios e recursos para realizaren accións comúns en materia de investigación, valorización, transferencia ou innovación, co fin de facilitar a información recíproca, a homoxeneidade de actuacións e a acción conxunta dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación.

3. Son axentes de execución as entidades públicas e privadas que realizan ou dan soporte á investigación, á valorización, á transferencia ou á innovación e, en todo caso e de modo preceptivo, as universidades públicas galegas, que, por dimensión, recursos e número de persoal investigador, son axentes esenciais para o desenvolvemento das políticas públicas de I+D+i ao servizo da sociedade.

4. Son axentes de financiamento as administracións públicas, as entidades instrumentais do sector público, as universidades do Sistema universitario de Galicia e as entidades privadas cando sufraguen os gastos ou custos das actividades de investigación, valorización, transferencia e innovación realizadas por outros axentes, ou acheguen os recursos económicos necesarios para a realización das devanditas actividades.

5. Sen prexuízo das funcións específicas e da participación de cada un dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia asumirá, no seo deste sistema, a coordinación da difusión dos resultados da investigación, valorización, transferencia e innovación, así como o fomento do recoñecemento do valor destas actividades e dos axentes que as desenvolven no ámbito social, educativo e económico, sen prexuízo da competencia estatal en materia de coordinación xeral da investigación científica e técnica.

Artigo 6. Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación

1. Créase o Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación, dependente da Axencia Galega de Innovación, para facilitar a coordinación e estruturación do Sistema galego de investigación e innovación.

2. A Axencia Galega de Innovación xestionará este rexistro da forma que se determine regulamentariamente, coa finalidade de manter actualizada e completa unha relación das entidades que operan dentro do ámbito da investigación, valorización, transferencia e innovación en Galicia, para posibilitar a súa identificación.

Artigo 7. Persoal investigador dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación

1. No marco do desenvolvemento dos programas públicos de apoio á investigación, valorización, transferencia e innovación que lle sexan propios, a Axencia Galega de Innovación manterá actualizada unha relación do persoal investigador que realice a súa función en institucións públicas ou privadas incluídas no Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación.

2. Será responsabilidade da institución en que desenvolva o seu labor este persoal investigador trasladarlle á Axencia Galega de Innovación a información relativa a este, na forma que se determine regulamentariamente, respectándose, en todo caso, a normativa vixente en relación coa protección dos datos de carácter persoal.

3. Será aplicable en Galicia o contido dos artigos 12, 13 14 e 15 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación.

CAPÍTULO III
Plan galego de investigación e innovación

Sección 1ª. Elaboración do Plan galego de investigación e innovación

Artigo 8. Plan galego de investigación e innovación

1. Establécese o Plan galego de investigación e innovación como instrumento fundamental de planificación e coordinación das políticas en materia de investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia.

2. O Plan galego de investigación e innovación terá por obxecto o establecemento dos obxectivos xerais e particulares que se pretenden acadar co seu desenvolvemento nos ámbitos da investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia nun período temporal definido e a coordinación dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación participantes e dos recursos dispoñibles en relación coa investigación, coa transferencia de resultados, coa valorización e coa innovación, así como a coordinación da participación da Comunidade Autónoma de Galicia nos programas e plans nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e a avaliación dos resultados obtidos en relación cos obxectivos propostos.

Artigo 9. Elaboración do anteproxecto do Plan galego de investigación e innovación

A elaboración do anteproxecto do Plan galego de investigación e innovación corresponderalle á Axencia Galega de Innovación.

Artigo 10. Obxectivos do Plan galego de investigación e innovación

1. O Plan galego de investigación e innovación procurará en cada momento un adecuado equilibrio entre a investigación básica e a aplicada, de acordo coas circunstancias do contexto social, económico, ambiental e tecnolóxico en que se produza a súa elaboración ou revisión.

2. Con independencia daqueloutros que se poidan establecer en función do contexto socioeconómico existente no momento da súa elaboración ou revisión, o Plan galego de investigación e innovación atenderá, con carácter xeral, aos seguintes obxectivos:

a) Propiciar a xeración de novo coñecemento que permita mellorar a cualificación e a formación do persoal vinculado á investigación, e que á súa vez repercuta no fortalecemento das institucións de ensino superior de Galicia e na educación que recibe o seu alumnado.

b) Fomentar a contribución da investigación nos procesos de achega de solucións aos problemas de interese público de Galicia.

c) Favorecer a posta no mercado de produtos e servizos mellores e máis adecuados ás necesidades da sociedade, das empresas e das institucións galegas, baixo a perspectiva da sustentabilidade económica, social e ambiental.

d) Potenciar a percepción, por parte da sociedade, do valor da investigación e da innovación como motor de desenvolvemento económico e social sustentable, e da importancia da achega das institucións e das empresas involucradas no seu desenvolvemento.

e) Mellorar a calidade de vida da sociedade galega fomentando a súa adaptación aos cambios provocados pola evolución do coñecemento derivados dos resultados obtidos nos procesos de innovación que se desenvolvan en calquera ámbito territorial.

f) Integrar de forma efectiva nos procesos de innovación o tecido produtivo de Galicia, xunto cos restantes axentes do Sistema galego de investigación e innovación, na procura da eficiencia no deseño de produtos, procesos e servizos, no uso e na disposición dos recursos naturais e nunha mellora da produtividade orientada polo principio de sustentabilidade, polo mercado e pola excelencia empresarial.

g) Potenciar a transferencia e a valorización dos resultados da investigación como vía idónea para achegar a innovación ao tecido empresarial de Galicia, así como para lograr unha maior eficiencia no retorno dos investimentos públicos e privados dedicados á investigación.

h) Favorecer o progreso do coñecemento científico en Galicia e a conservación, actualización, difusión e aproveitamento óptimo dos recursos humanos, técnicos, tecnolóxicos, organizativos e de calquera outro tipo dedicados á investigación e á innovación.

i) Formar novo persoal investigador, científico e de xestión da innovación e promover a igualdade de oportunidades no acceso ás actividades de investigación, transferencia, valorización e innovación, coa finalidade de acadar a prestación dos servizos máis adecuados para os axentes do Sistema galego de investigación e innovación.

j) Xestionar o talento existente para potenciar as capacidades do persoal dedicado á investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia e para atraer novo talento.

k) Avanzar na mellora da situación da investigación e innovación en Galicia con respecto aos niveis acadados nos ámbitos estatal e internacional, atendendo aos desafíos e ás oportunidades que se poidan observar en cada momento na sociedade galega.

Artigo 11. Contidos mínimos do Plan galego de investigación e innovación

1. O Plan galego de investigación e innovación establecerá, de acordo coas circunstancias de cada momento, os diferentes programas arredor dos cales se estruturarán os procesos de investigación, transferencia, valorización e innovación que se desenvolverán na Comunidade Autónoma de Galicia no período de tempo definido no propio plan e segundo os requirimentos evolutivos específicos do momento de elaboración.

2. O Plan galego de investigación e innovación recollerá os seguintes contidos mínimos:

a) Unha análise da situación de partida dos principais aspectos e indicadores relacionados coa investigación e a innovación no contexto galego, e da súa relación con estes no ámbito estatal e internacional. Incluirase unha análise da evolución e do cumprimento do plan precedente.

b) Unha descrición dos obxectivos xerais da planificación prevista e dos obxectivos operativos e prioridades das diferentes áreas ou programas de actuación en que se estruture o plan, que deberán estar orientados á especialización intelixente de Galicia e formulados en termos que permitan a avaliación do seu nivel de consecución como resultado da execución das actuacións previstas.

c) Unha relación das prioridades científicas, técnicas e sociais que se deben abordar, co detalle en cada caso dos obxectivos e dos resultados desexables que cómpre acadar en relación con cada unha delas, en termos que permitan unha posterior avaliación da evolución da súa consecución.

d) O período de vixencia do plan será de cinco anos con carácter xeral. Non obstante, poderá establecerse un período de vixencia inferior, coa debida motivación das razóns que o xustifiquen.

e) A planificación e a descrición priorizada das actividades, que se desenvolverán agrupadas por áreas ou programas de actuación, coa xustificación da súa pertinencia en relación cos obxectivos definidos e, cando sexa oportuno, da súa relación coas estratexias ou cos programas estatais ou europeos, e a análise da súa rendibilidade económica, social e científica, dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación implicados no seu desenvolvemento segundo o rol que desempeñen e das vías para o seu logro.

f) A proposta das estruturas de cooperación público-privada máis adecuadas, para favorecer a consecución dos obxectivos do plan de acordo coas estratexias e coas políticas que se promoverán no seu período de vixencia.

g) A valoración dos gastos correspondentes a cada unha das accións descritas nos programas e nos orzamentos previstos para cada un deles, e a especificación das operacións correntes e de capital.

h) Os mecanismos necesarios para o control da correcta aplicación dos fondos orzados e a difusión das conclusións obtidas.

i) O financiamento previsto con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma, as demais achegas estatais ou comunitarias e as de entidades de carácter público ou privado.

j) Os indicadores ou métodos para realizar o seguimento da execución e da eficacia das accións previstas, dos programas en que se agrupan e do propio plan, con indicación do alcance e do xeito en que esta información se vai difundir entre os axentes interesados e a sociedade en xeral.

k) Os eixes prioritarios da actuación, que conterán análises e medidas relativas á modernización do ámbito financeiro, ao desenvolvemento de mercados innovadores, ás persoas, á internacionalización das actividades innovadoras e á cooperación territorial como base fundamental da innovación.

l) O deseño de instrumentos que faciliten o acceso das empresas innovadoras ao financiamento das súas actividades e dos seus proxectos mediante a promoción de liñas específicas para estes efectos e o fomento do investimento privado en empresas innovadoras.

m) O apoio á participación de entidades galegas en programas europeos e internacionais e o impulso de instrumentos conxuntos no ámbito da Unión Europea para protexer a propiedade industrial e intelectual.

As convocatorias de axudas á innovación incorporarán, entre os seus criterios de avaliación, a valoración do impacto internacional previsto polos proxectos.

n) O desenvolvemento de programas de incorporación ás empresas de doutores e tecnólogos e de xestores de transferencia de coñecemento ligados a grupos de investigación dedicados a protexer e a transferir a propiedade industrial e intelectual xerada pola investigación de excelencia.

Artigo 12. Estrutura básica do Plan galego de investigación e innovación

Atendendo á rapidez intrínseca dos cambios no ámbito da investigación e da innovación, o Plan galego de investigación e innovación contará cunha estrutura acorde cos obxectivos e contidos definidos neste capítulo e, en todo caso, coas achegas realizadas polas distintas consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas competencias específicas que estas teñan asignadas na materia.

Artigo 13. Programas do Plan galego de investigación e innovación

1. As distintas consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de innovación e investigación propoñerán os programas e as actuacións para a elaboración do Plan galego de investigación e innovación; cada unha delas en función das que lle resulten propias. Así mesmo, o Comité Asesor de Investigación e Innovación descrito no artigo 20 poderá realizar recomendacións en relación con programas do plan.

2. Cada programa terá que conter a definición das accións previstas no seu ámbito, de acordo co especificado no artigo 11 desta lei. En cada un deles describiranse as actividades que comprende en todos ou nalgún dos aspectos seguintes segundo sexa aplicable:

a) Formación de persoal investigador, científico e de xestión necesario tanto para a investigación coma para a innovación.

b) Infraestruturas requiridas, coa especificación de se existe dispoñibilidade destas ou de se é preciso modificar as existentes ou crear outras novas.

c) Proxectos concertados, nos cales se proporcionarán resultados de utilización directa para o desenvolvemento tecnolóxico.

d) Proxectos orientados que teñan utilidade para o desenvolvemento dos procesos de innovación.

e) Accións especiais e outro tipo de actividades que se consideren desde o propio programa.

3. Sen prexuízo do anterior, no caso de que as circunstancias, as características e os contidos dalgún programa específico recomenden a adopción dunha estrutura descritiva diferente da anteriormente exposta, a consellaría que propoña o programa poderá empregar a máis adecuada de maneira xustificada.

4. Terán preferencia para a súa inclusión nos programas do plan aquelas accións que fomenten e desenvolvan o coñecemento científico e técnico nas prioridades identificadas, así como as dirixidas a explotar as potencialidades innovadoras de Galicia, a transferencia e a valorización de resultados.

Artigo 14. Información para a elaboración dos programas

1. A información básica que de forma xeral empregará a Axencia Galega de Innovación para a elaboración dos programas que conformen o anteproxecto do plan, así como para a estruturación das súas bases e do seu desenvolvemento, será como mínimo a seguinte:

a) As propostas de programas achegados polas diferentes consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio das súas competencias na materia.

b) As necesidades económicas, sociais e ambientais de Galicia.

c) Os recursos humanos, materiais, técnicos e tecnolóxicos existentes e as súas posibilidades de evolución, actualización e expansión, así como as necesidades previsibles a este respecto no período previsto de duración do plan, ou ata onde o horizonte temporal da prospección tecnolóxica poida permitir considerar con fiabilidade.

d) Os recursos económicos, financeiros e orzamentarios dispoñibles, tanto de orixe pública coma privada, e as necesidades de financiamento periódico para o mantemento e a promoción da investigación e da innovación.

e) A identificación de desafíos e problemáticas en que poidan incidir a investigación e a innovación desde calquera das súas perspectivas e a creación das estratexias necesarias para orientalas cara á satisfacción das necesidades das persoas.

f) A conveniencia de acceder a tecnoloxías externas mediante procesos de incorporación selectivos adecuados en cada caso ao desenvolvemento da capacidade científica e tecnolóxica galega.

g) As posibilidades de concertación con outros plans relativos á investigación, á transferencia, á valorización e á innovación de ámbito autonómico, estatal ou internacional que, polos seus contidos ou polo seu contexto de desenvolvemento, resulten de interese para Galicia.

h) Os resultados obtidos da execución de plans e programas previos, en relación co nivel de cumprimento dos obxectivos previstos.

2. A Axencia Galega de Innovación promoverá un proceso participativo para a obtención de información e a redacción do plan. Neste sentido, estableceranse os mecanismos necesarios para a achega de propostas e suxestións e a obtención de consensos nas grandes liñas de actuación entre o conxunto de axentes afectados e a Axencia Galega de Innovación. Por último, e para a mellora da calidade do plan, o conxunto de axentes afectados terá a obriga de facilitar a información indicada neste artigo.

3. Do resultado da recompilación, do tratamento e da análise desta información quedará constancia no propio Plan galego de investigación e innovación.

Artigo 15. Aprobación do Plan galego de investigación e innovación

1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación do Plan galego de investigación e innovación, por instancia da persoa titular da consellaría con competencias en materia de investigación e innovación e logo da aprobación do anteproxecto do plan polo Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

2. Unha vez aprobado o Plan galego de investigación e innovación, será presentado ao Parlamento para o seu coñecemento.

3. O Plan galego de investigación e innovación terá a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Financiamento do Plan galego de investigación e innovación

1. O Plan galego de investigación e innovación financiarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, con fondos comunitarios e estatais e coas achegas doutras entidades públicas ou privadas que participen ou teñan interese en impulsar a investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia.

2. Como obxectivo xeral respecto do financiamento do plan fíxase a converxencia coas rexións líderes en Europa en cada momento en relación coa porcentaxe do produto interior bruto de Galicia (PIB) dedicado á investigación, ao desenvolvemento e á innovación.

3. Para os efectos de optimización da distribución dos recursos financeiros dispoñibles, os programas definiranse de maneira que permitan unha identificación, se é o caso, cos dos plans nacionais e europeos en materia de investigación, desenvolvemento e innovación.

4. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará a colaboración público-privada no financiamento do Plan galego de investigación e innovación. Destaca a participación de entidades específicas de apoio financeiro á investigación, innovación, transferencia e valorización, así como a definición de instrumentos financeiros de carácter mixto específicos para o apoio a estas actividades.

Sección 2ª. Execución do Plan galego de investigación e innovación

Artigo 17. Execución e seguimento do Plan galego de investigación e innovación

1. A execución das accións do Plan galego de investigación e innovación corresponderalles aos axentes que en cada caso determine o propio plan, sen prexuízo da actuación da Axencia Galega de Innovación como organismo de promoción, xestión e execución do plan.

2. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación realizará o seguimento, a avaliación periódica e a coordinación da execución do plan e do nivel de cumprimento dos seus obxectivos, de acordo co definido na súa normativa reguladora, e para estes efectos poderá contar coas achegas do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia.

Artigo 18. Revisión e actualización

1. Para os efectos da concertación coas estratexias española e europea de innovación e de ciencia e tecnoloxía, o Plan galego de investigación e innovación revisarase anualmente para asegurar a aliñación con estas estratexias. A proposta de actualización do plan que resulte, se for o caso, desta revisión conterá as aplicacións orzamentarias que procedan, así como a información precisa da súa evolución e do seu cumprimento.

2. Esta proposta de actualización do plan, elaborada pola Axencia Galega de Innovación, será aprobada polo Consello da Xunta de Galicia e remitida posteriormente ao Parlamento de Galicia para o seu coñecemento.

Sección 3ª. Gobernanza do Plan galego de investigación e innovación

Artigo 19. Axencia Galega de Innovación

1. A Axencia Galega de Innovación fomentará e vertebrará as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e apoiará e impulsará o crecemento e a competitividade das empresas galegas a través do impulso de estratexias e de programas de innovación eficientes, sen prexuízo das competencias doutros organismos e doutras entidades nestas materias, e, en todo caso, en estreita colaboración con eles.

2. Serán funcións da Axencia Galega de Innovación en relación coa gobernanza do Plan galego de investigación e innovación:

a) Actuar como organismo de promoción, xestión e execución do Plan galego de investigación e innovación e asumir a súa coordinación, o seu seguimento e mais a súa avaliación.

b) Coordinar as actividades e os programas de investigación que os distintos organismos e consellarías realicen no cumprimento do Plan galego de investigación e innovación e determinar as actuacións de apoio e de asistencia técnica relacionadas coas citadas actividades.

Artigo 20. Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

1. Créase o Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia como o órgano colexiado de participación e consulta dos axentes do Sistema galego de investigación e innovación nos asuntos relacionados coa investigación, transferencia, valorización e innovación.

2. O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia queda adscrito á Axencia Galega de Innovación, e establecerase regulamentariamente a súa organización e o seu funcionamento.

Artigo 21. Funcións do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

As funcións do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia serán as seguintes:

a) Realizarlle recomendacións á Axencia Galega de Innovación para que poidan ser tidas en conta por esta no proceso de elaboración ou revisión do Plan galego de investigación e innovación.

b) Elaborar informes de seguimento da execución do Plan galego de investigación e innovación e analizar e avaliar os seus resultados en relación coa execución do plan e co cumprimento dos obxectivos previstos nel.

c) Estudar e elaborar informes relativos á situación e ás tendencias da investigación, transferencia, valorización e innovación por iniciativa do propio Consello Asesor ou por pedimento da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Realizarlles recomendacións aos axentes do Sistema galego de investigación e innovación e á Axencia Galega de Innovación para lograr unha mellor consecución dos obxectivos establecidos no Plan galego de investigación e innovación.

e) Realizar propostas de actuación e de dinamización da investigación e innovación que poidan ser postas de manifesto no seo do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación a través da representación da Comunidade Autónoma de Galicia no devandito consello.

f) Fomentar e determinar oportunidades para a transferencia inversa identificando proxectos no sector empresarial que se lles poidan achegar ás entidades de investigación para o desenvolvemento de obxectivos de mercado baseados nos seus resultados.

Artigo 22. Composición do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

1. O Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia terá a seguinte composición:

a) Unha persoa representante de cada unha das universidades públicas de Galicia.

b) Unha persoa representante dos organismos públicos de investigación non universitarios de Galicia, que será proposta por acordo entre eles.

c) Unha persoa representante dos centros tecnolóxicos de Galicia, que será proposta por acordo entre eles.

d) Unha persoa representante dos parques tecnolóxicos de Galicia, que será proposta por acordo entre eles.

e) Unha persoa representante das empresas incluídas dentro do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación, por proposta do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

f) Catro persoas expertas de recoñecido prestixio e solvencia en materia de investigación, valorización, transferencia e innovación. O nomeamento destas persoas expertas realizarase de acordo coas seguintes regras:

1ª. Dúas persoas nomeadas pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de investigación e innovación, por proposta do Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación.

2ª. Unha persoa nomeada pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de investigación no Sistema universitario de Galicia, por proposta das universidades públicas de Galicia.

3ª. Unha persoa nomeada pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de sanidade, por proposta dos centros públicos de investigación e innovación sanitaria.

g) Un funcionario ou unha funcionaria ao servizo da Axencia Galega de Innovación actuará nas reunións como secretario ou secretaria do consello asesor, con voz pero sen voto.

2. Na designación das persoas titulares procurarase a presenza equilibrada entre mulleres e homes.

3. O nomeamento das persoas integrantes do Consello Asesor en Investigación e Innovación correspóndelle, agás as excepcións previstas anteriormente, á persoa titular da consellaría con competencias en materia de investigación e innovación, por proposta dos axentes indicados con anterioridade.

4. A duración do mandato será de catro anos, sen posibilidade de reelección, coa única excepción dos expertos da letra f) do punto 1 deste artigo, os cales poderán ser reelixidos sen ningunha limitación.

5. As persoas titulares da presidencia e vicepresidencia serán elixidas polos membros do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia de entre as persoas expertas previstas na letra f) do punto 1 deste artigo.

6. A pertenza ao Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia non será remunerada.

Artigo 23. Os comités da ética da investigación clínica en Galicia

1. Os comités da ética da investigación clínica en Galicia, adscritos á consellaría con competencias en materia sanitaria, serán os encargados de realizar o informe previo ao comezo de todo estudo de investigación clínica que implique algún tipo de procedemento médico con persoas que se realice no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, poderán emitir informe, por pedimento do promotor ou da promotora, dos investigadores ou das investigadoras ou dos organismos de financiamento, sobre todos aqueles estudos de investigación en materia sanitaria que impliquen a participación directa de seres humanos ou de mostras de orixe humana.

2. A función básica dos comités da ética da investigación clínica será a de avaliar e a de seguir os proxectos de investigación clínica presentados no ámbito da súa influencia, de acordo coa lexislación vixente ao respecto e coas normas éticas internacionais aplicables en cada tipo de estudo.

Artigo 24. Observatorio de Innovación de Galicia

1. O Observatorio de Innovación de Galicia, ente sen personalidade xurídica e dependente da Axencia Galega de Innovación, desenvolverá, do modo que determine regulamentariamente a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, un sistema de información que lles permita aos axentes do Sistema galego de investigación e innovación facer accesible a información da que dispoñan, con especial atención ás necesidades que lles presenten os organismos responsables da gobernanza do Plan galego de investigación e innovación que se detallan neste capítulo.

2. Para conseguir este obxectivo, os axentes do Sistema galego de investigación e innovación cooperarán coa Axencia Galega de Innovación achegando a información que consideren necesaria sobre as súas actuacións en materia de investigación, transferencia, valorización e innovación.

Sección 4ª. Organismos executores do Plan galego de investigación e innovación

Artigo 25. Organismos executores do plan

1. A execución do plan correspóndelles aos axentes do Sistema galego de investigación e innovación, de acordo coas súas capacidades e segundo resulte pertinente en función dos obxectivos perseguidos e da tipoloxía e do alcance das accións previstas.

2. Dentro da definición de actuacións, no Plan galego de investigación e innovación deberá establecerse a relación de axentes que teñan a consideración de organismos executores implicados no seu desenvolvemento e especificarse a maneira en que a súa participación se debe concretar en cada caso.

3. As entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que fosen creadas con competencias e funcións na promoción da investigación, transferencia, valorización e innovación tecnolóxica terán o carácter de organismos executores do plan.

Artigo 26. Funcións dos organismos executores

Serán funcións dos organismos executores do Plan galego de investigación e innovación:

a) Executar aqueles programas, proxectos e actuacións que, de acordo coa súa especialidade, coa súa capacidade e co seu interese, lles sexan encomendados no plan, no marco de coordinación establecido pola Axencia Galega de Innovación.

b) Colaborar coa Axencia Galega de Innovación na prospección de novas vías para o fomento, a dinamización e a materialización da investigación e da innovación en Galicia.

c) Informar a Axencia Galega de Innovación da evolución na execución das actuacións que se lles encomenden e que se enmarquen no desenvolvemento do plan.

d) Servir de canle, cando proceda, para facerlles chegar os resultados da innovación a entidades produtivas para a súa aplicación.

e) Desenvolver os programas de formación do persoal investigador, científico e de xestión da innovación que no plan galego se lles encomenden.

CAPÍTULO IV
Espazos tecnolóxicos e áreas de innovación

Artigo 27. Os espazos tecnolóxicos e as áreas de innovación de Galicia

1. Englóbanse baixo a denominación de espazos tecnolóxicos e áreas de innovación as infraestruturas situadas en Galicia nas que se concentran de forma simultánea os recursos, os medios e o potencial para desenvolver algunha ou todas as fases dos procesos de innovación.

2. Con carácter xeral e para os efectos previstos nesta lei, teñen a consideración de espazos tecnolóxicos e áreas de innovación de Galicia os seguintes:

a) As infraestruturas científico-tecnolóxicas de investigación situadas en Galicia.

b) Os centros tecnolóxicos situados en Galicia.

c) Os parques tecnolóxicos situados en Galicia.

d) Outros espazos ou áreas situados en Galicia considerados como tales en disposicións normativas.

3. Poderán crearse espazos tecnolóxicos e áreas de innovación destinados a potenciar o desenvolvemento do sistema produtivo de Galicia en ámbitos de interese estratéxico para a súa innovación e mellora.

4. Corresponderalle á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ditar as disposicións regulamentarias precisas para regular os espazos tecnolóxicos e as áreas de innovación de Galicia.

Artigo 28. Cualificación dos espazos tecnolóxicos e das áreas de innovación de Galicia

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia determinará e publicará no Diario Oficial de Galicia as condicións que deben cumprir as entidades, as institucións, os organismos ou as empresas para poderen obter algunha das cualificacións previstas no ámbito dos espazos tecnolóxicos e das áreas de innovación para eles mesmos ou para os espazos ou entidades aos que legalmente representen.

Artigo 29. Funcións dos espazos tecnolóxicos e das áreas de innovación

1. Os espazos tecnolóxicos e as áreas de innovación de Galicia desempeñarán funcións en relación coa investigación, co desenvolvemento e coa innovación nos ámbitos de interese estratéxico para a competitividade e o desenvolvemento produtivo de Galicia, en liña coas prioridades que se determinen no Plan galego de investigación e innovación.

2. Os espazos tecnolóxicos e as áreas de innovación teñen a condición de axentes executores do Plan galego de investigación e innovación.

CAPÍTULO V
Transferencia e valorización de resultados

Artigo 30. Transferencia de resultados de investigación

1. Con carácter xeral, tanto a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia coma as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con funcións no eido da investigación e da innovación promoverán a transferencia de resultados de investigación como fórmula de incorporación activa de tecnoloxías e coñecementos emerxentes ao ámbito empresarial e a novos mercados, e incluirán a aplicación do deseño industrial, do produto e do proceso para a súa mellora tecnolóxica.

2. Nesta función de promoción da transferencia de resultados, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Procurará a cooperación activa cos axentes públicos e privados de investigación a través das oficinas de transferencia de resultados de investigación, en especial as das universidades públicas galegas e as dos centros públicos de investigación como principais institucións xeradoras de coñecemento e polo seu papel predominante no ámbito da investigación.

b) Fomentará entre os axentes implicados a transferencia inversa de coñecementos desde o sector empresarial ás entidades de investigación e incentivará o desenvolvemento de proxectos en réxime de colaboración orientados ao logro de obxectivos de mercado baseados en resultados de investigación.

c) Levará a cabo a promoción e o fomento das unidades mixtas de investigación, entendendo estas como a fórmula colaborativa de achegamento entre unha ou varias empresas e un grupo de investigación do Sistema universitario de Galicia para o desenvolvemento de proxectos conxuntos de investigación e valorización, constituída coa subscrición dun acordo de colaboración para a posta en común de recursos técnicos, humanos e de financiamento. O seu responsable será un investigador ou unha investigadora da universidade.

Artigo 31. Valorización de resultados e fondo de proba de concepto

1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia apoiará a valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto destinado a desenvolver as aplicacións comerciais das súas investigacións a través de actividades tales como estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio ou formulación de propostas a empresas ou investidores que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

2. Este fondo poderá estar participado por axentes públicos e/ou privados, que se adherirán a el como membros en función da súa achega orzamentaria ao propio fondo, para o financiamento de proxectos.

3. No seo da Axencia Galega de Innovación, todas as consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no eido da investigación e da innovación cooperarán para que ningunha das fases do proceso de valorización quede excluída das políticas e/ou dos programas públicos de fomento destas actividades que lle correspondan a cada unha delas, logrando deste xeito un tratamento integral e coordinado.

4. Polo tanto, a valorización dos resultados da investigación financiada con fondos públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades instrumentais do sector público autonómico deberase desenvolver de tal xeito que alcance a todos aqueles procesos que permitan achegarlles os devanditos resultados a todos os sectores económicos.

Artigo 32. Publicación, difusión e acceso a publicacións de investigación

1. A Axencia Galega de Innovación coordinará cos axentes públicos do Sistema galego de investigación e innovación, en especial coas universidades públicas galegas, así como con aqueles axentes privados que conten con financiamento público dos seus proxectos de investigación e innovación, a creación, a posta en marcha e a xestión dun repositorio de publicacións en soporte informático.

2. Neste repositorio publicarase unha copia dixital da versión final dos resultados acadados en proxectos de investigación desenvolvidos con financiamento público e que fosen aceptados para a súa presentación en publicacións de investigación seriadas ou periódicas.

3. A publicación de resultados a que se fai referencia no punto anterior farase prevendo e respectando o dereito do persoal investigador de realizar a publicación dos resultados acadados nos seus proxectos de investigación. Para isto empregaranse as canles específicas propias da súa actividade e os medios cun maior impacto e cunha maior repercusión científica, con carácter previo á súa inclusión no citado repositorio.

4. Naqueles casos en que os resultados da investigación resulten protexidos, a súa publicación no referido repositorio deberase realizar de tal maneira que non menoscabe a protección da que son obxecto.

5. A Xunta de Galicia publicará un resumo cos resultados máis relevantes dos distintos grupos de investigación galegos para facilitar o achegamento do seu traballo á sociedade.

Artigo 33. Visibilidade internacional da investigación e da innovación galegas

1. Desde a Axencia Galega de Innovación fomentarase a participación de empresas e de organismos públicos ou privados de investigación e innovación de Galicia en proxectos internacionais e en redes de coñecemento, e incentivarase a mobilidade de persoal investigador no marco da xestión do talento.

2. Do mesmo xeito, a Axencia Galega de Innovación fomentará e dinamizará aquelas iniciativas públicas e/ou privadas de Galicia que busquen unha maior presenza e un maior prestixio internacional no ámbito da investigación, da transferencia e da valorización dos seus resultados, así como no da innovación.

Disposición adicional primeira. Participación en sociedades mercantís

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia poderá crear sociedades mercantís, ou participar nelas, que teñan como obxectivo realizar actividades relacionadas coa investigación, co desenvolvemento e coa innovación ou coa prestación de servizos técnicos relacionados con elas, de acordo co regulado na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional segunda. Constitución do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia

Nun prazo non superior a seis meses desde a entrada en vigor desta lei constituirase o Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia, logo do nomeamento dos membros do consello, segundo o previsto no artigo 22.

Disposición adicional terceira. Promoción da igualdade efectiva entre sexos

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá a igualdade efectiva de sexos no ámbito da investigación, da transferencia, da valorización e da innovación, atendendo ao disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Disposición adicional cuarta. Non incremento do gasto

En ningún caso a aprobación e a entrada en vigor da Lei de fomento da investigación e da innovación de Galicia xerarán aumento dos créditos orzamentarios asignados ás consellarías de adscrición.

Disposición adicional quinta. Compra pública de tecnoloxía innovadora e compra pública precomercial

A Administración xeral e o resto do sector público autonómico de Galicia potenciarán o desenvolvemento de novos mercados innovadores desde o lado da demanda, a través do instrumento da contratación pública nas súas modalidades de compra pública de tecnoloxía innovadora e de compra pública precomercial, para mellorar a eficiencia e a eficacia dos servizos públicos e a competitividade do tecido empresarial galego.

Disposición transitoria. Réxime transitorio

1. Mentres non sexan promulgados os desenvolvementos regulamentarios previstos na disposición derradeira desta norma, ás situacións xurdidas baixo a normativa que se derroga seralles aplicable o réxime anterior á entrada en vigor desta lei.

2. O Plan de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (I2C) manterase vixente como Plan de investigación e innovación de Galicia, e para os efectos de seguimento e revisión aplicarase o previsto na sección 2ª do capítulo III desta lei durante toda a súa vixencia.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas expresamente as seguintes normas:

a) A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

b) O Decreto 14/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establece a composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

c) O Decreto 15/2006, do 2 de febreiro, polo que se establece a composición do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

d) O Decreto 171/2001, do 5 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e Investigadores de Galicia.

2. Queda derrogada calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoña ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

1. Nun prazo non superior a doce meses desde a entrada en vigor desta lei a Administración xeral da Comunidade Autónoma desenvolverá:

a) A regulación dos espazos tecnolóxicos e das áreas de innovación previstos no capítulo IV desta lei.

b) O regulamento de funcionamento do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia.

c) O regulamento do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación.

d) O regulamento do Observatorio de Innovación de Galicia.

2. Autorízase a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para ditar e modificar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente