Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 4 de outubro de 2013 Páx. 39618

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de setembro de 2013 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música non dependentes desta consellería.

O artigo 108.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, clasifica como centros públicos a aqueles que teñen como titular unha administración pública.

Determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas de música.

O artigo 48.3º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que poderán cursarse estudos de música ou de danza que non conduzan á obtención de títulos con validez académica ou profesional en escolas específicas, con organización e estrutura diferentes e sen limitación de idade.

A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, salientando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia e no seu punto 12 clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público, ou unha persoa física ou xurídica de carácter privado.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento no número de centros para achegarlles aos interesados a posibilidade de cursar estas ensinanzas para realizar unha formación non regrada nas escolas.

En consonancia coa política de axudas aos concellos desta consellería e co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música á vista da crecente demanda destas ensinanzas e coa finalidade de lles prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas, e en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro. Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:

a) Escolas de música das cales sexan titulares os concellos.

b) Escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais.

Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 30 de novembro de 2013.

Segundo. Beneficiarios

Poderán solicitar estas axudas os titulares dos centros de música sinalados no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. Neste senso, o importe das axudas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Terceiro. Importe total das axudas

Para as escolas de música dependentes de concellos será de cen mil euros (100.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.422E.460.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de dez mil euros (10.000 euros).

Para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro será de vinte e dous mil euros (22.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.422E.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de catro mil euros (4.000 euros).

Cuarto. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. O referido formulario contén a información recollida nos modelos B e C que acompañan esta orde. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. A documentación complementaria, que debe ir xunto coa solicitude, poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes xunto coa documentación xustificativa será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Para que se poida dar curso aos libramentos, os solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude:

– No caso de escolas de música dependentes de concellos:

1. Certificación do/a secretario/a da entidade local acreditativa da remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas do exercicio 2011.

2. Conta xustificativa integrada pola documentación que se relaciona a continuación, en virtude dos artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro:

a) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control en que conste a toma de razón en contabilidade, o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención e a aplicación dos fondos destinados para tal efecto, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2013.

b) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, de forma detallada:

1. O cumprimento da finalidade da subvención.

2. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados imputables á actuación subvencionada, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de noviembre de 2013.

3. A relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

– No caso de escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro:

a) Fotocopia cotexada dos estatutos da asociación ou fundación solicitante dos que debe desprenderse que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro, e que entre os seus obxectivos figura a formación en ensinanzas de música.

b) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica, que incluirá:

1. Relación clasificada dos gastos da actividade, referentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2013, con identificación do/a acredor/a e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

2. Copia cotexada de facturas, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retencións do imposto da renda das persoas físicas, certificacións bancarias e documentos similares incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior (segundo o estipulado no artigo 48 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), así como os documentos xustificativos do pagamento.

Para os efectos do artigo 31.7º da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no artigo segundo desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación da declaración incluída no anexo desta orde, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A xustificación deberá facerse sobre as subvencións totais concedidas e de non facerse pola totalidade minorarase a subvención en proporción á contía xustificada.

De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Quinto. Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos coa ponderación que se indica:

1. Número do alumnado matriculado.

2. Número de especialidades instrumentais impartidas.

3. Número do profesorado e tempo de dedicación.

Os tres aspectos anteriores, no seu conxunto: de 0 a 6 puntos.

4. Dimensións das instalacións: de 0 a 1 punto.

5. Volume do orzamento do centro: de 0 a 1 punto.

6. Importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas: de 0 a 2 puntos con ponderación inversa.

A distribución das axudas, tendo en conta os aspectos anteriores, realizarase atendendo ao sistema de rateo entre os beneficiarios da subvención do importe global máximo destinado ás subvencións.

Sexto. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no punto décimo segundo desta orde.

Sétimo. Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa constituirase unha comisión encargada de va-lorar as solicitudes e a documentación xustificativa presentadas e que estará integrada por:

– O/a subdirector/a xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

– O/a xefe/a do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

– Un/unha asesor/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

– Un/unha funcionario/a da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a con voz e sen voto.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos previstos no punto quinto. A percepción de asistencias desta comisión, se é o caso, aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda ou a dirección xeral que resulte competente na materia, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Oitavo. Unha vez finalizada a valoración das solicitudes e da documentación xustificativa, a comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicacións e exclusións que poderá ser consultada no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/, para que, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, se poidan formular as alegacións que se consideren oportunas, podéndose presentar a documentación que corresponda ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Valoradas as alegacións, elevarase unha proposta definitiva de adxudicacións e exclusións á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno. A resolución de concesión de axudas ditada pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación da convocatoria, e nos termos que figuran no artigo 34.4º do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

Contra a resolución ditada, que esgotará a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o/a conselleiro/a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os/as interesados/as poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo. As subvencións irán destinadas a financiar operacións correntes (gastos de funcionamento e profesorado), polo que os xustificantes que ten que achegar o beneficiario non poderán ser certificacións de obra, nin gastos de investimento.

O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobado polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario da realización da actividade subvencionada, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co disposto no artigo 60 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Décimo primeiro. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dos servizos provinciais de inspección educativa, realizará o seguimento da aplicación das axudas nos centros beneficiarios.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo segundo. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención, tal como se establece na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo terceiro. No caso de darse algún dos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario da subvención deberá proceder ao reintegro das cantidades recibidas e máis os xuros de demora, nos termos e condicións establecidos nos artigos 77 ao 83, inclusive, do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Décimo cuarto. Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan estas axudas deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria».

Disposición adicional única

Para o non previsto nesta orde haberá que aterse á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file