Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 4 de outubro de 2013 Páx. 39602

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de setembro de 2013 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para estudos universitarios conducentes á obtención do título oficial de máster universitario, destinadas a titulados universitarios en situación laboral de desemprego, para o curso 2013/14, e se establecen as bases reguladoras.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que lle corresponden ao Estado.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 125, do 3 de xullo), determina a política de bolsas e axudas concibida como instrumento para facilitar o acceso dos estudantes que, cumprindo cos niveis académicos, necesiten destas axudas financeiras para lograr culminar os seus estudos universitarios.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón que as universidades impartan ensinanzas de grao, máster e doutoramento conducentes á obtención dos correspondentes títulos oficiais.

O Decreto 222/2011, do 2 de decembro (DOG nº 234, do 9 de decembro), regula o procedemento e as condicións para a obtención, polas universidades do Sistema universitario de Galicia, da autorización para impartir as ensinanzas universitarias oficiais conducentes aos títulos de grao, máster universitario e doutoramento, así como a súa modificación e supresión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixa, mediante o correspondente Decreto de prezos públicos, os prezos que se aboarán, no Sistema universitario de Galicia no curso académico 2013/14, polos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

O establecemento dos novos títulos oficiais de posgrao constitúe unha das modificacións de máis transcendencia no proceso europeo de cambio estrutural das ensinanzas universitarias e supón un grande reto para as universidades e a Administración educativa, que se ven obrigadas ao desafío de impulsar estudos de posgrao de máxima calidade.

A finalidade das ensinanzas de máster universitario é a adquisición polo estudante dunha formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada á especialización académica ou profesional, ou ben a promover a iniciación en tarefas investigadoras. Estas ensinanzas supoñen unha consolidación académica e a especialización dos titulados de cara á adaptación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), contribuíndo a mellorar o acceso a un mercado de traballo globalizado.

Así mesmo, mellorar a empregabilidade dos mozos/as, aumentar a calidade e a estabilidade do emprego, promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral e fomentar o espírito emprendedor son algúns dos retos da sociedade actual. Nos últimos anos incrementouse o número de persoas que desexan formarse e especializarse, sendo os titulados desempregados fóra do tramo de idade convencional os máis interesados debido á súa falta de experiencia profesional e ao acceso restrinxido que teñen aos recursos financeiros.

Así pois, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera prioritario apoiar os titulados universitarios en situación laboral de desemprego, co fin de mellorar as súas perspectivas de incorporación ao mercado de traballo, convocando unha nova liña de axudas para financiar os gastos da matrícula dos estudos conducentes ao título de máster universitario que teña recollida na súa memoria unha orientación profesional.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde ten como obxecto convocar axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para financiar os gastos derivados da matrícula dun máster universitario oficial, ofertado polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, no curso 2013/14. Para os efectos desta convocatoria, os másteres do Sistema universitario de Galicia a que poden concorrer os solicitantes serán os que figuran no anexo II desta orde de convocatoria.

Artigo 2. Orzamento

Estas axudas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cunha contía total de 200.000 euros. Non obstante, a cantidade total pode ser incrementada no caso de producirse remanente doutras convocatorias financiadas con cargo á mesma aplicación orzamentaria, de acordo co disposto no artigo 31.2.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Natureza e contía da axuda

1. A contía da axuda consistirá no pagamento do importe total da matrícula do máster universitario que realice o beneficiario no curso 2013/14.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17, punto 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Solicitantes

Poderán solicitar esta axuda os titulados que se atopen en situación laboral de desemprego e estean inscritos como demandantes de emprego, matriculados/as no curso 2013/14 nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo en estudos universitarios conducentes á obtención dun título oficial de máster universitario dos relacionados no anexo II.

Artigo 5. Requisitos dos solicitantes

Os solicitantes destas axudas, para obteren a condición de beneficiarios/as, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia os tres últimos anos anteriores á convocatoria.

b) Atoparse en situación laboral de desemprego e estar inscrito como demandante de emprego nos tres anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.

c) Estar en posesión do título universitario de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, ou grao, e teren rematados estes estudos con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2010.

d) Estar matriculado, no curso académico 2013/14, nun máster universitario dos relacionados no anexo II desta orde.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED421A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á do peche da convocatoria. Deberá remitirse ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou coa necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es. Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada de documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED421A) presentarase xunto coa seguinte documentación:

a) Copia simple do título universitario que lle dá acceso ao máster ou documento que legalmente o substitúa.

b) Informe emitido polo Servizo Público de Emprego dos períodos de inscrición como demandante de emprego.

c) Certificado da vida laboral.

d) Documento acreditativo da matrícula nun máster universitario dos relacionados no anexo II a esta orde, no cal deberá figurar o importe desta e o número de materias e créditos en que está matriculado.

Artigo 8. Exposición de listaxes provisionais para a emenda de solicitudes e documentación

1. Unha vez examinada e avaliada a documentación presentada polos solicitantes, a Secretaría Xeral de Universidades exporá as listaxes provisionais das solicitudes admitidas e excluídas e sinalará as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e nas súas xefaturas territoriais. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es

2. Os/as interesados/as disporán dun prazo de reclamación de dez días e poderán, durante ese prazo, formular reclamacións ou emendar os erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 9. Comisión Avaliadora

1. A selección de bolseiros/as será efectuada por unha Comisión Avaliadora integrada por:

Presidente/a: o/a titular da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue.

Vogais:

A persoa titular do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades.

Un/unha representante da Consellería de Traballo e Benestar.

Un/unha asesor/a técnico/a da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretaria: a xefa da Sección de Apoio aos Estudantes Universitarios da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/as compoñentes non puidesen asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa en virtude da súa representación.

Artigo 10. Selección

1. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

2. A selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos en función da data de alta como demandante de emprego. A ordenación das solicitudes e a proposta de concesión realizarase priorizando as solicitudes en atención ao maior período de tempo ininterrompido inscrito en situación de desemprego ata a data de comezo de presentación de solicitudes.

En caso de empate entre dous ou máis solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación: maioría de idade do solicitante e, de se manter o empate, a persoa que obtivese con anterioridade o título que lle dá acceso aos estudos de máster universitario.

Artigo 11. Proposta de resolución, resolución e publicación

Unha vez efectuada a selección pola Comisión, esta elevará, a través do secretario xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará unha relación nominal de beneficiarios/as e outra de solicitudes denegadas coas causas de denegación, así como os demais aspectos previstos no artigo 34 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria http://www.edu.xunta.es, polo que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Contra esta resolución, que esgota á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 23, número 4, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, que comezarán a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes entenderanse rexeitadas de non se ditar resolución expresa no dito prazo.

Os solicitantes excluídos poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Aboamento

1. Segundo o disposto no artigo 28.9º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselles aos beneficiarios nun pagamento único polo importe que lles corresponda, unha vez notificada a resolución de concesión mediante a correspondente orde de resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos en canto non se teña constancia da finalización do expediente, a Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables aos solicitantes.

Artigo 13. Compatibilidades, requisitos, obrigas e cumprimento dos/das bolseiros/as

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda destinada para ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Non obstante, o/a alumno/a beneficiario/a poderá/n recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que vaia realizar como complemento dos estudos (asistencia a congresos, cursos de idiomas, ...).

2. Os solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

3. Os/as solicitantes, polo feito de solicitar esta axuda, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o seu resultado, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que se atope matriculado e non anular a matrícula.

b) Concorrer a exame e superar, polo menos, un terzo dos créditos matriculados, en convocatoria ordinaria e extraordinaria.

c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos para a concesión e gozo da bolsa.

d) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, o cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Universidades, por escrito, calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable presentada coa solicitude, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera organismo público ou privado e someterse ás actuacións de comprobación que acorde esta secretaría xeral.

f) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Universidades, por escrito, a renuncia á axuda no caso de se producir unha causa que determine a dita renuncia.

g) Informar o órgano concedente da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

h) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Remitirlle á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez rematado o curso, unha certificación ou extracto do expediente académico dos estudos cursados.

j) Proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas, xunto cos xuros de demora que lle correspondan, no caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, salvo en casos excepcionais xustificados documentalmente previamente autorizados pola Secretaría Xeral de Universidades.

4. O incumprimento por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará a autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda.

b) Comprobar por medio de acceso electrónico ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, co consentimento previo da persoa interesada.

c) A reserva que o/a peticionario/a poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

d) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

e) Porén, non será necesaria a publicación cando o órgano concedente considere que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da citada Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II
Másteres universitarios impartidos nas universidades do Sistema universitario
de Galicia aos cales poden concorrer os solicitantes

Título do máster universitario

Universidade onde se imparte

Acuicultura

Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Arquitectura da paisaxe Juana de Vega

Universidades da Coruña e Santiago de Compostela

Arquitectura sanitaria e asistencial

Universidade da Coruña

Asesoramento xurídico empresarial

Universidade da Coruña

Banca e finanzas

Universidade da Coruña

Bioloxía mariña

Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Biotecnoloxía

Universidade de Santiago de Compostela

Biotecnoloxía avanzada

Universidades da Coruña e Vigo

Ciencia e tecnoloxía de conservación de produtos da pesca

Universidade de Vigo

Ciencias, tecnoloxías e xestión ambiental

Universidade da Coruña

Comercio internacional

Universidade de Vigo

Comunicación e industrias creativas

Universidade de Santiago de Compostela

Contabilidade superior e auditoría de contas

Universidade da Coruña

Contaminación industrial: avaliación, prevención e control

Universidade de Vigo

Creación, dirección e innovación na empresa

Universidade de Vigo

Dereito das administracións e institucións públicas

Universidade de Santiago de Compostela

Dereito de empresa

Universidade de Vigo

Dereito: especialidade en estudos da Unión Europea

Universidade da Coruña

Desenvolvemento económico e innovación

Universidade de Santiago de Compostela

Desenvolvemento rexional e integración económica

Universidade de Santiago de Compostela

Dirección de actividades educativas na natureza

Universidade de Santiago de Compostela

Dirección de arte en publicidade

Universidade de Vigo

Dirección de empresas

Universidade de Santiago de Compostela

Dirección de pequenas e medianas empresas (pemes)

Universidade de Vigo

Dirección de proxectos

Universidade de Santiago de Compostela

Dirección e administración de empresas (MBA)

Universidade da Coruña

Dirección e administración de empresas-MBA

Universidade de Vigo

Dirección e planificación do turismo interior e de saúde

Universidade de Vigo

Dirección e xestión da loxística e a cadea de subministración

Universidade de Vigo

Dirección integrada de proxectos

Universidades da Coruña e Vigo

Economía, mercados financeiros e empresa

Universidade de Vigo

Economía: organización industrial e mercados financeiros

Universidade de Santiago de Compostela

Educación, xénero e igualdade

Universidade de Santiago de Compostela

Enerxía e sustentabilidade

Universidade de Vigo

Enerxías renovables e sustentabilidade enerxética

Universidade de Santiago de Compostela

Enxeñaría ambiental

Universidade de Santiago de Compostela

Enxeñaría da automoción

Universidade de Vigo

Enxeñaría da edificación e construcións industriais

Universidade de Vigo

Enxeñaría marítima

Universidade da Coruña

Enxeñaría matemática

Universidade da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Estudos avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías

Universidades da Coruña e Santiago de Compostela

Estudos teóricos e comparados da literatura e da cultura

Universidade de Santiago de Compostela

Finanzas

Universidade de Vigo

Fotónica e tecnoloxías do láser

Universidade da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Industria e economía leiteira

Universidade de Santiago de Compostela

Información técnica do medicamento

Universidade de Vigo

Innovación industrial e optimización de procesos

Universidade de Vigo

Interpretación de conferencias

Universidade de Vigo

Intervención multidisciplinar na diversidade en contextos educativos

Universidade de Vigo

Intervención na discapacidade e na dependencia

Universidade da Coruña

Investigación en ciencias da visión

Universidade de Santiago de Compostela

Investigación, ordenación e avaliación de servizos sociosanitarios

Universidade da Coruña

Libro ilustrado e animación audiovisual

Universidade de Vigo

Lingua e comunicación nos negocios

Universidade de Vigo

Lingua e usos profesionais

Universidade da Coruña

Lingüística aplicada

Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Literatura, cultura e diversidade

Universidade da Coruña

Márketing, consultoría e comunicación política

Universidade de Santiago de Compostela

Matemática industrial

Universidade da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Mecatrónica

Universidade de Vigo

Metodoloxía da investigación en ciencias sociais: innovacións e aplicacións

Universidade da Coruña

Migracións internacionais: investigación, políticas migratorias e mediación intercultural

Universidade da Coruña

Necesidades específicas de apoio educativo

Universidade de Vigo

Neurociencia

Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Nutrición

Universidade de Vigo

Planificación e xestión de destinos e novos produtos turísticos

Universidade da Coruña

Políticas comunitarias e cooperación territorial

Universidade de Vigo

Prevención de riscos laborais

Universidade de Vigo

Prevención de riscos laborais e riscos comúns

Universidade da Coruña

Procesos de deseño e fabricación mecánica

Universidade de Vigo

Procesos de formación

Universidade de Santiago de Compostela

Psicoloxía do traballo e das organizacións, psicoloxía xurídica-forense e intervención social

Universidade de Santiago de Compostela

Psicoxerontoloxía

Universidade de Santiago de Compostela

Química avanzada

Universidades de Santiago de Compostela e Vigo

Química orgánica

Universidade de Santiago de Compostela

Rehabilitación arquitectónica

Universidade da Coruña

Saúde pública

Universidade de Santiago de Compostela

Servizos culturais

Universidade de Santiago de Compostela

Técnicas estatísticas

Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

Tecnoloxías avanzadas de procesos de deseño e fabricación mecánica

Universidade de Vigo

Tecnoloxías da información e comunicación en redes móbiles-TICRM

Universidade da Coruña

Tecnoloxías e procesos na industria do automóbil

Universidade de Vigo

Tecnoloxías para a protección do patrimonio cultural inmoble

Universidade de Vigo

Tradución multimedia

Universidade de Vigo

Tradución para a comunicación internacional

Universidade de Vigo

Turismo urbano e xestión de empresas turísticas

Universidade de Santiago de Compostela

Urbanismo: plans e proxectos. Do territorio á cidade

Universidade da Coruña

Xerontoloxía

Universidades da Coruña e Santiago de Compostela

Xestión do desenvolvemento sustentable

Universidade de Vigo

Xestión e investigación da discapacidade e a dependencia

Universidade da Coruña

Xestión e políticas públicas

Universidade da Coruña

Xestión empresarial do deporte

Universidade de Vigo

Xestión pública

Universidade de Santiago de Compostela

Xuventude e sociedade

Universidade de Santiago de Compostela

missing image file
missing image file