Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 17 de outubro de 2013 Páx. 41083

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de outubro de 2013 polo que se crea a Academia Galega de Enfermaría.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 3 de outubro de 2013, aprobou o Acordo polo que se crea a Academia de Enfermaría de Galicia.

Para xeral coñecemento e de conformidade co disposto no artigo 8 da Orde do 8 de abril de 2005, pola que se desenvolve o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, no referente á creación das academias de Galicia e o seu rexistro xeral, así como o procedemento de inscrición nel, procédese á publicación do referido acordo e os estatutos da citada academia que figuran como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2013

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de outubro de 2013
polo que crea a Academia de Enfermaría de Galicia

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, de conformidade co disposto no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía para Galicia e no artigo 3 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución española, e o desenvolvemento lexislativo en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

Mediante Decreto 373/2003, do 16 de outubro, asumíronse as funcións en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución española, e de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais e, en concreto, das academias que teñan o seu domicilio no territorio da Comunidade Autónoma e, en particular, as referidas á Real Academia Galega de Ciencias, á Real Academia de Medicina e Cirurxía, á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, á Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e á Real Academia Galega.

A regulación do exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias efectuouse mediante o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, desenvolvido pola Orde do 8 de abril de 2005, e actualmente as competencias nesta materia corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia.

As academias de Galicia configúranse como corporacións de dereito público que teñen por finalidade principal a investigación no campo das ciencias, das artes, das letras e da cultura en xeral.

A adopción do acordo de creación das academias, a súa adscrición ás distintas consellerías e a aprobación da modificación dos estatutos corresponden ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da solicitude da academia interesada, conforme ao disposto no artigo 5 do Decreto 392/2003, do 23 de outubro, e no artigo 2 da Orde do 8 de abril de 2005, pola que se desenvolve o citado decreto, e publicarase no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da secretaría xeral técnica da consellería que formulou a proposta do acordo.

De conformidade co exposto, Sergio Quintairos Domínguez e outros presentaron a correspondente solicitude, en que manifestan a súa vontade de creación da Academia de Enfermaría de Galicia, xuntando os seus estatutos, coa finalidade, de contar cunha corporación que constitúa un referente científico, de investigación e de consulta dos profesionais da enfermaría en Galicia, e para un mellor servizo aos intereses xerais.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de outubro de dous mil trece,

ACORDA:

Primeiro. Creación da Academia de Enfermaría de Galicia

Créase a Academia de Enfermaría de Galicia, que se rexerá polos estatutos que figuran como anexo.

Segundo. Adscrición

A Academia de Enfermaría de Galicia queda adscrita á Consellería de Sanidade.

Disposición derradeira. Publicación e entrada en vigor

O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Estatutos da Academia de Enfermaría de Galicia

Título I
Disposicións xerais

Capítulo I
Denominación, natureza, ámbito, enderezo, representación e adscrición

Artigo 1. Denominación, natureza e réxime xurídico

1. A denominación da Academia é a de Academia de Enfermaría de Galicia. É unha corporación de dereito público, de natureza científica, dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins de interese público xeral.

2. A Academia réxese polos presentes estatutos e polo Regulamento de réxime interior aprobado pola súa xunta plenaria, sen prexuízo da aplicación da lexislación xeral e autonómica que resulte procedente.

Artigo 2. Ámbito persoal e territorial

1. O corpo académico da Academia de Enfermaría de Galicia componse de académicos de número, académicos correspondentes e académicos de honra.

2. Poderá haber membros colaboradores, institucionais ou particulares que, non obstante, terán un status propio, sen formaren parte do corpo académico.

3. O ámbito de actuación da Academia esténdese ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Domicilio

1. A Academia ten o seu domicilio e sede na rúa Álvaro Cunqueiro número 6, entresollado, 15008 A Coruña.

2. Por acordo da Xunta de Goberno poderá variarse o domicilio, así como establecer delegacións académicas noutros puntos do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Representación

A representación da corporación corresponde ao seu presidente e, na súa falta, por vacante, ausencia ou enfermidade, aos vicepresidentes pola súa orde.

Artigo 5. Adscrición

A Academia quedará adscrita á consellería que determine o Consello da Xunta de Galicia no acordo de creación.

Capítulo II
Representación corporativa

Artigo 6. Símbolos

1. A Academia adopta como símbolos os tradicionais da enfermaría: a lámpada de aceite con chama, símbolo de claridade, transparencia e respecto; a cor branca, símbolo de pureza e cualificación persoal; a cor gris, propia dos estudos universitarios da enfermaría, que alude á autoexixencia, xenerosidade e dotes humanitarios que cualifican a profesión enfermeira; e a cruz de Malta, cuxas catro esquinas interiores representan as catro virtudes cardinais: prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza.

Artigo 7. Escudo e medallas académicas

1. O escudo da Academia de Enfermaría de Galicia ten forma cuadrilonga, arredondada pola súa parte inferior. En campo branco, coroado por unha cruz de Malta que garda no seu interior o escudo de Galicia, está cruzado en diagonal por unha banda gris colocada desde o ángulo superior dereito á parte inferior oposta, en cuxo centro se carga a silueta dunha antiga lámpada de aceite con chama flamante. A frase «Academia de Enfermaría de Galicia» circunda a figura, salvo na parte superior do escudo.

2. Os académicos de número terán dereito a utilizar como distintivo en actos oficiais unha medalla dourada configurada do modo seguinte: no seu anverso unha cruz de Malta, en cuxo centro figura un escudo coa mesma forma que o descrito no punto 1 deste artigo, contendo a simbólica lámpada de aceite con chama flamante sobre unha banda diagonal gris cruzada de dereita a esquerda. A medalla porta na súa parte superior o nome de «Academia de Enfermaría de Galicia» e na inferior a frase «Académico de número». No seu reverso figura o escudo de Galicia inserido nunha cruz de Malta. Leva na súa parte superior o nome «Academia de Enfermaría de Galicia» e na inferior a frase «Académico de número». Vai colgada dun cordón trenzado en azul e gris.

3. Os académicos correspondentes e de honra terán como distintivo unha medalla similar á descrita no punto 2 deste artigo, na cal, na parte inferior do seu anverso, figurará a lenda «Académico correspondente» ou «Académico de honra». O reverso será idéntico ao descrito para a medalla dos académicos de número. Vai colgada dun cordón gris.

4. A Academia disporá de selos e cuños co seu escudo e distintivos, que serán custodiados polo secretario xeral.

Capítulo III
Fins e funcións

Artigo 8. Fins

Son fins esenciais da Academia:

a) Contribuír ao progreso e desenvolvemento das ciencias da enfermaría.

b) Fomentar a investigación, estudo e divulgación da historia da enfermaría en Galicia, así como dos principios que rexen a súa práctica e das técnicas que a posibilitan.

c) Honrar e divulgar a personalidade e herdanza persoal e científica daqueles que en Galicia contribuísen ou contribúan especialmente ao desenvolvemento e prestixio profesional e deontolóxico da enfermaría.

d) Establecer criterios e interpretacións de carácter científico, técnico, sanitario, docente, de información ou divulgativo sobre cuestións e problemas do ámbito da enfermaría que se formulen á sociedade galega.

e) Actuar como entidade científica e consultiva das administracións e organismos públicos con competencias neste ámbito.

Artigo 9. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins, a Academia levará a cabo as seguintes funcións:

a) Investigar, catalogar, reproducir, publicar e difundir por calquera medio idóneo coñecementos sobre a enfermaría e o seu desenvolvemento universitario, científico e técnico.

b) Crear os premios, bolsas e distincións que se entendan adecuados para a promoción da investigación e o estímulo e recoñecemento do traballo dos investigadores.

c) Organizar reunións científicas, simposios, foros, xornadas, talleres, seminarios, exposicións públicas, conferencias ou calquera outro tipo de actos adecuados aos seus fins esenciais, así como colaborar, se é o caso, cos promovidos por outras entidades.

d) Establecer relacións de reciprocidade con entidades análogas, galegas, nacionais, europeas ou estranxeiras.

e) Subscribir convenios ou acordos de colaboración con entidades, institucións, asociacións, corporacións ou organizacións privadas ou de carácter público, especialmente do ámbito universitario e investigador en xeral.

f) Manter unha relación fluída e de colaboración cos colexios provinciais de enfermaría, así como co Consello Galego.

g) Elaborar e dar a coñecer estudos ou informes en materia de ciencias da enfermaría realizados pola súa iniciativa, así como emitir os que, se for o caso, lle sexan solicitados polas administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas.

h) Procurar o mecenado do sector privado para a realización das actividades científicas de interese xeral que a Academia asume.

i) Manter regularmente informados os profesionais da enfermaría en Galicia, a comunidade científica e, en xeral, a opinión pública galega das actividades académicas desempeñadas.

j) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses públicos xerais que os fins da Academia serven.

Capítulo IV
Colaboración interinstitucional

Artigo 10. Organización profesional da enfermaría

1. A Academia colaborará estreitamente cos colexios oficiais de enfermaría das catro provincias galegas e co Consello Galego e, por medio deste, co Consello Xeral de Enfermaría.

2. A Academia relacionarase e interactuará coas diversas sociedades científicas do ámbito da enfermaría galega.

3. Cooperará, así mesmo, con cantas entidades, corporacións, asociacións, academias de ciencias afíns e organizacións queiran contribuír ao mellor cumprimento dos seus fins e ao desenvolvemento das súas funcións, mediante acordos, protocolos ou convenios de colaboración.

Artigo 11. Universidade

A Academia manterá relación con cantas universidades, públicas ou privadas, ensinen ou investiguen no ámbito das ciencias da enfermaría, especialmente coas universidades galegas, establecendo con elas relacións de reciprocidade mediante a interacción institucional, o intercambio de colaboradores, a realización de actividades conxuntas, a promoción de bolsas de estudo, a troca de publicacións, a coparticipación en proxectos de investigación ou divulgación científica e cantas outras actividades sexan susceptibles de traballo conxunto e proveito mutuo.

Título II
Organización

Capítulo I
Goberno e dirección

Sección 1ª. Composición e órganos de goberno

Artigo 12. Composición

1. A Academia constitúese inicialmente por vinte e oito académicos de número, vinte e oito académicos correspondentes, ademais dos académicos de honra que se poidan designar.

2. Por acordo da Xunta Plenaria adoptado por maioría absoluta poderá ampliarse razoadamente, sen necesidade de reforma estatutaria e de acordo cos procedementos de admisión que, de ser o caso, procedan, o número de académicos inicialmente integrantes da corporación.

Artigo 13. Órganos de goberno

1. Son órganos de goberno da Academia a Xunta Plenaria, o presidente e a Xunta de Goberno.

2. Procurarase que na composición de todos os órganos de goberno exista un número tendencialmente semellante de homes e mulleres.

Artigo 14. Xunta Plenaria

1. A Xunta Plenaria é o órgano soberano da corporación e está integrada pola totalidade dos académicos (de número, correspondentes e de honra), aínda que só teñen dereito de voto nela os académicos de número.

2. Son funcións da Xunta Plenaria:

a) Elección mediante sufraxio dos académicos de número, correspondentes e de honra.

b) Ampliación, de ser o caso, do número de académicos compoñentes da corporación.

c) Elección mediante sufraxio dos membros que comporán a Xunta de Goberno, así como para a cobertura das vacantes que nela se poidan producir.

d) Referendo da creación pola Xunta de Goberno de seccións e comisións académicas, así como do seu reaxuste, fusión ou supresión.

e) Referendo da elección dos cargos de presidente e secretario de cada unha das seccións académicas.

f) Referendo do nomeamento de académicos correspondentes e académicos de honra realizada pola Xunta de Goberno.

g) Aprobación dos orzamentos de ingresos e gastos, así como o balance de contas e resultados.

h) Aprobación do Plan de actuacións e da memoria anual de actividades.

i) Adquisición ou alleamento de bens patrimoniais da Academia, modificación dos seus estatutos e cantas outras cuestións se valoren como de especial transcendencia ou interese para a corporación, autorizando, de ser o caso, o presidente para iso.

j) Trámite e decisión sobre a moción de censura a membros da Xunta de Goberno ou a toda ela.

k) Establecemento dos premios, bolsas e distincións que considere oportunos, así como determinar as características dos concursos para a tramitación e adxudicación dos que convoque a Academia.

l) Creación, se for o caso, das fundacións e asociacións que contribúan ao mellor cumprimento dos fins académicos, así como constituír ou participar en sociedades mercantís non personalistas.

m) Interpretación e desenvolvemento dos estatutos mediante a aprobación definitiva do Regulamento de réxime interior elaborado pola Xunta de Goberno.

3. A Xunta Plenaria reunirase con carácter ordinario unha vez cada ano natural correspondente, e nesa sesión aprobaranse os orzamentos de ingresos e gastos para o seguinte exercicio, así como a memoria anual, o balance de contas e achegas de organismos públicos e de particulares, así como a xestión da Xunta de Goberno.

4. Ademais da preceptiva sesión ordinaria anual, a Xunta Plenaria poderá reunirse en sesión extraordinaria, que deberá ser convocada cando así o acorde o presidente, a Xunta de Goberno ou o solicite polo menos o 25 por cento dos académicos de número. Neste caso, a sesión extraordinaria deberá ser convocada dentro dos trinta días seguintes á data de presentación da solicitude.

5. Cos mesmos requisitos de porcentaxe establecidos no punto anterior deste artigo, poderá solicitarse a convocatoria específica ou a inclusión na orde do día dunha sesión extraordinaria dunha moción de censura a membros da Xunta de Goberno, ou a esta en xeral, expresando claramente as razóns en que se funde, e queda obrigada a Xunta de Goberno a incluíla na orde de asuntos que se van tratar.

Se a moción de censura for aprobada por maioría de dous terzos dos asistentes, os membros censurados ou, de ser o caso, toda a Xunta, deberán dimitir, e deberá convocarse inmediatamente a elección de novos cargos, de acordo co previsto nestes estatutos.

En todo caso, para que unha moción de censura poida prosperar, será necesaria a asistencia á Xunta Plenaria en que se trate do oitenta por cento dos académicos con dereito a voto.

6. Tanto a sesión ordinaria como a extraordinaria da Xunta Plenaria serán convocadas por acordo da Xunta de Goberno, sen prexuízo do establecido no punto 4 deste artigo, cun mínimo de dez días de antelación, mediante comunicación dirixida a todos os académicos, indicando o lugar, a data e a hora da reunión, tanto en primeira como en segunda convocatoria, e a orde dos asuntos que se van tratar.

7. Con carácter xeral, e salvo o disposto para a moción de censura no punto 5 deste artigo, a Xunta Plenaria, tanto ordinaria como extraordinaria, quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos académicos de número na primeira convocatoria e calquera que for o seu número na segunda convocatoria, que terá lugar polo menos trinta minutos despois da hora en que fose convocada a primeira.

8. Os acordos serán adoptados por maioría dos asistentes, salvo os supostos que requiren segundo estes estatutos unha maioría cualificada, e serano mediante votación secreta cando así o solicite polo menos o dez por cento dos académicos de número que asistan á Xunta. O voto será en todo caso secreto cando se trate do nomeamento de novos académicos ou afecte o decoro dos xa constituídos como tales.

9. O presidente da Xunta Plenaria, que será o da Academia, abrirá e pechará a sesión, exercerá de moderador e poderá, se non estiver presente un dos vicepresidentes, delegar esta función en calquera dos académicos de número que asistan á sesión.

Artigo 15. Presidente

1. O presidente da Academia, que o é tamén da Xunta Plenaria e da Xunta de Goberno, e que en todo caso deberá ter o grao de doutor, exerce a xefatura superior da corporación e a súa representación máxima en todas as súas relacións cos poderes públicos, entidades, organizacións e persoas naturais ou xurídicas, e vela polo cumprimento das prescricións estatutarias e regulamentarias, así como das disposicións e acordos adoptados polos órganos académicos de goberno e representación.

2. Competen ademais ao presidente as seguintes atribucións e funcións:

a) Exercer as accións que correspondan en defensa dos dereitos e intereses da Academia ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, outorgando e revogando os poderes necesarios para o efecto.

b) Presidir a totalidade dos actos que organice a Academia e concorrer en representación aos realizados por outras institucións ou corporacións.

c) Presidir e moderar as sesións ordinarias e extraordinarias dos órganos académicos de goberno, ordenando as correspondentes convocatorias, logo de preparación co secretario xeral da orde do día, todo iso sen prexuízo da facultade de delegación prevista nestes estatutos, e dirimindo, de ser o caso, os posibles empates co seu voto de calidade.

d) Subscribir convenios e acordos de colaboración con asociacións, corporacións, fundacións, universidades, institutos de investigación ou docencia e academias afíns, para fomentar, crear, organizar e desenvolver actividades tendentes ao mellor cumprimento dos fins académicos.

e) Aceptar subvencións, doazóns, legados e calquera outro tipo de recursos económicos e patrimoniais da Academia, dando coñecemento da súa actuación na primeira reunión que realice a Xunta de Goberno.

f) Logo de autorización da Xunta Plenaria, adquirir e allear bens patrimoniais da Academia e, coa mesma autorización, iniciar o procedemento de modificación dos estatutos, así como adoptar resolución sobre cuestións que se consideren de especial transcendencia ou interese.

g) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, dando conta ao órgano académico correspondente para a súa ratificación na sesión seguinte deste.

h) Asinar mancomunadamente co tesoureiro os documentos xustificativos de tesouraría.

3. Sempre que exista dotación orzamentaria para o efecto, o presidente poderá nomear os asesores que considere necesarios, poñéndoo en coñecemento da Xunta de Goberno.

Artigo 16. Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano executivo superior da Academia.

2. Estará constituída por un presidente, que será o da Academia, dous vicepresidentes, un secretario xeral, un vicesecretario, un tesoureiro, un vicetesoureiro e un bibliotecario.

3. Para ser membro da Xunta de Goberno será preciso inescusablemente ser académico de número.

4. A elección dos membros da Xunta de Goberno será por votación persoal, directa e secreta dos académicos de número reunidos en Xunta Plenaria. As candidaturas, compostas por un total de oito membros, deberán presentarse en listas pechadas e completas, con expresión de todos os cargos. De non concorrer máis que unha candidatura, a Xunta Plenaria procederá sen máis trámite á súa proclamación.

5. A duración do mandato da Xunta de Goberno será de cinco anos e os seus membros serán reelixibles por unha soa vez consecutiva.

6. Se se produciren vacantes ao longo do mandato, os cargos vacantes serán automaticamente ocupados ata o seu termo polos seus respectivos substitutos: o presidente polo vicepresidente primeiro; este polo vicepresidente segundo; o secretario xeral polo vicesecretario; o tesoureiro polo vicetesoureiro; e o bibliotecario polo académico de número de maior idade.

7. Todos os cargos serán honoríficos e gratuítos, deixando a salvo o réxime das axudas de custo que poida establecer a Academia.

8. Son funcións da Xunta de Goberno as seguintes:

a) Velar polo cumprimento do disposto nos estatutos da Academia e executar os acordos da Xunta Plenaria.

b) Dirixir e administrar a Academia en beneficio da corporación, resolvendo as cuestións da súa adecuada xestión.

c) Elaborar e aprobar o regulamento de réxime interior, que será elevado á Xunta Plenaria para a súa aprobación definitiva.

d) Dirixir e coordinar as relacións entre a Academia e outras entidades e organismos autonómicos, nacionais, comunitarios europeos ou estranxeiros.

e) Velar polo cumprimento e eficaz desenvolvemento dos convenios e acordos de colaboración subscritos con outras entidades públicas ou privadas.

f) Elaborar o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o balance de contas e resultados, e elevalos á Xunta Plenaria para a súa aprobación.

g) Elaborar o proxecto do Plan de actuacións e da memoria anual de actividades.

h) Crear as seccións en que se estrutura a Academia segundo os seus estatutos, así como proporlle á Xunta Plenaria a creación de comisións permanentes ou temporais.

i) Prover a cobertura das vacantes producidas nas seccións, logo de suxestión da sección correspondente e en consonancia cos avances científicos e coas necesidades da Academia.

j) Asegurar a funcionalidade das diferentes seccións da Academia e referendar, se é o caso, os acordos que estas adopten.

k) Realizar as convocatorias de «académicos correspondentes» e proceder á súa designación, que deberá ser referendada pola Xunta Plenaria.

l) Propor o nomeamento de académicos de honra.

m) Valorar e decidir os supostos do paso á situación de supernumerario do artigo 30.6 e 7 destes estatutos.

n) Convocar os concursos para a adxudicación de premios, bolsas e distincións, de acordo coas características fixadas pola Xunta Plenaria, e designar os xurados que deban resolver cada un deles.

o) Proceder á designación, se é o caso, de membros colaboradores.

p) Designar o académico de número que deba pronunciar o discurso inaugural anual da Academia.

q) Designar o académico de número que deba contestar o discurso de ingreso na toma de posesión dun novo académico.

r) Nomear e separar os empregados da Academia.

s) Coñecer e informar de todos os asuntos que vaian ser tratados na Xunta Plenaria.

t) Propor á Xunta Plenaria o réxime de axudas de custo e acordar por si mesma a súa periódica actualización.

u) Cantas outras deriven dos estatutos, do Regulamento de réxime interior e da normativa xeral de aplicación, así como todas aquelas que non veñan expresamente atribuídas en exclusiva a outros órganos académicos.

9. Para a válida constitución das sesións da Xunta de Goberno requirirase a presenza da metade máis un dos seus membros, entre eles e en todo caso o presidente, ou persoa en quen delegue, e o secretario. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple de votos e o do presidente será de calidade.

10. A Xunta de Goberno poderá requirir a presenza doutros académicos que non formen parte dela para tratar asuntos concretos. Neste caso, tales membros participarán nas deliberacións, pero non terán voto para a resolución da cuestión de que se trate. Igualmente acontecerá cos asesores, de ser o caso, nomeados polo presidente, de acordo co establecido no artigo 15.3 destes estatutos.

Artigo 17. Os acordos e a súa constancia

1. Tanto os acordos da Xunta Plenaria como os da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos; no que sexa necesario servirá de base a certificación que destes conste na acta correspondente, expedida, se for o caso, polo secretario xeral co visto e prace do presidente.

2. Na Academia levaranse obrigatoriamente catro libros:

a) O libro de membros, no cal constarán os seus nomes e apelidos, profesión, enderezo e os títulos, publicacións e demais circunstancias relevantes para o efecto, especificando os cargos que exerzan ou exercesen na Academia, a docencia universitaria ou a investigación. A Academia custodiará os datos coas medidas derivadas da lexislación xeral de protección de datos.

b) O libro de actas das sesións da Xunta Plenaria.

c) O libro de actas das sesións da Xunta de Goberno.

d) Os libros da contabilidade, nos cales figurarán todos os ingresos e gastos da Academia, precisándose a procedencia dos ingresos e o investimento efectuado dos gastos.

3. Para a mellor constancia dos acordos incorporaranse paulatinamente os medios e técnicas máis avanzados admitidos en dereito, sempre que se garanta que o contido das actas sexa auténtico e fidedigno.

Artigo 18. Confidencialidade

Todos os asuntos tratados tanto en Xunta Plenaria como en Xunta de Goberno terán carácter confidencial, polo que os académicos se absterán de facer públicos, salvo autorización expresa do presidente da Academia, os acordos adoptados e as discusións previas que se teñan producido.

Sección 2ª. Outros órganos

Artigo 19. Vicepresidentes

1. Os vicepresidentes primeiro e segundo desempeñarán cantas funcións, encargos e actividades lles confira o presidente, mesmo as representativas da Academia.

2. Substituirán pola súa orde o presidente en caso de ausencia, enfermidade, suspensión, recusación ou delegación parcial de funcións.

3. En caso de vacancia da presidencia, o vicepresidente primeiro ocupará o cargo en condición de «vicepresidente en funcións de presidente» ata que se proceda á elección daquel nos termos do artigo 16.6 destes estatutos.

Artigo 20. Secretario xeral e vicesecretario

1. O secretario xeral de Academia, que pola súa vez o será da Xunta Plenaria e da Xunta de Goberno, terá as seguintes atribucións e funcións:

a) Convocar, por orde do presidente, as sesións dos órganos de goberno da Academia e expedir as correspondentes actas.

b) Redactar e dirixir coa debida antelación os oficios de citación para todos os actos da Academia, segundo as ordes que reciba do presidente.

c) Exercer, baixo a autoridade do presidente, a xefatura do servizo administrativo e de recursos humanos da Academia.

d) Incorporarse, en razón do seu cargo, a todas as seccións en que se estruture a Academia.

e) Desenvolver funcións de estímulo e auxilio dos traballos das seccións e comisións académicas.

f) Transcribir e dar fe dos actos e acordos dos órganos da Academia e expedir as certificacións pertinentes visadas polo presidente.

g) Expedirlles aos académicos co visto e prace do presidente o nomeamento e diploma que acrediten a súa condición.

h) Preparar xuntamente co tesoureiro e proporlle á Xunta de Goberno o anteproxecto de orzamentos para que esta, tras as modificacións que de ser o caso entenda oportunas, o converta en proxecto, que se elevará para a súa aprobación á Xunta Plenaria. Igualmente procederá respecto do balance de contas e resultados, do Plan de actividades e da memoria anual.

i) Proporlles aos órganos correspondentes a implantación dos medios e mecanismos que garantan a custodia dos documentos da Academia.

j) Gardar e custodiar o selo da Academia, a documentación oficial, libro de actas, arquivos, ficheiros e cuños, así como as medallas correspondentes ás prazas vacantes de académicos.

2. O vicesecretario auxiliará o secretario xeral no desenvolvemento das súas funcións e substituirao en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 21. Tesoureiro e vicetesoureiro

1. Procurarase atribuír este cargo a quen, entre os académicos de número, reúna coñecementos e condicións adecuados ao exercicio da función tesoureira e contable.

2. Serán funcións do tesoureiro as seguintes:

a) Exercer, baixo a autoridade do presidente, a xefatura do servizo de tesouraría da Academia.

b) Expedir e cumprir os libramentos e demais medidas deste carácter atribuídas ao presidente e, pola súa instancia, no artigo 15 destes estatutos.

c) Propor e xestionar cantos aspectos sexan conducentes á boa marcha contable da Academia, subscribindo co presidente os libramentos que aquel, como ordenador de pagamentos, realice.

d) Levar os libros necesarios para o rexistro de ingresos e gastos e, en xeral, o movemento patrimonial.

e) Redactar conxuntamente co secretario xeral o anteproxecto de orzamentos e formular a conta xeral, efectuando as operacións contables que correspondan de xeito regular e periódico. Para esta tarefa, e dado o seu carácter non necesariamente profesional, poderá servirse dos medios e asesores necesarios que, de ser o caso, aprobe a Xunta de Goberno. Igualmente procederá respecto da formulación do Plan de actividades e da memoria anual.

f) Levar o inventario dos bens da Academia.

g) Dar conta ao presidente e á Xunta de Goberno das necesidades observadas e da situación de tesouraría.

3. O vicetesoureiro auxiliará o tesoureiro no desenvolvemento das súas funcións e substituirao en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 22. Bibliotecario

1. O bibliotecario será o responsable dos fondos bibliográficos e de toda a documentación científica acumulada pola Academia, calquera que for a súa forma de rexistro, publicación ou gravación, así como da súa custodia, conservación, incremento, difusión e adecuado acceso e disposición por investigadores e usuarios en xeral.

2. Ademais do establecido no número anterior deste artigo, o bibliotecario desenvolverá as seguintes funcións concretas:

a) A catalogación e clasificación dos fondos, na súa dobre vertente de información e documentación científica, así como a súa dixitalización cando se considere conveniente.

b) Proporlle á Xunta de Goberno a adquisición de fondos bibliográficos e documentais.

c) Dar o máximo relevo aos anais e a cantas publicacións, relatorios, xornadas, simposios, discusións ou conferencias sexan realizadas ou patrocinadas pola Academia, sempre baixo as directrices que marquen o presidente e a Xunta de Goberno.

d) Incorporarse como secretario á Comisión de Publicacións.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o bibliotecario será substituído polo académico de número de maior idade.

Capítulo II
Estrutura interna: seccións e comisións

Artigo 23. Seccións e comisións

A Academia estrutúrase internamente en seccións e comisións. As seccións teñen carácter permanente e obedecen aos distintos ámbitos e especialidades das ciencias da enfermaría. As comisións, de carácter permanente ou temporal, responden á necesidade de investigar ou tratar cientificamente cuestións ou aspectos temáticos concretos en que sexa relevante a opinión e ditame da Academia.

Artigo 24. Seccións

1. A Academia contará polo menos coa seguintes seccións:

a) Ciencias Básicas da Enfermaría.

b) Enfermaría Pediátrica.

c) Enfermaría Xeriátrica.

d) Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica.

e) Enfermaría do Traballo.

f) Enfermaría en Coidados Médico-Cirúrxicos.

g) Enfermaría Familiar e Comunitaria.

h) Enfermaría de Saúde Mental.

i) Docencia e Investigación da Enfermaría.

j) Dirección e Xestión da Enfermaría.

k) Historia da Enfermaría.

2. As seccións estarán constituídas por académicos de número e por aqueles académicos correspondentes que fosen adscritos a elas da forma que regulamentariamente se estableza.

3. A Xunta de Goberno poderá, mediante acordo motivado e adoptado por maioría absoluta dos seus membros, suprimir seccións, fusionalas, crear outras novas ou redistribuír, para cada curso, as materias inicialmente asignadas a cada unha delas, acordo que deberá ser referendado pola Xunta Plenaria.

4. Os académicos incorporaranse á sección que mellor se adapte á súa especialización enfermeira, e procurarase unha distribución equilibrada da adscrición que faga posible o funcionamento eficaz e eficiente de todas elas.

5. Á fronte de cada sección haberá un presidente e un secretario, que serán elixidos por maioría simple de entre os membros que a integren. A elección deberá ser referendada pola Xunta de Goberno.

O secretario xeral da Academia formará parte, en razón do seu cargo, de todas as seccións.

6. Compete ás seccións, no ámbito da súa competencia específica:

a) O estudo dos temas científicos que lles correspondan, así como os que lles encomende a Xunta de Goberno a través do secretario xeral.

b) A elaboración, para a súa aprobación pola Xunta de Goberno, do programa de actividades no ámbito da súa competencia.

c) A selección no seu ámbito, e conseguinte proposta á Xunta de Goberno, dos temas que se tratarán para a convocatoria dos premios que a Academia poida establecer.

d) A emisión de informes preceptivos en relación coas memorias, traballos ou discursos de ingreso que se presentasen.

e) A elaboración de informes técnicos ou de avaliación científica sobre temas específicos da súa respectiva competencia, co fin de establecer criterios, conceptos e recomendacións no ámbito das administracións públicas, da universidade e das organizacións profesionais.

Artigo 25. Comisións

1. Por acordo da Xunta Plenaria poderanse crear comisións, de carácter permanente ou temporal, para o estudo de cuestións ou problemas científicos concretos e para a súa conseguinte publicación ou divulgación por calquera medio que se entenda idóneo.

2. A Xunta de Goberno procederá en tal caso á constitución da correspondente comisión, incorporando a esta os académicos que voluntariamente queiran acceder a ela. Cada comisión dotarase dun presidente e dun secretario que, en caso da Comisión (permanente) de Publicacións, será o bibliotecario da Academia.

Artigo 26. Réxime xeral das seccións e comisións

1. As seccións e comisións reuniranse cantas veces sexa necesario para o bo desenvolvemento das súas funcións, por proposta dos seus respectivos presidentes ou por petición da maioría simple dos seus compoñentes.

2. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes e só en caso de necesidade mediante votación secreta.

3. Será preceptivo que, antes de pronunciarse a Xunta Plenaria ou a Xunta de Goberno sobre calquera asunto que afecte directamente a competencia específica das seccións ou comisións, sexa oído o informe ditame que deberá presentar ao órgano decisor o académico relator, co conforme da sección ou comisión de que se trate.

Título III
Académicos

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 27. Número e clases

1. A Academia estará integrada inicialmente por vinte e oito académicos de número, vinte e oito académicos correspondentes e dezaseis académicos de honra, todo iso sen prexuízo das facultades de ampliación atribuídas no artigo 12.2 destes estatutos á Xunta Plenaria.

2. Os académicos de número engloban os académicos promotores fundadores, que adquiren automaticamente tal imprescritible condición desde o momento de constitución da Academia, e aqueles outros que, reunindo os requisitos de titulación, calidade, procedemento e aval sexan elixidos conforme o disposto no capítulo terceiro do título III destes estatutos.

3. Os académicos correspondentes, tanto nacionais como comunitarios europeos ou estranxeiros, serán nomeados pola Xunta de Goberno de acordo cos requisitos e méritos fixados nestes estatutos e nas convocatorias realizadas para o efecto. O seu nomeamento, efectuado pola Xunta de Goberno, deberá ser referendado pola Xunta Plenaria.

4. Os académicos de honra serán nomeados pola Xunta de Goberno de entre persoas de relevante prestixio que contribuísen de forma eminente ao desenvolvemento, fomento ou protección da enfermaría ou ciencias afíns. O seu nomeamento requirirá do referendo da Xunta Plenaria.

5. Todos os académicos da Academia de Enfermaría de Galicia terán o tratamento de ilustrísimos se, por outras concesións, non gozaren de tratamentos superiores.

Capítulo II
Status xurídico dos académicos

Artigo 28. Dereitos

1. Son dereitos dos académicos, calquera que sexa a súa condición:

a) Asistir ás sesións da Xunta Plenaria.

b) Participar nos traballos académicos na forma e co carácter que lles corresponda segundo estes estatutos, o Regulamento de réxime interior e as determinacións dos órganos académicos de goberno.

c) Recibir da Xunta de Goberno información e formular ante ela as peticións e iniciativas que consideren procedentes.

d) Utilizar as dependencias da Academia nas condicións que o Regulamento de réxime interior e a Xunta de Goberno establezan.

e) Percibir as axudas de custo que, se é o caso, poida fixar a Academia.

f) Usar nos actos oficiais a medalla correspondente á súa categoría, descrita nestes estatutos e no Regulamento de réxime interior, así como gozar do tratamento, as honras e as preeminencias propias do seu rango académico.

2. Son dereitos específicos dos académicos de número os seguintes:

a) Participar nos traballos científicos da Academia, incorporándose ás seccións e/ou comisións en que se integren.

b) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de voto e o de acceso, se é o caso, aos postos e cargos directivos, segundo o regulado nestes estatutos.

c) Examinar, logo de solicitude, os libros de actas da Academia, así como solicitar a expedición de certificación daqueles acordos que os afecten.

3. Os académicos correspondentes teñen dereito a:

a) Asistir ás sesións da Academia con voz pero sen voto.

b) Utilizar os medios de estudo e investigación de que dispoña a corporación.

c) Formar parte dalgunha das seccións de que se compón a Academia ou das comisións que resulten da súa incumbencia.

d) Ostentar nos actos da corporación a medalla que corresponda á súa categoría, descrita nestes estatutos, así como gozar do tratamento, honras e preeminencia propias do seu rango académico.

e) Usar o seu título coa mención expresa e precisa de «académico correspondente».

f) Solicitar e obter estatutariamente o seu paso á situación de «académico supernumerario», regulada nos números 5, 6, 7 e 8 do artigo 30 destes estatutos.

4. Serán dereitos dos académicos de honra:

a) Concorrer aos locais da corporación.

b) Asistir ás sesións científicas e aos plenos ordinarios, de ser o caso, e sempre con voz e sen voto.

c) Utilizar con suxeición ao Regulamento de réxime interno todos os medios de estudo e investigación de que dispoña a Academia.

d) Usar, nos seus actos oficiais, a medalla que corresponda á súa categoría, descrita nestes estatutos, así como gozar do tratamento, honras e preeminencia propias do seu rango académico establecidos no Regulamento de réxime interior.

Artigo 29. Deberes

1. Son deberes dos académicos:

a) Cumprir os estatutos e acordos da corporación.

b) Contribuír co seu estudo e dedicación ao cumprimento dos fins da Academia e, en xeral, ao progreso da ciencia que cultiven.

c) Velar polo prestixio da institución.

d) Emitir informes, desempeñar comisións e efectuar os traballos científicos que se lles confíen ou encomenden.

e) Asistir ás reunións a que estatutariamente sexan convocados.

f)) Aceptar os cargos para os cales sexan elixidos, de non o impedir unha causa plenamente xustificada.

g) Respectar a confidencialidade dos acordos e deliberacións dos órganos académicos en que participen.

h) Aboar as cotas ordinarias e extraordinarias que, se é o caso, fixe a Academia.

2. Todos os académicos, calquera que sexa a súa condición, deberán remitir á Academia, con destino aos seus fondos bibliográficos e documentais, un exemplar das súas publicacións.

Capítulo III
Réxime e sistema de elección ou designación das distintas
clases de académicos

Artigo 30. Académicos de número

1. O núcleo fundamental da Academia está constituído polos vinte e oito académicos de número, que deberán ser persoas de relevante prestixio científico, profesional ou persoal, avaladas polos seus méritos, traballos profesionais e publicacións.

2. Os académicos de número deberán:

a) Posuír obrigatoriamente, cunha antigüidade de polo menos quince anos, o título de diplomado en Enfermaría, graduado en Enfermaría, máster ou doutor, en todo caso enfermeiro.

b) A calidade de doutor será mérito preferente.

3. A provisión de vacante de académico de número axustarase ao seguinte procedemento:

a) Producida a vacante, a Xunta Plenaria acordará a pertinente convocatoria para a cobertura do correspondente número.

b) A convocatoria farase pública coa máxima difusión e notificaráselles a todos os académicos membros da Xunta Plenaria. Nela figurará o prazo para remitir á Secretaría da Academia cantos documentos acreditativos considere convenientes o candidato.

c) A solicitude deberá estar avalada pola sinatura de tres académicos de número, que responderán do asentimento do proposto no caso de ser elixido.

Non se admitirán a trámite as propostas subscritas por máis de tres académicos de número ou por persoas non pertencentes a esta clase.

d) A Secretaría Xeral remitirá, se é o caso, ao presidente da sección correspondente a documentación dos candidatos e este, no prazo máximo de trinta días naturais, enviará á Secretaría Xeral o pertinente informe, que se dará a coñecer a todos os académicos antes de que se proceda á votación na Xunta Plenaria que se convoque para o efecto.

e) A sesión en que teña lugar a votación do novo académico quedará validamente constituída cando se encontren nela máis da metade dos académicos de número.

f) Para ser elixido académico de número en primeira votación requirirase a obtención de polo menos dous terzos dos votos emitidos. De non obter ningún candidato a dita porcentaxe, será suficiente, en segunda votación, a maioría simple.

g) No suposto de que ningún candidato obteña os votos necesarios en primeira ou segunda votación, procederá a Secretaría Xeral a anunciar de novo a provisión da vacante.

h) O candidato que finalmente resulte elixido será proclamado, no mesmo acto, académico de número electo.

Deberá entón aceptar o seu nomeamento no prazo de quince días, mediante escrito dirixido ao presidente da Academia.

i) Desde que sexa elixido ata que lea o seu discurso, o académico electo poderá concorrer ás sesións académicas, con voz pero sen voto, que unicamente poderá emitir ao adquirir a condición plena de numerario, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria 1ª, 2 destes estatutos.

j) Para a toma de posesión da súa praza, o académico de número electo deberá ler o seu discurso de ingreso no prazo dun ano, contado a partir da data en que reciba da Secretaría Xeral a comunicación da súa elección, momento en que accederá á plenitude da súa condición e dereitos imprescritibles. Cando as circunstancias persoais o xustifiquen, a Xunta de Goberno poderá prorrogar, como máximo un ano máis, o prazo de presentación do discurso de ingreso

Se, transcorrido este prazo de dous anos, non se presentase o discurso da súa recepción, declararase vacante a praza e procederase a cubrila mediante unha nova elección. Neste caso, o académico electo cuxa praza se declarase vacante manterá, non obstante, a súa condición de académico en calidade de supernumerario e poderá presentar o seu discurso en calquera tempo posterior; cumprida esta formalidade, terá dereito a ler o seu discurso e ingresar na Academia cubrindo a primeira vacante que se produza.

k) A Xunta de Goberno, de acordo co académico electo, designará o académico de número encargado de contestarlle.

l) Unha vez realizada a sesión de investidura, o académico recentemente nomeado deberá adscribirse, como máximo, a dúas das seccións que se enumeran no artigo 24 destes estatutos.

m) Cando a convocatoria dunha vacante se efectúe a unha sección determinada, o académico que a cubra quedará obrigatoriamente adscrito á dita sección e, se o desexa, poderá figurar nunha sección máis.

n) O académico de número será provisto de nomeamento, medalla e diploma que acredite a súa condición.

4. A renuncia ao cargo de académico de número deberá formularse necesariamente por escrito e será aceptada na primeira sesión ordinaria.

5. Todo académico de número poderá solicitar da Academia o seu paso á situación de supernumerario, causando vacante.

Entenderase que un académico de número opta polo paso a supernumerario, e produce a conseguinte vacante, cando se dea nel calquera destas tres circunstancias:

a) Non proceder o académico electo á lectura do seu discurso de ingreso nos prazos establecidos no punto 3.j) deste artigo 30 destes estatutos.

b) Non reunir, durante dous cursos seguidos, un mínimo do setenta por cento de asistencias ás sesións da Academia, requisito que poderá ser obxecto de redución, a xuízo da Xunta de Goberno, cando o académico resida fóra de Galicia por razón do cargo.

c) Non ter desenvolvido en sesión, ao longo de polo menos dous cursos seguidos, un tema das ciencias da enfermaría.

Concorrendo calquera destas circunstancias, a Xunta de Goberno, oído o académico interesado e valoradas as súas circunstancias persoais, procederá, se é o caso, a declaralo en situación de supernumerario.

6. Son causas que eximen da aplicación do disposto no número anterior deste artigo:

a) A forza maior ou os motivos graves así estimados pola Xunta de Goberno.

b) A idade superior aos setenta e cinco anos.

c) A enfermidade que impida a asistencia ás sesións da Academia.

d) Contar xa con máis de cen asistencias ás sesións académicas.

e) Desempeñar un alto cargo en calquera Administración pública ou relevante institución deste carácter.

f) Exercer representación diplomática ou exercer temporalmente función oficial ou actividade cultural na Unión Europea ou no estranxeiro.

7. O paso á situación de supernumerario producirase de oficio e automaticamente para todos aqueles académicos de número que aos dez anos da constitución formal da Academia non alcanzasen o grao de doutor.

8. Os académicos que pasen á situación de supernumerario deberán entregar a súa medalla académica na Secretaría Xeral, onde será custodiada. Iso non impide a súa asistencia ás sesións públicas solemnes da Academia reguladas nos artigos 35, 36, 37 e 38 destes estatutos.

Artigo 31. Académicos correspondentes

1. Poderán adquirir a condición de académicos correspondentes, tanto nacionais como comunitarios europeos ou estranxeiros, todos aqueles profesionais da enfermaría ou de ciencias afíns que cumpran as condicións e requisitos fixados nas pertinentes convocatorias que, para a súa elección, realice a Xunta de Goberno da Academia. Procurarase que entre os académicos correspondentes haxa unha adecuada representación das sociedades científicas da enfermaría existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os aspirantes terán que ser diplomados en enfermaría, graduados en enfermaría, máster ou doutor, en todo caso enfermeiro, e presentar a súa solicitude avalada por dous académicos de número ou correspondentes. Para os correspondentes comunitarios ou estranxeiros, as exixencias de titulación adaptaranse ás equivalencias legalmente establecidas.

3. A verificación do cumprimento dos requisitos e a valoración dos méritos que alegue o solicitante corresponden á Xunta de Goberno, que será o órgano que decida discrecionalmente sobre a súa admisión ou non en sesión realizada para o efecto. A Xunta Plenaria deberá referendar a designación. O novo académico correspondente será provisto de nomeamento, medalla e diploma que acredite a súa condición.

4. A condición de académico correspondente perderase:

a) Por ser elixido académico de número.

b) Por renuncia expresa.

c) Por non satisfacer as cotas ordinarias ou extraordinarias que, de ser o caso, fixe a Academia.

d) Por usar o título que lle corresponde de xeito incompleto ou que induza a erro, a xuízo da Xunta de Goberno.

e) Por incumprimento grave das súas obrigas.

5. A rehabilitación dos académicos correspondentes que perderon a súa condición en razón do disposto no número anterior deste artigo poderá ser acordada pola Xunta de Goberno conforme o que estableza o regulamento.

Artigo 32. Académicos de honra

1. Por acordo da Xunta de Goberno, que requirirá do referendo da Xunta Plenaria, a Academia poderá outorgar a súa presidencia de honra á personalidade que, pola súa relevancia, sexa considerada merecedora de tal rango.

2. A Xunta de Goberno, co mesmo referendo da Xunta Plenaria, pode conferir o título de académico de honra a personalidades de recoñecido prestixio que contribuísen de forma eminente ao desenvolvemento, fomento ou protección da enfermaría ou ciencias afíns.

3. Poderán ser nomeados académicos de honra licenciados, graduados, másteres ou doutores en ciencias afíns á enfermaría que contribuísen substantivamente ao seu desenvolvemento e progreso. Tamén poderán selo os académicos que xa sexan correspondentes, que en tal caso pasarán a denominarse académicos correspondentes honorarios.

4. Así mesmo, poderán ser nomeados académicos de honra os numerarios que se domicilien con ánimo de permanencia fóra do ámbito territorial da Academia.

5. Con carácter excepcional e en persoas nas cales recaian merecementos especiais, poderán acceder a esta condición académicos correspondentes que, neste caso, recibirán o título de académicos correspondentes honorarios.

6. A proposta de académico de honra deberá vir avalada por polo menos tres académicos de número. A votación será secreta e a designación prosperará por maioría absoluta.

7. Os académicos de honra exercerán todos os dereitos dos de número, salvo o de voto e o de formar parte da Xunta de Goberno, e non estarán suxeitos a ningunha das súas obrigas.

Título IV
Outros membros

Capítulo único
Colaboradores

Artigo 33. Institucionais

1. Por acordo da Xunta de Goberno poderán ser designadas entidades colaboradoras aquelas institucións, corporacións ou organizacións de base social, públicas ou privadas, que queiran contribuír ao cumprimento dos fins e ao eficaz desenvolvemento das funcións da Academia.

2. As entidades colaboradoras participarán no sostemento dos gastos académicos na forma e contía que se determine nos correspondentes acordos ou convenios de colaboración bilaterais que se asignen, xa sexa en achegas económicas, adscrición de persoal, pagamento de bolsas ou calquera outro procedemento legal. Os convenios ou acordos precisarán as contrapartidas inmateriais obtidas pola súa colaboración, necesariamente congruentes coa satisfacción conxunta dos fins de interese xeral xustificadores do pacto.

Artigo 34. Individuais

1. Poderán ser designadas membros colaboradores as persoas físicas que, a título individual, se identifiquen cos fins da Academia e queiran contribuír ao mellor e máis efectivo desenvolvemento das súas actividades.

2. Poderán ser designados a título individual membros colaboradores, por acordo da Xunta de Goberno da Academia, os diplomados en enfermaría, graduados en enfermaría, máster ou doutor, en todo caso enfermeiro, graduados ou doutores en ciencias afíns que sexan propostos por dous académicos de número e reúnan a xuízo do órgano de goberno condicións e méritos adecuados para iso.

3. Tamén poderán ser designados membros colaboradores os alumnos das escolas e facultades do ramo que teñan aprobados os primeiros cursos do grao e o soliciten en instancia avalada por dous profesores numerarios da súa facultade ou escola.

4. Estes alumnos terán a calidade de membro colaborador por un prazo máximo de dous anos.

5. Os membros colaboradores individuais poderán ser adscritos funcionalmente, por acordo da Xunta de Goberno, a calquera das seccións e comisións da academia, ao seu presidente ou a calquera outro dos órganos unipersoais desta.

6. Os membros colaboradores individuais non están suxeitos a ningunha relación de carácter laboral coa Academia.

Artigo 35. Acreditación

Os membros colaboradores, tanto institucionais como individuais, serán dotados dun diploma acreditativo da súa condición.

Título V
Funcionamento da Academia

Capítulo único
As sesións académicas, clases e réxime

Artigo 36. Sesións públicas

1. Serán públicas e solemnes a sesión inaugural do curso académico e as sesións de recepción e investidura de novos académicos.

2. Os académicos concorrerán a elas con toga, as medallas e as condecoracións que lles correspondan.

Artigo 37. Sesión inaugural

1. O curso académico comezará o primeiro día hábil do mes de xaneiro, ao longo do cal se celebrará a sesión inaugural, que será pública e solemne.

2. Neste acto darase lectura á memoria de actividades do curso anterior e, de ser o caso, ao plan anual ou programa de actividades previstas para o exercicio que se inaugura.

A seguir, o académico de número designado para o efecto dará lectura ao discurso de apertura.

3. Nesta mesma sesión procederase á concesión de bolsas, premios e honras promovidas pola Academia.

Artigo 38. Sesións de recepción

1. Con igual solemnidade se celebrará, se é o caso, sesión específica para a recepción e investidura de novos académicos.

2. Neste acto, o secretario xeral dará lectura aos acordos e acta de nomeamento. Tras iso, o presidente da Academia invitará a que polo menos un académico acompañe ata o salón de sesións o recipiendario, para que proceda á lectura do seu discurso de ingreso.

3. Unha vez concluída a lectura, o presidente fará entrega ao novo académico dos atributos (medallas e título) que lle confire o nomeamento.

4. Posteriormente, o académico de número designado para o efecto procederá a dar lectura ao discurso de contestación ao novo académico.

5. A sesión concluirá cunhas palabras do presidente da Academia.

Artigo 39. Presidencia e exclusividade temática das sesións públicas

1. As sesións públicas e solemnes serán presididas polo presidente da Academia que, en caso de ausencia xustificada, poderá ser substituído polos vicepresidentes pola súa orde ou, na súa falta, polo académico de número máis antigo de entre os presentes no acto.

2. Nestas sesións inaugurais e de recepción e investidura de novos académicos non se poderán pronunciar outros discursos nin tratarse temas ou adoptar acordos distintos dos estritos referidos na convocatoria. Excepcionalmente, cando se trate de dar posesión do seu cargo aos académicos correspondentes ou de honra, poderase dar lectura a máis dun discurso.

Artigo 40. Sesións privadas: ordinarias

1. A Academia celebrará periodicamente sesións científicas ordinarias, ás cales deben concorrer todos os académicos.

2. Nestas sesións os académicos poderán ditar conferencias ou presentar informes ou comunicacións sobre temas específicos.

3. A Xunta de Goberno poderá invitar a participar nestas sesións ordinarias a cantas persoas puideren presentar e achegar avances científicos ou tecnolóxicos no ámbito material a que alcance a Academia.

Artigo 41. Sesións das seccións e comisións

1. As sesións destes órganos internos terán lugar coa periodicidade que o seu presidente determine e requira a súa actividade de informe científico previo ás reunións da Xunta Plenaria ou de Goberno.

2. Serán convocadas polo secretario por orde do presidente e os seus acordos adoptaranse por maioría simple.

Título VI
Premios, bolsas e distincións

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 42. Convocatoria

Por proposta da maioría simple da Xunta Plenaria, da Xunta de Goberno ou do presidente dalgunha das seccións, a Academia establecerá, en Xunta Plenaria, os premios, bolsas e distincións que considere oportunos e poida sufragar en razón das súas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 43. Os concursos: difusión e limitacións de concorrencia

1. A Xunta Plenaria fixará as características dos concursos para a concesión dos ditos premios, bolsas e distincións, establecendo todos os pormenores para a súa tramitación e adxudicación, e designará, ademais, o xurado que deba resolver cada un deles.

2. A Academia procurará a máxima difusión do resultado destas investigacións por cantos medios considere oportunos para o efecto.

3. A estes concursos non poderán concorrer os membros, académicos ou colaboradores, da Academia de Enfermaría de Galicia.

Capítulo II
O Premio da Academia de Enfermaría de Galicia

Artigo 44. Creación e convocatoria

1. Por acordo da Xunta Plenaria crearase o Premio da Academia de Enfermaría de Galicia, que en cada edición versará sobre un tema de carácter específico relacionado coas ciencias da enfermaría ou afíns e que será convocado coa periodicidade que acorde a Xunta de Goberno.

2. A Xunta de Goberno fixará os termos de cada convocatoria e o procedemento de adxudicación, coas debidas garantías de transparencia e obxectividade.

Artigo 45. Tramitación e resolución

1. Para os efectos de adxudicación, os traballos presentados serán sometidos a informe da sección correspondente, que elevará a súa proposta á Xunta Plenaria, competente para o outorgamento. A proposta poderá incluír ata un máximo de tres traballos e resultará adxudicatario o que obteña un maior número de votos dos académicos presentes na sesión da Xunta Plenaria.

2. O premio poderase declarar deserto de non concorreren obras de calidade adecuada a xuízo razoado da sección competente ou da Xunta Plenaria.

Título VII
Difusión dos estudos e traballos académicos

Capítulo único
Publicacións, edición, revisión, estilo e difusión

Artigo 46. Publicacións

1. A Academia poderá publicar coa periodicidade que considere conveniente os seus anais, sen prexuízo de poder editar, así mesmo, unha revista, boletín informativo ou calquera outro tipo de publicación.

2. As publicacións acollerán os discursos, comunicacións, relatorios e documentos de interese para os académicos, os estamentos científicos e a opinión pública en xeral, así como os resumos de carácter científico e/ou técnico que considere oportuno a Comisión de Publicacións e aqueles comunicados que, pola súa especial relevancia, acorde a Xunta Plenaria ou a Xunta de Goberno.

3. Darase especial prioridade á difusión por calquera medio do estudo que obtivese o Premio da Academia de Enfermaría de Galicia, así como aos discursos de ingreso dos académicos.

Artigo 47. Revisión e estilo das publicacións

A Comisión de Publicacións realizará as correccións de estilo pertinentes, acordando co autor ou autores as emendas necesarias nos textos para a súa correcta presentación e divulgación.

Artigo 48. Dereitos

1. A Academia acordará a impresión e publicación das súas obras e terá a propiedade destas.

2. Ningún traballo realizado na Academia ou baixo o seu patrocinio poderá ser publicado sen a súa autorización.

Artigo 49. Responsabilidade de opinións

A Academia, como promotora de investigación científica, proclama a absoluta liberdade de investigación no seu seo, pero nas obras que cada autor produza este será responsable das súas opinións e da totalidade da súa obra, aínda cando sexa publicada por conta da corporación, aspecto que se fará constar en todas as súas publicacións.

Título VIII
Réxime económico e de persoal

Capítulo I
Os recursos e a súa aplicación

Artigo 50. Recursos económicos

Os recursos económicos da Academia serán:

a) Os recursos propios: libros, revistas e demais publicacións da súa biblioteca, así como os documentos que constitúen o seu arquivo; o mobiliario e as obras de arte ou ornato situadas na súa sede, salvo as cedidas en depósito, que serán custodiadas mentres o depósito se manteña.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que poidan fixar os órganos académicos competentes.

c) Os dereitos de ingreso e outros que, de ser o caso, se exixan aos académicos por acordo dos órganos de goberno.

d) A cantidades que poidan asignarse nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, das administracións locais ou outras administracións públicas territoriais ou doutra natureza.

e) Os ingresos que poidan producirse por traballos, estudos ou informes por instancia de terceiros, así como pola difusión e venda de publicacións.

f) Os procedentes de herdanzas, legados, donativos, patrocinios ou subvencións que se ofrezan á Academia.

h) As rendas dos seus bens.

i) Os que, de ser o caso, devindiquen os convenios ou acordos de cooperación subscritos con outras entidades ou corporacións.

j) Os ingresos que, de ser o caso, resulten das actividades das entidades instrumentais creadas ou participadas pola Academia.

Artigo 51. Aplicación de fondos

A Academia aplicará os seus fondos:

a) Ao pagamento de retribucións e, de ser o caso, gratificacións do seu persoal e colaboradores que non sexan do cadro de persoal das administracións públicas.

b) A sufragar os gastos de instalación e mantemento da sede corporativa.

c) Ao aboamento das axudas de custo que para os académicos ou os cargos directivos poida establecer a Academia.

d) Á confección, impresión e distribución das súas publicacións.

e) Á dotación de bolsas e premios que acorde a Academia.

f) Aos gastos de cerimonial de ingreso dos académicos.

g) Ás compensacións que, se é o caso, acorde a Xunta de Goberno para as personalidades científicas invitadas pola Academia a calquera dos seus actos ou celebracións.

h) A cantos outros gastos deriven da sinatura de convenios ou acordos de colaboración con outras entidades, nos termos establecidos nestes estatutos.

Capítulo II
Contabilidade e rendición de contas

Artigo 52. Contabilidade

O réxime de contabilidade da Academia axustarase ao establecido no Plan xeral de contabilidade.

Artigo 53. Contas

1. A Academia de Enfermaría de Galicia queda obrigada a presentar unha memoria anual, comprensiva das actividades, balance e conta de resultados, ante a Consellería da Xunta de Galicia a que sexa adscrita.

2. A Academia renderá contas, na forma establecida legalmente para as administracións públicas, das cantidades que delas tivese percibido.

Capítulo III
Entidades instrumentais

Artigo 54. Fundacións

1. Para o mellor cumprimento dos seus fins a Academia poderá crear fundacións, rexidas por un padroado no cal terá representación maioritaria.

2. As fundacións que, de ser o caso, se creen procurarán optimizar, de modo aberto e interactivo, as canles de relación da Academia coa sociedade.

Artigo 55. Constitución e participación en sociedades mercantís

A Academia poderá constituír sociedades mercantís nas cales os socios non respondan socialmente das débedas sociais. Coa mesma finalidade a Academia poderá participar en sociedades mercantís non personalistas.

Artigo 56. Persoal

1. Para o desenvolvemento das súas tarefas administrativas, a Academia, por acordo da Xunta de Goberno, poderá contratar aqueles empregados que sexan necesarios, que constituirán o seu cadro de persoal, e estarán suxeitos aos dereitos e obrigas previstos na lexislación laboral.

2. A Xunta de Goberno, por proposta do presidente, poderá contratar os medios ou asesores necesarios para modernizar e profesionalizar a xestión da Academia.

Capítulo IV
Transparencia

Artigo 57. Memoria anual

1. A Academia está suxeita ao principio de transparencia na súa xestión. Para facelo efectivo, elaborará unha memoria anual que conterá polo menos a información necesaria sobre a xestión económica, os acordos e convenios se é o caso subscritos, as indemnizacións percibidas polos membros dos órganos directivos e polos académicos, así como os gastos ordinarios e de persoal.

2. A Academia deberá facer pública a súa memoria no primeiro trimestre de cada ano natural.

Título IX
Reforma da normativa reguladora

Capítulo único
Procedemento para a reforma dos estatutos e do Regulamento de réxime interior

Artigo 58. Estatutos

1. A modificación total ou parcial destes estatutos deberá axustarse ao procedemento seguinte: a Xunta de Goberno, por iniciativa propia ou dando curso de oficio á petición subscrita por un terzo dos académicos de número, poderá proporlle á Xunta Plenaria as modificacións que considere convenientes. Para a aprobación da modificación requirirase o voto favorable da maioría absoluta dos votos emitidos pola metade máis un dos académicos con dereito a voto.

2. A modificación dos estatutos requirirá ademais a aprobación por acordo da Xunta de Galicia, por proposta da Xunta Plenaria, a través da consellería competente.

Artigo 59. Regulamento

A reforma do Regulamento de réxime interior compete exclusivamente á Xunta Plenaria, sen prexuízo de que se dea conta dela á Xunta de Galicia para o seu coñecemento.

Título X
Disolución

Capítulo único
Resolución disolutiva e consecuencias xurídico-patrimoniais

Artigo 60. Procedemento

A disolución da Academia terá lugar cando así o dispoña expresamente unha lei ou mediante acordo adoptado pola Xunta Plenaria, expresamente convocada para o efecto, sempre que concorran a esta o oitenta por cento dos académicos e se aprobe tal acordo por maioría de dous terzos dos académicos con dereito a voto.

Artigo 61. Comisión liquidadora

1. En caso de disolución da Academia, a Xunta Plenaria nomeará unha comisión liquidadora, a cal, se despois de satisfacer as débedas houbese bens e valores sobrantes, os adxudicará ás entidades públicas ou privadas non lucrativas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens á consecución destes, mesmo en caso de disolución.

2. En todo caso, terase presente a normativa que para supostos similares ditase, se for o caso, a Xunta de Galicia.

Disposición transitoria primeira

1. Os membros da Comisión Xestora Fundacional da Academia adquiren a súa condición de académicos de número desde o momento de publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo de creación da Academia de Enfermaría de Galicia.

2. Desde ese momento denominaranse simplemente académicos de número e exercerán as súas responsabilidades individuais e orgánicas como tales, con carácter provisional pero en plenitude de dereitos, sen que para iso lles sexan aplicables as disposicións que o artigo 30.3.j) destes estatutos establece, para os ordinarios de número, para os efectos de lectura previa do seu discurso de ingreso e toma de posesión. Non obstante, deberán cumprir con estas exixencias nos mesmos prazos que os estatuídos para eles.

3. Este período de mandato provisional non será computable para os efectos do disposto no artigo 16.5 sobre a reelección nos cargos académicos.

Disposición transitoria segunda

1. Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo de creación da Academia de Enfermaría de Galicia, a Comisión Xestora Fundacional, cuxos oito membros teñen xa automaticamente nese momento a condición de académicos de número, reunirase e elixirá no seu seo o presidente e os demais cargos propios da Xunta de Goberno establecidos no artigo 16 destes estatutos, activando a aplicación dos artigos concordantes para unha efectiva realización das súas funcións. A seguir, autoconvocarase e anunciará, no prazo máximo de dous meses, o cincuenta por cento das vacantes de académicos de número que resten por cubrir (isto é, dez) respecto do número total e ata cinco do total de vacantes de académicos correspondentes previstos estatutariamente. A esta convocatoria (dez vacantes de académicos de número e ata cinco de académicos correspondentes) poderán concorrer todos os profesionais da enfermaría cuxos títulos habilitantes conten cunha antigüidade de polo menos quince anos e reúnan os demais requisitos exixidos para cada clase no capítulo terceiro do título III destes estatutos. Deberán contar ademais co aval de tres dos académicos de número promotores fundadores.

2. A Comisión Xestora Fundacional exercerá provisionalmente as funcións que segundo os estatutos corresponden á Xunta Plenaria no que respecta á elección destes primeiros novos académicos. Procurará adoptar os seus acordos por asentimento, sen prexuízo de utilizar, de ser o caso, as normas de constitución orgánica e votación de acordos contidas no capítulo terceiro do título III destes estatutos.

3. Ata o ingreso e toma de posesión dos académicos elixidos nesta primeira convocatoria, a Comisión Xestora Fundacional actuará tamén provisionalmente como Xunta de Goberno, tal como se prevé no punto 1 desta disposición, e promoverá, de acordo co regulado estatutariamente, a elección dos órganos directivos da Academia e a súa efectiva constitución nun prazo non superior a tres anos naturais, concluído o cal se disolverá a Comisión Xestora.

4. Os órganos directivos definitivamente constituídos procederán a novas convocatorias ata a cobertura da totalidade de vacantes de académicos, así como á creación de seccións e, de ser o caso, comisións para regular o funcionamento interno da Academia.

5. Se ao longo deste proceso de constitución e funcionamento ordinario e definitivo da Academia se produciren vacantes entre os membros da Comisión Xestora Fundacional, procederase á súa cobertura aplicando as previsións establecidas para a Xunta de Goberno ordinaria no punto 6 do artigo 16 destes estatutos.

Disposición transitoria terceira

Mentres redacta e aproba a Academia o seu regulamento de réxime interior, os problemas de interpretación e execución que se susciten serán resoltos pola Xunta Xestora Fundacional.

Disposición transitoria cuarta

O mérito preferente que para ser académico de número se atribúe no artigo 30.2.b) destes estatutos aos profesionais que estean en posesión do título de doutor farase efectivo gradualmente. No prazo de dez anos desde a constitución da Academia, todos os académicos de número deberán estar en posesión do título de doutor. Se así non for, pasarán á situación de académico supernumerario, que se regula no artigo 30, números 5, 6 e 7 destes estatutos. A partir do día de cumprimento de dez anos desde a creación da Academia, non se producirá o ingreso de ningún académico de número que non estea en posesión desta titulación.

Disposición adicional primeira

A representación do escudo da Academia de Enfermaría de Galicia é a seguinte:

missing image file

Disposición adicional segunda

A representación das medallas académicas é a seguinte:

missing image file

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor no momento que determine o acordo da Xunta de Galicia creador da Academia.