Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 17 de decembro de 2013 Páx. 48381

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2013, da Direccion Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se regula a inclusión dos usuarios profesionais dentro da sección de manipulación e utilización de produtos fitosanitarios de uso profesional dentro do Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitarios (ROPO).

O 30 de marzo de 2012 publicouse o Decreto 100/2012, do 16 de marzo, polo que se regula o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios e o réxime sancionador en materia de produtos fitosanitarios. Este decreto tiña como base xurídica o Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, polo que se aproba a Regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, e a Orde do 24 de febreiro de 1993, pola que se normaliza a inscrición e funcionamento do Rexistro de Establecementos e Servizos Praguicidas.

No ano 2009 publícase a Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, que contén as disposicións básicas relativas á racionalización do uso de praguicidas para reducir os riscos e efectos deles na saúde humana e o ambiente. A dita directiva foi trasposta ao ordenamento xurídico estatal polo Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios. No seu artigo 42 créase o Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria de carácter consultivo e regula a súa estrutura e funcionamento como instrumento censual que permita a realización de estatísticas, así como a planificación e a realización de controis oficiais por parte da comunidade autónoma.

O Rexistro de Establecementos e Servizos Praguicidas queda derrogado pola disposición derrogatoria única do citado Real decreto 1311/2012, o cal establece e artella o Rexistro Oficial en catro seccións (subministradores, servizos, asesoramento e usuarios profesionais).

O artigo 42.2 do Real decreto 1311/2012 obriga a que as seccións 1ª e 2ª de subministradores e servizos de medios de defensa fitosanitarios do ROPO sexan as correspondentes á integración do actual ROESP. A sección de asesoramento, en canto ao seu ámbito, acreditación da condición de asesor e titulación e seguimento da actividade de asesoramento vén regulada nos artigos do 11 a 14 do citado real decreto. Pola contra, é necesario regular a sección 4ª relativa aos usuarios profesionais, definindo o encadramento de tales usuarios, así como o marco onde poderán ser inscritos dentro do ROPO, e de tal xeito poder estar autorizados para as actividades referidas no artigo 42.2 do Real decreto 1311/2012.

O artigo 3 do dito real decreto define o usuario profesional como «calquera persoa que use produtos fitosanitarios no exercicio da súa actividade profesional, incluídos os operadores, técnicos, empresarios ou traballadores autónomos, tanto no sector agrario como noutros sectores». Para desenvolver esta actividade profesional os usuarios deberán estar en posesión do nivel de capacitación establecido no artigo 18 ou posuír a titulación habilitante para utilizar tales produtos.

Para efectos da normativa de aplicación dentro da Comunidade Autónoma de Galicia consideraranse profesionais do sector agrario as persoas físicas que reúnan algún dos requisitos seguintes:

a) Ser titular de explotación agraria, segundo a definición do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, e constar inscrito no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

b) Ser solicitante das axudas da PAC nas medidas de solicitude unificada e pagamentos directos á agricultura e gandaría do ano 2013.

c) Ser titular inscrito no rexistro vitícola de Galicia. Segundo a definición do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia, enténdese como persoa titular da explotación (propietaria e/ou viticultora) que estea identificada no rexistro vitícola co correspondente código de explotación vitícola (CODEV).

No caso de que a titularidade ou solicitude a que se refiren as alíneas a), b) e c) recaia nunha persoa xurídica, a persoa física que sexa membro desa entidade asociativa para poder ser considerado usuario profesional no sector agrario deberá acreditar por calquera medio aceptado en dereito a súa pertenza a ela.

Os usuarios con carné de aplicador/manipulador en vigor que fose emitido con anterioridade á publicación da presente resolución incorporaranse ao Rexistro como usuarios profesionais, logo de comprobación cos datos de que dispoña a consellería de titulares de explotacións agrarias ou do persoal das empresas de servizos agrarios, salvo que nun prazo inferior a tres meses desde a súa publicación o interesado denegue expresamente a realización desta actuación. Unha vez expirada a validez destes carnés valorarase a condición de profesional ou non de acordo coa documentación que achegue o interesado para renovalo.

A Consellería do Medio Rural e do Mar habilitará e regulará o procedemento para a inscrición, modificación e cancelación no Rexistro Oficial de Produtores e Operadores de medios de defensa fitosanitaria na Comunidade Autónoma.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2013

Patricia Ulloa Alonso
Directora xeral de Produción Agropecuaria