Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 4 de abril de 2014 Páx. 14944

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 34 autoriza a Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais, adscrita a consellería con competencias en materia de servizos sociais, como entidade instrumental de dereito público, dotada de personalidade xurídica pública, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no marco do cumprimento dos programas correspondentes ás políticas públicas de servizos sociais, no ámbito das súas competencias.

Esta axencia ten como funcións, de conformidade co artigo 36 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, acadar un aproveitamento óptimo, así como racionalizar o emprego dos recursos dedicados aos servizos sociais, asegurando o maior nivel de eficacia e eficiencia na súa xestión e prestación; velar pola plena efectividade do principio de responsabilidade pública na prestación dos servizos sociais; xestionar equipamentos, prestacións económicas, programas e servizos sociais de competencia autonómica, así como coordinar o exercicio das actuacións públicas e privadas en materia de servizos sociais, promovendo o establecemento de convenios, concertos ou calquera outra fórmula de coordinación ou cooperación que permita unha utilización óptima e racional dos recursos.

Conforme o disposto no número 3 do artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, despois da autorización legal de creación duna axencia, debe procederse á súa creación e á aprobación dos seus estatutos por decreto do Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería de adscrición, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda.

A constitución e o funcionamento da Axencia rexerase e desenvolverase segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Por outra banda, con data do 27 de xaneiro de 2014 publícase a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, aprobada polo Parlamento de Galicia. Na dita lei, na súa disposición adicional décima sobre a racionalización de medios das administracións públicas para a prestación de servizos sociais e na súa disposición adicional décimo primeira sobre a garantía na continuidade na prestación de servizos pola Axencia Galega de Servizos Sociais, establece o principio de colaboración interadministrativa que fundamenta a actuación desta axencia que se crea, co fin de asegurar a calidade e cobertura equilibrada do servizos sociais comunitarios específicos.

De acordo coa dita previsión legal, o presente decreto ten por obxecto a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais e a aprobación dos seus estatutos.

O decreto consta dun artigo único, once disposicións adicionais, cinco disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras, e insírense no anexo os estatutos da Axencia, adaptados ao titulo III da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

En primeiro lugar, disponse a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais e apróbanse os estatutos contidos no anexo.

A disposición adicional primeira refírese á constitución da Axencia Galega de Servizos Sociais, momento coincidente coa realización da sesión constitutiva do seu consello reitor e netamente separado da creación da Axencia, unida á aprobación dos seus estatutos, e da súa posta en funcionamento efectivo, ligada á xestión do seu orzamento e ao normal desenvolvemento dos seus servizos comúns.

A disposición adicional segunda ocúpase da xestión dos centros previamente xestionados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar.

A disposición adicional terceira e quinta tratan da adscrición de unidades e postos da Dirección Xeral de Familia e Inclusión e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar respectivamente.

As disposicións adicionais cuarta, sexta e sétima tratan diferentes aspectos relacionados coa incorporación do persoal.

Na disposición adicional oitava establécense as previsións necesarias para a racionalización dos medios humanos ao servizo da Axencia Galega de Servizos Sociais.

Na disposición adicional novena establécese o prazo para a aprobación da proposta do primeiro contrato plurianual de xestión, na disposición adicional décima, o prazo para a realización do primeiro inventario de bens da Axencia e na disposición adicional décimo primeira recóllese como principio reitor do funcionamento da Axencia a perspectiva e igualdade de xénero.

As disposicións transitorias establecen as condicións en que discorrerá o período necesario para culminar o cambio de modelo organizativo de axencia en materia de servizos comúns, de subsistencia temporal dos órganos directivos actuais ata o nomeamento dos da nova axencia, da relación de postos de traballo, a selección de persoal temporal, o réxime transitorio dos procedementos e a referencia ao primeiro exercicio económico.

Tras a disposición derrogatoria modifícase o artigo 3 e a letra a) do apartado primeiro do artigo 29 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar a través da disposición derradeira primeira e establécese a habilitación normativa e a entrada en vigor na segunda e terceira respectivamente.

Os estatutos recollidos no anexo están organizados en corenta e tres artigos.

O título primeiro dos estatutos, dedicado á natureza, réxime xurídico e funcións da Axencia Galega de Servizos Sociais, divídese en dous capítulos. No capítulo primeiro efectúase o tratamento da natureza da Axencia coma entidade pública instrumental e determínanse os seus fins e competencias, así como o réxime xurídico aplicable. Pola súa banda, no capítulo segundo realízase unha previsión da sede da entidade, que estará en Santiago de Compostela.

O título segundo contén a regulación da organización e funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais. Este título divídese, pola súa vez, en tres capítulos. No capítulo primeiro efectúase unha previsión xeral de cada un dos órganos da entidade pública instrumental, distinguindo entre órganos de goberno, órganos de dirección e xestión, órganos de control e de apoio e asesoramento. No capítulo segundo detállase a estrutura definida no capítulo primeiro. Na sección primeira defínense os órganos de goberno, distinguindo entre un órgano colexiado (o Consello Reitor) e un órgano unipersoal (a presidenta ou o presidente da Axencia). Na sección segunda atópanse previstos os órganos de dirección e xestión, que están constituídos pola Dirección e a Xerencia, e defínese a estrutura interna da Axencia co detalle das xefaturas de área e departamento que a integrarán. Na sección terceira regúlase a Comisión de Control como órgano de control da Axencia. Finalmente, no capítulo terceiro regúlase a xestión transparente e por obxectivos da Axencia, onde se establecen os principios xerais de actuación do ente, a configuración e o contido xeral do contrato de xestión como documento esencial polo que se rexerá a actuación da entidade, así como diversos documentos (plan anual de acción, informe de actividade e contas anuais) que deben ser elaborados pola persoa titular da Dirección para a súa remisión ao Consello Reitor.

No título terceiro regúlase o persoal da Axencia Galega de Servizos Sociais, que poderá ter a condición de funcionario e laboral.

O título cuarto aborda o réxime patrimonial, económico, financeiro e de control e contabilidade pública da entidade, e divídese en catro capítulos. No capítulo primeiro determínanse os bens e dereitos da Axencia, de conformidade coa lexislación autonómica en materia de patrimonio. No capítulo segundo faise unha previsión dos recursos económicos da Axencia. O capítulo terceiro detalla o réxime económico, financeiro, de control interno e de contabilidade pública aplicable á entidade, de conformidade coas previsións da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. E, finalmente, no capítulo cuarto prevese o réxime de contratación da Axencia, que quedará sometida ás disposicións do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

O título quinto detalla o réxime xurídico aplicable á Axencia Galega de Servizos Sociais en relación cos actos ditados polos seus órganos, así como os recursos contra eles, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, e coa lexislación xeral sobre procedemento administrativo e as normas de adaptación á dita lexislación, incluíndo tamén o réxime de asesoramento e asistencia en xuízo da Axencia, encomendado con carácter xeral aos/ás letrados/as da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Por último, o título sexto contén as previsións relativas á modificación de estatutos, así como á disolución e liquidación da Axencia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, o informe favorable do Consello Galego de Benestar Social, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación da Axencia Galega de Servizos Sociais e a aprobación dos seus estatutos, que se insiren como anexo ao decreto, en virtude da autorización prevista no artigo 34 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Galega de Servizos Sociais

1. A constitución da Axencia Galega de Servizos Sociais producirase coa celebración da sesión constitutiva do Consello Reitor, que terá lugar dentro do prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto.

2. A Axencia Galega de Servizos Sociais iniciará o exercicio das funcións que ten encomendadas dentro do prazo de tres meses desde a súa constitución. Por resolución da Dirección da Axencia, conforme o indicado polo Consello Reitor, publicarase a data da súa posta en funcionamento.

3. A Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá desde a súa posta en funcionamento as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das ditas competencias.

4. Así mesmo, a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá a xestión dos restantes centros dependentes da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, así como dos centros dependentes da Secretaría Xeral de Política Social cando así se determine no decreto de modificación do decreto de estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de servizos sociais que sexa aprobado polo Consello da Xunta de Galicia neste sentido e nos termos en que no dito decreto se estableza.

Disposición adicional segunda. Xestión dos centros previamente xestionados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá de forma coordinada cos concello, na data de comezo de efectos dos novos convenios que se formalicen entre o Consorcio, a Axencia Galega de Servizos Sociais e cada concello, a xestión dos centros previamente xestionados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en virtude de anteriores convenios.

Unha vez asinado o convenio e a partir da data sinalada para o comezo dos seus efectos, a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá a xestión coordinada que tiña o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar respecto do centro e, así mesmo, subrogarase nas relacións laborais do persoal adscrito a ese centro e na titularidade de todos os bens e dereitos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar adscritos á xestión, nos termos regulados neste decreto. A data de comezo dos efectos dos convenios citados farase coincidir coa data en que se produza a extinción da personalidade xurídica do Consorcio.

Nos convenios regularanse as relacións xurídicas entre as partes e, en todo caso, a participación das partes no financiamento dos centros. Os concellos participarán na súa xestión a través da comisión de seguimento. As achegas comprometidas polos concellos en virtude dos convenios terán a consideración de débedas firmes, líquidas e exixibles e poderán ser obxecto de compensación coa participación destes no Fondo de Cooperación Local, de acordo co disposto na súa regulación.

O prazo para a sinatura destes convenios estenderase desde a posta en funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais ata a apertura do proceso de liquidación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de acordo co previsto no punto terceiro da presente disposición adicional.

2. Así mesmo, na data en que teña lugar a extinción do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá a xestión dos restantes centros xestionados polo Consorcio ata esa data e respecto dos que non exista convenio de xestión asinado co Consorcio con anterioridade á constitución da Axencia Galega de Servizos Sociais.

3. Transcorrido o prazo de seis meses desde a posta en funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais, abrirase o proceso de liquidación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que se extinguirá no prazo máximo de seis meses desde a apertura do procedemento de liquidación.

Disposición adicional terceira. Adscrición de unidades e postos da Dirección Xeral de Familia e Inclusión

1. Por resolución da Presidencia da Axencia Galega de Servizos Sociais quedarán adscritos á Axencia, no momento da súa posta en funcionamento, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondente á Dirección Xeral de Familia e Inclusión que teñan atribuídas funcións relativas ás competencias da Axencia Galega de Servizos Sociais de acordo co disposto na disposición adicional primeira.

2. Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega de Servizos Sociais ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente a esta, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

Disposición adicional cuarta. Adscrición de persoal da Dirección Xeral de Familia e Inclusión

1. O persoal funcionario de carreira e/ou persoal laboral fixo da Dirección Xeral de Familia e Inclusión que desempeñase funcións relativas ás competencias atribuídas á Axencia Galega de Servizos Sociais de acordo co disposto na disposición adicional primeira e que estea a prestar servizos nos postos que se adscriban á Axencia de acordo co previsto na disposición adicional terceira, pasará a prestar servizos na Axencia, co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiña no mencionado órgano, con efectos desde a súa entrada en funcionamento.

2. O persoal interino e o persoal laboral temporal da Dirección Xeral de Familia e Inclusión que desempeñase funcións relativas ás competencias atribuídas á Axencia Galega de Servizos Sociais de acordo co disposto na disposición adicional primeira e que estea a prestar servizos nos postos que se adscriban á Axencia de acordo co previsto na disposición adicional terceira, pasará a prestar os ditos servizos na Axencia, co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiña no mencionado órgano, e baixo o mesmo vínculo temporal, con efectos desde a súa entrada en funcionamento.

3. O persoal laboral indefinido que preste servizos na Dirección Xeral de Familia e Inclusión que desempeñase funcións relativas ás competencias atribuídas a Axencia Galega de Servizos Sociais de acordo co disposto na disposición adicional primeira e que estea a prestar servizos nos postos que se adscriban á Axencia de acordo co previsto na disposición adicional terceira, pasará a prestar servizos na Axencia, co mesmo réxime e nas mesmas condicións que tiña no mencionado órgano, con efectos desde a súa entrada en funcionamento, e sen prexuízo da aplicación a este persoal do disposto na disposición adicional oitava deste decreto.

Disposición adicional quinta. Incorporación de postos de traballo do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar á Axencia Galega de Servizos Sociais

1. De acordo co establecido na disposición adicional segunda, a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá os postos de traballo do cadro de persoal do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar correspondente aos centros cuxa xestión sexa asumida pola Axencia Galega de Servizos Sociais consonte o establecido na dita disposición adicional.

2. Así mesmo, a Axencia Galega de Servizos Sociais asumirá os postos de traballo do cadro de persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondente aos seus servizos centrais no momento en que se produza a extinción da súa personalidade xurídica, de acordo coas funcións que a Axencia asume.

3. Determinaranse por resolución da Presidencia da Axencia Galega de Servizos Sociais os postos de traballo que se incorporan, unha vez oídas as organizacións sindicais. En todo caso, serán obxecto de incorporación a totalidade dos postos a que se refiren os dous números anteriores que estean ocupados na data en que se produza a extinción da personalidade xurídica do Consorcio polo persoal indicado nas disposicións adicionais sexta e sétima.

4. Os cadros de persoal da entidade que se extingue serán o instrumento de xestión do persoal na Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente.

Disposición adicional sexta. Incorporación do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

1. A Axencia subrógase nos contratos do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que presta os seus servizos nos centros cuxa xestión sexa asumida pola Axencia Galega de Servizos Sociais consonte o establecido na disposición adicional segunda.

2. Así mesmo, a Axencia Galega de Servizos Sociais subrógase nos contratos do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar correspondente aos seus servizos centrais no momento en que se produza a extinción da súa personalidade xurídica, de acordo coas funcións que a Axencia asume.

3. Este persoal integrarase funcionalmente na organización do traballo da Axencia e dependendo dos órganos da súa estrutura segundo se determine pola resolución da Presidencia da Axencia a que se refire o número 3 da disposición adicional 5ª.

4. O persoal laboral fixo que se tivese incorporado á Axencia integrarase voluntariamente como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, logo da tramitación do procedemento de integración previsto no título II do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no devandito decreto.

A adscrición ao posto de traballo terá carácter definitivo, salvo que se trate de postos que nas relacións de postos de traballo teñan carácter directivo ou sexan susceptibles de seren provistos polo sistema de libre designación.

5. A proposta da consellería competente en materia de servizos sociais para o inicio do procedemento de integración de acordo co disposto no punto segundo do artigo 8 do Decreto129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, terá lugar nun prazo de tres meses desde a extinción do consorcio.

6. Desde a data de finalización do proceso de integración do persoal consonte o establecido no punto cuarto, as condicións laborais do persoal laboral que se integre serán as do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, agás as condicións retributivas, para as cales se aplicará ao previsto na orde de integración, de conformidade coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición adicional sétima. Incorporación do persoal indefinido non fixo e temporal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

1. Sen prexuízo da aplicación a este persoal do disposto na disposición adicional oitava, a Axencia Galega de Servizos Sociais subrogase tamén, co mesmo réxime e condicións que tiñan na súa entidade de orixe, nos contratos do persoal laboral indefinido non fixo e do persoal laboral temporal, e que prestase servizos nos centros cuxa xestión sexa asumida pola Axencia Galega de Servizos Sociais consonte o establecido na disposición adicional segunda.

A referida subrogación terá lugar a partir do momento en que se produza a integración dos ditos centros, agás que se produza a extinción dos contratos polas causas e coas consecuencias previstas na lexislación laboral.

2. Así mesmo, e sen prexuízo da aplicación a este persoal do disposto na disposición adicional oitava do presente decreto, a Axencia Galega de Servizos Sociais subrógase tamén, co mesmo réxime e condicións que tiñan nas súas entidades de orixe, nos contratos do persoal laboral indefinido non fixo e do persoal laboral temporal procedente dos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no momento en que se produza a extinción da súa personalidade xurídica, agás que se produza a extinción dos contratos polas causas e coas consecuencias previstas na lexislación laboral.

3. Este persoal integrarase funcionalmente na organización do traballo da Axencia e dependendo dos órganos da súa estrutura, segundo se determine pola resolución da Presidencia da Axencia a que se refire o número 3 da disposición adicional 5ª.

Disposición adicional oitava. Racionalización de estruturas

1. A relación de postos de traballo da Axencia Galega de Servizos Sociais deberá incorporar as medidas necesarias para axustala ás consecuencias da asunción do persoal prevista neste decreto.

Para estes efectos, a Axencia, con carácter previo á elaboración da proposta de relación de postos de traballo, procederá a realizar un estudo organizativo tendo en conta a racionalización das estruturas orgánicas, o emprego estrutural, a evitación de tare¬fas redundantes e duplicidades e as previsións orzamentarias, propoñendo a súa creación formal ou ben a amortización daqueles postos que non sexan necesarios para o funcionamento da Axencia.

2. Os postos de traballo que sexan obxecto de creación de acordo coa presente disposición na relación de postos de traballo da Axencia serano como posto de persoal funcionario ou, excepcionalmente, de persoal laboral cando a natureza das súas funcións así o requira.

A cobertura dos postos de traballo polos procedementos legalmente establecidos ou a aprobación da súa amortización producirá a extinción da relación laboral de acordo co disposto na lexislación laboral, todo isto sen prexuízo de que o traballador poida acceder ao emprego público, logo de superación do correspondente proceso selectivo.

Disposición adicional novena. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Disposición adicional décima. Inventario

A Axencia realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriben e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

Disposición adicional décimo primeira. Perspectiva e igualdade de xénero

No exercicio das funcións establecidas neste decreto, así como no funcionamento da Axencia, terase en conta a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes, así como o cumprimento efectivo do previsto na Lei 2/2007, do 28 de marzo, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Dotación de postos de estrutura da Axencia e prestación de servizos

1. Para evitar a duplicidade de estruturas entre a consellería con competencias en materia de servizos sociais, a Axencia Galega de Servizos Sociais e o Consorcio Galego de Igualdade e de Benestar, e sen prexuízo da creación e posta en funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais, a dotación económica dos postos da súa estrutura orgánica previstos nos estatutos non terá lugar en canto non se proceda á liquidación e á extinción do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar, e logo da oportuna modificación, se for o caso, do decreto de estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de servizos sociais para suprimir ou modificar órganos que supoñan polas súas funcións duplicación doutros xa previstos nos estatutos da Axencia.

2. Sen prexuízo da creación e posta en funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais, para os efectos de dar cumprimento ao previsto nas disposicións adicionais primeira e terceira deste decreto, tendo en conta o establecido no punto primeiro da presente disposición, a Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de servizos sociais continuará xestionando as competencias en materia de persoal, nos termos previstos para os órganos dependentes da dita consellería, respecto do persoal da Axencia, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

Do mesmo xeito, a través das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar realizarase a xestión de persoal dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

Así mesmo, a través das xefaturas territoriais poderán seguirse realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá transitoriamente e pola súa propia condición as funcións que corresponden ao/á director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nestes estatutos.

4. Mentres non se proceda á dotación da Asesoría Xurídica da Axencia, o seu asesoramento xurídico corresponderá á Asesoría Xurídica da Consellería de Traballo e Benestar, para o cal se concertará o oportuno convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no seu regulamento orgánico, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

Disposición transitoria segunda. Relacións de postos de traballo da Axencia Galega de Servizos Sociais

Ata a elaboración e aprobación da relación de postos de traballo inicial de persoal fun¬cionario e laboral da Axencia Galega de Servizos Sociais, manteranse como instrumentos de ordenación dos seus recursos humanos as relacións de postos de traballo da Dirección Xeral de Familia e Inclusión correspondentes aos centros que pasan a ser xestionados pola Axencia Galega de Servizos Sociais e existentes no momento de posta en funcionamento da Axencia.

Disposición transitoria terceira. Selección de persoal temporal

Unha vez que se poña en funcionamento a Axencia, e en canto non se produza a extinción do Consorcio, a selección de persoal temporal efectuarase respecto das vacantes producidas e susceptibles de cobertura conforme os seguintes procedementos:

a) A cobertura temporal de prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar farase acudindo ás listas específicas de substitucións xestionadas polo propio Consorcio.

b) No caso da cobertura de prazas da Axencia Galega de Servizos Sociais, a devandita cobertura desenvolverase de conformidade co establecido no Convenio colectivo único para o persoal da Xunta de Galicia, na normativa de función pública e no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio dos procedementos

1. Os expedientes iniciados pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión e polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar relativos a materias que pasen a ser asumidas pola Axencia Galega de Servizos Sociais por seren da súa competencia de acordo co disposto no presente decreto e que non estiveren resoltos na data de posta en funcionamento da Axencia, serán resoltos polo órgano competente da Axencia de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecida polo estatuto ou a normativa que o desenvolva.

2. Os procedementos de gasto iniciados e non rematados pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar adaptaranse na súa tramitación á normativa reguladora da Axencia e finalizaranse de acordo coa orde de competencias establecida polos estatutos.

Disposición transitoria quinta. Primeiro exercicio económico

O primeiro exercicio económico da Axencia comeza a contarse desde a data da súa posta en funcionamento e finaliza o 31 de decembro do mesmo ano.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, de estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, de estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar queda redactado como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado como segue:

«1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

a) O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

b) O Consello Galego de Relacións Laborais, ente institucional de dereito público, regulado pola Lei 5/2008, do 23 de maio.

c) A Axencia Galega de Servizos Sociais

2. Así mesmo, quedan adscritos a esta consellería os órganos colexiados en que así o determine a súa normativa reguladora».

Dous. A letra a) do número 1 do artigo 29 queda redactado como segue:

«a) Exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar, e a protección e tutela dos/as menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, sen prexuízo das competencias atribuídas á Axencia Galega de Servizos Sociais».

Disposición derradeira segunda. Normativa de desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza (Decreto 30/2014)

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO
Estatutos da Axencia Galega de Servizos Sociais

TÍTULO I
Disposicións xerais

CAPÍTULO I
Natureza, competencias e réxime xurídico

Artigo 1. Natureza

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais é unha entidade pública instrumental pertencente ao tipo de axencias públicas autonómicas, de conformidade coa autorización contida no artigo 34.1 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, así como da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 47 e seguintes da dita Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. Para o cumprimento dos seus fins a Axencia Galega de Servizos Sociais está dotada de personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión, e facultada para exercer as potestades administrativas necesarias para o cumprimento dos seus obxectivos e funcións no ámbito dos programas correspondentes ás políticas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia nas materias propias da súa competencia, así como respecto de todas aquelas actividades e funcións que correspondan a ela, mesma, agás a potestade expropiatoria.

Artigo 2. Funcións e competencias

1. Á Axencia Galega de Servizos Sociais, como axencia pública autonómica encoméndaselle, en réxime de descentralización funcional e xestión por obxectivos, a xestión de servizos públicos en materia de servizos sociais, de acordo co previsto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, e no decreto polo que se aproban os seus estatutos.

2. A Axencia exercerá as seguintes funcións:

a) Acadar un aproveitamento óptimo e a racionalización no emprego dos recursos dedicados aos servizos sociais, asegurando o maior nivel de eficacia e eficiencia na xestión e prestación deles.

b) Velar pola plena efectividade do principio de responsabilidade pública na prestación dos servizos sociais.

c) Xestionar equipos, prestacións económicas, programas e servizos sociais de competencia autonómica.

d) Coordinar o exercicio das actuacións públicas e privadas en materia de servizos sociais, promovendo o establecemento de convenios, concertos ou calquera outra fórmula de coordinación ou cooperación que permita unha utilización óptima e racional

Artigo 3. Relacións con outras Administracións

As relacións da Axencia cos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das restantes administracións publicas a que dea lugar o exercicio das funcións propias da entidade serán mantidas pola persoa titular da Presidencia da Axencia, no marco que estableza o Consello Reitor.

Artigo 4. Réxime xurídico

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais rexerase, ademais de polo previsto nestes estatutos, pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, polas normas regulamentarias que se diten en desenvolvemento desta, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como polas demais normas que resulten de aplicación ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

2. A Axencia Galega de Servizos Sociais está sometida ao dereito público na formación da vontade dos seus órganos, no exercicio das potestades administrativas que ten atribuídas e naqueles aspectos que, de acordo coa lexislación xeral administrativa, orzamentaria ou de contratación, deba someter ao dereito público.

Artigo 5. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no ámbito das súas competencias e nos termos fixados nestes estatutos.

2. As relacións da Axencia Galega de Servizos Sociais cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articúlanse a través das encomendas de xestión previstas no punto 6 do artigo 24 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que, para todos os efectos, as ditas relacións son de carácter interno, dependente e subordinado. As encomendas ou encargos retribuiranse mediante tarifas e comportarán a facultade do órgano que as efectúa de ditar as instrucións necesarias para a súa execución.

A Axencia Galega de Servizos Sociais non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. No entanto, cando non concorra ningún licitador poderá encargárselle a execución da actividade obxecto de licitación pública.

En todo caso, será de aplicación a Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO II
Adscrición e sede

Artigo 6 . Adscrición e sede

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais adscríbese á consellería da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de servizos sociais. Baixo a súa dirección e tutela xestionará as competencias que lle corresponden de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, e os presentes estatutos.

2. A Axencia Galega de Servizos Sociais ten a súa sede principal en Santiago de Compostela. A sede da Axencia poderá ser trasladada, e para a tal efecto será necesario acordo adoptado polo Consello Reitor.

TÍTULO II
Organización e funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais

CAPÍTULO I
Organización da Axencia Galega de Servizos Sociais

Artigo 7. Organización xeral

1. Os órganos da Axencia Galega de Servizos Sociais son:

a) De goberno:

– A Presidencia.

– O Consello Reitor.

b) De dirección e executivo:

– A Dirección.

c) Órganos de control

– A Comisión de Control.

2. O asesoramento xurídico da Axencia Galega de Servizos Sociais corresponderá á Asesoría Xurídica da Axencia, que estará integrada na Axencia.

A Asesoría Xurídica da Axencia dependerá, funcionalmente, da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. A Asesoría Xurídica da Axencia estará integrada por funcionarios/as do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala de letrados/as.

Para a representación e defensa en xuízo da Axencia formalizarase un convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia nos termos previstos no regulamento orgánico citado.

3. A composición e organización dos órganos da Axencia farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

CAPÍTULO II
Órganos de goberno e control da xestión

Sección 1ª. Órganos de Goberno

Artigo 8. A Presidencia

Exercerá a Presidencia da Axencia Galega de Servizos Sociais a persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais.

Artigo 9. Funcións da Presidencia

1. As funcións da Presidencia, como órgano unipersoal, serán as seguintes:

a) Exercer a máxima representación institucional da Axencia, sen prexuízo das funcións desenvolvidas pola persoa titular da Dirección en nome e representación da entidade.

b) Presidir o Consello Reitor, así como velar pola execución dos seus acordos, e exercer todas as demais competencias que lle correspondan como persoa titular da Presidencia do órgano colexiado, de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Vixiar o desenvolvemento das actividades da Axencia, velando polo cumprimento dos presentes estatutos e pola consecución dos seus obxectivos propios.

d) Subscribir con entidades públicas e privadas convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público en nome da Axencia.

e) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos da adopción dos acordos do Consello Reitor.

2. A persoa titular da Presidencia da Axencia poderá delegar na persoa titular da Dirección aquelas funcións propias que aquela considere necesarios e sexan susceptibles de delegación, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e co artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 10. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano superior de goberno da Axencia Galega de Servizos Sociais e ten carácter colexiado.

2. As/os membros do Consello Reitor serán nomeadas/os pola persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais.

3. O Consello Reitor estará integrado polas/os seguintes membros:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de servizos sociais, que o presidirá.

b) A persoa titular da Dirección da Axencia exercerá a Vicepresidencia e substituirá a presidenta ou o presidente en casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

c) Nove persoas en representación da Administración autonómica, que deberán ter, como mínimo, o rango de directora/director xeral ou equivalente.

A designacióndestas/destes membros axustarase ás seguintes previsións:

1º Seis destas persoas en representación da consellería competente en materia de servizos sociais serán nomeadas e cesadas directamente pola persoa titular da dita consellería.

2º. Unha persoa en representación da consellería competente en materia de sanidade, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

3º Unha persoa en representación da consellería competente en materia de educación, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de educación.

4º Unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

d) Cinco persoas en representación dos concellos de Galicia, cuxo nomeamento e cesamento se realizará por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias.

4. Exercerá a secretaría do Consello Reitor, con voz e sen voto, unha/un funcionaria/o da Axencia Galega de Servizos Sociais, que será nomeado/a polo Consello Reitor

5. Poderán asistir ás sesións do Consello Reitor, con voz pero sen voto, todas aquelas persoas que sexan convocadas pola persoa titular da Presidencia, en calidade de expertas en relación coas materias incluídas na orde do día cuxo criterio ou asesoramento sexa relevante.

6. Todos os órganos e entidades representadas no Consello Reitor poderán designar suplentes en igual número que as persoas titulares, que actuarán, exclusivamente, en ausencia destas, enfermidade ou outra causa xustificada. Esta designación das/dos suplentes deberá ser realizada pola Administración ou órgano representada xunto coa designación das/dos representantes titulares.

7. O cesamento das/dos membros do Consello Reitor poderá ter lugar por calquera das seguintes causas:

a) Por falecemento.

b) Por cesamento no cargo público en virtude do cal foi designada/o membro.

c) Por declaración de incapacidade ou inhabilitación para o desempeño de cargo público realizada por sentenza xudicial firme.

d) Por renuncia, no caso de que se trate de membros que fosen designados sen atención ao seu cargo.

e) Por calquera outra circunstancia que determine a imposibilidade de exercer o cargo en cuxa virtude fose designada/o como membro do Consello Reitor.

8. A pertenza ao Consello Reitor non xera dereitos laborais nin económicos.

Artigo 11. Atribucións do Consello Reitor

1. Corresponden ao Consello Reitor da Axencia Galega de Servizos Sociais as seguintes atribucións:

a) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da Axencia e da xestión da persoa titular da Dirección.

b) Aprobar a proposta do contrato de xestión da Axencia.

c) A aprobación dos obxectivos e plans de acción anuais e plurianuais, así como os criterios cuantitativos e cualitativos de medición do cumprimento dos ditos obxectivos e do grao de eficiencia na xestión, no marco do establecido no contrato de xestión.

d) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e a contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites fixados no contrato de xestión.

e) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da dirección.

f) A aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida pola entidade e de cantos informes extraordinarios considere precisos sobre a xestión, valorando os resultados obtidos e consignando as deficiencias observadas.

g) A aprobación das contas anuais e o informe de auditoría de contas e, se for o caso, a distribución do resultado do exercicio, de conformidade coa lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) A aprobación e modificación tanto do cadro de persoal coma da proposta de relación de postos de traballo da Axencia, logo de informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

i) Impulsar e propoñer proxectos de modificación de estatutos, a proposta da persoa titular da Dirección, que se elevará á consellería de adscrición para a tramitación da súa aprobación de conformidade co artigo 55 da Lei 16/2010.

j) Ditar as normas internas de funcionamento e de adopción de acordos do propio Consello Reitor e da Axencia naquilo que non se atope previsto nos presentes estatutos de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro.

k) Nomear as/os membros da Comisión de Control.

l) A aprobación dos acordos, pactos e convenios que considere convenientes ou necesarios para a realización dos fins da Axencia.

m) O nomeamento e separación do persoal directivo da Axencia, por proposta da persoa titular da Dirección.

n) Acordar o exercicio das accións e dos recursos que correspondan á entidade na defensa dos seus intereses ante as administracións públicas e os órganos xudiciais de calquera orde ou xurisdición, sen prexuízo do establecido no artigo 20 c) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

o) A proposta da creación ou participación da Axencia en sociedades mercantís e fundacións de conformidade co artigo 104 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e co artigo 93 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

p) Adoptar o logotipo, selo ou selos como imaxe representativa da Axencia, e autorizar o seu uso, de conformidade coa norma de aplicación.

q) Resolver as reclamacións previas á vía civil e laboral.

r) Calquera outra que lle atribúan os presentes estatutos e o resto da normativa aplicable.

2. O Consello Reitor da Axencia poderá delegar na persoa titular da Presidencia e/ou na persoa titular da Dirección aquelas funcións propias que aquel coide necesario e sexan susceptibles de delegación, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e co artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 12. Normas de funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor funcionará en Pleno e reunirase, polo menos, con carácter semestral, así como cando o convoque a persoal titular da Presidencia de acordo coas normas de réxime interno que o propio Consello aprobe.

Sen prexuízo do anterior, poderanse constituír comisións especiais de traballo coa finalidade e duración que o propio Consello determine de acordo coas súas normas internas de funcionamento.

2. Nas súas deliberacións, acordos e funcionamento, o Consello Reitor axustarase ás normas relativas aos órganos colexiados contidas no capítulo II do título II da, Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou norma que a substitúa, e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

3. O Consello Reitor quedará validamente constituído sempre que asistan a persoa titular da Presidencia, a persoa titular da Secretaría do Consello ou persoa que os substitúa e, polo menos, a metade das/dos súas/seus membros.

4. A Axencia Galega de Servizos Sociais facilitará o soporte e a asistencia administrativa e económica que o funcionamento do Consello Reitor precise para o correcto desenvolvemento dos seus cometidos e de conformidade co establecido nos orzamentos da entidade.

Sección 2ª. Órganos de Dirección e Xestión

Artigo 13. A Dirección

A Dirección é o órgano executivo da Axencia Galega de Servizos Sociais. A persoa titular da Dirección é responsable da dirección e xestión ordinaria e exerce as competencias inherentes á dita dirección para alcanzar os obxectivos definidos nos estatutos, así como as que expresamente lle atribúe esta lei e os estatutos e as que lle delegue o Consello Reitor.

A persoa titular da Dirección é nomeada e separada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, entre persoas que reúnan a cualificación necesaria para o cargo. En todo caso, debe reunir requisitos de solvencia académica, profesional ou científica, en materia de servizos sociais ou de xestión.

Artigo 14. Funcións da Dirección

1. A persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais exercerá as seguintes funcións:

a) Asumir a responsabilidade de funcionamento da Axencia Galega de Servizos Sociais no marco das súas funcións.

b) Elaborar e propoñer ao Consello Reitor o proxecto de contrato de xestión.

c) Elaborar o proxecto de plan de acción anual da Axencia e a súa memoria xustificativa.

d) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia.

e) Executar os orzamentos e o plan de acción anual da Axencia.

f) Impulsar as propostas de modificación dos estatutos.

g) Autorizar os pagamentos e os gastos da Axencia, de conformidade coa normativa vixente

h) Elaborar o inventario de bens e dereitos da Axencia para a súa aprobación anual polo Consello Reitor.

i) Actuar como órgano de contratación da entidade, nos termos previstos na lexislación vixente en materia de contratación administrativa.

k) Elaborar as normas de réxime interior da Axencia, e, se é o caso, dos centros e unidades adscritos a ela.

l) Exercer a xefatura superior de todo o persoal que preste servizos na Axencia e a potestade disciplinaria mediante a resolución dos expedientes disciplinarios no ámbito das súas competencias.

m) Establecer as medidas axeitadas para o exercicio das funcións que en materia de control, seguimento e vixilancia corresponden á Axencia.

n) Propoñer ao Consello Reitor, para a súa aprobación, o nomeamento do persoal directivo da Axencia, de conformidade cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, así como a proposta para o seu cesamento.

ñ) Elaborar as propostas do cadro de persoal e a da relación de postos de traballo, así como a previsión de necesidades de persoal da Axencia, dentro do marco de actuación en materia de recursos humanos que se estableza no contrato de xestión, e propoñer a súa aprobación ao Consello Reitor, unha vez cumpridos os trámites establecidos polo artigo 58.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

o) Executar os acordos do Consello Reitor e exercer as funcións que este lle delegue.

p) Informar a consellería competente en materia de servizos sociais sobre a execución e cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión.

q) Facer a proposta de resolución dos recursos administrativos contra os actos dos órganos da Axencia, susceptibles de recurso, así como das reclamacións previas en asuntos civís e laborais.

r) As funcións que poida delegar o Consello Reitor ou a persoa titular da Presidencia deste e aquelas outras que, correspondendo á Axencia, non se atopen atribuídas legal ou regulamentariamente a outro órgano.

2. A persoa titular da Dirección poderá delegar nos órganos dela dependentes aquelas funcións propias que considere necesario e sexan susceptibles de delegación, de conformidade co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

3. No desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Dirección estará suxeita a avaliación conforme os criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle fosen fixados.

4. A persoa titular da Dirección poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia e o Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

5. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Xerencia substituirá a persoa titular da Dirección.

Artigo 15. A Xerencia

1. A Xerencia é o órgano ao cal corresponden as funcións de xestión e administración, a coordinación, seguimento e control das áreas en que se estrutura a Axencia, así como a elaboración do anteproxecto do plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual de xestión.

2. A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é persoal directivo e será nomeada e separada polo Consello Reitor por proposta da Dirección da Axencia.

3. Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, da Xerencia dependerá unha Área de Servizos Xerais.

Artigo 16. Área de Servizos Xerais

1. Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Xerencia contará coa Área de Servizos Xerais, órgano con nivel equivalente ao de subdirección xeral ao cal corresponde a dirección e xestión dos servizos comúns da Axencia, así como das unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia.

2. A Área de Servizos Xerais contará cos seguintes departamentos, órganos de apoio con rango de servizo que asumirán as seguintes funcións:

a) Departamento de Contratación, órgano de apoio que asumirá as seguintes funcións:

1º A tramitación, seguimento e control económico-administrativo dos expedientes de contratación sometidos á normativa reguladora dos contratos do sector público, calquera que for o seu tipo ou forma de adxudicación, o seu seguimento e control.

2º O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión no Departamento de Contratación.

3º Coordinación, asistencia e supervisión dos investimentos na valorización dos recursos sociais de Galicia que se promovan desde a Axencia.

4º Apoio técnico sobre os investimentos en infraestruturas como consecuencia dos plans ou programas en que participa a Axencia.

5º Supervisión e mantemento dos inmobles da súa propiedade ou adscritos e da rede de centros sociais da Axencia.

6º Valoración técnica de proxectos presentados por empresas en relación cos expedientes de axudas, ou por solicitude doutros órganos.

7º Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Xerencia da Axencia.

b) Departamento de Xestión Económica e Coordinación, órgano de apoio que asumirá as seguintes funcións:

1º A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Axencia, o seu seguimento e control.

2º A coordinación, a supervisión e o seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.

3º A tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias.

4º A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gasto e as propostas de pagamento.

5º Tramitación das autorizacións para expedientes plurianuais e/ou que superen os límites previstos na normativa de réxime económico e financeiro.

6º Coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de facenda.

7º Habilitación de pagamentos, agás os correspondentes aos de persoal.

8º Xestión económica de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas.

9º A xestión da administración do inventario de bens adscritos á Axencia, a conservación e colaboración na súa protección e defensa.

10º Rexistro, control e supervisión das marcas e/ou denominacións da Axencia.

11º En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Xerencia da Axencia.

c) Departamento de Recursos Humanos, órgano de apoio que asumirá as seguintes funcións:

1º A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Axencia e o seguimento e control do rexistro de persoal.

2º A xestión do réxime interno da Axencia, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade, seguindo as indicacións da Dirección ou da Xerencia da Axencia.

3º A xestión dos plans de formación do persoal da Axencia, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública.

4º A xestión de nóminas e habilitación de gastos de persoal da Axencia.

5º A programación das necesidades do persoal.

6º A elaboración do borrador da proposta de relación de postos de traballo.

7º Elaboración de estudos e informes en materia de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Axencia.

8º Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Xerencia da Axencia.

d) Departamento Técnico Xurídico, órgano de apoio que asumirá as seguintes funcións:

1º A tramitación administrativa dos convenios e programas da Axencia co sector público ou privado, o seu control e seguimento.

2º A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, cos órganos e unidades da Axencia.

3º A asistencia e apoio xurídico nas materias que sexan competencia da Axencia, no estudo, tramitación e propostas de resolución de reclamacións, recursos, requirimentos e peticións formulados contra actos e resolucións ditados polos seus distintos órganos cando non estean atribuídos a outros órganos dela.

4º A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, agás as que correspondan o outros órganos.

5º A coordinación da publicación de toda clase de actos administrativos ditados polos órganos da Axencia que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

6º En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Xerencia da Axencia.

Artigo 17. Área de Escolas Infantís

1. Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Axencia contará coa Área de Escolas Infantís, órgano con nivel equivalente ao de subdirección xeral e con dependencia da Dirección ao cal corresponde a xestión das escolas infantís 0-3 en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e demais normas de procedente aplicación, sen prexuízo das competencias que correspondan á Área de Asuntos Xerais.

2. A Área de Escolas Infantís contará cun Departamento de Escolas Infantís, órgano de apoio con rango de servizo que asumirá as seguintes funcións:

a) A supervisión e seguimento do funcionamento e da xestión das escolas infantís dependentes da Axencia, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos.

b) A elaboración de propostas de dotación de medios materiais para o mellor funcionamento das escolas infantís dependentes da Axencia, sen prexuízo das que correspondan a outros órganos.

c) A elaboración de propostas de contratación centralizada e análise de eficacia e custos de servizos.

d) A elaboración de propostas de cobertura de postos e redistribución de efectivos dos centros dependentes da Axencia.

Artigo 18. Área de Benestar

1. Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Axencia contará coa Área de Benestar, órgano con nivel equivalente ao de subdirección xeral e con dependencia da Dirección ao cal corresponde a dirección e xestión dos equipamentos de servizos sociais cuxa xestión sexa atribuída á Axencia Galega de Servizos Sociais, con excepción das previstas no artigo anterior.

2. A Área de Benestar contará cun departamento de Benestar como órgano de apoio para o desenvolvemento das súas funcións.

Sección 3ª. Outros órganos

Artigo 19. A Comisión de Control

1. A Comisión de Control, baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor, estará composta polos/as seguintes membros:

a) Un/unha representante da Axencia.

b) Un/unha representante da consellería competente en materia de servizos sociais.

c) Un/unha representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.

d) Un/unha representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. En ningún caso as persoas integrantes da Comisión de Control serán coincidentes coas do Consello Reitor.

3. A presidencia da Comisión desempeñaraa o representante da consellería que ten competencias en materia de orzamentos.

4. A secretaría da Comisión será exercida polo/a secretario/a do Consello Reitor da Axencia, que dará comunicación de todas as propostas e acordos, tanto ao Consello Reitor coma ás consellerías que forman parte da Comisión.

5. Os/as membros da Comisión serán nomeados/as polo Consello Reitor por proposta dos/as titulares das consellerías con presenza na Comisión, de entre o seu persoal técnico con rango de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou equivalente.

Sempre que se xustifique debidamente, poderán exixirse determinados coñecementos como requisito para formar parte da Comisión de Control.

6. Os/as membros da Comisión poderán asistir cun asesor/a sempre que os asuntos que se vaian tratar o xustifiquen.

7. O cargo na Comisión de Control non será retribuído.

Artigo 20. Funcións da Comisión de Control

1. Corresponde á Comisión de Control informar o Consello Reitor sobre a execución do contrato de xestión e, en xeral, sobre todos aqueles aspectos relativos á xestión económico-financeira que deba coñecer o propio Consello, para o que deberá:

a) Supervisar o procedemento e sistemas de elaboración da información de xestión económica e financeira que se someterá ao Consello Reitor. Para tal efecto, formulará o marco normalizado de comunicación desta información, analizará os seus resultados e coñecerá os informes de control da xestión económico-financeira emitidos polos órganos de control externo e interno e propoñerá as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

b) Revisar as contas anuais que deben someterse ao Consello Reitor para a súa formulación de acordo coa normativa aplicable.

c) Supervisar as memorias e informes da Xerencia nas cales se relacione o grao de cumprimento de obxectivos cos sistemas de responsabilidade, carreira profesional e incentivos que debe levar asociados. Neste ámbito, elaborará coa periodicidade que decida o Consello Reitor e, cando menos unha vez ao semestre, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

d) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución, a través da análise do estado de execución orzamentaria mensualmente remitida á Comisión de Control. Neste ámbito emitirá informe sobre as autorizacións de variacións orzamentarias emitidas polo/a director/a da Axencia e coñecerá os acordos de incorporación dos remanentes de tesouraría.

e) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

2. Ademais de conter un pronunciamento sobre as cuestións formuladas, os informes emitidos pola Comisión poderán conter propostas ou recomendacións para a súa toma en consideración polo Consello Reitor.

3. Os informes da Comisión de Control teñen carácter preceptivo nas materias sinaladas para o Consello Reitor.

4. Corresponde á Comisión de Control elaborar o seu regulamento de réxime interno.

5. O funcionamento da Comisión de Control axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno; na Lei 30/1992, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO III
Xestión transparente por obxectivos

Artigo 21. Principios de actuación

A Axencia Galega de Servizos Sociais axustará a súa actuación aos principios de interese xeral, obxectividade, eficacia, economía e servizo á cidadanía e, en particular, aos seguintes:

a) Principio de transparencia e participación, entendidos, respectivamente, como a rendición de contas á cidadanía e como o compromiso de consulta e participación das persoas interesadas na realización dos seus traballos.

b) Principio de autonomía e responsabilidade, entendidos, respectivamente, como a capacidade da Axencia de xestionar con autonomía, nos termos establecidos no contrato de xestión e nos presentes estatutos, os medios postos á súa disposición para acadar os obxectivos comprometidos, asumindo as consecuencias dos resultados acadados.

c) Principio de cooperación interadministrativa e participación institucional entendidos respectivamente como a disposición activa a colaborar con outras consellerías e organismos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e con outras administracións públicas e institucións.

d) Principio de calidade e mellora continua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos de excelencia que permitan establecer áreas de mellora e prestar os seus servizos dun xeito innovador.

f) Principio de ética profesional e responsabilidade pública, entendido como o compromiso do persoal da Axencia, e especialmente das súas persoas directivas, de observar na súa actuación os principios éticos e de conduta exixibles ás/aos empregadas/os públicos.

g) Principio e mecanismos de xestión transparente por obxectivos. Os mecanismos de xestión transparente por obxectivos son o contrato plurianual de xestión, o plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais.

Artigo 22. Contrato plurianual de xestión

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais axustará a súa actuación ao seu contrato plurianual de xestión. O primeiro contrato plurianual de xestión deberá elaborarse, como máximo, no prazo de tres meses desde a constitución da Axencia e terá unha vixencia de 4 anos. Os contratos plurianuais de xestión posteriores serán aprobados no último trimestre de vixencia do anterior.

2. O contrato plurianual de xestión será aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición e das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a súa presentación. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato de xestión anterior.

3. O contrato plurianual de xestión deberá de establecer, como mínimo e para o seu período de vixencia, os seguintes aspectos:

a) Os obxectivos que se perseguen, os resultados que se obterán e, en xeral, a xestión que se vai desenvolver.

b) Os plans temporais necesarios para acadar os obxectivos, con especificación dos marcos temporais correspondentes e dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e os seus prazos temporais, así como os indicadores para avaliar os resultados obtidos.

c) As previsións máximas do cadro de persoal e o marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos.

d) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios que cómpre achegar para a consecución dos obxectivos.

e) Os efectos asociados ao grao de cumprimento e/ou incumprimento dos obxectivos establecidos con indicación dos mecanismos que permitan a exixencia de responsabilidade dos órganos de xestión e executivos e do persoal directivo.

f) De ser o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na Lei da función pública e nas leis anuais de orzamentos da Comunidade Autónoma. Esta contía estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, co informe previo favorable das direccións xerais competentes en materia de función pública e de orzamentos, nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión.

g) O procedemento para cubrir os déficits anuais que, se é o caso, poidan producirse por insuficiencia dos ingresos reais respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, de ser o caso, se deban seguir de tales déficits.

h) O procedemento para introducir as modificacións ou adaptacións anuais que, se é o caso, procedan.

Artigo 23. Plan anual de acción, informe xeral de actividade e contas anuais

1. O Consello Reitor, por proposta da persoa titular da dirección da Axencia aprobará os seguintes documentos:

a) O plan anual de acción da Axencia, sobre da base dos recursos dispoñibles, antes do día 1 de febreiro de cada ano.

O plan anual de acción comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que alcanzar no exercicio, a previsión dos resultados que se obterán e os instrumentos de seguimento, control e avaliación a que se ten que someter a actividade da Axencia.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior, con anterioridade ao 30 de xuño do ano en curso.

c) As contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas, con anterioridade ao 30 de xuño do ano en curso.

2. Os documentos a que se refire o apartado anterior son públicos e a cidadanía terá acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a Axencia, a través da persoa titular da Dirección, informará a Consellería de adscrición, a competente en materia de administracións públicas e a competente e en materia de facenda acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

Artigo 24. Transparencia na xestión

1. Sen prexuízo das demais obrigas de información á cidadanía establecidas na lexislación vixente e daqueloutras que os órganos de dirección consideren oportunas, a Axencia publicará na súa sede electrónica información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) Contrato plurianual de xestión da Axencia, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Axencia e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a elas.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos cales a Axencia teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso das persoas interesadas aos servizos da Axencia e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

TÍTULO III
Do persoal da Axencia Galega de Servizos Sociais

Artigo 25. Persoal da Axencia

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais poderá estar integrada por persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia ou estatutario, de conformidade co que se estableza na correspondente relación de postos de traballo, segundo o disposto no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción En todo caso, as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico corresponderán, exclusivamente, ao persoal funcionario público.

2. Sen prexuízo do persoal directivo a que se refire o artigo 29, o persoal ao servizo da Axencia Galega de Servizos Sociais estará integrado por:

a) O persoal que estea ocupando postos de traballo en servizos que se adscriban á Axencia.

b) O persoal que se incorpore á Axencia desde calquera administración pública polos correspondentes procedementos de provisión de postos de traballo.

3. O persoal a que se refiren as letras a) e b) do número anterior mantén a condición de persoal funcionario, laboral ou estatutario, de orixe, de acordo coa lexislación aplicable.

4. O persoal funcionario e estatutario ao servizo da Axencia Galega de Servizos Sociais réxese pola normativa reguladora da función pública, en particular, pola Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico do empregado público, e o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, así como na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 26. Selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección de persoal funcionario e/ou laboral e estatutario da Xunta de Galicia destinado na Axencia serán realizados pola consellería competente en materia de función pública e seranlles de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral e estatutario da Xunta de Galicia destinado na Axencia corresponde á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario, laboral e estatutario da Xunta de Galicia destinado na Axencia someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 27. Ordenación dos postos de traballo

1. A relación de postos de traballo da Axencia conterá necesariamente os seguintes datos de cada posto: o órgano ou dependencia a que se adscribe, denominación, tipo e sistema de provisión, nivel e retribucións complementarias do persoal funcionario e categoría profesional e réxime xurídico aplicable aos postos que vaia desempeñar o persoal laboral e os requisitos para o seu desempeño.

2. A proposta de aprobación e modificación da relación de postos de traballo da Axencia será acordada polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

3. En todo caso, a aprobación e modificación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 28. Réxime retributivo

1. Os conceptos retributivos do persoal funcionario e estatutario da Axencia será os establecidos na normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma, coas especialidades previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nos presentes estatutos, e as súas contías determinaranse no contrato de xestión.

2. As condicións retributivas do persoal laboral serán as determinadas no convenio colectivo que resulte de aplicación e as súas contías fixaranse de acordo con sinalado no número anterior.

3. A contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade, ou concepto equivalente do persoal laboral, estará, en todo caso, vencellada ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión.

4. No marco da política de recursos humanos, e de acordo cos sistemas de representación e participación de persoal, establecerase un sistema de avaliación que sirva de instrumento obxectivo para a valoración do desempeño dos postos de traballo e a asignación da produtividade sinalada no número anterior, sen que en ningún caso se poida superar a contía da masa que dispoña o contrato de xestión. O sistema de avaliación valorará rendementos colectivos das unidades e realizará unha valoración individual de cada posto de traballo, de acordo con criterios de transparencia, obxectividade imparcialidade e non-discriminación.

5. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal da Axencia e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberán ser negociados previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

Artigo 29. Persoal directivo

1. O persoal directivo da Axencia ocupará postos definidos como tales na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das funcións asignadas a eles.

2. O persoal directivo da Axencia é nomeado e separado polo Consello Reitor, por proposta motivada da persoa titular da Dirección, de acordo co establecido na normativa de función pública.

3. No proceso de selección do persoal directivo poderán participar órganos de preselección especializados que formularán unha proposta na cal se incluirán a tres persoas candidatas para cada posto por cubrir entre persoas que acrediten competencia profesional e idoneidade e que elevarán á persoa titular da Dirección da Axencia, que seleccionará o candidato motivadamente.

4. Cando o persoal directivo teña a condición de funcionario/a, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa de función pública. Cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de alta dirección

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento das súas funcións, a avaliación conforme os criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle fosen previamente fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia e o Decreto 119/2012, do 3 de maio.

Artigo 30. Incompatibilidades

O persoal da Axencia estará suxeito á normativa e ao réxime de incompatibilidades establecidos con carácter xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

TÍTULO IV
Réxime patrimonial, económico-financeiro e de control e contabilidade pública

CAPÍTULO I
Bens e dereitos

Artigo 31. Patrimonio

1. A Axencia Galega de Servizos Sociais ten, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. A Axencia poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera dos modos admitidos no ordenamento xurídico. A afectación dos bens e dereitos adquiridos, así como a adquisición e o alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

3. Así mesmo, poderase acordar a adscrición á Axencia, para o cumprimento dos seus fins, dos bens e dereitos do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A xestión e administración dos bens e dereitos propios, así como do patrimonio da Administración xeral da Comunidade autónoma que se lle adscriba para o cumprimento dos seus fins, será exercida con suxeición ao establecido para os organismos públicos na lexislación de patrimonio da Administración pública galega.

5. Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Axencia, logo de aprobación polo Consello Reitor, poderá formular proposta de creación ou participación de sociedades mercantís públicas autonómicas ou fundacións do sector público autonómico, de conformidade co procedemento establecido nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro. Así mesmo, o Consello Reitor poderá propoñer a participación en toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil ou de fundación distintas das anteriormente indicadas, e cuxo obxecto estea vinculado cos fins e obxectivos da Axencia, nos termos previstos pola lexislación da Comunidade Autónoma en materia de patrimonio e de fundacións.

CAPÍTULO II
Recursos económicos

Artigo 32. Recursos económicos

1. Os recursos da Axencia Galega de Servizos Sociais están integrados por:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba coma contraprestación polas actividades que poida realizar, en virtude de contratos, convenios ou disposición legal, para outras entidades públicas, privadas ou persoas físicas.

c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúen o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que lle poida ser atribuído conforme as disposicións vixentes.

2. Poderá ser realizada pola Axencia, no marco do establecido no artigo 84 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e das leis de orzamentos anuais, a contratación de pólizas de crédito ou préstamo cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

Artigo 33. Ingresos de dereito público

Os ingresos que legalmente deba percibir a Axencia que teñan consideración de ingresos de dereito público recadaranse polo procedemento administrativo previsto na normativa de recadación pública.

CAPÍTULO III
Réxime económico, financeiro, de control interno e de contabilidade pública

Artigo 34. Réxime orzamentario

1. O Consello Reitor elaborará e aprobará anualmente o anteproxecto de orzamentos da Axencia e remitirao para exame á consellería competente en materia de servizos sociais, que posteriormente o fará chegar en tempo e forma, xunto ao orzamento da propia consellería, á consellería competente en materia de facenda para a elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

2. A estrutura do orzamento da Axencia, así como a documentación que deberá acompañalo, serán establecidas pola consellería competente en materia de facenda.

3. Os orzamentos da Axencia terán carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital, que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

4. A execución do orzamento da Axencia corresponde á persoa titular da Dirección, quen remitirá mensualmente á Comisión de Control un estado de execución orzamentaria.

5. A autorización das variacións orzamentarias corresponderá:

a) Á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, cando se trate de variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten gastos de persoal e capital, por proposta da persoa titular da Dirección da Axencia, agás as previstas na letra seguinte.

b) Á persoa titular da Dirección corresponderanlle, logo de informe favorable da Comisión de Control, as restantes variacións, incluso na contía total, cando sexan financiadas con recursos derivados das letras b), e) f) e g) do artigo 31 por riba dos inicialmente orzados e sempre que se destinen directamente a fins da Axencia con dotación orzamentaria e existan garantías bastantes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario e, posteriormente, darase conta á consellería competente en materia de facenda

6. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no Contrato de Xestión.

7. Non se poderán adquirir compromisos de gastos que se estendan a máis de catro exercicios e o gasto que se impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de lle aplicar ao importe total de cada programa, excluído o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte; o 60 % no segundo e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

8. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como modificar o número de anualidades nos casos especialmente xustificados por petición da correspondente consellaría e logo dos informes que se consideren oportunos e, en todo caso, o da dirección xeral competente en materia de orzamentos.

9. A persoa titular da Dirección poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo de informe preceptivo e vinculante da dirección xeral competente en materia de orzamentos, que se pronunciará sobre os seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do dito acordo darase conta á Comisión de Control.

10. A Dirección da Axencia poderá acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da dirección xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de orzamentos. Do dito acordo darase conta á Comisión de Control.

Artigo 35. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Axencia deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e que proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións.

2. Así mesmo, a Axencia contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 36. Réxime económico-financeiro

En todo o non previsto nos presentes estatutos e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, o réxime económico-financeiro da Axencia rexerase polas disposicións da lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 37. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia corresponde ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 38. Control de eficacia

Sen prexuízo do control de carácter económico-financeiro establecido no artigo anterior, a Axencia está sometida a un control de eficacia, que será exercido pola consellería competente en materia de servizos sociais. O dito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

CAPÍTULO IV
Contratación

Artigo 39. Réxime de contratación

1. A contratación da Axencia Galega de Servizos Sociais rexerase polas normas xerais de contratación do sector público.

2. A Dirección é o órgano de contratación da Axencia e precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

3. Para a celebración dos contratos cuxo valor estimado, calculado segundo establece o Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, sexa igual ou superior a tres millóns de euros, será precisa a autorización da persoa titular da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de servizos sociais agás que a dita autorización corresponda ao Consello da Xunta de Galicia.

TÍTULO V
Dos actos da Axencia, dos recursos contra eles e do asesoramento xurídico

Artigo 40. Actos administrativos. Recursos

1. A Axencia ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia da Axencia.

b) Acordos do Consello Reitor.

c) Resolucións da Dirección.

2. As resolucións e acordos ditados polo Consello Reitor en exercicio de competencias administrativas porán fin á vía administrativa. Os actos administrativos e resolucións da persoa titular da Presidencia poñen fin á vía administrativa, de acordo co disposto nas letras c) e d) do artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Os actos administrativos ditados pola persoa titular da Dirección no exercicio das súas funcións porán fin á vía administrativa.

4. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables ditados polos órganos que del dependan corresponderá ao Consello Reitor. Respecto dos actos que sexan ditados pola persoa titular da Presidencia e o Consello Reitor da Axencia, a competencia para a súa resolución corresponderá á persoa titular da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de servizos sociais.

5. A rectificación de erros materiais, de feito ou aritméticos corresponderá ao propio órgano que ditou o acto.

6. As reclamacións previas ao exercicio de accións civís e laborais rexeranse polas súas normas específicas e deben presentarse ante o Consello Reitor.

7. O recurso extraordinario de revisión interporase de acordo co que estableza a lexislación xeral do procedemento administrativo e será competente para resolvelo o propio órgano que ditou o acto impugnado.

8. A competencia para resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial que se dirixan contra a Axencia corresponderá á persoa titular da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de servizos sociais.

Artigo 41. Representación e defensa en xuízo da Axencia Galega de Servizos Sociais

A representación e defensa en xuízo da Axencia Galega de Servizos Sociais corresponde ás/ós letradas/os que serven na Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, agás que se designe procuradora/procurador e avogada/o colexiada/o que a represente e defenda.

TÍTULO VI
Modificación de estatutos e extinción da Axencia

Artigo 42. Modificación de estatutos

A modificación dos estatutos da Axencia Galega de Servizos Sociais levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo de informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda e audiencia das organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública cando a modificación proposta afecte os contidos incluídos dentro do ámbito das materias enunciadas no artigo 37 do estatuto básico do empregado público..

Artigo 43. Extinción da Axencia Galega de Servizos Sociais

A extinción da Axencia Galega de Servizos Sociais levarase a cabo por decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda. O dito decreto determinará o destino dos bens, dereitos e obrigas da Axencia, así como as medidas aplicables aos empregados do organismo no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.