Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 9 de xuño de 2015 Páx. 22275

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de maio de 2015 pola que se declaran de utilidade pública diversas asociacións inscritas no Rexistro Provincial de Asociacións de Pontevedra.

Por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións.

O Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións, asigna estas funcións á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e establece que será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da instrución do procedemento polo órgano correspondente.

Logo de solicitude das asociacións, foron instruídos os expedientes de conformidade co previsto no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública, e neles consta a documentación e os informes previstos na citada norma.

De conformidade cos informes favorables de declaración de utilidade pública emitidos polo instrutor dos expedientes,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de utilidade pública a Asociación Amizade, inscrita no rexistro provincial de asociacións de Pontevedra co número 1988/1675-1.

Segundo. Declarar de utilidade pública a Federación de Asociacións de Minusválidos Físicos da Provincia de Pontevedra (Cogami), inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Pontevedra co número 1989/22-2.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interporse previamente recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza