Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 6 de agosto de 2015 Páx. 32497

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 7 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Lomba, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribadetea, da parroquia de Ribadetea, no concello de Ponteareas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente:

Miguel Ángel Pérez Dubois

Vogais:

Amalia Elsa Pazos Pintos

(Xefa do Servizo de Montes )

X. Carlos Morgade Martínez

(Representante das CMVMC da provincia de Pontevedra)

Víctor Abelleira Argibay

(Representante do colexio de avogados da provincia)

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia)

Vogais representantes da CMVMC de Ribadetea:

José Amoedo Soteliño

Feliciano Fernández López

Secretaria:

Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico Administrativo)

Na cidade de Pontevedra, ás 16.30 horas do día 30.6.2015 coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre resolución do expediente de clasificación do monte denominado Lomba, na parroquia de Ribadetea solitada a favor dos veciños da CMVMC de Ribadetea (Ponteareas).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 11.1.2008, José Amoedo Sotelino, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Ribadetea, concello de Ponteareas, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación dunha parcela comunal denominada Lomba, acompañada de diversa documentación.

Tras varios trámites para corrixir deficiencias na documentación presentada, diversos informes do Servizo de Montes establecen que o monte Lomba non está clasificado e que a súa extensión final, segundo a cartografía rectificada pola comunidade solicitante, é de 5.747 m2.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión de 27.10.2010, incoar o correspondente expediente de clasificación da devandita parcela en prol da CMVMC da parroquia de Ribadetea, concello de Ponteareas.

O 2.11.2010 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 do outubro, de común. Con data do 23.2.2011 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Con data de entrada do 6.4.2011, a comunidade de montes solicitante presenta nova documentación histórica e actual sobre o monte Lomba.

Terceiro. A rexistradora da Propiedade de Ponteareas, en escrito do 26.4.2011, certifica que o monte denominado Lomba non figura inscrito no Rexistro da Propiedade coas características presentadas.

Cuarto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, ningunha das partes presentou alegacións.

Quinto. Á vista da documentación presentada pola comunidade solicitante e os informes do Servizo de Montes, a parcela obxecto do expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Ponteareas.

Parroquia: Ribadetea.

Nome da parcela: Lomba.

Cabida: 5.747 m2.

Lindes:

Norte e oeste: vía asfaltada que vai do campo de fútbol da Lomba ao parque móbil da Deputación Provincial.

Sur: leiras particulares de herdeiros de Carmen Carballido Zúñiga e herdeiros de Manuel Domínguez Sánchez.

Leste: antigas instalacións de Cophefor.

Sexto. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, en reunión celebrada o día 3.10.2011, acordou clasificar como veciñal en man común a parcela denominada Lomba en prol dos veciños da CMVMC da parroquia de Ribadetea do concello de Ponteareas.

Sétimo. Contra a citada resolución, Gabriela Lagos Suárez-Llanos e Manuel Sánchez Rodríguez, como administradores concursais da sociedade Avigán Granjeros Pontevedreses, S.A., achegando a credencial correspondente, e en representación da citada entidade, no 15.12.2011 presenta recurso de reposición alegando, en síntese, o que segue:

1. Que se dite a nulidade do acordo de clasificación por falta de notificación ao titular rexistral, pois alega que a leira clasificada está rexistrada a nome desta empresa.

2. Que se anule o acordo por falta de proba dos requisitos necesarios para a clasificación como veciñal en man común, para o cal aduce:

a) Que a leira en cuestión está inscrita no catastro a nome da empresa, é terreo urbanizable e non ten carácter forestal.

b) Que non é certo que a leira fora limpada pola Comunidade de Montes de Ribadetea, senón que o foi pola empresa.

c) Porque a empresa Avigán é a propietaria da leira por venda do Concello de Ponteareas. En proba de tal alegación presentan copia de escritura de compravenda entre as dúas partes do 6.2.1991 da leira Cruceiro da Lomba, de 6.287 m2, como resultado de ser a empresa Avigán a adxudicataria dunha poxa pública realizada polo Concello de Ponteareas o 7.7.1976 da citada leira con carácter de bens de propios, que pertence ao Concello “por posesión inmemorial”. Segundo establece unha cláusula da citada escritura, esta adxudicación fíxose coa condición de que “o adxudicatario queda obrigado a montar na parcela obxecto da poxa unha industria, que deberá comezar as súas actividades antes dos cinco anos desde a data da sinatura da escritura de compravenda e mantela en funcionamento durante os trinta seguintes...”. Na cláusula seguinte especifícase que “o incumprimento do disposto na cláusula anterior será obxecto de que a parcela reverta novamente ao patrimonio municipal, sen que o Concello teña que aboar cantidade ningunha por iso ao seu propietario”.

Oitavo. Contra o anterior recurso, José Amoedo Sotelino, en nome e representación da Comunidade de Montes de Ribadetea, en data do 11.1.2012 presenta impugnación coas seguintes alegacións:

1. Sobre a alegación de falta de notificación ao titular rexistral polos administradores concursais de Avigán, alégase que na propia certificación literal de inscrición rexistral presentada polos recorrentes se inclúe a anotación da entrada en concurso da empresa en 2006 coa súa disolución e cesamento dos seus administradores; e como non consta o nomeamento de administradores concursais, non había a quen hipoteticamente comunicar o procedemento, que, por outra parte, xa foi publicado no DOG.

2. Sobre a alegación da parte recorrente de falta de proba dos requisitos necesarios para a clasificación como monte veciñal en man común, adúcese que diversos documentos proban a existencia dunha masa forestal na parcela, que a inscrición catastral e a rexistral non impiden a clasificación como veciñal da parcela e que o aproveitamento veciñal quedou probado no procedemento, inda que para maior abastanza presenta novos medios de proba deste uso veciñal: facturas do 12/2005 e 10/2010 da empresa Desbroces Deza por limpeza da parcela, certificación do concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ponteareas do 10.8.2010 na cal se afirma que o Concello retirou da parcela diverso lixo por petición da Comunidade de Montes de Ribadetea, escrito de 19 veciños manifestando o carácter veciñal e o aproveitamento ao longo dos últimos anos, declaración dun operario contratado pola comunidade de ter participado na limpeza da parcela en xuño do 2010 e fotografías en que se aprecia na fronte da parcela o cartel da Comunidade de Montes recordando a prohibición de verter lixo.

Noveno. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra, en reunión celebrada o día 16.4.2012, acordou desestimar o recurso de reposición e confirmar en todos os seus termos a resolución clasificatoria do 3.10.2011.

Décimo. Con data do 4.10.2012, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) presenta escrito, acompañado dunha nota rexistral da rexistradora da Propiedade de Ponteareas, en que alega que sobre a devandita leira hai constituída unha hipoteca ao seu favor en contragarantía de avais concedidos a Avigán, que foron aboados nos anos 2005 e 2006 ás entidades bancarias. Por iso, alega que, ao non ser oído no expediente nin se lle notificar as actuacións relativas a el, a clasificación desta leira como veciñal en man común está viciada de nulidade de pleno dereito.

Décimo primeiro. Presentado recurso xudicial por Avigán Granjeros Pontevedreses, S.A., a Sala do Contencioso-Administrativo número 2, en procedemento ordinario nº 246/12, na sua sentenza do 29.5.2013, estima o recurso e anula as resolucións impugnadas, acordando a retroacción do procedemento clasificatorio para os efectos da debida comunicación e intervención de quen figura como interesado por ser titular rexistral.

Décimo segundo. O Xurado Provincial de Pontevedra, en reunión do 5.11.2013, acordou reiniciar os trámites para a clasificación da devandita parcela como veciñal en man común.

Décimo terceiro. Aberto o trámite de audiencia ás partes interesadas, a Comunidade de Montes de Ribadetea reitera a petición de clasificación e reafírmase nas alegacións e probas documentais presentadas con anterioridade e que constan no expediente.

Décimo cuarto. O Igape presenta escrito de alegacións opoñéndose á clasificación con base nas seguintes consideracións:

1. Que a leira referida está hipotecada en prol do Igape en virtude de escritura pública como contragarantía a diversos avais concedidos a Avigán por diversas entidades financeiras e executados posteriormente. Presenta diversa documentación que demostra este feito, incluída unha nota rexistral do Rexistro da Propiedade de Ponteareas.

2. Que a clasificación como veciñal en man común da citada parcela Lomba deixaría sen efecto o seu dereito de hipoteca.

3. Únese ás alegacións formuladas por Avigán Granjeros Pontevedreses, S.A. e aos medios de proba practicados no recurso contencioso-administrativo 246/2013, en particular:

3.1. Que a leira é propiedade de Avigán desde 1976 por compra en poxa pública ao Concello de Ponteareas.

3.2. Que a leira foi utilizada por Avigán para aparcadoiro dos seus camións e vehículos.

3.3. Que o informe da Consellería do Medio Rural recolle que a leira non pode definirse como monte senón como solo apto para urbanizar, e que se aprecia en varias zonas compactación do solo debido ao tránsito e estacionamento de vehículos, o que ratifica o alegado por Avigán.

3.4. Que o testemuñado polas antigas traballadoras de Avigán no citado recurso xudicial ratifica que a leira sempre foi usada por Avigán para aparcadoiro de camións e vehículos dos empregados, que era Avigán quen realizaba a limpeza, que eran os propios traballadores os que a vixiaban cando foi pechado o matadoiro e que os carteis foron postos despois; todo isto desvirtúa o uso consuetudinario polos veciños.

3.5. Que a proba pericial xudicial practicada ratifica que a leira Lomba corresponde coa rexistrada a nome de Avigán, que segundo o planeamento municipal suspendido se atopa en solo clasificado como apto para urbanizar e segundo o Decreto 180/2004 de suspensión do planeamento, debe considerarse solo rústico de protección ordinaria.

Décimo quinto. O Concello de Ponteareas non presenta alegación ningunha e limítase a dar conta da preceptiva exposición do edicto do Xurado no taboleiro de anuncios do Concello.

Décimo sexto. A administración concursal da empresa Avigán Granjeros Pontevedreses, S.A. presenta escrito de alegacións en que reitera as xa efectuadas no pasado recurso de reposición, presenta copia da sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo nº 2 e denuncia que a Comunidade de Montes de Ribadetea efectuou sen permiso unha plantación de árbores na referida parcela Lomba, polo que presentou a correspondente denuncia ante a Garda Civil e realizou o cerramento da parcela con postes no linde coa estrada (achega copia da denuncia e factura dos traballos de cerramento da leira).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común “... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños”.

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O aproveitamento en prol dos veciños de Ribadetea queda recollido no informe preceptivo do Servizo de Montes cando establece que “a parcela se encontra poboada por latizal/fustal de piñeiro pinaster e pés soltos de carballo e salgueiro. Algúns pés presentan sinais de poda empillados sobre o terreo. Foi limpada recentemente e en varias zonas apréciase compactación de solo debido a tránsito e estacionamento de vehículos, sen que se poidan deducir servidumes de paso”.

Por outra parte, o informe dos técnicos do distrito ambiental XVII Condado-Paradanta di que “o antigo garda do lugar manifesta que a dita parcela sempre foi monte común”. Ademais informa de que a leira lindante polo sur, propiedade de Carmen Carballido Zúñiga, nas súas escrituras sinala que a dita leira linda polo norte con monte común.

Cuarto. A CMVMC solicitante presenta un informe con documentación histórica (expedientes de exclusión de vendas de montes comúns, visitas a devesas reais etc.) para probar o carácter veciñal que tiña a parcela en distintos momentos da historia, así como un informe pericial sobre o carácter forestal da parcela Lomba, na cal se aprecia un cartel da Comunidade de Montes de Ribadetea que prohibe verter lixo. Ademais, presenta facturas do 12/2005 e 10/2010 da empresa Desbroces Deza por limpeza da parcela, certificación do concelleiro de Vías e Obras do Concello de Ponteareas do 10.8.2010 na que se afirma que o Concello retirou da parcela diverso lixo por petición da Comunidade de Montes de Ribadetea, escrito de 19 veciños manifestando o carácter veciñal e o aproveitamento ao longo dos últimos anos e declaración dun operario contratado pola comunidade de ter participado na limpeza da parcela en xuño do 2010.

Quinto. Fronte a esta abondosa documentación, a que debe outorgarse carácter probatorio, tendo en conta, ademais, as dificultades de que o uso e aproveitamento veciñal xere documentación escrita, o Igape e Avigán presentan documentación que acredita a súa titularidade rexistral e os seus dereitos hipotecarios, esquecendo que non son estas cuestións sobre as que debe resolver o Xurado Provincial de Clasificación. Debe lembrarse a doutrina sentada polo Tribunal Supremo en Sentenza de 7 de marzo de 2001:

“As cuestións sobre a propiedade do monte Dacosta débense propor ante a xurisdición civil (artigo 10.9 da Lei estatal de montes veciñais e 13.a) da súa homóloga galega), sen que a clasificación do terreo como monte veciñal en man común teña outro efecto que o de atribuír a presunción da propiedade en vía administarativa, en canto aquela non se pronunciar en contra. Consecuencia disto é que no cabe en ningún caso formular pronunciamentos sobre o dominio definitivo do monte, sexa en virtude de usucapión ou de calquera outro modo de adquirir, debendo limitarse a resolución dos tribunais desta xurisdición a resolver se a clasificación meramente administrativa, que agora se combate, se axustou aos presupostos legais contidos na Lei galega 13/1989 e, moi especialmente, se existe algún óbice legal ou xurisprudencial para a corrección desa clasificación de acordo coa citada normtaiva. Por tanto, todas as alegación que se poidan opor ou que se deban valorar contra a clasificación e que consistan na alegación da presumible posesión segundo o artigo 38 da LH a favor da parte recorrente, unicamente o poderán ser desde o punto de vista de indagar se cabe outorgalles relevancia para desvirtuar a presunción de explotación mancomunada do monte por parte dos veciños de Fontenla que recoñece a sentenza impugnada...”.

O Igape e Avigán non presentan documentación ningunha que contradiga esta presunción. Alegan que a leira sempre foi usada por Avigán para aparcadoiro de camións e vehículos dos empregados, que era Avigán quen realizaba a limpeza e que eran os propios traballadores os que a vixiaban cando foi pechado o matadoiro, consonte o testemuñado polas antigas traballadoras de Avigán no recurso xudicial. Pero non presentan nin unha proba documental de tal xestión, que no ámbito empresarial sería máis doada de xerar que na propia xestión veciñal. Avigán soamente presenta copia da denuncia e do cerramento realizado cando xa se iniciara o expediente.

O informe do Servizo de Montes, corroborado pola visita do propio instrutor, ratifica o estado forestal da parcela. O elevado número de árbores e a idade dalgúns deles non permiten un uso total e xeralizado da parcela como lugar de aparcadoiro de vehículos e camións. Inda que se ten constatado, tal e como se expón no informe do Servizo de Montes, que “en varias zonas se aprecia compactación de solo debido a tránsito e estacionamento de vehículos”; pero estas zonas ocupan unha parte mínima da parcela e á beira da estrada que a bordea polos seus lindes N e O, xusto enfronte da fábrica de Avigán. Disto dedúcese que o posible uso como estacionamento de vehículos da empresa e traballadores de Avigán foi esporádico e parcial, e non interrompeu o aproveitamento forestal en comunidade dos veciños de Ribadetea.

Sexto. Tampouco está acreditado na documentación que consta no expediente que o destino a outros usos diferentes aos tradicionais se realizou tras constatar a ausencia de aproveitamentos por parte dos veciños. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na sentenza 997-2005 do 10 de novembro, recorda que “A sentenza do Tribunal Supremo do 24.4.2000 resume a doutrina establecida sobre este particular nos seguintes termos: “…aparecendo, ademais, destinada a superficie en litixio desde un tempo considerable a usos industriais, deportivos, mineiros, ou a calquera tipo de servizo público, a razón que xustificaría a clasificación administrativa do monte como presuntivamente veciñal desaparece, sempre que apareza acreditado que a orixe deses usos non forestais foi outorgada en circunstancias tales que evidenciaban a ausencia de posesión do aproveitamento como montes veciñais por parte dos veciños naqueles momentos”. Na documentación presentada pola Igape e Avigán Granjeros Pontevedreses, S.A. non aparece tal constatación e o Concello de Ponteareas non presentou alegacións.

Por todo isto, debe concluírse que o aproveitamento veciñal consuetudinario non se veu interrompido ou afectado de xeito significativo polo poxa realizada polo Concello de Ponteareas nin pola actuación rexistral de Avigán, nin tampouco pola actuación hipotecaria do Igape. Non está constatado que a parcela Lomba chegase a ter un uso industrial pleno que desvirtuase ou impedise o aproveitamento tradicional dos veciños.

Sétimo. Sobre cuestións de titularidade, débese recordar que o propio Decreto 260/1992, polo que se aproba o Regulamento de montes veciñais en man común, indica que “non será obstáculo á clasificación dun monte como veciñal en man común o feito de estar incluído nalgún catálogo, inventario ou rexistro público con asignación de diferente titularidade, salvo que os asentos se practicasen en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo”. Sobre esta cuestión, a mesma sentenza 997/2005, do 10 de novembro, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recorda que “Canto ás inscricións rexistrais, basta remitirse ao que di a STS do 7/3/2001 “A conclusión que se tira da reiterada doutrina desta sala sobre a materia (entre as últimas, sentenzas do 11 de abril de 1997, 11 de noviembre de 1998 e 24 de abril de 2000) é que a mera inmatriculación no Rexistro da Propiedade a favor dun concello, dun monte que viñan aproveitando mancomunadamente os veciños da zona non determina, por si soa, a perda da condición de “monte veciñal”, nin dá lugar ao nacemento dunha presunción posesoria idónea para adquirir por usucapión a propiedade en canto no resultar suficientemente probada a inexistencia do aproveitamento consuetudinario que deu lugar á súa cualificación; e con maior razón débese manter este criterio se se ten en conta que a imprescritibilidade dos montes vecinales é unha constante da nosa lexislación xa a partir da compilación foral aprobada pola Lei do 2 de decembro de 1963”.

Oitavo. Sobre a catalogación urbanística da parcela Lomba, non é este un aspecto determinante para a súa clasificación como monte veciñal en man común. En todo caso, os plans xerais de ordenación municipal non son instrumentos xuridicamente validos para mudar a natureza propia dos montes veciñais en man común, dadas as singulares características que conforman o réxime xurídico destes, presidido polos principios de indivisibilidade, inalienabilidade, inembargabilidade e imprescritibilidade. A xurisprudencia verbo disto é clara (Sentenza do TSXG 19/2010).

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o Xurado acorda por unanimidade dos seus membros:

Clasificar como veciñal en man común a parcela denominada Lomba en prol dos veciños da CMVMC da parroquia de Ribadetea, do concello de Ponteareas de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito quinto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución.»

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 7 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra