Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 6 de abril de 2016 Páx. 12140

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Xunta de Galicia encargado da proposta e execución das directrices xerais da política cultural de Galicia e correspóndelle a dirección e coordinación das grandes liñas de actuación e as medidas para o desenvolvemento da cultura galega, no senso máis amplo, mediante a cooperación e a suma de vontades coas institucións con que comparte obxectivos, entes locais, organismos públicos e entidades privadas, como forma de cristalizar as iniciativas no eido da protección, investigación e difusión cultural.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, e a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, atribúen á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de patrimonio cultural de Galicia e, como parte del, correspóndenlle as actuacións para a protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio documental e dos arquivos.

Os arquivos custodian documentos como testemuño e garantía de dereitos e deberes das institucións e dos cidadáns e como fonte de información para a xestión administrativa e a investigación. A súa función é conservar e servir os documentos polos medios e técnicas que lles son propios.

Os arquivos galegos forman parte dunha estrutura organizativa, o Sistema de Arquivos de Galicia, composta por órganos, arquivos e servizos, que busca a consecución dos fins propios dos arquivos a través da colaboración en prol da súa rendibilidade social e económica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como órgano coordinador e directivo do Sistema de Arquivos de Galicia, é quen para establecer as directrices técnicas que garantan a organización e o funcionamento dos arquivos que integran o sistema e prestarlles asistencia, poñendo á súa disposición os recursos técnicos e os créditos que anualmente se establezan nos seus orzamentos.

En consecuencia, para que os arquivos realicen adecuadamente as súas funcións e os cidadáns teñan acceso á información contida nos documentos, é preciso que estean dotados da infraestrutura e do equipamento adecuado, que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas destinadas á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos.

A finalidade da axuda é a realización de actividades que teñan por obxecto unha das seguintes liñas de actuación:

1. A organización de fondos documentais dos arquivos galegos e o seu tratamento arquivístico.

2. A dixitalización do patrimonio documental custodiado en arquivos galegos segundo as seguintes características:

a) Arquivos de entes locais: dixitalización de actas de Pleno custodiadas nos arquivos municipais.

b) Arquivos de universidades: dixitalización de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia.

c) Arquivos de entidades privadas sen ánimo de lucro: dixitalización de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia.

Os documentos propostos para dixitalizar estarán previamente organizados e descritos nunha base de datos segundo a Norma galega de descrición arquivística (NOGADA). Os proxectos deberán incluír a creación dun arquivo dixital de conservación permanente e a creación dunha copia dixital para a difusión na páxina web do Portal de Arquivos de Galicia.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas as universidades, os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia, entendido como tal o establecido no artigo 77 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

Os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións técnicas de arquivos dispoñibles no portal de Arquivos de Galicia.

O responsable técnico do proxecto será licenciado universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior e deberá acreditar formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental.

Artigo 3. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para este ano terán unha contía total de setenta e sete mil setecentos corenta euros (77.740 €), que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 nas seguintes aplicacións orzamentarias e contías.

• 10.20.432A.744.4: 15.000 €.

• 10.20.432A.760.0: 32.740 €.

• 10.20.432A.781.0: 30.000 €.

2. A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será de 5.000 € para proxectos de organización de fondos documentais e de 2.000 € para proxectos de dixitalización, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

3. Este importe de 5.000 € ascenderá a 7.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

4. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Artigo 4. Solicitudes e prazo

1. Só se admitirá unha solicitude por beneficiario e cada beneficiario só poderá participar nunha das liñas sinaladas no artigo 1, que se presentará conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria:

a) Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

b) Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

c) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

d) A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que presente o/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

1. Documentación de carácter xeral:

a) Solicitude normalizada segundo modelo do anexo I.

b) Memoria descritiva detallada conforme o modelo do anexo II sobre o arquivo, os fondos que custodia e os servizos que se prestan no arquivo da entidade:

Datos identificativos e de contacto:

– Titularidade do arquivo.

– Localización.

– Contacto postal e electrónico.

– Persoal técnico e responsable do arquivo.

Fondos documentais que custodia o arquivo:

– Cadro de clasificación do arquivo.

– Datas extremas dos fondos documentais.

– Volume dos fondos documentais expresado en metros lineais.

Condicións de acceso:

– Horario de apertura.

– Condicións de acceso aos fondos documentais.

Servizos:

– Servizos á disposición dos usuarios: de axuda á investigación, de reprodución e espazos públicos.

Actividades culturais que organice ou en que participe o arquivo.

Procesos técnicos do arquivo, con indicación de se están informatizados.

c) O orzamento total do proxecto con indicación dos conceptos e dos prezos unitarios e totais.

d) A porcentaxe de financiamento do proxecto que asume a institución solicitante.

2. Documentación específica do proxecto arquivístico para o cal se solicita a axuda:

a) Para proxectos de organización de fondos documentais

– Memoria explicativa do proceso de organización e descrición que se vai realizar seguindo os criterios técnicos de arquivo, indicando os datos da documentación que se organizará: produtor, series documentais, datas extremas e volume de fondos que se vai tratar expresado en metros lineais.

– Aplicación informática para descrición documental con que conta o arquivo.

– Requisitos do persoal técnico que se contratará.

b) Para proxectos de dixitalización

– Memoria explicativa do proceso de dixitalización.

– Estado de organización, descrición detallada e conservación dos documentos. Antigüidade, volume e interese dos documentos que se dixitalizarán.

– Requisitos do persoal técnico que se contratará.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio administrativo de San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxc-subdireccion-arquivos.cceou@xunta.es.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Criterios de valoración aplicables a todos os arquivos.

As propostas presentadas valoraranse ata un máximo de 15 puntos a través da análise da memoria do proxecto presentado xunto coa solicitude, e outorgaranse en función dos seguintes criterios prioritarios:

a) Número de habitantes do concello onde radique o arquivo: ata 2 puntos.

Concellos con menos de 10.000 habitantes: 2 puntos.

Concellos entre 10.000 e 50.000 habitantes: 1 punto.

Concellos con máis de 50.000 habitantes: 0,50 puntos.

b) Nivel de autofinanciamento: ata 2 puntos.

Recibirá 2 puntos a subvención que teña maior porcentaxe de autofinanciamento e o resto repartirase de forma proporcional.

c) Primeiras subvencións: 1 punto.

d) Arquivos en localidades de menos de 10.000 habitantes que teñan persoal técnico arquiveiro con dotación de praza nos orzamentos da entidade: 1 punto.

e) A maior antigüidade, volume e interese dos fondos que se van organizar ou dixitalizar: ata 3 puntos.

f) O estado de organización do arquivo, descrición detallada e conservación dos fondos documentais, así como a maior adecuación do proxecto aos criterios arquivísticos: ata 3 puntos.

g) A maior viabilidade do proxecto segundo a análise que se desprende dos orzamentos presentados na solicitude: ata 2 puntos.

h) Formación e experiencia profesional en materia de arquivos e patrimonio documental do responsable técnico encargado do proxecto: ata 1 punto.

2. Criterios de valoración aplicables a entidades locais:

a) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula (agás a de fusión municipal), tendo en conta os seguintes elementos: ata 1 punto

1) Pola mera presentación da solicitude conxunta entre concellos nos termos e cos requisitos que se determinen nas bases ou nas convocatorias: ata 0,25 puntos.

2) Tendo en conta o número de concellos asociados e a repercusión do proxecto sobre a poboación total dos concellos participantes no proxecto: ata 0,50 puntos en total analizados do seguinte xeito:

Polo número de concellos asociados: ata 0,25 puntos.

Pola repercusión sobre o número total de poboación: ata 0,25 puntos.

3) Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 0,25 puntos.

b) Criterios aplicables ás solicitudes presentadas por entidades locais fusionadas: outorgaranse 2 puntos pola mera presentación da solicitude nos termos sinalados nesta orde.

Non se admitirán aquelas solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta das actuacións e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditar que contan cun local estable destinado a arquivo e que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou baixo a fórmula de consorcio e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

Artigo 9. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderase reclamar os solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, para o cal se lles outorgará un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, de non o faceren, se considerará que desisten da súa solicitude, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Unha comisión técnica efectuará a avaliación das solicitudes. Esta comisión estará composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos, que a presidirá, e actuarán como vogais dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. No caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear un suplente. A comisión redactará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada das solicitudes por orde decrecente de puntuacións. No caso de empate na puntuación das solicitudes, terase en conta en primeiro lugar o criterio de autofinanciamento e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

4. No suposto de renuncia dalgún dos adxudicatarios, o órgano instrutor porá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda debido ao límite orzamentario, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 10. Resolución, notificación e recursos

1. A/o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolverá o procedemento de concesión das axudas no prazo de quince días desde a elevación da proposta de resolución.

A resolución de concesión ou denegación da axuda notificaráselles aos interesados e terá que ser motivada.

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Logo da notificación da resolución definitiva do órgano competente, os adxudicatarios propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. A resolución de concesión ou denegación da axuda pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados de igual modo.

Artigo 11. Publicidade

1. De conformidade co artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de entidades subvencionadas con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, importe e finalidade da subvención.

2. Consonte o artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 12. Prazo, xustificación e pagamento das axudas

1. O prazo para que os beneficiarios das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 30 de novembro de 2016; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. O cumprimento efectivo dos fins para os cales foi concedida a axuda acreditarase por medio da presentación da seguinte documentación:

a) Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

b) Relación de gastos ordenada segundo o concepto a que se atribúe, con identificación do acredor, importe, data de emisión e, de ser o caso, de pagamento. Indicaranse as desviacións producidas en relación co orzamento aprobado.

c) Fotocopia compulsada das facturas e xustificantes bancarios do seu aboamento.

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

e) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións, debe ter solicitado o beneficiario.

f) Memoria explicativa do proxecto realizado en relación coa axuda concedida xunto coa porcentaxe de autofinanciamento do investimento que para o mesmo proxecto fixo o beneficiario.

3. As entidades locais beneficiarias, de acordo co establecido nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, deberán presentar a conta xustificativa da subvención, que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A conta xustificativa estará integrada pola seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación de gastos.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

5. Inclúense nesta orde os proxectos realizados desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación da orde.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade que a actividade ou actuación recibiu financiamento da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo do anexo I.

4. O órgano instrutor poderá comprobar en calquera momento a execución das actuacións subvencionadas e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa.

5. Os beneficiarios comprométense a entregar unha copia do traballo desenvolvido, calquera que sexa o proxecto realizado.

6. A entidade beneficiaria mediante a aceptación da axuda autorizará formalmente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a difusión por calquera medio de todos os elementos que constitúen o resultado do proxecto realizado.

7. Os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 14. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

Procederá o reintegro, total o parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 15. Réxime xurídico

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto na presente orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e na demais normativa de aplicación.

A presentación electrónica de solicitudes axustarase á Orde do 12 de xaneiro de 2012, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file