Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 10 de maio de 2016 Páx. 17846

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2016 pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión, para o ano 2016, á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, nunha porcentaxe máxima dun 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 06, prioridade de investimento 06.04, obxectivo específico 06.04.01.

1. Encomenda de xestión relativa ás obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertedura incontrolada en diferentes concellos de Galicia, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun máximo dun 80 % no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 6, prioridade de investimento 06.04, obxectivo específico 06.04.01.

– Actividade. Execución das obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertedura incontrolada en diferentes concellos de Galicia. Os traballos encomendados consisten en actuacións de clasificación dos residuos para a súa reciclaxe ou valorización na perfilación e acondicionamento dos residuos inertes e na revexetación mediante a estendedura de terra vexetal e a sementeira de especies pratenses. Inclúese o levantamento GPS do punto de vertedura incontrolada, reportaxe fotográfica anterior e posterior á execución e a elaboración e redacción de informes.

– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao ter Seaga a consideración de medio instrumental da Administración, segundo o disposto no punto 2 do artigo 1 da instrución conxunta das consellerías de Economía e Facenda e do Medio Rural, sobre o réxime das encomendas á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A., do 19 de marzo de 2007.

– Prazo de vixencia. O período de execución comeza o 20 de abril de 2016 e remata o 31 de decembro de 2016.

– Modalidade de financiamento. Esta encomenda finánciase nun 80 %, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 6, prioridade de investimento 06.04, obxectivo específico 06.04.01.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio