Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 10 de maio de 2016 Páx. 17847

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 20 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e se abre a súa convocatoria para o ano 2016.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS) é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funciones e dos obxectivos previstos do IGVS está a promoción pública de vivendas de protección, así como garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Co fin de fomentar a mellora dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polos reais decretos 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro, de transferencias en materia de patrimonio arquitectónico, control da calidade da edificación e vivenda, faise necesario incentivar as actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación mediante subvencións ás comunidades de propietarios/as.

Con estas subvencións preténdese facilitar e apoiar os esforzos que están a levar a cabo as comunidades de propietarios/as destas vivendas para acometer as obras necesarias para a adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade e habitabilidade destes edificios.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do IGVS, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, establece as bases reguladoras con vixencia indefinida e abre a convocatoria de axudas para 2016 para as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia.

A presente orde estrutúrase en tres capítulos. O capítulo I (artigo 1 ao 5) regula as disposicións xerais que rexen as axudas; no capítulo II (artigo 6 ao 26) regúlanse as bases desta subvención, as actuacións subvencionadas, os requisitos que deben ter os beneficiarios, as súas obrigas, a documentación que se deberá presentar e o procedemento para a concesión da axuda. Finalmente, no capítulo III (artigo 27 ao 30) realízase a convocatoria destas axudas para o ano 2016.

En consecuencia co anterior, en exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 116/2015, do 4 outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e os transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para o exercicio económico de 2016.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, axustarase á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRXPAC), e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, Lofaxga).

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras da convocatoria.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou polo seu representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou o seu representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: calidade.edificación@xunta.es.

Artigo 5. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de beneficiarios, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que se poderá substituír pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 6. Obxecto da subvención

1. Estas subvencións teñen por obxecto as actuacións de reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro.

2. As subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.

Artigo 7. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean contemplados no ámbito de aplicación da presente orde, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

2. As comunidades de propietarios/as solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se acreditará por medio da declaración responsable do representante legal da comunidade de propietarios/as (anexo I).

3. Para poder ser beneficiaria da axuda, a comunidade de propietarios/as debe selo dun edificio que cumpra os seguintes requisitos:

a) Que teña unha antigüidade superior a 10 anos.

b) Que reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. No caso contrario, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garanten que o edificio reúne as condicións necesarias de seguridade estrutural.

Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 8. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta orde que comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:

a) Adecuación das condicións de seguridade estrutural: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, e mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais como rede de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Artigo 9. Criterios de baremo

1. Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a continuación se sinalan:

I. Tipo de actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade estrutural, ata un máximo de 8 puntos.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas actuacións a), b) e c) as obras declaradas urxentes segundo os informes técnicos de avaliación incrementarán a súa puntuación en 2 puntos.

Se as obras son relativas á actuación d) e no edificio viven persoas discapacitadas con mobilidade reducida ou maiores de 70 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que se acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Antigüidade do edificio desde a data da cualificación definitiva:

– Ata 20 anos: 1 punto.

– Máis de 20 anos: 2 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios, e terá prioridade o edificio con máis número de vivendas.

Artigo 10. Orzamento subvencionable

O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das obras, que estará integrado polo prezo de execución destas, os honorarios facultativos, as licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións, así como os honorarios correspondentes á elaboración do informe de avaliación do edificio.

En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos ou a aqueles que debidamente se xustifiquen e sexan conformados polos servizos técnicos do IGVS.

O acceso á dita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.es/web/paraquen/66

Artigo 11. Contía da subvención

A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe do orzamento subvencionable, conformado polos correspondentes servizos técnicos do IGVS, cun importe máximo por vivenda. Esta porcentaxe, así como o importe máximo por vivenda, establecerase en cada convocatoria.

Artigo 12. Solicitude e documentación que se deberá presentar

A solicitude de axuda ou subvención incorpórase a esta orde como anexo I. Esta deberase presentar de acordo co artigo 13 desta orde, debidamente cuberta e asinada, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación administrativa:

– Copia do NIF da comunidade de propietarios/as, no caso de denegar expresamente a consulta ao IGVS.

– Copia do DNI da persoa representante para tramitar a subvención, no caso de non autorizar a consulta sobre os datos de identidade.

– Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade da relación de propietarios/as, dos acordos adoptados pola xunta de propietarios/as para a execución das obras e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención.

b) Documentación técnica das obras:

– Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións, de acordo co artigo 8. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar, mediante informe técnico, a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

– Orzamento das obras, desagregado para cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables de acordo co artigo 10.

– Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

Así mesmo, a comunidade solicitante poderá achegar calquera outro documento que considere necesario como complemento da documentación anterior.

Artigo 13. Forma e lugar de presentación da documentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https.//sede.xunta.es/chave365).

A documentación complementaria tamén poderá presentarse por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixital do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitais presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes utilizando os formularios normalizados dispoñibles na sede, xunto co resto da documentación en soporte papel. Neste caso, a presentación deberá facerse na delegación provincial do IGVS correspondente ao lugar onde está situado o edificio para o cal se solicita a axuda ou en calquera dos lugares ou rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRXPAC. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

De conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, o/a presidente/a terá a representación da comunidade.

Artigo 14. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes (anexo I) virá establecido na convocatoria correspondente. Non se admitirán solicitudes presentadas fóra de prazo.

Artigo 15. Inicio do procedemento

O procedemento de concesión iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

Artigo 16. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se encontre o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección dos beneficiarios, constituirase unha comisión de valoración, presidida pola Secretaría Xeral do IGVS e da cal tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, quen realizará as funcións da secretaria.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Fianzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Oficina Técnica.

– Xefaturas territoriais ou persoas en quen deleguen.

4. O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na LRXPAC e na Lofaxga.

Artigo 17. Admisión das solicitudes

1. Unha vez admitidas as solicitudes, as unidades de xestión patrimonial das áreas provinciais correspondentes emitirán un informe para cada unha delas no cal constará a identificación do grupo de vivendas, así como o seu número, a relación de propietarios/as, o réxime de adxudicación, o estado de amortización e os pagamentos, a data de cualificación definitiva do edificio e os cálculos correspondentes aos coeficientes de participación.

2. En calquera momento, a correspondente xefatura de área do IGVS poderá requirirlles aos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 18. Preavaliación

1. Á vista da documentación técnica presentada, os servizos técnicos elaborarán un informe para cada unha das solicitudes admitidas. No dito informe definirase a tipoloxía das actuacións e a súa consideración como subvencionables, de acordo ao artigo 8, a necesidade das obras solicitadas, a viabilidade destas, a aptitude da solución técnica elixida, o prazo máximo de execución e o orzamento subvencionable, de acordo coas actuacións procedentes. No caso de que as obras se consideren de realización urxente, o citado informe emitirá un pronunciamento motivado ao respecto.

2. O informe dos servizos técnicos establecerá unha preavaliación das actuacións subvencionables, obtida en aplicación do baremo establecido no artigo 9 desta orde. Poderá preavaliarse parcialmente unha solicitude, e concederanse axudas soamente para algún tipo das actuacións solicitadas. Neste caso, farase constar de maneira expresa no informe a proposta de desestimación parcial da correspondente solicitude.

Artigo 19. Selección das beneficiarias

1. A comisión de valoración, á vista dos informes de xestión patrimonial e dos servizos técnicos remitidos polas persoas titulares da xefatura de área, emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación final. No citado informe indicarase a orde de prelación das solicitudes, segundo as puntuacións obtidas, e a dispoñibilidade de crédito orzamentario, así como a anualidade a que corresponderá o pagamento.

2. As persoas titulares da xefatura de área, á vista do informe de valoración da comisión, requirirán os posibles beneficiarios para que, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación:

a) Proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente, que conteña as actuacións aprobadas. No caso de que o concello determine que, pola natureza ou características das obras, non sexa preciso presentar proxecto, deberá acreditarse tal aspecto mediante certificado emitido pola entidade local.

b) Orzamento das obras aprobadas, emitido pola empresa construtora encargada da execución.

Cando o importe do gasto subvencionado supere a contía de 30.000 €, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 €, no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, as xefaturas de área requirirán a presentación de tres ofertas de diferentes provedores e, se é o caso, a xustificación da elección de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Informe de avaliación do edificio, asinado por técnico competente con data anterior á da solicitude. O dito informe deberá achegarse tanto en formato papel como en formato dixital.

De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que o solicitante desiste da súa solicitude.

3. Os servizos técnicos do IGVS, unha vez analizada a documentación achegada polas comunidades seleccionadas como posibles beneficiarias, emitirán un informe ao respecto.

4. Os/as xefes/as de área, en vista deste informe, farán unha proposta de resolución de concesión á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, onde se indicarán as solicitudes admitidas, as non susceptibles de seren subvencionadas por falta de crédito e as non susceptibles de valoración. A citada proposta de resolución notificaráselles ás comunidades de propietarios/as interesados/as no procedemento.

5. As actuacións consideradas non susceptibles de seren subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As propostas de resolución de concesión non crearán ningún dereito fronte á Administración mentres non se lle notifique a resolución de concesión de axuda.

Artigo 20. Resolución da concesión

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada, no prazo de 15 días, sobre a concesión das subvencións. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán a relación das solicitantes ás cales se lles concede a subvención, a porcentaxe e contía de subvención, o prazo final fixado para a execución das obras e presentar a solicitude de pagamento e a anualidade prevista para el.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución é de seis meses desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes.

3. O silencio administrativo terá sentido negativo.

4. Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O citado recurso poderase interpor no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 21. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das comunidades de propietarios/as beneficiarias:

a) Realizar as obras e acreditar a súa execución de conformidade co disposto na resolución de concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais en relación coas actuacións que solicita.

e) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXPAC.

Artigo 23. Execución das obras e prazo destas

1. As obras executaranse logo de licenza municipal ou comunicación previa, de acordo co caso, e deberán suxeitarse estritamente á memoria ou ao proxecto de execución redactado, así como as instrucións do facultativo/a director/a das obras contratado para o efecto, se fose procedente. Calquera modificación introducida durante a execución deberá ser comunicada ao IGVS.

2. Os incrementos de orzamento, incluídos os debidos ás modificacións dos proxectos, en ningún caso serán obxecto de subvención. As diminucións de orzamento, incluídas as debidas ás modificacións do proxecto, provocarán a diminución do importe da subvención, que será o resultado de aplicar a porcentaxe da subvención aprobada, en función do tipo de actuación, ao novo orzamento subvencionable.

3. O prazo máximo para rematar as obras, solicitar e xustificar o pagamento de execución destas será a que se indique en cada caso na resolución de concesión.

4. As comunidades beneficiarias poderán solicitar prórrogas respecto da data de remate concedida para a execución das obras. As solicitudes deberán facerse ante a xefatura de área do IGVS e requirirán informe favorable do servizo técnico correspondente, en función dos orzamentos previstos na anualidade. A proposta de modificación de concesión elevarase para a súa resolución e comunicarállela aos interesados o instrutor do procedemento.

5. O IGVS fará un seguimento puntual das actuacións subvencionadas, comprobando a realización das obras certificadas polo/a director/a destas, con carácter previo ao seu pagamento.

6. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras e dentro da anualidade indicada na súa resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria deberá solicitar o pagamento da subvención e dirixilo á xefatura de área territorial correspondente. O modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado presentarase xunto coa seguinte documentación:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións térmicas, eléctricas, posta en marcha do ascensor, etc., cando proceda, tramitado ante o organismo correspondente.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura do contratista polo importe total das obras realizadas.

– Factura dos honorarios facultativos, se procede.

– Factura dos honorarios de elaboración do informe de avaliación do edificio.

– Licenza, taxas e tributos satisfeitos.

– Certificado de non ter débedas coa Axencia Tributaria, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

– Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

– Certificado de non ter débedas coa Seguridade Social, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

– Xustificantes de pagamento do importe total do orzamento subvencionable. Non obstante, no caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda, exceptúase a presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

2. Logo de informe favorable do servizo técnico e á vista da documentación presentada, o xefe de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 25. Cesión do dereito de cobramento da subvención ao contratista

1. Se a comunidade beneficiaria quixese ceder o dereito do cobramento da subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda, deberá presentar, xunto coa solicitude de pagamento e a documentación prevista no artigo anterior, os seguintes documentos:

– Certificado do/a secretario/a da comunidade en que se recolla o acordo de cesión do dereito de cobramento da subvención.

– Documento xustificativo da cesión do dereito de cobramento da subvención (anexo III).

2. O importe da subvención cedida estará condicionado á correcta execución da totalidade das obras, de acordo coa resolución de concesión.

3. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS respecto do beneficiario, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

Artigo 26. Reintegro da subvención e sancións

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte da comunidade beneficiaria dos recursos achegados, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO III
Convocatoria para o exercicio 2016

Artigo 27. Bases reguladoras

Esta convocatoria rexerase polo disposto no capítulo II da presente orde, en canto ás súas bases reguladoras, así como pola lexislación xeral establecida no capítulo I.

Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitudes será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 29. Contía das subvencións desta convocatoria

A contía nas subvencións será de ata o 60% do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

Artigo 30. Aplicación orzamentaria

O importe máximo das subvencións reguladas nesta orde instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 08.80.451A.781.0 dos orzamentos do IGVS, e será de 469.125,19 euros para o ano 2016 e de 800.000 euros para o ano 2017.

Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por incorrer nalgunha das causas establecidas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional primeira. Inicio das obras

A comunidade de propietarios/as no deberá iniciar as obras das actuacións para as cales se solicita subvención ata que se notifique a resolución de concesión.

Excepcionalmente, poderanse comezar as obras despois da presentación da solicitude, sempre que se comunique previamente ao IGVS a necesidade do seu inicio. De ningún xeito esta circunstancia dará dereito á concesión da subvención nin creará obrigas para o IGVS.

Disposición adicional segunda. Vivendas do IGVS

Cando nun edificio existan vivendas de protección pública propiedade do IGVS, o citado organismo aboará a derrama ou contía que proporcionalmente lles corresponda a estas vivendas, de conformidade co establecido na Lei 49/1960, do 21 de xullo, da propiedade horizontal.

Disposición adicional terceira. Información aos interesados

1. En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da Xunta: https://sede.xunta.es ou na páxina web oficial do IGVS: www.igvs.es

b) Presenciais, nas áreas provinciais e nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela, na Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRXPAC.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file