Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 10 de maio de 2016 Páx. 17869

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 20 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como dos transferidos polo Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e se abre a súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 304712.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para realizar obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria.

2. As comunidades de propietarios/as solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se acreditará por medio da declaración responsable do representante legal da comunidade de propietarios/as (anexo I).

3. Para poder ser beneficiaria da axuda, a comunidade de propietarios/as debe selo dun edificio que cumpra os seguintes requisitos:

a) Que teña unha antigüidade superior a 10 anos.

b) Que reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. No caso contrario, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garanten que o edificio reúne as condicións necesarias de seguridade estrutural.

Segundo. Obxecto

1. Estas subvencións teñen por obxecto as actuacións de reparación, rehabilitación e/o adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro.

2. As subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria rexerase polo disposto no capítulo II da presente orde, así como pola lexislación xeral establecida no capítulo I.

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións reguladas nesta orde instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 08.80.451A.781.0 dos orzamentos do IGVS, e será de 469.125,19 euros para o ano 2016 e de 800.000 euros para o ano 2017.

A contía nas subvencións será de ata o 60 % do orzamento subvencionable aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 4.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda