Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 18 de maio de 2016 Páx. 19208

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2016 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección polo que se modifican as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Mediante a Resolución do 28 de decembro de 2015 (DOG núm. 247, do 29 de decembro) publicáronse as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Tendo en conta as dúbidas formuladas polos solicitantes, así como as xurdidas tras a análise das solicitudes presentadas, procede modificar as bases de cara a clarexar, matizar ou adecuar o contido dalgún dos artigos que teñen unha redacción menos clara, así como tamén corrixir algún erro na súa publicación.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 7 de abril de 2016, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificación da Resolución do 28 de decembro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Un. O punto terceiro do Resolvo queda redactado do seguinte xeito:

«Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 30 de decembro de 2016.

Unha vez finalizado o prazo non se admitirán máis solicitudes. Non obstante o anterior, no suposto de existir remanente de crédito cando finalice o prazo, mediante acordo do Consello de Dirección do Igape, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, poderase ampliar o prazo anterior co límite do 31 de marzo de 2017».

Dous. O segundo parágrafo do punto vi) do ordinal 3º da letra a) do artigo 1.1 queda redactado como segue:

«No caso de actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente ou cambio substancial do establecemento. Será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación dos proxectos».

Tres. O ordinal 2º da letra b) do artigo 1.1 queda redactado do seguinte xeito:

«2º. Deberá tratarse de investimento para o desenvolvemento das actividades relacionadas no anexo II. Para as actividades vinculadas ao turismo, os proxectos subvencionables limitaranse aos de ampliación dun establecemento existente, salvo que se trate de proxectos de creación dun novo establecemento para actividades de turismo activo, balnearios ou talasos. Neste caso, será preceptivo o informe da Axencia Galega de Turismo respecto da catalogación dos proxectos».

Catro. O punto ii) do ordinal 3º da letra b) do artigo 1.1 queda redactado do seguinte xeito:

«ii) Adquisición de edificacións ou construcións novas, por un importe que non exceda o 10 % do gasto total subvencionable».

Cinco. O ordinal 4º da letra b) do artigo 1.1 pasa a ter a seguinte redacción:

«4º. Nos proxectos relacionados no punto 1º.ii) anterior será subvencionable o custo salarial para o período dun ano. Enténdese por custo salarial o importe composto polo salario bruto, é dicir, antes de impostos, e as cotizacións obrigatorias, como a seguridade social».

Seis. O ordinal 5º da letra b) do artigo 1.1 queda redactado do seguinte xeito:

«5º. O prazo de execución do proxecto será o proposto polo solicitante no plan de investimentos e non poderá ser superior a 12 meses, computado desde a notificación da resolución de concesión. No caso dos proxectos relacionados no punto 1º.ii) anterior, a base subvencionable será exclusivamente os salarios do período de 12 meses, e computarase desde a data establecida para o remate dos investimentos».

Sete. A letra b) do ordinal 1º do artigo 5.2 queda redactada como segue:

«b) Valor engadido: máximo 10 %.

O valor engadido medio xerado pola actividade económica en que se vai encadrar o proxecto (en función da ratio asignable a cada sector de actividade a 2 díxitos), segundo as táboas indicadas no anexo V destas bases. A puntuación vén dada por aplicación da seguinte fórmula: (valor engadido medio do sector × 10) / 63,85, en que 63,65 é o valor máis alto do valor engadido bruto/ingresos dos distintos sectores de actividade».

Oito. A letra b) do ordinal 2º do artigo 5.2 queda redactada do seguinte xeito:

«b) Creación de emprego: máximo do 20 % no caso de pequenas empresas e do 15 % no caso de medianas empresas.

Puntuación = postos de traballo que se crearán con carácter indefinido (1) x postos de traballo necesarios para alcanzar puntuación máxima (2) / 10.

(1) Postos de traballo que se crearán con carácter indefinido a xornada completa. No caso de postos de traballo a tempo parcial farase a conversión a xornadas completas equivalentes.

(2) Obtense a puntuación máxima cunha proporción de investimento subvencionable igual ou inferior a 225.000 euros por posto de traballo que se vaia crear».

Nove. O ordinal 9º da letra a) do artigo 7.4 pasa a ter a seguinte redacción:

«9º. Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude».

Dez. Engádense os ordinais 10º e 11º á letra a) do artigo 7.4:

«10º. Memoria descritiva do investimento proxectado, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude.

11º. Declaración da condición de peme, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude».

Once. O ordinal 13º da letra b) do artigo 7.4 queda redactado do seguinte xeito:

«13º. Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, que se deberá cubrir no formulario electrónico de solicitude».

Doce. Engádese o ordinal 14º á letra b) do artigo 7.4:

«14º. Se é o caso, certificado de xestión ambiental emitido por entidade acreditada».

Trece. Modifícase a numeración do último parágrafo do artigo 10:

«2. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación».

Catorce. A epígrafe de Documentación que se presenta ou se declara estar en poder da Administración actuante do anexo I, «Solicitude», substitúese pola que se anexa a esta resolución.

Quince. Engádese o punto 4. Custo salarial, no anexo III, «Criterios de módulos de custos subvencionables máximos», que se substitúe polo que se anexa a esta resolución.

Dezaseis. Engádese a epígrafe 84 do IAE - «Servizos prestados ás empresas» no anexo V, «Táboa de porcentaxes de valor engadido bruto medio por sectores», que se substitúe polo que se anexa a esta resolución.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación aos expedientes pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file