Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 23 de maio de 2016 Páx. 19750

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 6 de maio 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

BDNS (Identif.): 300615

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, cando menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:

– Técnico/a superior en educación infantil.

– Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.

– Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.

– Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.

– Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.

b) Residir nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou telo feito con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

c) Contar cunha vivenda nun núcleo rural en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer dela con anterioridade á posta en marcha da experiencia piloto.

d) Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.

e) Establecerse como empresaria/o autónoma/o ou constituír unha cooperativa de traballo asociado.

f) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto piloto.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de maio 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

Cuarto. Importe

Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de dous millóns cinco centos oito mil douscentos corenta e cinco euros (2.508.245 €), deles 450.000 € son para gastos de investimento e 2.058.245 para o desenvolvemento do proxecto nas anualidades 2016, 2017, 2018 e 2019.

A partida destinada ao financiamento de gastos de investimento estará cofinanciada ao 80 % con fondos do programa operativo de Galicia 2014/2020, eixe prioritario10, prioridade de investimento 05, obxectivo específico 01.

As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos elixibles, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.

A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina. Este importe minorarase proporcionalmente no ano 2016 en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social