Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 3 de xuño de 2016 Páx. 21857

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de maio de 2016 pola que se establecen as bases que regulan as axudas para investimentos en empresas de primeira transformación de produtos forestais e se convocan para o exercicio orzamentario 2016.

As axudas a pemes para a creación e mellora de empresas incluídas nestas bases ampáranse no artigo 14, axudas rexionais ao investimento, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L187/1).

As axudas rexionais teñen como finalidade impulsar o crecemento económico de determinadas rexións menos favorecidas co fin de paliar as disparidades rexionais e contribuír á cohesión económica, social e territorial da Unión Europea, ao desenvolvemento das rexións menos favorecidas mediante o apoio aos investimentos e á creación de emprego nun contexto de desenvolvemento sustentable.

As axudas rexionais favorecen a ampliación, modernización e diversificación das actividades dos establecementos situados nestas rexións, así como a implantación de novas empresas. Son fundamentalmente axudas ao investimento en activos fixos nun contexto de desenvolvemento sustentable, relacionados coa creación dun novo establecemento, a ampliación dun xa existente ou o lanzamento dunha actividade que implique un cambio fundamental no produto ou no proceso de produción dun establecemento existente.

O sector da transformación e comercialización de produtos forestais está considerado como un dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico das zonas rurais e para a consolidación e diversificación do seu tecido empresarial. As empresas de aproveitamentos forestais son empresas que traballan unicamente no rural, no sector forestal. O monte é unha parte importante da economía en Galicia, cunha poboación maioritariamente rural, e a práctica totalidade das empresas galegas de aproveitamentos forestais están situadas no rural e traballan nos montes da zona, con persoal do contorno, co que implica de diversificación e dinamización da economía rural. En Galicia, a industria da serra ten unha grande importancia económica e social e abastécese fundamentalmente de madeira dos montes galegos, ademais da industria de pasta para papel e taboleiros. Está en aumento tamén nos últimos anos o aproveitamento doutros produtos forestais.

Coa finalidade de lograr unha boa execución dos recursos dispoñibles e asegurar a calidade dos investimentos que se subvencionan, prevese a plurianualización das axudas, penalizacións por non execución de investimentos aprobados, así como a adaptación das resolucións de axuda a modificacións dos proxectos investidores, todo isto garantindo os criterios de concorrencia competitiva aplicados na concesión das axudas e dentro do marco normativo establecido pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para empresas de primeira transformación de produtos forestais e proceder á súa convocatoria para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva.

2. Estas axudas ampáranse no artigo 14, axudas rexionais ao investimento, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L187/1).

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas para empresas de primeira transformación
de produtos forestais

Artigo 2. Investimentos subvencionables

1. Poderanse subvencionar investimentos en activos fixos produtivos en empresas de primeira transformación de produtos forestais que superen os 10.000 m3 de materia prima empregada nos procesos de transformación da dita materia prima e posteriores. Os investimentos que se van subvencionar deben ser novos e non se poden iniciar antes de presentar a solicitude de subvención. En ningún caso se poderán subvencionar investimentos que se utilicen para producir bens de consumo final.

Non se considerarán substitucións de investimentos, salvo no caso de incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción, no que se subvencionará o diferencial de custo. Neste caso a Administración verificará a valoración do equipamento presentada pola empresa na memoria.

2. Os investimentos subvencionables son os seguintes:

1º. Bens de equipo e instalacións en serradoiros do proceso de serra e posteriores: carro de serra, serras, canteadora, retestadeiras, empilladora/clasificadora de táboa, instalación antiazulado, etc.

2º. Obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de serra, nave de serrado, obra civil para almacenamento de produtos no propio serradoiro.

3º. Bens de equipamento e instalacións en industrias de primeira transformación doutros produtos forestais distintos da madeira e non alimentarios (biomasa, cortiza, etc.), do proceso de transformación e posteriores: esteladoras fixas, cribas, etc.

4º. Obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de primeira transformación, nave de primeira transformación, obra civil para almacenamento de produtos forestais distintos da madeira e non alimentarios (biomasa, cortiza, etc.) na propia industria.

Artigo 3. Beneficiarios

Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser peme (pequena e mediana empresa) do sector forestal radicada en Galicia. Tomarase a definición de microempresa ou peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros; pequenas empresas son aquelas empresas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros e microempresas son aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

b) Ser industria de primeira transformación de produtos forestais que empreguen no proceso de transformación máis de 10.000 m3 de materia prima (rolla ou outros produtos forestais).

c) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do seu importe.

– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).

– Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).

– Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.

– Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.

d) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración xurada do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental. A empresa deberá estar inscrita no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, requisito que será comprobado pola Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

e) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.

f) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Este requisito será comprobado pola Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

g) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

h) Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme este regulamento, unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

1º. Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

2º. Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

3º. Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida no punto 3.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. Compróbase a veracidade desta declaración nos controis sobre o terreo que se realicen.

Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Exclusións

Non será subvencionable:

a) A adquisición de terreos, edificacións e mobiliario.

b) A adquisición de maquinaria usada.

c) A renovación de maquinaria que non implique incremento de potencia, prestacións ou capacidade de produción. Neste caso valorarase unicamente a diferenza de custo.

d) Os gastos de reparación e mantemento.

e) Os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro ou calquera outra figura análoga.

f) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios.

g) Investimentos destinados ao comercio polo miúdo.

h) Investimentos e actuacións con axudas financiadas con outros fondos.

i) Maquinaria de segunda transformación aínda que sexa na propia industria de primeira transformación: cepilladoras, agargaladoras, peletizadoras, etc.

k) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro da presente convocatoria ou sen constancia oficial de non terse iniciado con anterioridade á solicitude.

l) Investimentos en instalacións ou equipamentos que se utilicen para producir un ben de consumo final.

m) O IVE nin ningún outro tributo recuperable polo beneficiario.

Artigo 5. Importe das axudas

1. Os investimentos terán unha subvención básica dun 25 %, que, no caso de pequenas empresas, poderá incrementarse ata un máximo do 35 % dos gastos elixibles segundo os criterios indicados no anexo II.

2. Unha axuda exenta en virtude do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, poderá acumularse con calquera outra axuda exenta en virtude do mesmo regulamento sempre que as ditas medidas de axuda se refiran a custos subvencionables identificables diferentes.

3. A axuda máxima por solicitante limitarase a 100.000 euros.

Artigo 6. Concesión das axudas

A concesión de axudas axustarase aos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, segundo o artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A dispoñibilidade orzamentaria limitará o número de expedientes que se van aprobar.

Artigo 7. Baremación dos investimentos

Establécese unha orde de prioridade de acordo co baremo que se indica a continuación, que establece os seguintes criterios de prioridade:

1. A contribución da actuación que superará unha debilidade estrutural ou que aproveitará unha potencialidade no sector. Valórase o seguinte:

a) Empresas de nova creación (creadas nos 12 meses anteriores á publicación desta orde), 20 puntos.

b) Investimentos en proxectos innovadores, entendendo como tales os que dan lugar a novos produtos inexistentes no mercado na data de publicación da convocatoria, 30 puntos.

2. A contribución da actuación á vertebración e integración vertical da cadea de produción. Valoraranse as empresas coa cadea de custodia certificada nos últimos cinco anos, ou con certificación anterior a cinco anos e que acheguen actualización da certificación, con 10 puntos.

3. A contribución da actuación á mellora da calidade do produto e o valor engadido que repercuta directamente sobre a economía e a renda dos habitantes da zona. Valorarase o seguinte:

a) Bens de equipamento e instalacións en serradoiros do proceso de serra e posteriores: carro de serra, serras, canteadora, retestadeira, empilladora/clasificadora de táboa, instalación antiazulado, etc., 30 puntos.

b) Obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de serra, nave de serrado, obra civil para almacenamento de produtos no propio serradoiro, 20 puntos.

c) Bens de equipamento e instalacións en industrias de primeira transformación doutros produtos forestais distintos da madeira (biomasa, cortiza, etc.), do proceso de transformación e posteriores: esteladoras fixas, cribas, etc., 30 puntos.

d) Obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de primeira transformación, nave de primeira transformación, obra civil para almacenamento de produtos na propia industria, 20 puntos.

4. A contribución á creación de emprego estable na zona, con particular valoración da capacidade e o compromiso de creación de emprego de mulleres, mozos e mozas e persoas con discapacidade. Valorarase o seguinte:

a) Creación dun ou máis postos de traballo fixos ou conversión de eventual a fixo, 20 puntos por cada posto ata un máximo de 2.

b) Creación dun ou máis postos de traballo fixos ou conversión de eventual a fixo de mulleres, menores de 25 anos ou persoas con discapacidade, 30 puntos por cada posto ata un máximo de 2.

c) Empresas con mulleres xerentes, na data de publicación desta orde, 50 puntos.

d) Xerentes de idade inferior a 55 anos ou descendentes en activo na empresa, na data de publicación desta orde, 50 puntos.

5. As garantías e compromisos ambientais adoptados polo beneficiario. Valorarase que a empresa teña un plan de xestión ambiental ou de eficiencia enerxética certificado con 30 puntos.

6. Por cada unidade resultante da aplicación da seguinte fórmula: [(V+T)/I] -1, onde V é o importe de vendas da empresa, T é o importe dos contratos de saca e I é o importe total dos investimentos obxecto de subvención, 10 puntos (ata un máximo de 60).

7. Empresas situadas en concellos desfavorecidos (anexo III), 30 puntos.

8. Empresas establecidas nos concellos que estean comprendidos na franxa tampón de 20 km coa fronteira de Portugal que define a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (anexo IV), 30 puntos.

Artigo 8. Selección dos investimentos que se van aprobar

1. Aprobaranse os investimentos así ordenados ata esgotar o orzamento.

2. En caso de empate na puntuación de corte, e que non haxa orzamento suficiente para conceder a subvención a todos os investimentos coa mesma puntuación, ordenaranse os investimentos empatados de maior a menor segundo o número de postos de traballo de persoas menores de 25 anos, mulleres ou persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social teña a empresa ou se comprometa a crear, e irase aprobando a subvención ata esgotar o orzamento. No caso dun novo empate, concederase en primeiro lugar a subvención ás empresas situadas en zonas desfavorecidas e en segundo lugar aos investimentos en bens de equipamento de empresas de transformación de produtos forestais non madeireiros excepto biomasa. De persistir o empate, subvencionaranse por orde os investimentos de maior a menor importe.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Documentación que hai que presentar para a solicitude

1. Os interesados deberán presentar a seguinte documentación dirixida á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal:

a) Solicitude, asinada polo representante legal da empresa ou persoa acreditada mediante poderes para actuar como representante legal, dirixida á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, segundo modelo que figura no anexo I desta orde. No caso de non estar asinada polo representante legal, deberá presentar documentación xustificativa da acreditación por parte da empresa. No caso de prever investimentos en instalacións, obra civil ou maquinaria fixa, deberá solicitar a comprobación de non inicio dos investimentos neste anexo.

b) Deberase presentar contrato, factura pro forma ou similar de tres provedores distintos, con indicación do prazo de entrega, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren. As ofertas solicitadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

A Administración fará comprobacións dos prezos de mercado, comprobando que as facturas pro forma se axustan aos ditos prezos.

O investimento subvencionable elixirase conforme a criterios de eficiencia e economía. Deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta máis económica.

c) Certificación da condición de peme, segundo o anexo V. Os empresarios autónomos deberán cubrir as letras b), e) e f). Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último ano pechado. No emprego incluiranse os autónomos que traballen na empresa. Este anexo debe ser presentado tamén cuberto cos datos de cada unha das empresas vinculadas ou asociadas coa solicitante. Presentarase un anexo por cada empresa.

d) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo VI da presente orde.

e) Ficha cos datos da empresa, segundo as distintas follas do anexo VII, con todos os datos consignados que procedan segundo o tipo de empresa e asinada na última folla.

f) Copia dos seguintes documentos:

1º. Último imposto de sociedades. Na súa falta, deberán presentar declaración do IRPF, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta, a través de medios electrónicos, por parte do órgano competente da Administración.

2º. Copia cotexada do NIF do solicitante, no caso de ser unha persoa xurídica, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta a través de medios electrónicos, por parte do órgano competente da Administración, ou copia cotexada do DNI, no caso de ser unha persoa física, só no caso de non autorizar expresamente a súa consulta.

3º. Vida laboral da empresa dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria na que solicite a axuda, tanto para o réxime xeral como para o agrario. No caso de que nalgún dos réximes non teña traballadores, debe presentar certificado da seguridade social de non ter traballadores no dito réxime.

4º. Último recibo de pagamento dos autónomos da empresa.

5º. Documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta, a través de medios electrónicos, por parte do órgano competente da Administración.

6º. Póliza do seguro de responsabilidade civil e recibo actualizado.

7º. Contrato dun servizo de prevención de riscos laborais e recibo actualizado.

g) Documentación xustificativa da viabilidade da empresa, segundo o indicado no artigo 3.

h) Plano asinado coa localización da industria e planos asinados de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se van realizar.

i) No caso de instalacións que así o requiran, copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa, segundo proceda.

k) Acreditación da presentación da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.

l) No caso de substitucións de investimentos: memoria xustificativa da necesidade e os beneficios esperados pola substitución e valoración económica do equipamento que vai ser substituído.

m) Xustificación documental de que a industria transforma máis de 10.000 m3 de materia prima.

n) No caso de empresas vinculadas ou asociadas coa empresa solicitante:

1º. Copia das contas anuais do último exercicio pechado de cada unha das empresas.

2º. Vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria en que solicite a axuda, tanto para o réxime xeral como para o agrario. No caso de que nalgún dos réximes non teña traballadores, debe presentar certificado da Seguridade Social de non ter traballadores no dito réxime.

2. Toda a información está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos

Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV) dispoñible no enderezo http://emediorural.xunta.es/oav

Artigo 11. Documentación que hai que presentar para incrementar a porcentaxe de axuda e a puntuación no baremo

Para xustificar a realización de accións para incrementar a porcentaxe de axuda e a puntuación no baremo deben presentar a documentación que a continuación se relaciona. Esta documentación non é obrigatoria para a tramitación do expediente, só para os efectos do incremento de axuda e puntuación indicados.

a) Para os cursos de formación: diploma acreditativo ou certificación emitida polo organismo que impartiu o curso. Para cursos aínda non realizados, deberase presentar compromiso mediante declaración responsable, xunto cun informe favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do curso.

b) Contrato e recibo actualizado de externalización das garantías dos traballadores.

c) Recibo de pagamento da cota ou certificado xustificativo de pertencer a asociación profesional do sector.

d) Xustificación de ter a cadea de custodia certificada.

e) Xustificación de ter un plan de control da calidade ou mellora da xestión certificado.

f) Xustificación documental de ser empresa de comercialización conxunta: escritura de constitución e copia do modelo 347 presentado do último ano pechado.

g) Compromiso ou xustificación de creación de postos de traballo fixos.

e) Compromiso ou xustificación de creación de posto de traballo fixo a mulleres, menores de 25 anos, persoas con discapacidade ou con dificultade de inserción.

h) Documentación xustificativa de xerente menor de 55 anos ou descendentes en activo na empresa: anexo XII, de autorización de consulta de identidade, ou copia do DNI no caso de non autorizar a consulta, e nómina do mes da publicación da orde ou, na súa falta, documentación oficial que demostre a xerencia.

i) Documentación xustificativa de muller xerente: anexo XII, de autorización de consulta de identidade, ou copia do DNI no caso de non autorizar a consulta, e nómina do mes da publicación da orde ou, na súa falta, documentación oficial que demostre a xerencia.

k) No caso de empresa de nova creación, escritura de constitución ou, na súa falta, documentación oficial xustificativa.

l) No caso de proxectos innovadores, memoria xustificativa.

m) Certificación dun plan de xestión ambiental ou de eficiencia enerxética na empresa.

Artigo 12. Tramitación e concesión de axudas

1. A tramitación corresponde á Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

Presentada a solicitude, revisarase e, no caso de que conteña defectos ou omisións, concederase un prazo de dez días hábiles para a súa emenda, coa indicación de que se non se fai, se terá por desistido da súa petición, logo de notificación nos termos que se recollen no artigo 20.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. A notificación deste feito, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Consellería do Medio Rural, á cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

No caso de investimentos en instalacións fixas, maquinaria fixa ou obra civil, o solicitante deberá solicitar a comprobación de non inicio dos investimentos no anexo da solicitude. Non poderá inicialos antes de que se realice a inspección comprobatoria.

2. Todas as solicitudes presentadas polo mesmo solicitante serán consideradas como unha soa para efectos de tramitación. Non se exixirá a presentación dos documentos que consten en poder da Xunta de Galicia. O solicitante deberá indicar para iso o órgano e o procedemento administrativo ante o que presentou tal documentación.

3. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais, como órgano xestor, valorará as solicitudes de axuda seguindo os criterios regulados no artigo 7. Emitirá un informe con base no cal formulará a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Correspóndelle ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal resolver as solicitudes presentadas por delegación da conselleira do Medio Rural.

A resolución individual e motivada notificarase ao interesado.

5. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de 4 meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, as solicitudes que non teñan unha comunicación de aprobación de axuda poderán entenderse desestimadas, segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver da Administración.

6. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes se o acto é expreso. Se non o é, o prazo será de tres meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 13. Documentación que hai que presentar para a solicitude de cobramento

Para a percepción dos pagamentos deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento da subvención (anexo VIII).

b) Copias cotexadas das facturas orixinais, así como copias cotexadas dos documentos bancarios de pagamento.

c) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados (anexo XI).

d) Declaración do beneficiario sobre axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos, segundo o anexo IX, cos datos actualizados.

e) Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo VII da orde.

f) Memoria (anexo X), indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a súa importancia na actividade futura do beneficiario.

g) Xustificantes das accións recollidas no anexo II que se presentaron para incrementar a porcentaxe de axuda.

h) Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral do beneficiario desde o inicio do ano en que se solicitou a axuda ata a data de xustificación final dos investimentos, coa relación de traballadores e as datas de alta e baixa, ou certificado de non ter traballadores, se é o caso. Presentarase para os réximes xeral e agrario.

i) Últimos recibos dos autónomos da empresa anteriores á xustificación do cobramento.

k) Certificado de conformidade do provedor da factura presentada e do pagamento correspondente, onde figure o importe e a data da factura e do pagamento e o obxecto facturado claramente identificado, con marca, modelo e número de bastidor, e facendo constar que se trata dun equipamento novo.

l) No caso de realizarse instalacións, certificado de fabricación e homologación e certificado de conformidade coa normativa ambiental e de seguridade industrial vixente das instalacións realizadas.

m) No caso de obra civil, licenza de obra ou comunicación previa, segundo proceda, certificado de fin de obra e certificado do director de obra de que cumpre coa normativa ambiental, de seguridade industrial e demais normativa vixente.

n) No caso de investimentos que así o requiran, licenza de inicio de actividade ou acreditación da presentación da comunicación previa da realización do investimento con toda a documentación requirida.

ñ) No caso de instalacións, obra civil ou maquinaria fixa, plano en planta asinado das instalacións, onde se reflicta claramente o investimento realizado.

o) No caso de subvencións a equipos ou instalacións que dean lugar a novos residuos na empresa, deberán presentar copia da solicitude rexistrada de inclusión do novo residuo no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Artigo 14. Xustificación do investimento

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para ser dilixenciados pola Administración. Marcarase cun selo e indicarase nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

3. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

k) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

l) Con cáracter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura. O IVE non será subvencionable.

m) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

n) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

4. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Como regra xeral, presentaranse a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

5. Unha vez presentada a solicitude de pagamento realizarase a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados. Os equipos subvencionados non poderán comezar a traballar ata que se realice a dita inspección na comunidade autónoma de Galicia. O feito de que se comprobe na inspección que o equipo comezou a traballar ou que presente evidencias de que a máquina é usada ocasionará a perda do dereito ao cobramento da subvención. O beneficiario pode solicitar a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados antes de presentar a solicitude de pagamento, e deberá presentar a factura dos investimentos realizados.

6. Poderase solicitar calquera documentación adicional relacionada co investimento subvencionado en caso de dúbida sobre o cumprimento das condicións establecidas na presente orde.

7. Deberanse actualizar os novos equipos no Rexistro de Empresas Forestais, requisito que será comprobado pola Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

Artigo 15. Procedemento de pagamento

1. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a inspección comprobatoria de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal emitirá a correspondente proposta de pagamento.

2. O pagamento da porcentaxe adicional recollido no artigo 5 queda condicionado á execución das accións que incrementan a axuda e ao seu seguimento por parte da empresa.

Artigo 16. Modificación da resolución e reintegros da axuda

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas o solicitante precisa introducir modificacións nel para unha mellor xestión empresarial, solicitará autorización da Consellería do Medio Rural, xustificando as razóns do cambio e xuntando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata os dous meses anteriores á finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supor discriminación a terceiros.

A modificación realizarase mediante resolución da conselleira do Medio Rural, logo de instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada da Subdirección Xeral de Recursos Forestais, aplicando os criterios de selección do artigo 7.

2. O incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de concesión de subvención, así como o encontrarse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda de dereito á axuda.

3. Serán causa de reintegro de subvención as circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que se xustificasen investimentos por menor importe do aprobado, a subvención que se pagará será proporcional aos investimentos xustificados, sempre que estes sexan susceptibles de avaliación independente e cumpran os fins previstos inicialmente.

5. Aplicarase unha penalización equivalente ao 20 % da axuda correspondente aos investimentos non xustificados, salvo que o beneficiario comunique a imposibilidade de executar estes investimentos cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de execución non prorrogado.

Esta penalización aplicarase tamén para as accións do anexo II non xustificadas.

6. No caso de que o importe xustificado polo beneficiario na solicitude de cobramento supere en máis dun 10 % o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda a percibir resultante da comprobación final na diferenza entre ambos importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

7. Se se descubre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de que se trate quedará excluído da axuda e recuperaranse todos os importes que fosen abonados polo dito expediente.

Artigo 17. Controis

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, en especial a contabilidade e/ou a xestión técnico-económica da maquinaria e o cumprimento dos compromisos adquiridos coa concesión da subvención.

2. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

Artigo 18. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións consideradas na concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20. Obrigas

1. O beneficiario da axuda está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O beneficiario está obrigado a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

3. O beneficiario non poderá substituír os equipos subvencionados anteriormente polos equipos obxecto de subvención e deberá manter os investimentos subvencionados e os requisitos que condicionaron a obtención da axuda, durante un período mínimo de 5 anos, contados desde a data do último pagamento da axuda.

4. O beneficiario está obrigado a apuntar na contabilidade da empresa, de forma separada ou ben cun código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación, os movementos relativos ás subvencións percibidas, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

CAPÍTULO II

Convocatoria de axudas para 2016

Artigo 23. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2016 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serás as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 24. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 25. Prazo de xustificación

O prazo de xustificación finalizará o 30 de outubro de 2016 e o 30 de xuño de 2017, segundo a anualidade que corresponda. Poderanse conceder prórrogas de cada anualidade, de acordo co artigo 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de solicitude razoada realizada cunha antelación superior a dous meses antes do remate do prazo de xustificación.

Artigo 26. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0, código de proxecto 2012 00719, con 214.500 euros para o ano 2016 e 385.500 euros para o ano 2017. Este orzamento poderá verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Compatibilidade das axudas

As axudas serán incompatibles con calquera outra axuda.

Disposición adicional segunda. Outras regulamentacións

No non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia o extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o director xeral de Ordenación e Produción Forestal para ditar cantos actos e instrucións xulgue oportunos para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Accións e porcentaxe de incremento da axuda

Accións que incrementan a axuda

(nos investimentos en activos fixos produtivos)

Incremento da axuda

Por cada curso de formación específico da actividade forestal cunha duración mínima de 20 horas, realizado por traballadores da empresa desde o 1.1.2015 (máximo 2 cursos)

1 %

Por dispor de contrato de externalización das garantías dos traballadores

1 %

Por pertenza a asociación profesional do sector

1 %

Empresas coa cadea de custodia certificada nos últimos cinco anos ou con certificación anterior a cinco anos e que acheguen actualización da certificación

1 %

Plan de control da calidade e/ou mellora da xestión empresarial certificado por auditor autorizado

1 %

Empresas de comercialización conxunta

5 %

Por cada posto de traballo fixo creado ou convertido de eventual a fixo, ata un máximo de 2

1 %

Por cada posto de traballo fixo creado ou convertido de eventual a fixo, para mulleres, persoas de idade inferior a 25 anos ou persoas con discapacidade, ata un máximo de 2

2 %

Os cursos de formación deberán ter un recoñecemento oficial. Non se contabilizarán os propios dos plans de seguridade laboral. Para valorar os cursos de formación poderase presentar un compromiso mediante declaración xurada, acompañado de informe favorable da asociación sectorial ou organismo capacitado para a realización do curso. Os traballadores deberán estar en activo na empresa.

As empresas de nova creación poderán presentar compromiso de realización das accións.

Plans de adaptación á cadea de custodia e de mellora da xestión empresarial: no momento da solicitude bastará contrato ou orzamento comercial da acción e memoria en detalle do contido que se vai desenvolver.

Só puntuará a creación dos postos de traballo fixo na empresa ou a conversión de eventual a fixo que se faga a partir da data de publicación da orde. Para a súa valoración poderase presentar un compromiso mediante declaración xurada.

Estas accións serán comprobadas na inspección final, analizando se efectivamente foron incorporadas ao funcionamento normal da empresa. A non execución será penalizada de acordo co indicado no artigo 16.5.

missing image file
missing image file

ANEXO IV

Concellos comprendidos na franxa tampón de 20 km
coa fronteira de Portugal

Provincia

Concellos

Ourense

Arnoia (A), Baltar, Bande, Beade, Blancos (Os), Bola (A), Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Celanova, Cortegada, Cualedro, Entrimo, Gomesende, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Melón, Mezquita (A), Monterrei, Muíños, Oímbra, Padrenda, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Ribadavia, Riós, Trasmiras, Verea

Pontevedra

Arbo, Baiona, Crecente, Gondomar, Guarda (A), Neves (As), Nigrán, Oia, Rosal (O), Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file