Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 3 de xuño de 2016 Páx. 21906

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) e para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, englobando as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

No ámbito do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario teñen unha importante relevancia na procura do desenvolvemento rural as accións de programación, coordinación e impulso da innovación e investigación e a innovación tecnolóxica, así como as accións de formación, información e transferencia tecnolóxica ao sector, e a adopción dos resultados da investigación agroforestal e agroalimentaria.

Nun contexto dunha crecente competencia, é importante velar para que estes sectores poidan aproveitar oportunidades de mercado mediante enfoques amplos e innovadores na implantación de proxectos piloto e na creación de novos produtos, procesos e tecnoloxías. Con este fin debe fomentarse a cooperación entre os agricultores e a industria de transformación dos alimentos e as materias primas e demais interesados.

Por outra banda, O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o programa Impulsa Lugo e o programa Impulsa Ourense, respectivamente, nos cales se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos. Dada a situación económica actual en que as provincias de Lugo e Ourense se viron afectadas con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas e proxectos de investimento existentes, considérase fundamental que a Consellería do Medio Rural, a través das súas liñas de axuda, prime dalgún modo as iniciativas investidoras implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social e favorecer o reequilibrio territorial.

Por iso establécese na presente orde, como criterio de prioridade, o feito de que as actuacións se desenvolvan en concellos de zonas de montaña ou zonas desfavorecidas, de acordo coas definicións recollidas no Regulamento (CE) 1257/1999; ao estar incorporadas a estas case que a totalidade dos concellos destas dúas provincias.

Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (UE) n.º 1305/2013 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Feader e, en concreto, no artigo 35 de cooperación, así como na demais normativa comunitaria sobre axudas de estado. E enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 16, submedidas 16.1 e 16.20., aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, e para a realización de accións de cooperación para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2016.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica.

2. Para o apoio ás iniciativas de cooperación estableceranse dúas modalidades de axudas:

a) Axudas para a execución de proxectos de grupos operativos (GOs) da Asociación Europea da Innovación (AEI), baixo a submedida 16.12, en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal (anexo 1), que teñan un efecto directo sobre a área focal 6B establecida no PDR 2014-2020: promover o desenvolvemento local nas zonas rurais.

Ao mesmo tempo terán efectos secundarios sobre as áreas focais:

– 2B: facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados e, en particular, a remuda xeracional.

– 5B: uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios.

– 5C: facilitar a subministración e o uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

b) Axudas para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal (anexo 2), baixo a submedida 16.20, que teñan un efecto directo sobre a área focal 3A establecida no PDR 2014-2020: mellorar a competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade, engadir valor aos produtos agrarios, promoción en mercados locais e en circuítos de distribución curtos, agrupacións e organizacións de produtores e organizacións interprofesionais.

Ao mesmo tempo, terán efectos secundarios sobre as áreas focais:

– 2B: facilitar a entrada no sector agrario de agricultores adecuadamente formados e, en particular a remuda xeracional.

– 5B: uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios.

– 5C: facilitar a subministrción e o uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

3. Para esta convocatoria só se poderá presentar un mesmo proxecto a unha das dúas modalidades de axuda descritas no número 2 deste artigo.

Artigo 2. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no número 1 do anexo 1 e do anexo 2 da presente orde (segundo proceda), no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 3. Contía das axudas

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización que se establecen no número 8 do anexo 1, no caso de axudas para a execución de proxectos de grupos operativos (GOs) da Asociación Europea da Innovación (AEI), ou do número 7 do anexo 2, no caso de axudas para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal. Ademais, teranse en conta os importes seguintes por liña de axuda:

a) As axudas para a execución de proxectos de grupos operativos da AEI será do 100 % dos custos subvencionables. Establécense un importe máximo por solicitude de 200.000 euros e un importe mínimo por solicitude de 12.000 euros.

b) A intensidade da axuda aos proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías será do 80 % dos gastos subvencionables. Para o cálculo dos importes das axudas estableceranse custos de referencia con límites máximos admisibles para algúns tipos de gastos, en particular para os relativos á adquisición ou mellora de bens de equipamento e funxibles.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 200.000 euros.

Artigo 4. Financiamento das axudas

1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.561A.770.0, código de proxecto 201600217, por un valor total de 3.297.023,08 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 2.153.019,08 euros en 2016 e 1.144.004,00 euros en 2017.

Así mesmo, haberá a seguinte distribución para cada unha das dúas modalidades de axuda:

a) Axudas para a execución de proxectos de grupos operativos (GOs) da Asociación Europea da Innovación (AEI), baixo a submedida 16.12, en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas e forestal, por un importe de 1.648.511,54 euros, repartidos en 1.076.509,54 euros para o ano 2016 e 572.002,00 euros para o ano 2017.

b) Axudas para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal, baixo a submedida 16.20, por un importe de 1.648.511,54 euros, repartidos en 1.076.509,54 euros para o ano 2016 e 572.002,00 euros para o ano 2017.

De non ser adxudicado o total da axuda destinada a unha das modalidades por falta de solicitudes, o remanente resultante poderase destinar para conceder axudas á outra modalidade de existiren solicitudes suficientes.

Existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2016. A concesión de subvencións imputadas ao exercicio correspondente ao ano 2017 está condicionada á existencia de dotación económica suficiente en cada momento.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

Artigo 5. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas a proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do Tratado, concederanse ao amparo do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1). Neste caso, o importe total das axudas de minimis que poderán recibir as entidades solicitantes non superará o importe de 200.000 euros nun período de tres anos. Para comprobar o cumprimento deste requisito, os solicitantes incluídos neste suposto deberán presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais no momento de presentar a solicitude e cando se solicite o pagamento da axuda, tal e como se indica nos artigos 10 e 18, respectivamente, da presente orde.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido, en relación coa concorrencia doutras axudas amparadas no réxime de minimis e, en relación coa incompatibilidade desta axuda con calquera outra cofinanciada con fondos europeos do Feader, no artigo 59.8 do Regulamento (UE) nº 1305/2013, sen que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o custo total do proxecto.

Artigo 7. Órgano responsable da tramitación

O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas previstas nesta orde será a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal.

Artigo 8. Resolución e notificacións

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da avaliación das solicitudes por parte dunha comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, xunto cunha relación dos proxectos avaliados positivamente en lista de espera e a relación dos proxectos que se consideran non financiables.

1.1. A avaliación das solicitudes e determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión. Para avaliar as solicitudes a comisión aplicará os criterios expostos no punto 8 do anexo 1 e no punto 7 do anexo 2. Para determinar a contía da axuda a cada beneficiario, a comisión aplicará a metodoloxía que se recolle no artigo 3 desta orde. A dita comisión actuará como un órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal ou a persoa en que delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, nomeado polo director xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios nomeados, respectivamente, polo mesmo director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería do Medio Rural.

A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre os respectivos proxectos solicitados.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e se enmarca dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 16, submedidas 16.12 e 16.20.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 9. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das actividades obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 10. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, o interesado comunicará expresamente a súa aceptación ou renuncia á subvención transcorridos dez días naturais desde a notificación desta e, desde o momento desta comunicación, adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, por delegación da conselleira, ditará a correspondente resolución nos termos do seu artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 11. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Reintegrar as cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 809/2014.

3. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.

4. En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader da seguinte forma:

c) Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

d) No caso de operacións non comprendidas no punto c (obras de infraestruturas ou construción que se beneficien dunha axuda pública total de importe superior a 500.000 euros), atenderase ás seguintes obrigas:

As operacións que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 euros, en función da operación financiada colocarán, polo menos, un panel coa información acerca da operación (de tamaño mínimo A3), onde se destaque a axuda financeira recibida pola Unión, nun lugar visible para o público.

Cando a operación no marco dun PDR dea lugar a un investimento que reciba unha axuda pública total superior a 50.0000 euros, o beneficiario colocará unha placa explicativa coa información sobre o proxecto, en que se destacará a axuda financeira da Unión (anexo V, modelo K).

Os carteis, paneis ou placas e sitos web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

5. Co fin de que se leve a cabo unha correcta cuantificación dos indicadores de resultados do PDR de Galicia 2014/2020 é preciso que os beneficiarios acheguen a información recollida no anexo V, modelo J, segundo a natureza do beneficiario.

Artigo 12. Control

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Ademais do seguimento baseado nos informes finais recibidos, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal poderá facer un seguimento técnico do proxecto mediante a presenza in situ do persoal técnico nomeado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións propostas, así como o plan de traballo previsto en cada etapa do proxecto e os datos e resultados derivados do proxecto.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de cooperación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, o órgano pagador do Feader, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de desenvolvemento rural.

A contía da subvención que se pagará calcularase con base no que resulte subvencionable durante os controis administrativos da xustificación e a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario.

O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha sanción ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre os dous importes citados, pero non irá máis alá da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicará ningunha sanción se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 13. Recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da actividade subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007.

3. En caso de pagamento indebido o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se lle engadirán, de ser o caso, os xuros calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de sesenta días, e a data de reembolso ou dedución.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) nº 1305/2013, do Feader, e nos regulamentos (UE) 809/2014, (CE) 1303/2013 e (UE) 807/2014.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderase exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014–2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa.

Disposición adicional segunda. Formularios

Xúntanse a esta orde os formularios dos anexos I e IV (necesarios para solicitar a axuda). Os ditos formularios poderán atoparse na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos e na páxina web http://medioruralemar.xunta.es/anuncios/axudas. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a aplicación

Autorízase o director xeral de Ordenación e Produción Forestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en rigor

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO 1
Bases reguladoras das axudas para a execución de proxectos de grupos operativos (GOs) da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas

1. Obxecto das axudas.

Financiar os proxectos innovadores dos grupos operativos da AEI seleccionados, cubrindo os gastos derivados da súa execución.

2. Definicións.

2.1. Asociación europea da Innovación (AEI): é o marco onde atopan acomodo as iniciativas de innovación en materia de sustentabilidade e produtividade agraria. A estrutura instrumental da AEI articúlase en torno á rede europea que fai posible a conexión de grupos operativos, servizos de asesoramento e investigadores. Os seus obxectivos defínense no artigo 55.1 do Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro.

2.2. Grupo operativo: agrupación constituída como principal vehículo, orientado á identificación de problemas concretos ou oportunidades nos sectores agroalimentario e forestal, a partir dos cales se xeren iniciativas innovadoras que dean resposta e solucións a esas dificultades ou oportunidades detectadas, sempre no ámbito dos obxectivos da AEI. O grupo operativo estará formado por un mínimo de dous axentes interesados.

2.3. Axente de innovación: persoa ou organización coa cal pode contar un grupo operativo, que busca e pon en contacto os axentes idóneos para levar a cabo un proxecto innovador, sen ter necesariamente que estar involucrado tecnicamente. As súas tarefas poden incluír, entre outras, a asistencia para perfilar e concretar a idea do proxecto, a busca de fontes de financiamento ou a preparación da solicitude de financiamento. O axente de innovación pode ser unha entidade integrada dentro do grupo operativo ou ben unha persoa ou entidade contratada por este.

2.4. Representante do grupo operativo: membro do grupo operativo designado por este, que actúa como solicitante da axuda e representante do grupo ante a Administración.

3. Beneficiarios das axudas.

3.1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde os grupos operativos da AEI constituídos para os efectos do desenvolvemento dun proxecto innovador. Segundo a redacción do artigo 35 do Regulamento 1305/2013, do 17 de decembro, na iniciativa de cooperación deberán intervir como mínimo, dous axentes.

3.2. Os grupos operativos terán ámbito autonómico, entendendo por isto que o proxecto presentado se desenvolverá na Comunidade Autónoma de Galicia e estará destinado a resolver un problema existente no sector agrario, forestal e agroalimentario galego.

3.3. Os grupos operativos estarán formados, polo menos, por unha entidade relacionada coa produción agrícola ou forestal, incluídas as entidades interprofesionais do sector. Terá preferencia a participación dun centro de innovación ou tecnolóxico de natureza pública ou privada.

Poderán incorporar tamén:

a) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

b) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais.

c) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

3.4. Os grupos operativos contarán con procedementos internos que garantan a transparencia no seu funcionamento, a toma de decisións e eviten conflitos de intereses.

3.5. Un dos membros do grupo operativo actuará como representante e coordinador e asumirá a xestión económica do proxecto e a plena responsabilidade fronte a Administración para os efectos de pagamentos, reembolsos e recuperacións.

3.6. A relación entre os socios quedará reflectida nun convenio de colaboración en que se comprometan a permanecer no grupo durante o período de execución do proxecto; este documento porase á disposición da Administración e conterá, como mínimo, os seguintes puntos:

• Datos identificativos dos membros integrantes do grupo operativo: nome, enderezo, teléfono, correo electrónico e persoa de contacto.

• Obxecto do acordo, que terá como contido formalizar as relacións entre os membros, o funcionamento interno e a designación do coordinador do grupo operativo.

• Datos da idea do proxecto innovador que se vai realizar, incluíndo polo menos título, finalidade, sector ou subsector en que se vai desenvolver, e os resultados esperados.

• Contribución dos membros ao grupo operativo e ás actividades asignadas a cada un.

• Os membros do grupo operativo acordarán que o coordinador do grupo regule as actividades e estea autorizado a representar as partes, nas relacións con terceiras persoas, no relativo ás actividades conxuntas do grupo.

• Dereitos e obrigas dos membros.

• Responsabilidade dos membros.

• Confidencialidade. Cada membro comprométese a protexer toda a información obtida deste acordo ou relacionada con este e a mantela de forma confidencial.

• Duración, vixencia, modificación e remate do acordo.

3.7. Os grupos operativos deberán difundir os resultados dos seus proxectos, polas vías que se consideren oportunas e obrigatoriamente a través da rede da Asociación Europea da Innovación (AEI), que ten como obxectivos os recollidos no artigo 55 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda para o desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

3.8. Para esta liña de axuda pode haber varios beneficiarios por proxecto en función da súa implicación e de acordo co convenio de colaboración subscrito polos membros do grupo operativo. O número máximo de beneficiarios por proxecto será de cinco, incluído o representante, máis un coordinador de proxecto.

4. Actividades subvencionables.

4.1. As áreas prioritarias de actuación das iniciativas de cooperación serán as seguintes:

a) Xestión sustentable dos recursos naturais.

• Sistemas de produción agro-silvo-pastorais con alto grao de diversidade, con manexos ecolóxicos ou integrados, centrados en áreas específicas para recursos xenéticos animais e vexetais importantes para Galicia (gandaría de vacún, ovino e cabrún, pastos, forraxes, cereais, froitas, hortalizas, viñedo, plantas industriais e outras).

• Programas específicos dirixidos ás áreas de sanidade animal e vexetal e uso sustentable de produtos fitosanitarios. As iniciativas terán en conta as orientacións e achegas ao impulso dos sistemas agrarios que contribúan á mitigación dos impactos negativos da agricultura sobre o ambiente, en concreto no relativo á calidade das augas e á emisión de gases de efecto invernadoiro, con especial énfase na xestión dos efluentes procedentes da actividade agraria nas explotacións e a súa valorización como fertilizantes.

• Xestión de recursos hídricos agrícolas, en particular nas tecnoloxías de xestión e utilización de augas superficiais para a súa utilización sustentable e eficiente na rega de cultivos, control de canles e prevención de inundacións.

• Estudo da eficiencia de uso e do impacto no medio natural dos recursos internos e externos das explotacións (terra, auga, enerxía e nutrintes), co obxectivo de mellorar a produción de alimentos de alta calidade de forma compatible coa prestación de servizos ambientais pola agricultura galega.

• Xestión de fertilizantes nas explotacións agrarias.

• Mitigación do cambio climático en explotacións agrarias, fomentando o paso a unha economía baixa en carbono, logrando mellorar a eficiencia do uso da auga e da enerxía e facilitando o uso de fontes renovables de enerxía.

• Desenvolvemento de tecnoloxías para a preservación e a mellora xenética dos recursos animais e vexetais, orientadas á produción de alimentos de calidade, en sistemas sustentables e con reducido impacto ambiental.

b) Sistemas agrarios de produción.

• Aumento da sustentabilidade e da competitividade dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal, orientado á salvagarda da saúde dos consumidores, á mitigación dos impactos ambientais e á loita contra o cambio climático. Inclúese o desenvolvemento e a obtención de novas tecnoloxías, equipamentos e instalacións, maquinaria, sistemas de produción, manexo e recolección de cultivos, así como a mellora xenética, a protección vexetal e animal, o desenvolvemento de axentes de control biolóxicos e o mantemento de especies e ecosistemas autóctonos.

• Tecnoloxías de produción de baixo input de pesticidas e fertilizantes sintéticos e de produción ecolóxica, que teñan en conta a mellora do manexo dos recursos vexetais con respecto á súa composición, resistencia á tensión por axentes bióticos e abióticos, en particular á seca, malas herbas e axentes patóxenos.

• Estudo da ecoloxía e bioloxía de pragas e enfermidades, malas herbas e outros axentes patóxenos co obxectivo de desenvolver técnicas e ferramentas de manexo sustentable en sanidade vexetal.

• Mellora dos métodos de monitorización, preservación e mellora da fertilidade do solo.

• Mellora da competitividade e sustentabilidade dos cultivos de cereais e leguminosas (grao e forraxe) para alimentación humana e animal. Mellora xenética varietal do rendemento, plasticidade, resistencia e calidade das proteínas, a partir da explotación dos recursos xenéticos autóctonos.

• Desenvolvemento e explotación dos bancos de xenes para a mellora da competitividade e sustentabilidade dos sistemas de produción agraria.

• Mellora e extensión de métodos de seguimento e control de patoloxías parasitarias e infecciosas nas producións animais extensivas e ecolóxicas e outras ameazas á sustentabilidade e seguridade da produción alimentaria.

c) Cadea agroalimentaria.

• Tecnoloxías para asegurar e mellorar a calidade, seguridade e a autenticidade na cadea alimentaria.

• Medida da pegada de carbono ao longo dos procesos da cadea alimentaria.

• Uso de marcadores para confirmar a calidade e/ou autenticidade dos alimentos.

d) Bioeconomía.

• Custos de produción dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal aplicados a situacións con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, incluídas as situadas en zonas menos favorecidas e de montaña.

• Ferramentas e técnicas de investigación socioeconómica e de soporte á toma de decisións en políticas agrarias dirixidas á solución das necesidades da poboación rural e ao seu desenvolvemento sustentable.

• Tecnoloxías para a medición do impacto da investigación agraria en desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da agricultura galega.

• Estudo de métodos e ferramentas para facilitar a transferencia e aplicabilidade dos resultados de proxectos de investigación en innovacións reais dentro do sector agroindustrial galego, dirixidas especialmente tanto a explotacións e cooperativas agrarias como a pemes agroindustriais, demostrando o potencial de explotación das innovacións e os beneficios económicos e competitivos que se obteñen das innovacións.

e) Aplicación das TIC ao sector.

f) Outras iniciativas enmarcadas dentro da productividade, sustentabilidade e innovación agrícola e forestal.

4.2. A duración da iniciativa de cooperación será de dous anos.

5. Gastos subvencionables.

Poderán subvencionarse os custos directos vinculados aos proxectos aprobados. Así mesmo, serán elixibles os gastos derivados do funcionamento do grupo operativo durante o tempo necesario para o desenvolvemento das súas funcións vinculadas ao proxecto seleccionado para o seu financiamento. En particular, gastos de infraestruturas estritamente necesarias para o desenvolvemento dos proxectos, equipamento e material inventariable, gastos de funcionamento, subministración e material funxible, gastos de persoal investigador ou auxiliar, custo de colaboracións externas e outros custos indirectos nas condicións establecidas polo artigo 68 do Regulamento (UE) 1303/2013.

Os gastos de funcionamento do grupo operativo directamente ligados coas tarefas de coordinación para a execución do proxecto, así como os custos derivados do seguimento do proxecto, transferencia e difusión dos resultados.

As axudas previstas nesta orde para a implantación e desenvolvemento de proxectos destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan.

1. Custos directos:

a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal técnico propio que participe no proxecto calcularanse atendendo aos seguintes importes por hora traballada e para cada categoría laboral. Estes importes subvencionables serán os que resultan de dividir as cantidades seguintes entre 1.750, cun máximo anual equivalente á suma total establecida para cada categoría:

• Titulado superior: 32.000 euros anuais.

• Titulado medio: 27.000 euros anuais.

• Técnico de FP de grao superior: 22.000 euros anuais.

• Categorías laborais distintas das anteriores: 18.000 euros anuais.

b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:

1º. Material inventariable: adquisición equipamento estritamente necesario para a realización da actuación, na medida e durante o período en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Se o material inventariable se vai poder utilizar despois do remate do proxecto, só se considerarán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados mediante o método lineal e considerando un nulo valor residual do referido material. No caso de adquisición de equipamentos de segunda man, deberán respectarse as condicións do artigo 13, letra b), do Regulamento delegado (UE) 807/2014. Ademais, deberase achegar certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Adquisición de fondos bibliográficos relacionados coa actividade.

2º. Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.

3º. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta, que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultarías externas. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial de calquera dos membros do grupo operativo. As actividades que desenvolve cada un dos membros do grupo operativo na iniciativa de cooperación non se considerará como un servizo tecnolóxico externo.

4º. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

5º. Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificadas, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e Resolución do 29 de decembro de 2005, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que a substitúa).

6º. Gastos relacionados coa organización de xornadas ou edición de material de difusión (publicacións, webs, asistencia a congresos ou feiras, visitas recibidas con relación ao proxecto).

7º. Custos derivados do alugamento de equipamentos, instalacións ou predios destinados á realización das actuacións.

8º. Custos derivados da divulgación e transferencia de resultados, así como aqueles relativos á protección dos resultados (rexistro de patentes incluído).

2. Colaboracións dos socios do grupo operativo indicados no punto 3.3 do anexo 1 desta orde. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados no punto 1 desta mesma epígrafe. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será exixible aos gastos de persoal, respecto dos cales, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da SS, da retención do IRPF, etc.).

Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que calquera dos membros do grupo operativo.

3. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.

4. O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader. Será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a investigación básica ou fundamental nin os relativos a investigación independente.

6. Requisitos dos beneficiarios.

6.1. As entidades beneficiarias da acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitadas para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou con outros entes públicos.

d) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6.2. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Documentación complementaria.

7.1. Serán subvencionables os grupos operativos para a fase de establecemento do grupo ademais do axente de innovación, de ser o caso, que presenten solicitude de axuda acompañada como mínimo da seguinte documentación. Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información, e nestes casos emitirase resolución de inadmisión:

a) Descrición do proxecto, diagnose da situación, necesidade detectada, obxectivos, resultados esperados, impacto e relevancia deste e a súa contribución ao obxectivo da AEI.

b) Relación de participantes e a xustificación da conveniencia de cada participación para a consecución dos obxectivos do proxecto.

c) Plan de actuación e cronograma da constitución do grupo operativo, repartición de tarefas entre os compoñentes do grupo e orzamento estimado de gastos.

d) Modelo de acordo de colaboración para as entidades participantes.

e) Plan de divulgación dos resultados.

7.2. Á solicitude de axuda xuntaráselle ademais, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Solicitude da axuda cos datos de identificación das entidades participantes no grupo operativo e do proxecto.

c) Declaración en que se fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto (anexo I desta orde).

d) No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado (ver anexo II da presente orde), deberase presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da entidade solicitante (anexo I desta orde).

e) Cando o solicitante se trate dun empresario individual, deberá achegar a copia compulsada do DNI, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008 polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

Se se trata dunha persoa xurídica, deberá achegar a copia do NIF, só no caso de denegar a súa consulta na Axencia Estatal da Axencia Tributaria, de acordo co artigo 6.2.b da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

f) Declaración do responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo I desta orde).

g) Memoria científico-técnica única para todas as actividades dos membros do grupo operativo participantes na acción de cooperación (anexo III-B desta orde), en que conste:

1º. Relación do persoal participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes.

2º. Un resumo do proxecto que inclúa a descrición da contribución ao obxectivo da AEI de potenciar a produtividade e a xestión sustentable dos recursos.

3.º Unha introdución en que se presente a situación actual do tema en que se vai traballar na iniciativa de cooperación e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.

4º. Obxectivos do proxecto.

5º. Metodoloxía usada no proxecto.

6º. Plan de traballo en que se inclúan as actividades que van realizar cada unha das partes que colabora e o seu desenvolvemento temporal, cronograma que cómpre desenvolver no tempo de execución do proxecto onde se establecerán os obxectivos finais que se pretenden conseguir.

7º Plan de divulgación de resultados, que se fará polas vías que considere oportunas o grupo operativo e obrigatoriamente a través da rede da Axencia Europea da Innovación (AEI).

8º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.

9º. Beneficios que poidan derivar do proxecto, desde o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.

10º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos membros do grupo operativo que colaboran neste, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle dos diferentes conceptos de gasto especificados no punto 5 deste anexo. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polas entidades na solicitude da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os solicitantes das axudas deberán achegar coa solicitude tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, os solicitantes achegarán unha memoria xustificativa.

h) Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.

O documento correspondente ao curriculum vitae do persoal do centro público de investigación ou centro tecnolóxico poderá ser cuberto en formato normalizado da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es/), da Consellería de Economía e Industria ou en formato similar que conteña as epígrafes do documento normalizado.

i) Copia do acordo de colaboración ou carta de intencións asinado polos representantes legais dos integrantes do grupo operativo para o desenvolvemento da acción de cooperación. No caso daquelas solicitudes que resulten beneficiarias das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o convenio ou acordo de colaboración asinado polos representantes legais das partes.

j) Copia dos estatutos fundacionais de cada un dos membros do grupo operativo beneficiarios da axuda, nos cales aparezan recollidos os seus obxectos sociais.

7.2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, corrixa as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fai, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Avaliación das solicitudes.

8.1. Para a avaliación das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

a) Membros dos grupos operativos cooperantes e obxecto da acción (valoración máxima, 110 puntos):

1º. Proxectos de cooperación que se desenvolvan en colaboración coa rede de centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural, en función da porcentaxe que supoña o custo das actividades desenvolvidas por estes centros sobre o custo total da iniciativa de cooperación.

1º.1. Porcentaxe = 15 % (1 punto).

1º.2. Porcentaxe > 15 % e ≤ 17 % (4 puntos).

1º.3. Porcentaxe > 17 % e ≤ 19 % (6 puntos).

1º.4. Porcentaxe > 19 % e ≤ 21 % (8 puntos).

1º.5. Porcentaxe > 21 % e ≤ 23 % (10 puntos).

1º.6. Porcentaxe > 23 % e ≤ 25 % (14 puntos).

1º.7. Porcentaxe > 25 % (20 puntos).

2º. Proxectos en que participen directamente consellos reguladores (7 puntos).

3º. Proxectos en que participen directamente cooperativas ou asociacións agrogandeiras e/ou forestais legalmente constituídas (5 puntos por cooperativa ou asociación participante ata un máximo de 20 puntos).

4º. Proxectos en que participen varios centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural.

4º.1. Participación de 2 centros públicos (15 puntos).

4º.2. Participacións de 3 ou máis centros públicos (25 puntos).

5º. Proxectos en que participan directamente produtores primarios (20 puntos).

6º. Proxectos que impliquen a mobilización e utilización directa de terras (8 puntos).

7º. Proxectos que promovan directamente a conservación e melloras ambientais (5 puntos).

8º. Proxectos correspondentes á área da produción de enerxías renovables de orixe agroforestal (5 puntos).

b) Calidade técnica da proposta e grao de innovación (valoración máxima 160 puntos):

1º. Calidade técnica dos membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación (ata 80 puntos):

1º.1. Por membro con titulación de doutor (5 puntos ata un máximo de 25 puntos).

1º.2. Por membro con titulación universitaria superior ou equivalente (2 puntos ata un máximo de 10 puntos).

1º.3. Por membro con titulación universitaria media ou equivalente (1 punto ata un máximo de 5 puntos).

1º.4. Por membro en formación (1 punto por membro ata un máximo de 5 puntos).

1º.5. Por participación en proxectos I+D+i (1 punto por membro e proxecto ata un máximo de 20 puntos).

1º.6. Por experiencia nos temas que se vaian tratar (1 punto por proxecto de temática similar ata un máximo de 15 puntos).

2º. Calidade técnica dos membros do grupo operativo participantes na acción de cooperación (ata 80 puntos):

2º.1. Por membro con titulación universitaria relacionada co proxecto (5 puntos ata un máximo de 25 puntos).

2º.2. Por participación activa en proxectos de I+D+i (1 punto por membro e proxecto ata un máximo de 20 puntos).

2º.3. Por participación activa en accións de transferencia tecnolóxica (1 punto por acción e membro ata un máximo de 20 puntos).

2º.4. Participación en proxectos de I+D+I no sector agrario ou forestal e/ou experiencia temática na iniciativa do proxecto das entidades participantes no grupo operativo (1 punto por proxecto ou experiencia e entidade ata un máximo de 15 puntos).

c) Impacto previsto da acción de cooperación (valoración máxima 90 puntos):

1º. Conservación e mellora do medio (10 puntos).

2º. Revalorización dos produtos agrarios e forestais (15 puntos).

3º. Redución do consumo e da dependencia enerxética (10 puntos).

4º. Redución dos custos de produción (15 puntos).

5º. Impacto do proxecto na produtividade e sustentabilidade (20 puntos).

6º Solicitude presentada por unha entidade que teña a súa sede social nun dos concellos das zonas desfavorecidas definidas na medida 13 do PDR 2014-2020 (20 puntos).

A puntuación total de cada unha das solicitudes presentadas será a suma das diversas puntuacións obtidas nesta epígrafe.

As solicitudes para poder ter acceso á axuda deberán alcanzar un limiar mínimo de 108 puntos, correspondendo á valoración da calidade técnica da proposta e grao de innovación na letra b) desta epígrafe unha puntuación mínima conxunta de 50 puntos. As solicitudes ordenaranse en orde decrecente segundo a puntuación obtida na valoración. No caso de empate, resolverase segundo as solicitudes obtivesen maior puntuación nos criterios e orde seguintes:

1. Impacto previsto da acción de cooperación.

2. Calidade do proxecto proposto.

3. Composición do grupo operativo.

9. Pagamento das subvencións.

9.1. A entidade solicitante centralizará toda a información financeira e xustificativa do proxecto e será a encargada da presentación da xustificación da execución do proxecto ante a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

9.2. As entidades beneficiarias deberán xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, coa data límite do 31 de outubro nas anualidades 2016 e 2017, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario. As solicitudes de pagamento (anexo V, modelo A) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:

a) Un resumo da execución da subvención en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (co IVE excluído e desagregado) e a data de cada un dos xustificantes agrupados por entidade participante e por conceptos de gastos (anexo V, modelo B).

b) Documentación acreditativa de realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e marcaranse cun selo. Nel indicarase a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención; neste último caso, indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Considérase admisible o pagamento en metálico nos seguintes supostos e condicións:

1º. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros; neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación xuntarase coa factura preceptiva.

2º. Para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

3º. As excepcións contempladas nos puntos anteriores non serán aplicables aos pagamentos efectuados directamente pola Administración a provedores, que deberán xustificarse mediante a achega dalgún dos documentos indicados na letra b) deste punto.

c) De acordo co establecido no artigo 24 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

1º. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

2º. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Pola diversidade dos gastos subvencionables nestas axudas e polo seu carácter innovador, e naqueles casos de custos de pouca contía, poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

d) No caso de custo de persoal, tanto técnico propio como adicional contratado con destino específico ao proxecto, deberá achegarse:

1º. Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome e apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa e custo proporcional imputado ao proxecto (retribucións + Seguridade Social), segundo as horas dedicadas por cada traballador mensualmente ao proxecto (anexo V, modelo C e anexo V, modelo D).

2º. Orixinais das nóminas, así como do xustificante de pagamento (transferencias bancarias), TC1 e TC2 e ingreso do Imposto sobre a renda das persoas físicas (modelo 111).

3º. Copia compulsada do contrato de traballo no caso de persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.

e) No caso de gastos de viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto (anexo V, modelo E).

f) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

g) No caso dos gastos dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos que colaboran coa entidade solicitante, será suficiente para xustificar o gasto a emisión dunha única factura onde se reflictan os diferentes conceptos de gasto, debidamente conformada polo responsable da xestión económica e do persoal do centro. Todo iso sen prexuízo da obriga de dispoñer dos correspondentes xustificantes orixinais de execución do gasto de acordo co especificado nas letras a) á e) do presente artigo no momento de emisión da factura, para os efectos de calquera comprobación ou auditoría.

Todos os datos incluídos nos dous documentos anteriores, agás cando explicitamente se indique, formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

h) Presentarase anualmente un informe parcial de resultados, en formato normalizado, no cal se reflectirán os datos do nivel de execución do proxecto (anexo V, modelo F).

i) Cando se trate da última anualidade achegarase, ademais dun informe final de resultados en formato normalizado (anexo V, modelo G), unha memoria en formato libre en que se detallará o desenvolvemento científico-técnico do proxecto, así como os resultados obtidos.

9.4. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que correspondan conforme a lei.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9.5. Para efectuar o pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (anexo V, modelo H). Así mesmo, cando a axuda fose concedida para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado, deberase presentar unha declaración complementaria sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais pola entidade beneficiaria (anexo V, modelo I).

9.6. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que deba reintegrar virá determinado pola aplicación de criterios de graduación que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

ANEXO 2
Bases reguladoras das axudas para o financiamento de accións de cooperación para a implantación de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal

1. Obxecto das axudas.

Financiar as iniciativas de cooperación en materia de innovación nos sectores agrícola, alimentario e forestal. As iniciativas traduciranse na implantación de proxectos piloto ou no desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías.

O desenvolvemento poderá entenderse tanto na incorporación de novidades como na aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes en condicións donde tradicionalmente non se utilizaron previamente. Non obstante, non poderán financiarse proxectos xa realizados en territorios e condicións similares.

2. Beneficiarios das axudas e outros axentes cooperantes.

2.1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde:

a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.

b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

2.2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, e poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da comunidade autónoma.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais.

e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación, excepto no caso de produtores primarios que acrediten a súa participación activa no proxecto.

2.3. Na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous axentes, e, cando menos, un deles deberá ser un produtor primario ou pertencer á industria da transformación, a que se fai referencia no punto 2.1 desta epígrafe; outro deberá ser un dos axentes cooperantes a que se fai referencia no punto 2.2 deste apartado.

3. Actividades subvencionables.

3.1. As áreas prioritarias de actuación das iniciativas de cooperación serán as seguintes:

a) Xestión sustentable dos recursos naturais.

• Sistemas de produción agro-silvo-pastorais con alto grao de diversidade, con manexos ecolóxicos ou integrados, centrados en áreas específicas para recursos xenéticos animais e vexetais importantes para Galicia (gandaría de vacún, ovino e cabrún, pastos, forraxes, cereais, froitas, hortalizas, viñedo, plantas industriais e outras).

• Programas específicos dirixidos ás áreas de sanidade animal e vexetal e uso sustentable de produtos fitosanitarios. As iniciativas terán en conta as orientacións e achegas ao impulso dos sistemas agrarios que contribúan á mitigación dos impactos negativos da agricultura sobre o ambiente, en concreto no relativo á calidade das augas e á emisión de gases de efecto invernadoiro, con especial énfase na xestión dos efluentes procedentes da actividade agraria nas explotacións e a súa valorización como fertilizantes.

• Xestión de recursos hídricos agrícolas, en particular nas tecnoloxías de xestión e utilización de augas superficiais para a súa utilización sustentable e eficiente na rega de cultivos, control de canles e prevención de inundacións.

• Estudo da eficiencia de uso e do impacto no medio natural dos recursos internos e externos das explotacións (terra, auga, enerxía e nutrintes), co obxectivo de mellorar a produción de alimentos de alta calidade de forma compatible coa prestación de servizos ambientais por parte da agricultura galega.

• Xestión de fertilizantes nas explotacións agrarias.

• Mitigación do cambio climático en explotacións agrarias, co fin de fomentar o paso a unha economía baixa en carbono, mellorar a eficiencia do uso da auga e da enerxía e facilitar o uso de fontes renovables de enerxía.

• Desenvolvemento de tecnoloxías para a preservación e a mellora xenética dos recursos animais e vexetais orientadas á produción de alimentos de calidade, en sistemas sustentables e con reducido impacto ambiental.

b) Sistemas agrarios de produción.

• Aumento da sustentabilidade e competitividade dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal orientado á salvagarda da saúde dos consumidores, á mitigación dos impactos ambientais e á loita contra o cambio climático. Inclúese o desenvolvemento e a obtención de novas tecnoloxías, equipamentos e instalacións, maquinaria, sistemas de produción, manexo e recolección de cultivos, así como a mellora xenética, a protección vexetal e animal, o desenvolvemento de axentes de control biolóxicos e o mantemento de especies e ecosistemas autóctonos.

• Tecnoloxías de produción de baixo input de pesticidas e fertilizantes sintéticos e de produción ecolóxica, que teñan en conta a mellora do manexo dos recursos vexetais con respecto á súa composición, resistencia á tensión por axentes bióticos e abióticos, en particular á seca, ás malas herbas e aos axentes patóxenos.

• Estudo da ecoloxía e bioloxía de pragas e enfermidades, malas herbas e outros axentes patóxenos, co obxectivo de desenvolver técnicas e ferramentas de manexo sustentable en sanidade vexetal.

• Mellora dos métodos de monitorización, preservación e mellora da fertilidade do solo.

• Mellora da competitividade e sustentabilidade dos cultivos de cereais e leguminosas (grao e forraxe) para alimentación humana e animal. Mellora xenética varietal do rendemento, plasticidade, resistencia e calidade das proteínas, a partir da explotación dos recursos xenéticos autóctonos.

• Desenvolvemento e explotación dos bancos de xenes para a mellora da competitividade e sustentabilidade dos sistemas de produción agraria.

• Mellora e extensión de métodos de seguimento e control de patoloxías parasitarias e infecciosas nas producións animais extensivas e ecolóxicas e outras ameazas á sustentabilidade e seguridade da produción alimentaria.

c) Industria agroalimentaria.

• Tecnoloxías de creación de valor no marco dun sector agroindustrial sustentable e competitivo, orientado á obtención de produtos seguros e saudables.

• Tecnoloxías para asegurar a calidade e autenticidade alimentaria.

• Mecanismos e procedementos para a redución do consumo de enerxía e a optimización dos procesos de control para lograr un procesamento de alimentos máis sustentable e competitivo.

• Produción de alimentos tradicionais en pemes alimentarias, relacionadas cos beneficios da dieta atlántica galega.

• Biodispoñibilidade de constituíntes funcionais de alimentos en produtos vexetais e animais e a súa relación cos sistemas de produción extensivos e ecolóxicos.

• Mantemento da actividade biolóxica de ingredientes funcionais durante o procesamento e conservación de alimentos.

• Busca de novas fontes de ingredientes funcionais adaptadas á realidade produtiva galega, incluído o aproveitamento de subprodutos da industria alimentaria.

• Explotación da diversidade bioquímica das plantas a través do desenvolvemento do concepto de biorrefinaría.

d) Cadea agroalimentaria.

• Tecnoloxías para asegurar a seguridade e a autenticidade na cadea alimentaria.

• Medida da pisada de carbono ao longo dos procesos da cadea alimentaria.

• Uso de marcadores para confirmar a calidade e/ou autenticidade dos alimentos.

e) Bioeconomía.

• Custos de produción dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal aplicados a situacións con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, incluídas as situadas en zonas menos favorecidas e de montaña.

• Ferramentas e técnicas de investigación socioeconómica e de soporte á toma de decisións en políticas agrarias dirixidas á solución das necesidades da poboación rural e ao seu desenvolvemento sustentable.

• Tecnoloxías para a medición do impacto da investigación agraria en desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da agricultura galega.

• Estudo de métodos e ferramentas para facilitar a transferencia e aplicabilidade dos resultados de proxectos de investigación en innovacións reais dentro do sector agroindustrial galego, dirixidas especialmente tanto a explotacións e cooperativas agrarias, como a pemes agroindustriais, demostrando o potencial de explotación das innovacións e os beneficios económicos e competitivos que se obteñen das innovacións.

f) Aplicación das TIC ao sector.

3.2. A duración da iniciativa de cooperación será de dous anos.

4. Gastos subvencionables.

Poderán subvencionarse os custos directos vinculados aos proxectos aprobados. En particular, gastos de infraestruturas estritamente necesarias para o desenvolvemento dos proxectos, equipamento e material inventariable, gastos de funcionamento, subministración e material funxible, gastos de persoal investigador ou auxiliar, custo de colaboracións externas e outros custos indirectos, nas condicións establecidas polo artigo 68 do Regulamento (UE) 1303/2013.

As axudas previstas nesta orde para a implantación e o desenvolvemento de proxectos destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan.

1. Custos directos:

a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal técnico propio que participe no proxecto calcularanse atendendo aos seguintes importes por hora traballada e para cada categoría laboral. Estes importes subvencionables serán os que resultan de dividir as cantidades seguintes entre 1.750, cun máximo anual equivalente á suma total establecida para cada categoría:

• Titulado superior: 32.000 euros anuais.

• Titulado medio: 27.000 euros anuais.

• Técnico de FP de grao superior: 22.000 euros anuais.

• Categorías laborais distintas das anteriores: 18.000 euros anuais.

b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:

1º. Material inventariable: adquisición de equipamento estritamente necesario para a realización da actuación, na medida e durante o período en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Se o material inventariable se vai poder utilizar logo do remate do proxecto, só se considerarán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados mediante o método lineal e considerando un nulo valor residual do referido material. No caso de adquisición de equipamentos de segunda man, deberán respectarse as condicións do artigo 13, letra b), do Regulamento delegado (UE) 807/2014. Ademais, deberase achegar certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Adquisición de fondos bibliográficos relacionados coa actividade.

2º. Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.

3º. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta, que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultorías externas. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial da entidade solicitante. As actividades que desenvolva cada un dos axentes cooperantes na iniciativa de cooperación non se considerará como un servizo tecnolóxico externo.

4º. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

5º. Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificadas, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e Resolución do 29 de decembro de 2005, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que a substitúa).

6º. Gastos relacionados coa organización de xornadas ou edición de material de difusión (publicacións, webs, asistencia a congresos ou feiras, visitas recibidas con relación ao proxecto).

7º. Custos derivados do alugamento de equipamentos, instalacións ou predios destinados á realización das actuacións.

8º. Custos derivados da divulgación e transferencia de resultados, así como aqueles relativos á protección dos resultados (rexistro de patentes incluído).

2. Colaboracións externas cos axentes cooperantes indicados no punto 2.2. do anexo 2 desta orde. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados no punto 1 desta mesma epígrafe. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será exixible aos gastos de persoal, respecto dos cales, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da SS, da retención do IRPF, etc.).

Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a entidade solicitante.

3. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.

4. O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader. Nestes casos será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a investigación básica ou fundamental nin os relativos a investigación independente.

5. Requisitos dos beneficiarios.

5.1. As entidades beneficiarias da acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitadas para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

d) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5.2. Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Documentación complementaria.

6.1. Á solicitude xuntáraselle a seguinte documentación, e non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información, caso en que se emitirá resolución de inadmisión:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes.

c) Declaración en que se fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto (anexo IV desta orde).

d) No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado (ver anexo II da presente orde), deberase presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da entidade solicitante (anexo IV desta orde).

e) Cando o solicitante se trate dun empresario individual, deberá achegar a copia compulsada do DNI, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008 polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

Se se trata dunha persoa xurídica, deberá achegar a copia do NIF, só no caso de denegar a súa consulta na Axencia Estatal da Axencia Tributaria, de acordo co artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

f) Declaración do responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV desta orde).

g) Memoria científico-técnica única para todas as actividades dos membros participantes na acción de cooperación (anexo III-A desta orde), en que conste:

1º. Relación do persoal participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes.

2º. Un resumo do proxecto.

3º. Unha introdución en que se presente a situación actual do tema en que se vai traballar na iniciativa de cooperación e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.

4º. Obxectivos do proxecto.

5º. Metodoloxía usada no proxecto.

6º. Plan de traballo en que se inclúan as actividades que vaia realizar cada unha das partes que colabora e o seu desenvolvemento temporal, cronograma que cómpre desenvolver no tempo de execución do proxecto onde se establecerán os obxectivos finais que se pretenden conseguir.

7º. Plan de divulgación de resultados detallado. Os beneficiarios comprometeranse á divulgación dos resultados, polo menos a través da internet, dos proxectos piloto e/ou desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías, respectando a súa confidencialidade para salvagardar os intereses dos participantes.

8º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.

9º. Beneficios que poidan derivar do proxecto, desde o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.

10º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos axentes cooperantes que colaboran neste, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle dos diferentes conceptos de gasto especificados no punto 4 deste anexo. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polas entidades na solicitude da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os solicitantes das axudas deberán achegar coa solicitude tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, os solicitantes achegarán unha memoria xustificativa.

h) Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.

O documento correspondente ao curriculum vitae do persoal do centro público de investigación ou centro tecnolóxico poderá ser cuberto en formato normalizado da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es/), da Consellería de Economía e Industria ou en formato similar que conteña as epígrafes do documento normalizado.

i) Copia do contrato, convenio, acordo de colaboración ou carta de intencións asinado polos representantes legais dos participantes na acción de cooperación. No caso daqueles solicitantes que resulten beneficiarios das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o contrato, convenio ou acordo de colaboración asinado polos representantes legais das partes.

j) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante en que apareza recollido o seu obxecto social.

6.2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, corrixa as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fai, considerarase que desiste da súa solicitude, logo da resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Avaliación das solicitudes.

Para a avaliación das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

a) Axentes cooperantes e obxecto da acción (valoración máxima 110 puntos):

1º. Proxectos de cooperación que se desenvolvan en colaboración coa rede de centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural, en función da porcentaxe que supoña o custo das actividades desenvolvidas por estes centros sobre o custo total da iniciativa de cooperación.

1º.1. Porcentaxe do 15 % (1 punto).

1º.2. Porcentaxe entre 15 % e 17 % (4 puntos).

1º.3. Porcentaxe entre 17 % e 19 % (6 puntos).

1º.4. Porcentaxe entre 19 % e 21 % (8 puntos).

1º.5. Porcentaxe entre 21 % e 23 % (10 puntos).

1º.6. Porcentaxe entre 23 % e 25 % (14 puntos).

1º.7. Porcentaxe superior ao 25 % (20 puntos).

2º. Proxectos en que participen directamente consellos reguladores (7 puntos).

3º. Proxectos en que participen directamente cooperativas ou asociacións agrogandeiras e/ou forestais legalmente constituídas (5 puntos por cooperativa ou asociación participante ata un máximo de 20 puntos).

4º. Proxectos en que participen varios centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural.

4º.1. Participación de 2 centros públicos (15 puntos).

4º.2. Participacións de 3 ou máis centros públicos (25 puntos).

5º. Proxectos en que participan directamente produtores primarios (20 puntos).

6º. Proxectos que impliquen a mobilización e utilización directa de terras (8 puntos).

7º. Proxectos que promovan directamente a conservación e melloras ambientais (5 puntos).

8º. Proxectos correspondentes á área da produción de enerxías renovables de orixe agroforestal (5 puntos).

b) Calidade técnica da proposta e grao de innovación (valoración máxima 160 puntos):

1º. Calidade técnica dos membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación (ata 80 puntos):

1º.1. Por membro con titulación de doutor (5 puntos, ata un máximo de 25 puntos).

1º.2. Por membro con titulación universitaria superior ou equivalente (2 puntos, ata un máximo de 10 puntos).

1º.3. Por membro con titulación universitaria media ou equivalente (1 punto, ata un máximo de 5 puntos).

1º.4. Por membro en formación (1 punto por membro, ata un máximo de 5 puntos).

1º.5. Por participación en proxectos I+D+i (1 punto por membro e proxecto, ata un máximo de 20 puntos).

1º.6. Por experiencia nos temas que se vaian tratar (1 punto por proxecto de temática similar, ata un máximo de 15 puntos).

2º. Calidade técnica dos membros da entidade solicitante participantes na acción de cooperación (ata 80 puntos):

2º.1. Por membro con titulación universitaria relacionada co proxecto (5 puntos, ata un máximo de 25 puntos).

2º.2. Por participación en proxectos de I+D+i (1 punto por membro e proxecto, ata un máximo de 20 puntos).

2º.3. Por participación en accións de transferencia tecnolóxica (1 punto por acción e membro, ata un máximo de 20 puntos).

2º.4. Participación en proxectos de I+D+I no sector agrario ou forestal e/ou experiencia temática na iniciativa do proxecto da entidade solicitante (1 punto por proxecto ou experiencia e entidade, ata un máximo de 15 puntos).

c) Impacto previsto da acción de cooperación (valoración máxima 90 puntos):

1º. Conservación e mellora do medio (10 puntos).

2º. Revalorización dos produtos agrarios e forestais (15 puntos).

3º. Redución do consumo e da dependencia enerxética (10 puntos).

4º. Redución dos custos de produción (15 puntos).

5º. Impacto do proxecto na produtividade e sustentabilidade (20 puntos).

6º. Solicitude presentada por unha entidade que teña a súa sede social nun dos concellos das zonas desfavorecidas, definidas na medida 13 do PDR 2014-2020 (20 puntos).

A puntuación total de cada unha das solicitudes presentadas será a suma das diversas puntuacións obtidas nesta epígrafe.

As solicitudes para poder ter acceso á axuda deberán alcanzar un limiar mínimo de 108 puntos, correspondendo á valoración da calidade técnica da proposta e grao de innovación no punto 1º da letra b) e no punto 2º da letra b) desta epígrafe unha puntuación mínima conxunta de 50 puntos. As solicitudes ordenaranse en orde decrecente segundo a puntuación obtida na valoración. No caso de empate, resolverase segundo as solicitudes obtivese maior puntuación nos criterios e orde seguintes:

1. Axentes cooperantes e obxecto da acción.

2. Calidade técnica dos membros da entidade solicitante da acción de cooperación.

3. Calidade técnica dos membros do centro de investigación ou tecnolóxico participante na acción de cooperación.

8. Pagamento das subvencións.

8.1. A entidade beneficiaria deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, coa data límite do 30 de outubro nas anualidades 2016 e 2017, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor, acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario. As solicitudes de pagamentos (anexo V, modelo A) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:

a) Un resumo da execución da subvención en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (co IVE excluído e desagregado) e a data de cada un dos xustificantes agrupados por entidade participante e por conceptos de gastos (anexo V, modelo B).

b) Documentación acreditativa da realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e marcaranse cun selo. Nel indicarase a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando. Neste último caso, indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Considérase admisible o pagamento en metálico nos seguintes supostos e condicións:

1º. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros. Neste caso o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación achegarase coa factura preceptiva.

2º. Para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

3º. As excepcións previstas nos puntos anteriores non serán aplicables aos pagamentos efectuados directamente pola Administración a provedores, que deberán xustificarse mediante a achega dalgún dos documentos indicados na letra b) deste punto.

c) De acordo co establecido no artigo 24 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

1º. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

2º. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Pola diversidade dos gastos subvencionables nestas axudas e polo seu carácter innovador, e naqueles casos de custos de pouca contía, poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

d) No caso de custo de persoal, tanto técnico propio como adicional contratado, con destino específico ao proxecto, deberá achegarse:

1º. Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome e apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa e custo proporcional imputado ao proxecto (retribucións + Seguridade Social), segundo as horas dedicadas por cada traballador mensualmente ao proxecto (anexo V, modelo C e anexo V, modelo D).

2º. Orixinais das nóminas, así como do xustificante de pagamento (transferencias bancarias), TC1 e TC2 e ingreso do imposto sobre a renda das persoas físicas (modelo 111).

3º. Copia compulsada do contrato de traballo no caso de persoal adicional contratado con destino específico ao proxecto.

e) No caso de gastos de viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto (anexo V, modelo E).

f) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

g) No caso dos gastos dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos que colaboran coa entidade solicitante, será suficiente, para xustificar o gasto a emisión dunha única factura onde se reflictan os diferentes conceptos de gasto, debidamente conformada polo responsable da xestión económica e do persoal do centro. Todo iso sen prexuízo da obriga de dispoñer dos correspondentes xustificantes orixinais de execución do gasto de acordo co especificado nas letras a) á e) do presente artigo no momento de emisión da factura, para os efectos de calquera comprobación ou auditoría.

Todos os datos incluídos nos dous documentos anteriores, agás cando explicitamente se indique, formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

h) Presentarase anualmente un informe parcial de resultados, en formato normalizado, no cal se reflectirán os datos do nivel de execución do proxecto (anexo V, modelo F).

i) Cando se trate da última anualidade achegarase, ademais dun informe final de resultados en formato normalizado (anexo V, modelo G), unha memoria en formato libre en que se detallará o desenvolvemento científico-técnico do proxecto, así como os resultados obtidos.

8.2. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que correspondan conforme a lei.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8.3. Para efectuar o pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (anexo V, modelo H). Así mesmo, cando a axuda fose concedida para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado deberase presentar unha declaración complementaria sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais pola entidade beneficiaria (anexo V, modelo I).

8.4. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que deba reintegrar virá determinado pola aplicación de criterios de graduación que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file