Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 7 de xuño de 2016 Páx. 22541

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 9 de maio de 2016 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para formación de persoal en temas de investigación mariña e se procede á súa convocatoria.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúe a esta as competencias en materia de investigación mariña que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Tendo en conta a importancia da investigación científica e da formación en ciencias mariñas no desenvolvemento económico de Galicia, nesta orde procédese á convocatoria de bolsas para que técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior poidan completar a súa formación como persoal auxiliar de investigación mariña, garantíndolles a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida empresarial.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases reguladoras e procede á convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas bolsas os/as solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa, e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar en posesión do título de técnico superior dos ciclos formativos de grao superior nalgunha das especialidades que se relacionan no artigo 3 e obtelo con posterioridade ao 31 de decembro de 2012.

c) Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter desfrutado destas bolsas ou doutras similares en anteriores convocatorias, durante un período dun ano ou superior.

e) Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de oito, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 8 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos euros (800 €).

4. As persoas beneficiarias das bolsas integraranse no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 3 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

5. As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (Cima), que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, e distribuiranse do seguinte xeito:

Familia/Especialidade

Centro

Actividades Marítimo-Pesqueiras/Produción Acuícola

Corón: 2 bolsas

Ribadeo: 2 bolsas

Química/Análise e Control

Corón: 2 bolsas

Sanidade/Anatomía Patolóxica e Citoloxía

Corón: 2 bolsas

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes deberanse presentar preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderanse empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón Servizos de Administración electrónica da páxina: https://sede.xunta.es. Tamén se poderá descargar no enderezo electrónico: www.mar.xunta.gal.

2. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Título académico correspondente (só no caso de non autorizar a súa consulta) ou, no caso de non telo, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

c) Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas.

d) Curriculum vitae do/a solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando cal-quera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

Artigo 5. Consentimentos e autorización

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberanse presentar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das persoas interesadas deberanse xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderalle requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu lugar, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial (www.mar.xunta.gal) a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano; San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: sxt.mar@xunta.es.

Artigo 7. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Os servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporán, nun prazo de dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, de ser o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial (www.mar.xunta.gal). Esta lista estará exposta durante dez días e os interesados poderán durante ese prazo, emendar erros e falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Avaliación e selección

Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados na alínea b) deste artigo.

a) Comisión de avaliación.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente: o subdirector xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

– Secretaria: a xefa do Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión.

– Vogais: tres persoas designadas pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de selección teña que exa-minar as solicitudes, algún dos seus integrantes non pode asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Criterios de valoración.

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1º. Expediente académico: máximo 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaliente: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Aplicarase a fórmula nº puntos/nº de materias+nº de convocatorias.

Para os efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do/a alumno/a como validadas.

2º. Curiculum vitae: máximo 2 puntos.

Valoraranse:

2º.1 Cursos ou formación adecuada para o desenvolvemento da bolsa: ata 0,5 puntos.

2º.2 Cursos de idiomas: ata 0,5 puntos (perfeccionamento de galego: 0,15; inglés 0,15; outros idiomas 0,10).

2º.3 Cursos de informática: ata 0,5 puntos.

2º.4 Carné de conducir: 0,5 puntos.

Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo/a solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente+currículo.

No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, prevalecerá a solicitude de maior nota media do expediente.

Os candidatos serán ordenados por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaránselles aos/ás candidatos/as que acaden maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios/as de bolsa.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. Resolución.

A comisión de selección fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación da conselleira do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará un/unha beneficiario/a por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todos os/as solicitantes admitidos/as, de maior a menor puntuación, para cubriren as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres (3) meses, contados desde a publicación desta orde no DOG.

De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberanse entender desestimadas.

2. Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os/as interesados/as interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non considerarse a presentación deste recurso, poderán os/as interesados/as interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 10. Aceptación da bolsa e pagamento

1. Dentro dos dez días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión no DOG, os/as beneficiarios/as das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado, consideraranse tacitamente aceptadas a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21-5º, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

Así mesmo, presentará unha declaración responsable na cal conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda, agás, de ser o caso, as permitidas no artigo 11.6.

2. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación nunha data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes, respectivamente.

O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o/a bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do/a responsable do/a bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O prazo máximo para a presentación do informe final será dun mes a partir do remate da realización da bolsa.

Artigo 11. Obrigas dos/das bolseiros/as

1. O/a bolseiro/a deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas ás cales se adscriban.

2. Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección dun/dunha titor/a, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

3. Os/as beneficiarios/as deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

4. Ao final do período de desfrute da bolsa, o/a adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo titor/a.

5. Estas bolsas non implican ningunha relación laboral co centro a que estea adscrito/a o/a beneficiario/a, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/as bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

6. O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.

Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a interesado/a, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses por ano e dedicación non superior de media xornada, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 12. Renuncias, procedemento de substitución e interrupcións

No caso de renuncia á bolsa por parte do/da beneficiario/a, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro polo menos con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia.

A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante co candidato suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

De esgotarse os suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá establecer a incorporación como bolseiro/a do primeiro suplente daquela lista que ao criterio da unidade mellor se axuste á finalidade e aos obxectivos do centro.

As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

Artigo 13. Dotación orzamentaria

O financiamento destas bolsas farase con cargo ás partidas orzamentarias 14 03 561A 4800 (153.600,00 €) e 14 03 561A 4840 (9.600,00 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2016-2018, coa seguinte distribución por anos:

2016

2017

2018

14 03 561A 4800

38.400,00

76.800,00

38.400,00

14 03 561A 4840

1.920,00

4.800,00

2.880,00

Total

40.320,00

81.600,00

41.280,00

Artigo 14. Control

As persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control.

As persoas beneficiarias das axudas deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de mora percibidos desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file