Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 14 de xuño de 2016 Páx. 24197

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 65/2016, do 2 de xuño, polo que se modifica o Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

O día 2 de marzo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Nesta norma a Xunta de Galicia establece os prezos públicos exixibles polas prestacións das residencias de tempo libre de Panxón (Pontevedra) e do Carballiño (Ourense), dependentes da Consellería de Política Social, e que están especialmente indicadas para o desfrute do tempo de lecer das familias. Principalmente determínanse os prezos polas estadías e mantenza das persoas residentes e do servizo de comedor para os visitantes. Tamén se inclúen descontos e recargas de prezos.

A experiencia acumulada desde a entrada en vigor do decreto e a prioridade da Xunta de Galicia de executar políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, especialmente daqueles grupos de familias de especial consideración como son as familias numerosas, fan necesario modificar o réxime dos descontos establecidos no decreto.

Por tanto, procede modificar o punto 1 do anexo do Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, no relativo aos descontos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Social, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre

O punto 1.2 do anexo do Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre, queda redactado como segue:

«1.2. Descontos:

– Nenos/as menores de 2 anos que non utilicen os servizos de comedor ou durman nos cuartos dos seus responsables: exentos/as.

– Nenos/as comprendidos entre 2 e os 12 anos: 50 % sobre o importe da estadía.

– Familias numerosas: 30 % sobre o prezo final que resulte da súa estadía.

– Persoas con discapacidade: 10 %.

– Persoas maiores de 60 anos: 10 %.

– Grupos integrados por persoas adultas e nenos/as maiores de 12 anos, que excedan 25 prazas, para a mesma residencia e data en tempada baixa e media: 10 %.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero: 50 %, sempre que a acreditación da dita circunstancia tivese sido emitida nos doce meses anteriores á data da presentación da solicitude por calquera dos motivos recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Os descontos anteriores serán incompatibles entre si agás para as familias numerosas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xuño de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social