Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 16 de xuño de 2016 Páx. 24631

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2016 pola que se convoca un curso sobre normas técnicas de fiscalización dos OCEX para persoal do Consello de Contas e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito o 23 de febreiro de 2016 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello de Contas de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso de normas técnicas de fiscalización dos OCEX (CV16020).

RESOLVO:

Publicar a convocatoria dun curso de normas técnicas de fiscalización dos OCEX, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

O obxectivo do curso é profundar no coñecemento e análise, desde unha perspectiva aplicada, das normas ISSAI-ES e nas guías prácticas de fiscalización dos OCEX.

Segunda. Contido

1. Normas técnicas de fiscalización.

2. Tipos de fiscalizacións.

3. A administración electrónica e o seu impacto nas fiscalizacións.

4. A importancia relativa nas auditorías financeiras.

5. O enfoque de risco.

6. O control interno.

7. Resposta aos riscos valorados.

8. Os informes de auditorías financeiras.

9. A importancia relativa nas fiscalizacións de cumprimento de legalidade.

10. As fiscalizacións de cumprimento de legalidade.

11. Fiscalizacións e fraude.

Terceira. Destinatarios

Persoal vinculado ao control externo e interno do Consello de Contas e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

Número de edicións: unha.

Duración: 15 horas.

Prazas: 50.

Lugar: aula 11 da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4.

Datas: 6, 7, 8 de xullo de 2016.

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas.

Realizarase unha proba final presencial de avaliación do aproveitamento do curso o día 8 de xullo ás 13.00 horas.

Quinta. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

Sexta. Criterios de selección

Orde de inscrición.

Sétima. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Consello de Contas de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Consello de Contas de Galicia reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Consello de Contas de Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Novena. Certificados

Ao remate do curso terán dereito á expedición dun certificado de aproveitamento aqueles alumnos inscritos que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.