Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 21 de xuño de 2016 Páx. 25575

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 3 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Smart Commerce de Galicia 2016 (código de procedemento IN214C).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta por un sector comercial forte e capaz de adaptarse ás novas tendencias. O Plan de impulso ao comercio galego 2015-2020 ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento dunha estratexia de promoción, impulso e mellora da competitividade e modernidade do sector. Así, un dos principais retos recollidos no plan refírese ao establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

Na actualidade, a internet, a innovación tecnolóxica e a economía dixital están impactando de maneira significativa en consumidores e empresas, achegando novas oportunidades para o sector do comercio mediante a creación de novas estratexias de canle de vendas e novas formas de aproveitar as xa existentes.

No ámbito da internet, as redes sociais cambiaron non só os nosos hábitos de socializar e comunicarnos senón tamén os nosos hábitos de consumo. As redes sociais convértense nun punto de encontro permanente e en tempo real co cliente e constitúe a principal ferramenta para coñecer o cliente e conseguintemente para aumentar as vendas. Igualmente, as estratexias de márketing encamíñanse cada vez máis cara ao uso das redes sociais para conseguir un efecto «boca a boca» a grande escala e para fidelizar os seus clientes, cada vez máis informados, formados e influenciados por outras persoas a través da rede.

O m-commerce posiciónase como instrumento clave da estratexia comercial e a innovación tecnolóxica nos dispositivos móbiles e nas aplicacións é a principal vía de acceso á tecnoloxía dixital.

A pesar disto, no ámbito comercial o mundo en liña e mundo fóra de liña, están plenamente interrelacionados e a realidade mostra que o cliente utiliza de forma conxunta cada unha das canles de venda dispoñibles no comercio.

En definitiva, o smart commerce é froito do novo contorno sociodixital en que o comercio tradicional convive co comercio dixital e interactúan co cliente para acadar un comercio intelixente.

Con estes premios búscase valorar o labor dos comercios tradicionais na innovación do comercio a través da innovación tecnolóxica e así visualizar a excelencia e a importancia dos comercios galegos nas novas estratexias comerciais.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito da convocatoria

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen os premios Smart Commerce de Galicia, que se aproban no anexo I, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016 co obxectivo de distinguir aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta.

Os premios do Comercio de Galicia constarán das seguintes categorías:

a) Premio Smart Commerce Galicia, cunha contía de 2.000 euros, na cal se incluirá o premio correspondente á provincia.

b) Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 1.500 euros por provincia.

c) Premio e-Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

d) Premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de 8.500 euros con cargo á partida orzamentaria 09.30.751A.480.0 e estarán suxeitos ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderanse empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia, e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa será de cinco meses.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio a través dos distintos medios:

a) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

b) Páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria:

http://ceei.xunta. al/portada, ou no Portal do comerciante http://portaldocomerciante.xunta.es

c) Nos teléfonos 981 54 55 91 ou 981 54 55 94 da Dirección Xeral de Comercio.

d) No correo electrónico cei.dxc@xunta.es

e) Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria; Edificio Administrativo San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacionais de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

Anexo I
Bases reguladoras dos premios Smart Commerce

Artigo 1. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Smart Commerce como un recoñecemento institucional e social a aqueles comercios que apostan por situar o cliente no centro da súa estratexia, aproveitando todos os recursos á súa disposición co fin de achegarlle a súa oferta.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Os premios do Comercio constarán das seguintes categorías:

a) Premio Smart Commerce Galicia, elixido entre os gañadores do Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 2.000 euros, a cal inclúe o premio correspondente á provincia.

b) Premio Smart Commerce Provincial, cunha contía de 1.500 euros por provincia.

c) Premio e-Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

d) Premio Social Commerce, cunha contía de 1.000 euros.

2. Premio Smart Commerce distinguirá os comercios galegos que na súa xestión comercial executen accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e mellora na fidelización, para o cal se valorará o investimento en novas tecnoloxías, servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web, o teléfono, e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles en liña e fóra de liña.

Premio e-Commerce distinguirá o comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través da internet, para o cal se valorará a transformación dixital.

Premio Social Commerce, distinguirá o comercio galego que amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar a clientes activos e potenciais «sociabilizando» o seu punto de venda.

3. Cada comercio participante non poderá percibir máis que un premio, agás no caso do Premio Smart Commerce de Galicia, que incluirá o Premio Smart Commerce da provincia correspondente.

4. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. A dotación global dos premios é de 8.500 euros con cargo á partida orzamentaria 09.30.751A.480.0.

2. Os/as premiados/as recibirán un diploma e o importe do premio que lles será pagado mediante transferencia bancaria, na conta corrente que indiquen logo de requirimento por parte da Dirección Xeral de Comercio.

3. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os premios regulados ao abeiro desta resolución son compatibles con outras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 4. Requisitos de participación

1. Poderán optar aos premios os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. Cada comerciante solicitará a participación nunha única categoría marcando o recadro correspondente da solicitude.

2. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición e unicamente a Dirección Xeral de Comercio queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas en que se dean algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indican no artigo 3 da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II, deberase presentar a seguinte documentación:

a) Só no caso de non autorizar a súa consulta, documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro da persoa solicitante.

No caso de persoa xurídica e só no caso de denegar expresamente a súa consulta, número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Unha memoria explicativa de todos os aspectos que fundamentan a súa candidatura e documentación acreditativa dos méritos alegados que se consideren relevantes para a valoración da candidatura.

c) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, no caso de que a persoa solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderase presentar o dito documento sen compulsar.

3. Se na solicitude se advirten defectos ou falta de documentación, notifícaráselles aos interesados e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderáselles requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria presentaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 6. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios referidos nesta orde. A dita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de concesión dos premios con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde.

Artigo 7. Selección dos aspirantes ao premio

1. Co obxecto de supervisar e valorar os proxectos, constituirase un xurado que terá a consideración de comisión de valoración e estará integrado por:

a) Presidente/a:

A persoa responsable da Subdirección Xeral de Comercio ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

Ata un máximo de catro vogais designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio, entre persoal técnico da Xunta de Galicia e persoal de recoñecido prestixio no sector comercial.

c) Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comercio.

2. Os/as suplentes, se é o caso, serán designados/as pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio.

Os nomes das persoas integrantes do xurado serán publicados na web do Portal do comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es) con anterioridade ás reunións que se realicen.

3. O xurado proporá, de entre os proxectos presentados, os sete comercios smart de acordo cos aspectos que figuran no artigo 8.

4. O xurado poderá propoñer premios desertos se considera que os proxectos presentados non reúnen os méritos e a calidade necesaria para acadar a distinción, o que se entenderá se non se alcanza a puntuación mínima de 30 puntos.

5. As decisións do xurado especificarán a valoración que corresponde a cada un dos comercios presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Para as categorías Premio Smart Commerce Galicia e Premio Smart Commerce Provincial os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 60 puntos, os seguintes:

a) Servizo e atención ao cliente: servizos á disposición do cliente, dispoñibilidade de servizos adicionais ou complementarios, accións de fidelización e campañas de promoción, presenza en redes sociais e outros métodos de contacto co cliente. Ata 15 puntos.

b) Xestión: ferramentas de xestión empregadas, a utilización de elementos innovadores /TIC no punto de venda, a procura de novos mercados e o grao de integración das canles en liña e fóra de liña do comercio. Ata 15 puntos.

c) Espazo físico do establecemento: características da tenda en canto a innovación en materia de imaxe, decoración e interiorismo. Ata 10 puntos.

d) Produto: tipo de produto, grao de innovación no mix comercial da zona e o deseño e funcionalidade do packaging utilizado. Ata 10 puntos.

e) Compromiso: implantación de medidas concretas de accesibilidade, de sutentabilidade, de carácter social e de cooperación intra e intersectorial. Ata 10 puntos.

2. Para a categoría Premio e-Commerce os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 60 puntos, os seguintes:

a) Deseño, innovación e orixinalidade da páxina web. Ata 20 puntos.

b) Facilidades de compra (manexabilidade da páxina web, rapidez dos envíos, facilidades para o cambio ou devolución). Ata 20 puntos.

c) Adaptabilidade a dispositivos móbiles. Ata 10 puntos.

d) Deseño e funcionalidade do packaging dos envíos. Ata 10 puntos.

3. Para a categoría Premio Social Commerce os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 60 puntos, os seguintes:

a) Número de redes sociais en que está presente. Ata 10 puntos.

b) Calidade e orixinalidade dos perfís. Ata 20 puntos.

c) Referencias do perfil noutros medios de comunicación ou influencers. Ata 10 puntos.

d) Superar os 3.000 seguidores ou «gústame» do perfil. 20 puntos.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento dos premios, a Dirección Xeral de Comercio elevará proposta de resolución á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Portal do comerciante http://portaldocomerciante.xunta.es e notificaráselles aos premiados.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será de cinco meses. Transcorrido o citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexítima aos interesados, entenderase desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 10. Renuncia

1. A renuncia á concesión do premio, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

2. No caso de que se comunique a renuncia, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberanse achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán presentar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderanse acoller ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Comercio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Comercio mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, 3º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

De acordo co artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que se deba efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, de esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Remisión normativa

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file