Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 22 de xuño de 2016 Páx. 25805

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria.

O artigo 27, en harmonía co artigo 5, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece como competencia da Comunidade Autónoma galega a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da cultura e investigación.

Por outra parte, o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9 de outubro).

Ademais, no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 2, alínea d), figura a Secretaría Xeral de Política Lingüística como órgano superior da consellería. Dentro das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co artigo 16, punto 3.1, alínea b), establécese que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, baixo a dirección da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a función de promover a formación e capacitación de universitarios, tanto no ámbito galego como internacional, a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito das humanidades.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira. Obxecto e destinatarios

Por medio desta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de nove bolsas de formación nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que se inclúen como anexos á presente orde e nos cales se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda. Dotación das bolsas e orzamento

A contía das bolsas será de 990 euros brutos mensuais, nos cales van incluídos os custos da Seguridade Social (cota patronal e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio, estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente por unha contía bruta máxima total de 213.840 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 10.30.151A.480.0 e 10.30.151A.484.0, que se destinarán ao pagamento das mensualidades dos bolseiros e das cotas da Seguridade Social, respectivamente. Isto desagrégase nas seguintes anualidades:

– Ano 2016: 35.640 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

– Ano 2017: 106.920 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

– Ano 2018: 71.280 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

A distribución entre as dúas aplicacións faise en base ao recollido na Orde ESS/70/2016, do 30 de xaneiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, contidas na Lei 36/2014, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2015, e se establecen os importes das cotas patronal e obreira por continxencias comúns e profesionais, a cargo da empresa e do traballador, para o persoal en formación de bolsa.

Terceira. Duración

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada tal e como dispón a base décima desta convocatoria; a data estimada de comezo é o 1 de setembro de 2016 e rematarán, en calquera caso, o 31 de agosto de 2018. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.

Cuarta. Requisitos xerais dos/das solicitantes

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarios delas os licenciados/as ou graduados/graduadas universitario/as en quen non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario de licenciado ou licenciada ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2008/09 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar beneficiario dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

f) Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; e deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o Sistema europeo de créditos e o Sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET). A nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola dita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Quinta. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes formalizaranse no modelo ED 109A que se publica como anexo X a esta orde, asinadas polo/a interesado/a.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuarios e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexta. Documentación

1. Xunto coa solicitude (segundo o modelo ED 109A) que figura como anexo X desta orde, onde se indicarán os proxectos aos cales se presente por orde de prelación, presentarase, ademais, a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente cotexada:

Título universitario correspondente, salvo que a persoa interesada non autorice a súa verificación a través do anexo X desta orde. En defecto do título, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

Certificación académica oficial completa, na cal se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta orde. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

Acreditación, salvo que a persoa interesada non autorice a súa verificación a través do anexo X, do coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

Currículo, acompañado da documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos (artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro).

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e número ou código único de rexistro.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa dos requisitos xerais exixidos pola presente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e nos termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Sétima. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte do interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas xuntaranse aos documentos e ás informacións determinados na base sexta desta convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Oitava. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a crpih@cirp.gal.

Novena. Instrución

A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle ao Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, os preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Comisión de Valoración estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Vogais: dous funcionarios da Secretaría Xeral de Política Lingüística e un director dos proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, propostos polo presidente da Comisión de Valoración e nomeados polo secretario xeral de Política Lingüística.

Secretario: o secretario dos consellos científico e executivo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Como órgano auxiliar desta comisión crearase unha comisión asesora coa finalidade de prestarlle apoio técnico, asesoramento e consulta con respecto ás materias dos proxectos para os cales se convocan as bolsas. Estará integrada por cada un dos especialistas nas distintas áreas, propostos polo presidente da Comisión de Valoración e nomeados polo secretario xeral de Política Lingüística.

A composición da Comisión de Valoración farase pública no portal web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que para os efectos se nomee.

A Comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estivesen acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Se ningún dos candidatos/as presentados/as resultase idóneo, a Comisión de Selección poderá establecelo así no seu informe.

Terase en conta, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda, de acordo co establecido no artigo 20.2 .l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décima. Criterios xerais de valoración e procedemento

a) Criterios xerais de valoración de solicitudes.

A Comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente dentro do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo e criterios:

1. O expediente académico: ata un máximo de 10 puntos.

Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

2. Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos.

Pola realización da memoria de licenciatura, sempre relacionada co obxecto da bolsa: 1,5 puntos.

Valoraranse os cursos, mestrados de investigación e diplomas de estudos avanzados (DEA), relacionados co obxecto das bolsas, organizados por organismos públicos, universidades, asociacións profesionais e outros organismos e entidades:

Pola realización de cada mestrado relacionado coa actividade a que se opta: 2,50 puntos.

Pola realización de cada DEA relacionado coa actividade a que se opta: 2 puntos.

Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de menos de 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de 40 ou máis horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

Por cursos con acreditación expresa, relacionados coa actividade a que se opta, de 100 ou máis horas: 0,25 puntos por curso, ata un máximo de 2,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: fotocopia cotexada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 3 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia cotexada dos certificados de participación activa nos referidos congresos.

4. Por publicacións individuais e participación en publicacións colectivas relacionadas coa especialidade da investigación á cal opta, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 3 puntos:

– Por publicacións individuais: 0,50 puntos por publicación.

– Por participación en publicacións colectivas: 0,25 puntos por publicación.

As publicacións que non consignen o ISBN ou o ISSN non se valorarán.

Forma de acreditación: presentación do orixinal ou fotocopia da/s referida/s publicación/s e, no caso de publicacións en formato electrónico, os interesados deberán presentar un informe emitido polo organismo emisor en que certifique o título da publicación, os autores, así como a ligazón onde aparece a mencionada publicación.

Un mesmo mérito alegado nos números 3 e 4 valorarase unha soa vez, ben como comunicación ou ben, de ser o caso, como publicación.

5. Entrevista persoal: a puntuación máxima será de 4 puntos.

A Comisión de Valoración realizará unha entrevista, baixo criterios obxectivos, aos/ás aspirantes que obteñan un mínimo de 9 puntos na fase de valoración de méritos, co fin de avaliar os seus coñecementos sobre o proxecto de investigación concreto.

En caso de empate, terase en conta o expediente académico, en segundo lugar a formación complementaria, en terceiro lugar a presentación de comunicacións en congresos, en cuarto lugar as publicacións, en quinto lugar outros méritos e, finalmente, a entrevista persoal.

b) Procedemento.

Rematado o proceso de avaliación dos méritos sinalados ata o punto 4, confeccionarase unha listaxe coa puntuación dos candidatos. Só os que acaden 9 puntos pasarán á fase da entrevista.

Esta listaxe, xunto co lugar, a data e a hora da entrevista, farase pública na páxina web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Entrevista persoal.

A Comisión de Valoración, que poderá contar co apoio presencial da comisión asesora, realizará unha entrevista, baixo criterios obxectivos, aos aspirantes que obtivesen a puntuación mínima exixida para acceder a ela. Nela valoraranse: o coñecemento do proxecto de investigación concreto e daqueles medios instrumentais necesarios para o que presenta a solicitude (ata 2 puntos); a motivación (ata 1 punto) e a iniciativa (ata 1 punto). Esta entrevista será valorada de 0 a 4 puntos, que se sumarán á puntuación obtida polos aspirantes na fase anterior.

Unha vez realizada a entrevista e tendo en conta os méritos valorados, a Comisión de Valoración elaborará un informe en que se concrete a atribución motivada das puntuacións. O Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. Esta proposta de concesión para a designación dos titulares entre os solicitantes que acadasen a maior puntuación farase pública na páxina web do centro, xunto coa relación de suplentes que accedesen á fase da entrevista, por orde decrecente de puntuación.

No suposto de que unha mesma persoa resultase ser a titular en máis dunha bolsa, atenderase á orde de prelación indicada na solicitude (anexo X), por rigorosa orde de puntuación.

A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renunciase a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

O prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días contados a partir do seguinte ao da data de publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes nos lugares e na forma indicados na base quinta desta convocatoria.

Examinadas as alegacións presentadas, de ser o caso, formularase a proposta de resolución definitiva.

De non presentarse solicitudes, ou de non acadaren as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos, a convocatoria será declarada deserta.

Décimo primeira. Resolución, notificación e publicación

1. O órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva ao secretario xeral de Política Lingüística, quen resolverá, segundo o disposto na disposición adicional da Orde do 11 de xaneiro de 2016, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 10, do 18 de xaneiro), e fará constar a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais aspectos previstos no artigo 34 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A resolución de concesión da bolsa publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web do Centro Ramón Piñeiro e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mediante relación nominal do/da beneficiario/a e suplentes e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos os/as solicitantes, sen prexuízo das notificacións individuais feitas aos/ás beneficiarios/as.

3. Contra esta resolución poderán os/as interesados/as interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o secretario xeral de Política Lingüística no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 3, punto c), da referida Orde do 22 de abril de 2010 (DOG núm. 78, do 27 de abril), ao abeiro do disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

4. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo, sen que sexa notificada a resolución, lexitima os interesados para entender rexeitadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

5. Os/as solicitantes excluídos/as terán un prazo de dous meses a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia para recuperar a documentación presentada.

Décimo segunda. Aceptación da bolsa e incorporación do/da bolseiro/a

Unha vez recibida a notificación da concesión da bolsa, o/a beneficiario/a disporá dun prazo de dez días para comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a súa aceptación ou renuncia. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa polo beneficiario/a, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarios. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo un documento facilitado pola entidade bancaria a nome do/da interesado/a, no cal conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control, onde deberá ser aboada a bolsa.

A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora no prazo dos 15 días seguintes á data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada de atraso, así apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que deberá ser alegada por escrito no referido prazo. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía que debe percibir.

Décimo terceira. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os/as bolseiros/as. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, os/as bolseiros/as quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Décimo cuarta. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido, logo da correspondente certificación emitida pola persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co informe emitido polo director do proxecto de investigación a que estea adscrito/a o/a bolseiro/a, sempre que as actividades de formación do/da bolseiro/a se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Décimo quinta. Condicións, incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/das bolseiros/as

1. Os/as beneficiarios/as das bolsas comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.

2. O secretario xeral de Política Lingüística poderá conceder ou denegar, en función das necesidades do proxecto de investigación a que está adscrito, a interrupción temporal da bolsa, por petición razoada do/da interesado/a, logo do informe do seu director de proxecto. A interrupción non poderá ser superior a tres meses ao longo da duración da bolsa. Estes tres meses dispoñibles poderán fraccionarse como máximo en tres bloques dun mes e non dará lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido. O interesado, nesta interrupción temporal da bolsa, non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa interrupción.

3. Se a formación e o aproveitamento dos/das beneficiarios/as non ten unha evolución positiva nin acada os obxectivos mínimos previstos no programa de formación que lle asignen, a bolsa poderá ser revogada. Isto deberá ser confirmado mediante un informe do director do proxecto, logo de audiencia ao interesado, co visto e prace do coordinador científico do centro. Esta revogación seralle comunicada ao beneficiario/a por escrito no prazo de quince días previos ao fin da bolsa.

Tamén se poderá revogar a bolsa cando o proxecto a que está vinculado deixe de estar vixente, cambie as liñas de investigación ou así o determinen as dispoñibilidades orzamentarias.

4. Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro ou calquera tipo de ingresos habituais pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, excepto con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).

5. O/a bolseiro/a está obrigado a:

a) Formarse no Centro Ramón Piñeiro, en horario de mañá e/ou tarde, non sendo cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar.

b) Realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes mesmos con aproveitamento.

c) Comunicarlle ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a causa que determine a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia (declaración responsable do conxunto de bolsas concedidas e informe do director do proxecto en relación coas actividades de formación realizadas).

d) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos en que participe ou realice no seu proceso de formación a expresión: «Co apoio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia», e achegar un exemplar do traballo publicado.

e) Os beneficiarios deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. No caso de incumprimento das súas obrigas, o/a bolseiro/a deberá proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas xunto cos xuros de mora que lles correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

7. O incumprimento por parte do/da bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Secretaría Xeral de Política Lingüística para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicación dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

c) De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos nel, e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

A concesión da bolsa regulada nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional cuarta

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde, así como para resolvela con base na disposición adicional da Orde do 11 de xaneiro de 2016, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 10, do 18 de xaneiro), e para resolver os recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas conforme o disposto no artigo 3, punto c), da referida Orde do 25 de xaneiro de 2012.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Unha bolsa de formación no proxecto Bibliografía da literatura galega.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Bibliografía da literatura galega que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

– Posuír o título de licenciatura en Filoloxía Galega ou Galego-Portuguesa ou grao en Lingua e Literatura Galegas (con Maior Plus de Lingua e Literatura Galegas); en Estudos de Galego e Español; en Galego e Portugués; estudos lingüísticos e literarios (con Maior Plus, Minor ou Maior en Literatura Galega) ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

Valoraranse especialmente os seguintes méritos, sempre que se relacionen coa materia do proxecto:

– Ter cursado literatura galega e literatura infantil e xuvenil.

– Ter práctica na elaboración de repertorios bibliográficos comentados.

– Posuír coñecementos de informática que inclúan xestión de base de datos en calidade de usuario.

– Estar capacitado para ler bibliografía en linguas estranxeiras de uso habitual na comunidade científica.

ANEXO II

Unha bolsa de formación no proxecto Fraseoloxía galega.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Fraseoloxía galega, participando nos traballos de elaboración da revista Cadernos de fraseoloxía galega e creación do Tesouro de fraseoloxía galega que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, cómpre ter:

– Licenciatura ou grao en Tradución e Interpretación ou en Filoloxía Galega ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

– Coñecemento de inglés equivalente ao nivel B2.

Serán valorados especialmente:

– O coñecemento activo e pasivo da fraseoloxía galega.

– O nivel de mecanografía.

– O coñecemento de alemán.

– O manexo de bases de datos e procesadores de texto.

ANEXO III

Unha bolsa de formación no proxecto Corpus de referencia do galego actual.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Corpus de referencia do galego actual que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

– Posuír algunha das seguintes titulacións: licenciado/a en Filoloxía Galega, Románica, Hispánica, Portuguesa ou Tradución e Interpretación, ou ben graduado/a en Lingua e Literatura Galegas; en Lingua e Literatura Españolas; en Lingua e Literatura Modernas; en Galego e Portugués; estudos lingüísticos e literarios en español ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

Valorarase moi especialmente:

– Ter competencia na introdución de textos en ordenador e no manexo de textos en formato electrónico.

– Ter coñecementos sobre a xestión de bases de datos a nivel de usuario.

– Coñecemento de lingua galega, particularmente o do seu léxico e sintaxe.

– Manexo de bases de datos e procesadores de texto (Word, TextPad, editor XML).

– Coñecemento a nivel usuario de corpus lingüísticos, particularmente o Corga (Corpus de Referencia do Galego Actual).

– Posuír coñecementos sobre gramáticas formais e construción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

ANEXO IV

Unha bolsa de formación no proxecto Cantigas de Santa María.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do macroproxecto Literatura galega medieval que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, atendendo de xeito particular á sección relativa ás Cantigas de Santa María, así como á base de datos bibliográfica BIRMED.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes:

– Ser licenciado/a ou graduado/a en calquera Filoloxía Románica ou Clásica ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

Valoraranse especialmente:

– A participación en publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc., obrigatoriamente en literatura románica medieval, especialmente no campo da literatura galega medieval.

– Ter formación específica en estudos medievais.

– Ter coñecementos básicos de crítica textual.

– Estar capacitado para ler/traducir textos en linguas románicas no estado medieval.

– Estar capacitado para ler bibliografía en linguas estranxeiras de uso habitual na comunidade científica.

– Ter coñecementos de informática a nivel de usuario.

ANEXO V

Unha bolsa de formación no proxecto Prosa literaria medieval.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do macroproxecto Literatura galega medieval que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, atendendo de xeito particular á sección relativa á prosa literaria medieval, así como á base de datos bibliográfica BIRMED.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde, acreditar os seguintes:

– Ser licenciado/a ou graduado/a en calquera titulación da área de humanidades, sempre e cando acredite formación específica en estudos medievais.

Valorarase especialmente:

– A participación (asistencia e/ou comunicación) en simposios, seminarios ou congresos especializados, publicacións científicas, etc., relacionados coa literatura románica medieval.

– Ter coñecementos de informática a nivel de usuario.

– Estar capacitado para ler/traducir textos en linguas románicas no estado medieval.

– Estar capacitado para ler bibliografía en linguas estranxeiras de uso habitual na comunidade científica.

ANEXO VI

Unha bolsa de formación no proxecto Terminoloxía científico-técnica.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Terminoloxía científico-técnica e o adxudicatario da bolsa compaxinará actividades de tradución con traballos de tipo terminolóxico que se desenvolven no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

– Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía ou Tradución e Interpretación ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación dependendo da universidade de procedencia.

– Posuír coñecemento de inglés ou de francés equivalente ao nivel B1.

– Ter formación, polo menos elemental, en terminoloxía ou en lexicografía (demostrable mediante a superación dalgunha materia, publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc.).

Serán valorados especialmente:

– A formación en terminoloxía.

– O coñecemento de lingua galega, particularmente do seu léxico.

– O coñecemento de linguas estranxeiras.

– O manexo de bases de datos e procesadores de texto.

– O nivel de mecanografía.

ANEXO VII

Unha bolsa de formación no proxecto Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

– Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía ou Tradución e Interpretación, ou en Enxeñaría de Telecomunicacións ou en Física ou en Informática ou en Matemáticas ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

Serán valorados especialmente:

– O manexo de procesadores de textos e bases de datos no nivel de usuario.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros.

– Un alto nivel de coñecemento da lingua galega.

– Os coñecementos en fonética acústica e tecnoloxías da fala.

ANEXO VIII

Unha bolsa de formación no proxecto Base de datos do ALIR.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Base de datos do ALIR que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

– Ser licenciado/a ou graduado/a en Filoloxía Galega, Filoloxía Románica, Filoloxía Francesa ou Filoloxía Italiana ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación dependendo da universidade de procedencia.

– Ter coñecementos de lingua francesa.

Valoraranse de maneira especial:

– O coñecemento de linguas estranxeiras, especialmente románicas.

– O dominio de procesador de textos e bases de datos a nivel de usuario.

– A formación e experiencia no ámbito da dialectoloxía e, particularmente, o dominio da transcrición fonética.

ANEXO IX

Unha bolsa de formación no proxecto Dicionarios de literatura.

Esta bolsa ten como finalidade a formación dentro do proxecto Dicionarios de Literatura que se está a realizar no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Requisitos específicos dos/das solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

– Ser licenciado/a ou graduado/a en Teoría da Literatura, en calquera filoloxía ou a mesma titulación universitaria pero con distinta nomenclatura ou denominación, dependendo da universidade de procedencia.

Valoraranse de maneira especial:

– A participación en publicacións científicas, asistencia a simposios, seminarios ou congresos especializados, comunicacións presentadas a congresos, etc., obrigatoriamente no ámbito da teoría literaria ou literatura comparada.

– Estar capacitado para ler bibliografía en linguas estranxeiras de uso habitual na comunidade científica.

missing image file
missing image file