Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 22 de xuño de 2016 Páx. 25832

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 4 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se procede á súa convocatoria (ED 109A).

BDNS (Identif.): 309369

De conformidade co previsto na Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, e conforme o recollido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Orde do 4 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas bolsas os/as licenciados/as ou graduados/graduadas universitarios/as en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta orde, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título universitario de licenciado ou licenciada ou de grao exixido no proxecto para o cal presente a solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2008/09 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar beneficiario/a dunha bolsa en concursos anteriores ou contratos no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 7 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

f) Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación do expediente académico indicará: a data de inicio e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas; deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o Sistema europeo de créditos e o Sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que se deben incluír no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola dita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Segundo. Obxecto

Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Orde do 4 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán o concurso público de nove bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (ED 109A).

As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

O importe total é de 213.840 euros. A contía de cada unha das nove bolsas será de 990 euros brutos mensuais (11.880 € anuais), nos cales van incluídos os custos da Seguridade Social (cota patronal e cota obreira), en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexto. Outros datos

As solicitudes formalizaranse no modelo que se xunta como anexo X a esta convocatoria e deberá xuntárselles a documentación indicada na base sexta da orde.

Sétimo. Proxectos de investigación

Os nove proxectos de investigación concretos en que se poderán formar os correspondentes bolseiros/as son os seguintes:

Bibliografía da literatura galega; Fraseoloxía galega; Corpus de referencia do galego actual; Cantigas de Santa María; Prosa literaria medieval; Terminoloxía científico-técnica; Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala; Base de datos do ALIR e Dicionarios de literatura.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria