Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 23 de xuño de 2016 Páx. 26491

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de xuño de 2016 de inicio do procedemento da elaboración da primeira revisión do Plan forestal de Galicia.

No ano 1992 aprobouse o vixente Plan forestal de Galicia (PFG), que contiña as liñas de acción da Administración galega en materia de política forestal cun horizonte de 40 anos e deseñaba tamén un modelo de monte para conseguir en períodos de oito quinquenios.

Vinte anos despois da aprobación do plan, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 72 e 73 o procedemento para a elaboración e modificación ou revisión do Plan forestal de Galicia como instrumento básico para o deseño e a execución da política forestal galega, así como o procedemento requirido para a súa aprobación.

Pasaron case 25 anos desde a aprobación daquel Plan forestal de Galicia de 1992 como modelo de referencia ata o momento, pero despois do tránsito de século variaron substancialmente tanto o escenario dos espazos e recursos forestais en Galicia, os riscos e ameazas, ou as dificultades, problemas e conflitos que se suscitan no ámbito forestal, como as necesidades, retos e oportunidades de futuro que se presentan para o sector forestal galego. En todo este tempo transcorrido mudaron de xeito considerable as circunstancias, demandas e tendencias en materia de política forestal, tanto en Galicia como no ámbito nacional e internacional, como para considerar conveniente e pertinente proceder á primeira revisión do Plan forestal de Galicia.

Unha vez pasada a primeira década e media do presente século XXI, é imprescindible analizar o cumprimento do Plan forestal de Galicia e o seu modelo de monte para proceder á súa adecuación ás novas circunstancias, demandas e tendencias emerxentes, tanto en Galicia como a nivel nacional e internacional.

O Plan forestal de Galicia concíbese como instrumento de planificación estratéxica da política forestal galega que debe establecer os obxectivos, as directrices e os programas de actuación necesarios para o seu desenvolvemento e a súa execución, segundo as necesidades, demandas, retos e oportunidades que se presentan actualmente para o monte e o sector forestal galego, de acordo cos novos compromisos, requirimentos e tendencias emerxentes en materias de biodiversidade, cambio climático e desenvolvemento rural, no contexto actual sobre emprego e economía verde baixa en carbono existente no ámbito estatal e internacional a nivel mundial e paneuropeo e, en particular, da Unión Europea.

Con tal finalidade, en principio a revisión do Plan forestal de Galicia pretende suscitar a consecución dos seguintes obxectivos xerais da política forestal galega:

– Harmonizar e equilibrar as múltiples funcións, servizos e beneficios dos sistemas forestais para a satisfacción das diversas demandas ambientais, económicas e sociais, de acordo co principio universal de sustentabilidade e multifuncionalidade.

– Proporcionar o marco territorial, sectorial e estrutural necesario para conseguir unha actividade forestal competitiva e facilitar procesos viables dentro dos novos modelos de bioeconomía verde e consumo responsable, de maneira que permitan harmonizar o valor ambiental e socioeconómico dos montes.

– Crear o escenario normativo, administrativo, financeiro e fiscal propicio para xerar oportunidades de actividade económica e emprego no monte e no sector forestal galego, de modo que permitan emprender iniciativas empresariais e contribuír a paliar a actual crise económica, social e ambiental no medio rural.

– Procurar un desenvolvemento socioeconómico sustentable, intelixente e estable no medio rural, de xeito que a política forestal permita contribuír tanto ao desenvolvemento rural sustentable como á conservación e protección do ambiente e mellora da calidade de vida.

– Incorporar a programación da política forestal galega ao novo período de financiamento Feader da Unión Europea e establecer iniciativas e medidas de fomento para a mellora da produtividade e rendibilidade dos recursos forestais, a dinamización socioeconómica do monte e o sector forestal galego, no marco da aplicación do novo Plan de desenvolvemento rural (PDR) en Galicia para o período 2014-2020.

Correspóndelle á Consellería do Medio Rural a formulación da primeira revisión do Plan forestal de Galicia, de acordo coas súas propias competencias, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, como órgano promotor competente, na cal poderán colaborar outras consellerías, por razón de materia e coordinación institucional doutras políticas sectoriais relacionadas coa política forestal de Galicia.

Mediante esta resolución, en cumprimento do artigo 21.1 daLei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 9 de xuño de 2016, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Iniciar o procedemento para a formulación e aprobación da primeira revisión do Plan forestal de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 21 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 72.3 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Proceder á publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Establecer o prazo dun mes, desde a publicación deste acordo, para a formulación do documento previo de revisión do Plan forestal de Galicia.

Cuarto. Encomendar á Consellería do Medio Rural a elaboración da primeira revisión do Plan forestal de Galicia e o impulso e a dirección do procedemento para a súa aprobación.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Tomás Fernández-Couto Juanas
Director xeral de Ordenación e Produción Forestal