Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 26966

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2016.

Os artigos 21.1.b) e 23 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), establece o apoio á implantación de sistemas agroforestais. As súas disposicións de aplicación desenvólvense nos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

Como resposta ás disposicións do citado Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, a Xunta de Galicia elaborou o Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia para o período 2014-2020, no cal se inclúe a medida 8.2 (establecemento e mantemento de sistemas agroforestais), que ten como fin o de fomentar os sistemas agroforestais que combinen o aproveitamento forestal coa actividade agrícola. E neste senso inclúese como actuacións elixibles a implantación de soutos de castiñeiros en montes para a produción de froitos, así como as infraestruturas forestais relacionadas co apoio aos sistemas agroforestais (peches, accesos, etc).

O Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas, establece as normas de aplicación do dito sistema e a súa utilización como instrumento de xestión, no marco do sistema integrado de xestión e control de determinados réximes de axuda relacionados coa superficie da política agrícola común.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.10 do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

Estas axudas están recollidas no Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e foron comunicadas por España á Comisión Europea e publicadas na páxina web da Comisión
(http://ec.europa.eu/competition/elojade/isef/case_details.cfm?proc_code=3_SA_43021) o 20 de outubro de 2015, coa clave SA.43021 (2015/XA).

A Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015 aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 para os efectos da concesión de axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

A Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivos os seguintes:

a) O fomento dos sistemas agroforestais e a súa preservación.

b) O aproveitamento sustentable dos soutos de castiñeiros.

c) O mantemento da actividade agraria nas zonas rurais e, nomeadamente, nas zonas de montaña.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, teñen por obxecto a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes dela, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece o ámbito normativo dos montes ou terreos forestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, constitúe a norma básica de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, os artigos 12, núm. 1.e), 15, núms. do 2 ao 8, e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e a Orde do 31 de xullo de 2007 establece os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito (procedemento MR674A), en réxime de concorrencia competitiva, e proceder á súa convocatoria para o exercicio orzamentario 2016.

2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.b) e 23 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de decembro de 2013, L347).

3. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no apartado 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e con exclusión:

a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.

d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Artigo 3. Tipos de superficies obxecto de axuda

1. Poderán ser obxecto de axuda todo tipo de terreos que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) nos cales a normativa sectorial (urbanística, ambiental, de augas, de patrimonio, etc.) o permita e que estean identificados no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como:

– Forestal (FO).

– Pasto con arboredo (PA).

– Pasto arbustivo (PR).

– Improdutivo (código IM).

– Pasteiro (código PS).

– Froiteiras (código FY).

– Terra arable (TA).

2. En todo caso, será de aplicación o disposto no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro polo que se regula o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas.

3. Nas zonas de monte ou terreo forestal en que se implantará castiñeiro, deberá cumprirse o establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e a normativa de desenvolvemento, especialmente no referente a contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal ou instrumento equivalente conforme o artigo 77 e 8.18 da citada lei e no prazo que establece a disposición transitoria sexta da Lei 7/2012.

4. Non se poderá obter axuda sobre hábitats prioritarios.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro-indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para poder acceder a estas subvencións, as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme este regulamento, unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na alínea c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria, e a veracidade desta declaración comprobarase nos controis sobre o terreo que se realicen.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente despois dunha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 5. Intensidade da axuda

A intensidade de axuda para estas actuacións será do 80 %, e a axuda calcularase sobre o custo real subvencionable do investimento determinado, IVE excluído, no correspondente proxecto técnico.

Artigo 6. Actuacións obxecto de axuda e importes máximos subvencionables

As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:

1. Gastos de plantación forestal:

a) Estes gastos incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, protección da planta mediante protectores, os titores e outros materiais necesarios, así como os de plantación propiamente dita. O proxecto técnico non é subvencionable, e só son elixibles os castiñeiros das especies para froito que figuran no anexo I da orde.

b) O valor máximo do investimento en euros por hectárea de actuación é o seguinte:

– O valor máximo do investimento en euros por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os prezos máximos recollidos no anexo II, é o seguinte, segundo a densidade de plantación:

• 100 plantas/ha (10×10): plantacións de planta enxertada: 2.200 €/plantacións de planta portaenxerto: 1.600 €/ha.

• 69 plantas/ha (12×12): plantacións de planta enxertada: 1.800 €/plantacións de planta portaenxerto: 1.400 €/ha.

• 50 plantas/ha (14×14): plantacións de planta enxertada: 1.500 €/plantacións de planta portaenxerto: 1.200 €/ha.

2. Primas de mantemento.

Está destinada ao coidado, mantemento, enxertía, no caso de ser necesario, e demais traballos posteriores á plantación do castiñeiro para froito que son necesarios para o logro da plantación realizada. Esta prima de mantemento, que se subvenciona con cargo ao PDR, é para tres anualidades alternas e a primeira debe coincidir co ano seguinte ao pagamento final da obra de plantación. O valor máximo por hectárea de actuación que se aplicará é o seguinte:

• 100 plantas/ha (10×10): plantacións de planta enxertada: 400 €.

• 69 plantas/ha (12×12): plantacións de planta enxertada: 350 €.

• 50 plantas/ha (14×14): plantacións de planta enxertada: 300 €.

Esta prima de mantemento non se concederá ás forestacións emprendidas por entidades de dereito público.

3. Infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e cartel das plantacións que se realicen ao abeiro desta orde. Estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:

a) Deberanse localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto da plantación.

b) O valor máximo do investimento en euros por quilómetro de actuación que se calculará aplicando os módulos recollidos no anexo II é o seguinte:

• 255,00 € por cartel (máximo subvencionable un cartel por solicitude).

• 7.000,00 € por km de peche.

c) A repercusión máxima por ha de actuación será a seguinte:

Peche

Euros por ha de actuación

280,00

d) Peche perimetral: poderá ser elixible o peche perimetral, sempre que se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética, ...) independentemente do tipo de beneficiario de que se trate. En todos os casos o peche deberá garantir a protección efectiva dunha área concreta ou de toda a superficie de actuación. No caso de non alcanzar a lonxitude necesaria para iso pola limitación da alínea c) anterior, o treito máximo elixible poderá engadirse a outro/s non subvencionados sempre que con iso se chegue a delimitar totalmente unha área concreta ou toda a superficie de actuación, e se garanta a súa protección. De non ser así, non será elixible.

4. O IVE non é subvencionable.

Artigo 7. Condicións técnicas

As plantacións deberan axustarse ás seguintes condicións técnicas:

1. As densidades mínimas de plantación deberán ser as seguintes:

– A densidade máxima será de 100 plantas/ha (marco 10×10 m) e a mínima de 50 plantas/ha (marco 14×14 m).

2. Especies que hai que utilizar:

– A planta de castiñeiro que se subvenciona é o portaenxerto ou a planta enxertada con algunha das variedades do anexo I (as consideradas de maior interese –amarelante, famosa, garrida, longal, de parede e ventura–; e as de boa actitude de macho polinizador –negral, picona e rapada–).

– En caso de que a planta subvencionada sexa o portaenxerto, o enxerto realizarase obrigatoriamente no ano seguinte á plantación do portaenxerto.

3. Características da planta:

– O portaenxerto deberá cumprir co establecido no Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución, e supletoriamente cos requisitos de procedencia e calidade exterior exixidos polo Real decreto 289/2003, e a súa modificación recollida no Real decreto 1220/2011, do 5 de setembro, e sanitarios regulados polo Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, no xeito en que sexan exixibles pola autoridade competente.

– Empregarase como portaenxerto o castiñeiro (clave B7 do anexo I) ou o castiñeiro híbrido (clave 8 do anexo I) dos clons aprobados oficialmente pola Consellería do Medio Rural na Orde do 16 de abril de 2007 (DOG nº 77, do 20 de abril). A variedade e método utilizados no enxerto terá que ser autorizado, logo de solicitude á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal.

– A produción e a comercialización do material forestal de reprodución deberá proceder dun produtor ou comerciante inscrito no Rexistro Nacional de Produtores e Sementes de Plantas de Viveiro ou un comerciante inscrito no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais.

4. As condicións técnicas mínimas e limitacións de uso que deben observarse figuran no anexo III.

5. A planificación da plantación deberá axustarse ás novas distancias que exixe a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que se concretan no artigo 68 e anexo 2 da lei.

6. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberase cumprir, en todo caso, o disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, que regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, e na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

7. Poderanse tramitar peticións de axuda co obxecto de realizar traballos en montes que teñan subscrito un convenio ou consorcio coa Xunta de Galicia logo de informe de viabilidade do servizo provincial de montes correspondente. Os montes consorciados coa Administración non poden solicitar as axudas dentro da superficie consorciada.

Os montes que teñan un convenio coa Xunta de Galicia, antes de propoñerse a aprobación da axuda, deberán ter un informe do servizo provincial de montes correspondente.

8. En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as axudas solicitadas para traballos de plantación en terreos nos cales o acordo de concentración parcelaria sexa firme. Non obstante, poderanse aprobar as axudas nos casos en que, non sendo firme o acordo, o Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias emita un certificado en que indique o nome do propietario e a manifestación de que o dito predio non vai sufrir cambios.

9. Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas axudas.

10. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico, literario e paisaxístico, delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.

Artigo 8. Condicións técnicas para a redacción do proxecto técnico das actuacións

1. O proxecto das actuacións ten que incluír como cartografía planos sobre mapas oficiais, preferentemente a escala 1:5.000 ou, na súa falta, escala 1:10.000. No caso de comunidades de montes veciñais en man común, deberanse presentar a maiores planos a escala 1:25.000. En caso de agrupacións, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie con que participa cada membro da agrupación e, en calquera caso, ficha Sixpac.

2. Farase constar no proxecto das actuacións se a superficie de actuación comprende zonas de protección lateral do Camiño de Santiago. Solicitaráselle de forma interna informe á autoridade competente en patrimonio cultural. A aprobación da axuda será condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia e os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de execución dos traballos que se estableza na resolución terán en conta este aspecto.

3. Farase constar no proxecto das actuacións se na superficie de actuación existen zonas afectadas pola normativa de patrimonio cultural, especialmente no regulado no Decreto 232/2008, do 2 de outubro. Solicitaráselle de forma interna informe á autoridade competente en patrimonio cultural. A aprobación da axuda será condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia e os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de execución dos traballos que se estableza na resolución terán en conta este aspecto.

4. Farase constar no proxecto das actuacións se a superficie de actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000. Para garantir que as repoboacións toman adecuadamente en consideración os obxectivos de conservación destes lugares, e de conformidade coas directivas 92/43/CEE e 2009/147/CE, solicitarase de forma interna informe á autoridade competente en conservación da natureza. A aprobación da axuda será condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia e os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de execución dos traballos que se estableza na resolución terán en conta este aspecto.

No caso de que o dito informe sexa desfavorable, non se poderá optar á axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun plan de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente en materia de conservación da natureza.

5. O proxecto das actuacións deberá conter como mínimo, o seguinte:

a) Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremeiros, accesos, etc.; adecuación das actuacións ao previsto no instrumento de ordenación ou xestión forestal correspondente, no caso de ser monte ou terreo forestal a superficie de actuación; e tipo, características e profundidade do solo.

b) Descrición das actuacións que se vaian levar a cabo.

– Variedades que se van empregar e xustificación da súa elección, densidade final e traballos de mantemento que se realizaran, coa súa cronoloxía.

– Cartografía: planos sobre mapas oficiais e, en calquera caso, ficha Sixpac.

– Todas as consideracións técnicas descritas nesta orde.

c) Fichas Sixpac e desagregación dos traballos por parcelas e recintos Sixpac por variedades, se for o caso.

d) Orzamento.

e) Ademais dos planos mencionados, a información que fai referencia ás actuacións previstas terá que ser presentada en soporte dixital en formato vectorial. Os arquivos estarán xeorreferenciados sobre o datum ETRS89 en coordenadas UTM sobre o fuso 29N e en formato shape (shp), e teñen que aparecer na correspondente táboa de atributos os datos de tipo e superficie de actuación de cada recinto. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais elaborará unha instrución co fin de asegurar unha homoxeneidade na información vectorial subministrada, en que se detalle o modelo de datos e a codificación alfanumérica das entidades vectoriais (polígonos) que se entreguen.

f) Estudo básico de seguridade e saúde.

g) Prego de condicións técnicas.

6. O proxecto deberá ser adaptado por mor dunha modificación das condicións da axuda resultado das comprobacións da inspección previa ou doutros informes técnicos que o exixan.

7. Deberán respectarse as restricións que a autoridade competente en materia de augas estableza nas zonas próximas ás de dominio público hidráulico.

Artigo 9. Superficie mínima para solicitar as axudas e superficies excluídas

1. Superficie mínima:

a) Para montes veciñais en man común, Sofor, cooperativas agrícolas, proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas ou sociedades e agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas, a superficie de actuación mínima por solicitude para plantación de castiñeiro para froito será de 1 hectárea en couto redondo, tal e como se define no artigo 8.10 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

b) Para propietarios particulares de xeito individual: a superficie de actuación mínima por solicitude será de 0,5 hectáreas en couto redondo.

2. Excluiranse da superficie de actuación os encravados de extensión igual ou superior a 100 m2, liñas eléctricas, pistas, estradas e devasas.

Artigo 10. Compromisos

Os beneficiarios das axudas comprometeranse expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde.

1. Compromisos de mantemento e conservación:

O titular comprométese a manter a plantación conforme as condicións de comprobación e a conservar a masa creada durante a quenda da especie ou, ao menos, 20 anos, e proceder á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante. Así mesmo, deberanse manter operativas as súas infraestruturas de acompañamento.

No caso de sociedades e agrupacións de propietarios legalmente constituídas, comunidades de bens, os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, todos os seus membros comprométense a cumprir todos os compromisos e obrigas establecidos nesta orde, así como na demais normativa concorrente. A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada propietario membro da agrupación. Todos os membros integrantes comprométense a levar unha xestión conxunta da plantación durante a quenda da especie.

2. Se as superficies plantadas se transmitiren en todo ou en parte durante o período de compromiso, adecuaranse as primas á situación do novo titular, e, en todo caso, o novo titular debe cumprir as condicións exixibles para a percepción das axudas que se lle outorgaron.

3. Poderán ter lugar usos gandeiros complementarios cando estes xa non prexudiquen a plantación, logo da autorización do servizo provincial de Montes.

4. Se, unha vez efectuada a solicitude, e antes da plantación, o terreo for obxecto dun incendio forestal ou da queima do mato, o beneficiario deberao comunicar inmediatamente, por escrito, ao servizo de Montes, co obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.

5. No caso de abandono ou destrución da plantación por calquera causa, suspenderanse todas as axudas pendentes ata que sexa restaurada a superficie abandonada ou destruída, total ou parcialmente, sen prexuízo dos compromisos adquiridos e das responsabilidades que deriven. O solicitante estará obrigado a comunicar, no prazo máximo dun mes, os feitos e circunstancias que provocaron a destrución da totalidade ou de parte da plantación.

6. O beneficiario comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural nas materias relacionadas con esta orde.

7. Nos montes conveniados que formen parte do Sistema de xestión forestal sustentable da Xunta de Galicia, os beneficiarios das axudas comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable, que forma parte do Sistema de xestión forestal sustentable da Xunta de Galicia.

8. En todos os casos, e para calquera tipo de titular, o persoal que executou os traballos deberá estar dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social e poderase solicitar en calquera momento que verifique que cumpre o dito requisito.

Artigo 11. Prioridades

1. A totalidade da dispoñibilidade orzamentaria indicada no artigo 21 resérvase para atender as solicitudes presentadas no ámbito xeográfico de produción da indicación xeográfica protexida (IXP) Castaña de Galicia que figura no anexo VI da orde, segundo a seguinte distribución por tipo de beneficiario:

a) Propietarios particulares de xeito individual: 20 %.

b) Sociedades e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrícolas, proindivisos, comunidades de bens, entidades locais e outras persoas xurídicas (sociedades anónimas, limitadas, ...): 40 %.

c) CMVMC con superficie total clasificada inferior ou igual a 50 hectáreas: 20 %.

d) CMVMC con superficie total clasificada superior a 50 hectáreas: 20 %.

No caso de que, unha vez priorizados, de acordo co número 3, os expedientes solicitados non se cubra a totalidade do importe especificado nos distintos puntos, os importes sobrantes pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

2. No caso de que o importe das solicitudes presentadas no ámbito xeográfico de produción da IXP Castaña de Galicia que figura no anexo VI da orde, unha vez que se prioricen as solicitudes de acordo co número 3, non supere o orzamento dispoñible, o remanente empregarase para as solicitudes presentadas fóra da IXP Castaña de Galicia, coa mesma distribución por tipo de beneficiario indicada no punto 1.

3. Establecerase unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación e tipo de beneficiario a que se fai referencia no número 1, tendo en conta que a data de referencia á hora de computar os méritos será a correspondente ao derradeiro día de presentación de solicitudes. As solicitudes presentadas ordenaranse, segundo tipo de beneficiario, de acordo cos criterios de prioridade indicados no seguinte punto, e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible:

a) Para as comunidades de montes veciñais en man común que tivesen investido en melloras do monte, aplicarase a puntuación maior dos tres puntos seguintes:

1. Investimentos de máis dun 40 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 10 puntos.

2. Investimentos dun 50 % a un 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 20 puntos.

3. Investimentos de máis dun 60 % dos seus ingresos no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda: 30 puntos.

b) Por cada membro da comunidade de montes veciñais en man común, da sociedade ou agrupación de propietarios particulares, da cooperativa agrícola, do proindiviso (copropietarios), os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou da comunidade de bens: 1 punto (ata un máximo de 10 puntos).

c) No caso dunha sociedade ou agrupación de propietarios legalmente constituída con xestión conxunta: 10 puntos.

d) Sociedade de fomento forestal rexistrada: 50 puntos.

e) Monte cun proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados (artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e segundo o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia): 10 puntos.

f) Montes con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos.

g) Sociedade ou agrupación de propietarios en zonas de concentración parcelaria forestal: 10 puntos.

h) Comunidade de montes veciñais en man común sen convenio ou consorcio en toda a superficie clasificada da comunidade de montes: 30 puntos.

i) Por solicitude de propietario particular, sociedade ou agrupación de propietarios particulares, de cooperativa agrícola, de proindivisos (copropietarios), de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, ou de comunidades de bens: 20 puntos.

j) Zonas de alto risco de incendio forestal (Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal): 10 puntos.

k) Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000: 10 puntos.

l) Por superficie de implantación de castiñeiros: 5 puntos/ha, ata un máximo de 40 puntos.

m) Actuación en zona clasificada de montaña, de acordo co anexo V da Orde do 29 de xaneiro de 2016 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG nº 20, do 1 de febreiro): 10 puntos.

3. A puntuación máxima que pode acadar unha solicitude será de 65 puntos, mentres que as solicitudes cunha puntuación inferior a 20 puntos non serán subvencionables por non alcanzaren os criterios de priorización mínimos.

4. No caso de empate, desempatarase polos seguintes criterios segundo o tipo de beneficiario a que se fai referencia no número 1 deste artigo:

a) Cando o tipo de beneficiario sexa propietario particular de forma individual (artigo 11.1.a), priorizarase segundo os seguintes criterios:

i) Maior número de parcelas para as cales se solicitou a axuda que estean dadas de alta no Rexistro da Propiedade.

ii) No caso de empate de acordo coa letra i), por maior superficie de actuación.

iii) No caso de seguir co empate de acordo coa letra ii), por maior investimento nas actuacións.

b) Cando o tipo de beneficiario sexa Sofor, sociedades e agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas, cooperativas agrícolas, proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens, entidades locais ou outras persoas xurídicas (sociedades anónimas, limitadas, ...) (artigo 11.1.b), priorizarase segundo os seguintes criterios:

i) Solicitudes que sumen un maior número de propietarios.

ii) No caso de seguir empatados, por maior superficie de actuación.

c) Cando o tipo de beneficiario sexa comunidade de montes veciñais en man común con superficie total clasificada inferior ou igual a 50 hectáreas (artigo 11.1.c), priorizarase segundo a orde dos seguintes criterios:

i) % de reinvestimento nas melloras do monte no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda.

ii) Maior superficie de actuación.

iii) Maior número de comuneiros.

iv) Finalmente, no caso de seguir co empate, por maior superficie clasificada do monte.

d) Cando o tipo de beneficiario sexa comunidade de montes veciñais en man común con superficie total clasificada maior de 50 hectáreas (artigo 11.1.d), priorizarase segundo a orde dos seguintes criterios:

i) % de reinvestimento nas melloras do monte no último exercicio fiscal pechado anterior á solicitude da axuda.

ii) Maior superficie de actuación.

iii) Maior número de comuneiros.

iv) Finalmente, no caso de seguir co empate, por maior superficie clasificada do monte.

5. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes solicitados, non se consuma a totalidade do importe especificado nos distintos puntos da distribución do crédito detallado no número 1, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

Artigo 12. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de entidades locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Neste modelo formalizado de solicitude inclúese unha declaración, ao abeiro do establecido no artigo 20.4 da Lei de subvencións de Galicia, na cal o solicitante declara baixo a súa responsabilidade que todos os datos reflectidos na solicitude/declaración son certos, sen prexuízo da presentación da xustificación acreditativa dos requisitos que nela se reflicten con anterioridade á proposta de resolución da concesión.

Entre outros datos, esta declaración inclúe:

a) Para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común, a declaración responsable de ser titular dos terreos por propiedade ou por contrato de arrendamento ou xestión.

b) Se a superficie de actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000.

c) Que a clasificación urbanística dos terreos obxecto de solicitude permite a realización dos traballos solicitados.

3. O solicitante fará constar na solicitude se a superficie de actuación comprende zonas de protección lateral do Camiño de Santiago, se está afectada pola normativa de patrimonio cultural de Galicia, conforme o Decreto 232/2008, do 2 de outubro, e calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materias distintas da forestal.

Nestes casos, solicitarase de forma interna informe ao órgano competente por razón da materia e a aprobación da axuda será condicionada ao contido do informe da autoridade competente nesa materia, os traballos non poderán comezar ata o seu pronunciamento e deberán ser levados a cabo nas condicións que determine. O prazo de execución dos traballos que se estableza na resolución terán en conta este aspecto.

En caso de que o dito informe sexa desfavorable, non se poderá optar á axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun plan de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente na materia.

4. Deberán presentar a solicitude correctamente completada, conforme o anexo VII. A solicitude terá a consideración de declaración responsable. Os datos da solicitude que se citan deseguido:

– Datos da persoa solicitante.

– Datos do tipo de solicitante.

– Outros datos.

– Datos do investimento.

– Datos Sixpac.

Son esenciais para a súa priorización, polo que a inexactitude, falsidade ou omisión de calquera dos datos determinará a imposibilidade de continuar coa tramitación da subvención e dará lugar á inadmisión da solicitude, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que der lugar.

Os datos que non veñan recollidos na solicitude non se terán en conta na priorización.

A persoa que asina a solicitude deberá declarar o seu número de teléfono de contacto.

5. Toda a información está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos

Tamén se poderá acceder a través da Oficina Agraria Virtual (OAV), dispoñible no enderezo http://emediorural.xunta.es/oav

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Prazos

1. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria.

2. Soamente se poderá presentar unha solicitude por titular e ano e para os terreos que se atopen nun mesmo concello, agás no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais, nas cales o 50 % dos seus membros deberá ser distinto. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberase empregar un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.

3. Os traballos obxecto da subvención non poderán iniciarse antes da aprobación da solicitude da axuda nin antes da inspección previa a que se fai referencia no artigo 16.

Artigo 14. Documentación

1. Documentación que hai que presentar xunto coa solicitude:

a) Documentación xeral:

a.1) Copia do DNI da persoa solicitante, no caso de ser unha persoa física, ou dos membros que constitúen os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío ou fabeo ou comunidades de bens, no caso de non autorizar a súa consulta.

a.2) Copia do NIF da entidade solicitante no caso de denegar expresamente a súa consulta.

a.3) Declaración doutras axudas segundo o anexo VII desta orde.

No caso do representante, e de acordo co artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberá acreditar esa representación mediante algún dos seguintes medios de acreditación:

A. Por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna:

1. Poder notarial.

2. Representación legal:

– Autorización asinada.

– Copia do DNI da persoa que autoriza, só no caso de non autorizar a súa consulta.

– Copia do DNI da persoa autorizada cotexado co orixinal por un funcionario público, só no caso de non autorizar a súa consulta.

Polas persoas xurídicas actuarán as persoas que teñan, no momento en que se produzan as actuacións correspondentes, a titularidade dos órganos a quen corresponda a súa representación, por disposición de lei ou por acordo validamente adoptado e deben acreditar dita representación cos seguintes documentos:

1. Copia do DNI do representante legal da entidade, só no caso de non autorizaren a súa consulta.

2. Copia de escrituras ou poderes onde se acredite a representación legal.

3. Copia do DNI da persoa autorizada cotexado co orixinal por un funcionario público, só no caso de non autorizar a súa consulta.

B. Mediante declaración en comparecencia persoal do interesado (apud acta):

O levantamento da acta será realizado por un funcionario público deixando constancia de que a partir dese momento un suxeito actuará como representante doutro, e desde ese momento a persoa representada apartarase do procedemento e dirixirá as seguintes actuacións ao representante.

b) Documentación específica:

b.1) Para agrupacións formalmente constituídas en trámites de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia, presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos compoñentes da agrupación o anexo VIII ou acordo de cesión.

b.2) Para proindivisos, de varas, fabeo, voceríos, de voces, abertais e comunidades de bens, presentarán debidamente asinado por todos e cada un dos seus compoñentes o anexo IX (acordo de compromisos e obrigas).

2. Documentación que hai que presentar unha vez que sexa requirido pola Administración de acordo co establecido no artigo 15.4 desta orde:

• Documentación xeral:

a) Documentación acreditativa dos méritos reflectidos na declaración xurada.

b) As comunidades de montes veciñais en man común, as sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas, cooperativas agrícolas, proindivisos, de varas, abertais, de voces, voceríos, de fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e os propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas deberán presentar o proxecto e unha copia, asinado por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, e o nomeamento do director de obra.

c) Documento descritivo das actuacións, ou anexo XII, no caso de propietarios particulares de xeito individual que soliciten axuda para unha superficie de actuación inferior a 10 hectáreas.

d) Unha copia compulsada do documento que acredite a titularidade dos terreos.

• Documentación para comunidades de montes veciñais en man común:

– Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir axudas á Consellería do Medio Rural para a execución das accións obxecto da solicitude.

• Documentación complementaria:

a) Para agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas: NIF e documento acreditativo de constitución desta onde consten as persoas que forman parte da dita sociedade ou agrupación.

A agrupación deberá estar de alta no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia na data do remate do prazo concedido no requirimento para achega da documentación acreditativa dos méritos.

b) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.

c) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.

d) No caso de entidades locais: certificado do secretario municipal conforme foi informada a comisión de goberno da solicitude de axuda.

e) No caso dos proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens deberán presentar a xustificación acreditativa da representación na persoa designada na solicitude mediante constancia fidedigna en documento público ou comparecencia persoal ante un funcionario desta Administración pública.

f) Para todos: declaración responsable na que relacionen as parcelas Sixpac, a súa clasificación catastral e a urbanística para a superficie para a cal solicitan a axuda (anexo XIII).

Artigo 15. Tramitación

1. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

2. A solicitude presentada enviarase, revisarase e codificarase nos servizos de Montes provinciais. As solicitudes que non tivesen completado os campos obrigatorios establecidos no artigo 12.4 desta orde non serán admitidas a trámite.

3. Os servizos provinciais de Montes examinarán as solicitudes presentadas e emitirán un informe en que se recollan todas as solicitudes que se axustan ás condicións requiridas nesta orde, así como as que non se axustan, indicando a súa causa de incumprimento, e elevarano á Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

A Subdirección Xeral de Recursos Forestais, como órgano instrutor, clasificaraas por orde decrecente segundo os criterios de prioridade establecidos no artigo 11 desta orde, e emitirá un informe en que se reflicta a relación de solicitudes admitidas e clasificadas na orde de maior a menor para cada unha dos tipos de beneficiario do artigo 11.1, especificando para cales existe suficiente dispoñibilidade orzamentaria, así como as solicitudes que non poden admitirse a trámite por non teren recollido os datos mínimos que se exixen no artigo 12.4 desta orde.

4. A seguir, a Administración requirirá os solicitantes para os cales existe suficiente dispoñibilidade orzamentaria que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, acheguen:

a) A documentación acreditativa dos datos reflectidos na solicitude.

b) O proxecto, xunto cunha copia en formato informático (PDF ou similar), asinado por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal ou equivalente, das actuacións que se levarán a cabo e o nomeamento dun director de obra. No caso dos propietarios particulares de xeito individual con superficie de actuación inferior a 10 hectáreas, será suficiente con presentar cuberto o anexo XII.

c) E, no caso de que a súa solicitude conteña defectos ou omisións, os corrixan, conforme se establece no artigo 72 da Lei 30/1992 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Neste requirimento, indicarase, ademais, de que se non se fixera, terase por desistido da súa petición, previa notificación nos termos que se recollen no artigo 42 da citada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

A notificación deste feito, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva e, de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web da Consellería do Medio Rural á cal se achegará o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

5. Os servizos provinciais de Montes analizarán a documentación xustificativa. No caso de discrepancia entre a solicitude/declaración responsable e a documentación acreditativa dos criterios obxecto da priorización na axuda, dado que se trata dun procedemento por concorrencia competitiva que afecta terceiros, a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.

De ser o caso que o proxecto sexa de cantidade económica superior ao estimado na solicitude, prevalecerá a contía reflectida na solicitude.

De ser o caso que no proxecto a superficie total das parcelas sobre as cales se solicita a axuda non coincida coa superficie total indicada na solicitude, considerarase como unha discrepancia e a solicitude declararase decaída no seu dereito a trámite.

6. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais emitirá un informe onde se reflictan os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubran a dispoñibilidade orzamentaria, os solicitantes que presentaron correctamente a documentación acreditativa a que se refire o artigo 14 desta orde, así como as incidencias que desen lugar ao decaemento en trámite dalgunha solicitude e, elevará a súa proposta ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal para que continúe o procedemento para a súa aprobación e execución das actuacións.

Na aplicación do presente procedemento, requirirase a documentación xustificativa aos seguintes solicitantes que, de acordo coa clasificación a que se refire o artigo 15.3 desta orde, completen de novo a dispoñibilidade orzamentaria, e a seguir procederase do mesmo xeito que se establece desde o artigo 15.4 desta orde, sempre que sexa no exercicio contable da 1ª anualidade.

7. O subdirector xeral de Recursos Forestais formulará a proposta de resolución, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e elevaraa ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal con base nas funcións delegadas pola conselleira do Medio Rural.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da mesma lei.

9. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería do Medio Rural. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida, a finalidade da subvención outorgada, que a actuación se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader encadrado na submedida 8.2 (establecemento e mantemento de sistemas agroforestais) no ámbito da prioridade 5E (fomento da conservación e a captura de carbono nos sectores agrícola e silvícola), así como a indicación das causas da desestimación, e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpoñelos.

Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

10. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 16. Inspección previa

1. Dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, indistintamente, do servizo provincial de Montes ou do distrito forestal, realizarán unha inspección no campo para verificar as superficies, comprobar os datos da solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos tendo en conta o anexo III. Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación.

Unha diferenza superior ao 10 %, en superficie e/ou investimento, entre os datos fornecidos coa solicitude e as comprobacións que resulten na inspección de campo implicará a denegación da axuda. Os resultados das comprobacións feitas nas inspeccións previas serán comunicados aos beneficiarios das axudas.

Artigo 17. Execución e certificación dos traballos

1. Na resolución de concesión indicarase o prazo para a devandita execución dos traballos, que, con carácter xeral, non será inferior a 2 meses. A data límite de xustificación da subvención será o 15 de decembro de 2016.

2. En todos os casos o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores e achegalas antes da data que se estableza na convocatoria de axudas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable, sen que se admitan as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

3. Para os efectos do disposto no artigo 29 punto 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen custos de referencia para cada unidade de obra que supoñen que en ningún caso o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pago con anterioridade á finalización do período de xustificación.

4. O beneficiario poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme o previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O beneficiario poderá subcontratar con terceiros o 100 % do importe do investimento da actividade subvencionada.

Os contratistas quedarán obrigados só fronte ao beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade fronte á Consellería de Medio Rural.

5. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección previa.

Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas, sempre que se acade o mínimo de actuación exixible para obter a axuda.

6. No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa notificación de remate dos traballos supere en máis dun 10 % o importe da comprobación final realizada polos dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda que se perciba resultante da comprobación final na diferenza entre ambos os dous importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

7. Atendendo ao artigo 49 da Lei 30/1992, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como máximo, un mes antes de que acabe o prazo de execución. Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

8. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentada a xustificación dos traballos subvencionados a que se fai referencia no artigo 18, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, e a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 18. Xustificación dos traballos subvencionables

1. A data límite de xustificación dos traballos é a establecida no artigo 17.1 e só serán subvencionables os investimentos que se realicen e das cales se xustifiquen o gasto (factura) e o pagamento (xustificante de pagamento) con posterioridade á data da inspección previa, á que se refire o artigo 16, e como límite na data de comunicación do remate dos traballos. Por tanto, as facturas e os xustificantes de pagamento deberán ter datas entre o día seguinte ao da inspección previa e, como límite, o da data de notificación de remate dos traballos, sempre que se presentasen en prazo.

2. Malia o anterior, no caso de que a persoa beneficiaria da axuda se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios, presentada de acordo coa letra i) do punto 3 deste artigo.

3. Xunto coa notificación de remate dos traballos, achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

– Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas. No caso de solicitudes cunha superficie de actuación igual ou superior a 10 hectáreas, a acreditación deberá estar asinada por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal ou equivalente.

– Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos no anexo II.

– Un detalle doutros ingresos ou axudas que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia e co balance final do proxecto (ingresos e gastos).

c) Arquivo gráfico (medición con GPS) en soporte dixital e formato vectorial tipo «shape» no datum ETRS89 e coordenadas UTM sobre o fuso 29N coa superficie afectada polos traballos de plantación.

d) Documentación fitosantaria da planta, de acordo co Real decreto 289/2003 (pasaporte fitosanitario e documentos do provedor) consonte os modelos especificados no anexo IX do real decreto no xeito en que sexan exixibles pola autoridade competente as especificacións recollidas no Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.

e) Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de superficie inferior a 10 hectáreas, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.

f) Só no caso de montes veciñais en man común, xustificación do cumprimento da obriga de comunicación establecida no artigo 125.7 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; recórdase, que as cotas mínimas de reinvestimento dos montes veciñais serán do 40 % de todos os ingresos xerados.

g) Facturas e xustificantes de gasto. Os xustificantes de gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención e reflectindo, neste último caso, a contía exacta que resulte.

No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, marcándoos cun selo e indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, e indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– Data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea con que realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluída no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albaráns, notas de entrega, facturas proforma, tíckets, recibos nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tales ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

– A factura da planta utilizada ten que estar expedida por un viveiro autorizado e tamén se admitirán as facturas emitidas por comercializadores que veñan acompañadas da copia cotexada da factura do viveiro autorizado ao comercializador. No caso de enxertía na factura figurará a procedencia da variedade empregada para a enxertía.

h) Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

– Presentaranse o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia compulsada e estará selado pola entidade bancaria.

– Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

– No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto del.

– No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

– No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

– No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

i) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda a un terceiro:

– Comunicación dando dereito de cobramento, conforme o modelo que figura no anexo X desta orde.

– Documento público ou privado orixinal polo cal se formalizou a cesión.

– Copia do DNI/NIF/NIE en vigor da persoa cesionaria, agás autorización para a súa obtención á Administración.

– Copia do NIF en vigor da entidade cesionaria, agás autorización para a súa obtención á Administración.

– Orixinal ou copia compulsada do xustificante de pagamento ou de exención do ITP e AXD, cando proceda.

j) Acreditación oficial de que o viveiro está autorizado cando non sexa español.

4. Pagamento da prima de mantemento:

As primas de mantemento poderán ser aboadas, logo de solicitude conforme a orde anual pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, a primeira ao ano seguinte a aquel en que se aboou a certificación final dos traballos de forestación. Coa solicitude presentarase unha factura acompañada do xustificante do pagamento.

As facturas e xustificantes de gasto deberán cumprir co establecido nas alíneas g), h) e, de ser o caso, i) do punto 3 deste artigo.

Artigo 19. Revogacións e reintegros

1. A axuda revogarase ou reintegrarase, se for o caso, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

En xeral:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos sinalados na solicitude.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta orde, na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na Lei 14/2006.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

i) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

E, en particular:

j) Execución de menos do 80 % das accións previstas sen autorización previa ou causa xustificada excepcional ou de forza maior. Para estes efectos, considéranse causas excepcionais ou de forza maior as seguintes:

– Falecemento da persoa beneficiaria.

– Incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.

– Catástrofe grave que afectase gravemente á explotación forestal.

– Enfermidade vexetal que afectase a unha parte ou a totalidade da masa arbórea da persoa beneficiaria.

– Expropiación da totalidade ou dunha parte importante da explotación forestal, se esta expropiación non era previsible o día en que se presentou a solicitude.

k) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente ou, se é o caso, da prórroga concedida.

l) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

m) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario.

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora que se calcularán conforme a normativa vixente, en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación que non poderá fixarse en máis de 60 días e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo devandito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

n) Así mesmo, se no caso de que nos controis administrativos sobre a solicitude de pagamento, controis sobre o terreo e a posteriori nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda, se verifica que non se cumpren as condicións para obter a puntuación aplicada na concorrencia competitiva para a aprobación dos expedientes e non se acada a puntuación mínima exixida para esa aprobación, suporá un incumprimento dos compromisos da aprobación e, igualmente, levará como consecuencia a perda do dereito ou ao reintegro da axuda.

2. Naqueles supostos en que o importe das subvencións recibidas polo beneficiario excedan os custos da actividade, procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

Artigo 20. Controis

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. O beneficiario e o cesionario do dereito de cobramento, se for o caso, comprométense a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a Consellería do Medio Rural, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás instancias comunitarias de control derivadas da aplicación dos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

3. Será de aplicación ás axudas recollidas nesta orde e non se poderá efectuar ningún pagamento sen que antes se realizasen os controis establecidos no punto 4 desta orde, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

4. A Consellería do Medio Rural, ao abeiro do establecido no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, realizará controis administrativos de todas as solicitudes de axuda e de pagamento con respecto a todos os aspectos que sexa posible controlar en relación coa admisibilidade da solicitude, así como controis sobre o terreo antes do pagamento final dunha mostra que represente ao menos o 5 % do gasto público de cada ano civil, así como a posibilidade, se for o caso, de sometemento a controis a posteriori dada a posibilidade de realizar actividades de investimento.

5. Respecto das ofertas presentadas ás que se fai referencia no artigo 17.2, e de acordo co artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os provedores desas ofertas estarán obrigados a prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida e, especialmente, a necesaria para verificar a posible vinculación entre eses provedores.

Artigo 21. Financiamento

1. As accións previstas nesta orde financiaranse no exercicio do ano 2016 con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:

– Año 2016: 2.640.427,00 € na aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0, CP 2016 00208.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito, ou como consecuencia de xeración, ampliación ou incorporación de créditos procedentes desta ou doutras administracións. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Artigo 22. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control nas medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, nas circulares de coodinación emitidas polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) respecto da aplicación de reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2014/2020 (http://www.fega.es/circulares-clasificadas-por-actividad/actividad/Desarrollo%20Rural) e no Plan galego de controis Feader das medidas non establecidas no ámbito do sistema integrado para o período 2014/2020.

Artigo 23. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 24. Obrigas

1. Coidados culturais mínimos:

De acordo co indicado no número 2 do artigo 7 desta orde, no caso de que a planta subvencionada sexa o portaenxerto, a enxertía realizarase obrigatoriamente no ano seguinte á plantación do portaenxerto.

Ademais, durante cinco (5) anos, contados a partir da data de remate dos traballos, realizarase obrigatoriamente, como mínimo, o control da vexetación de competencia e a reposición de calvas e no caso de que o estado da forestación o requira:

a) Podas de formación e de calidade.

b) Fertilización cando o estado da planta o demande.

2. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos de control da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, e as instancias de control comunitarias no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas e a levar un sistema de contabilidade separado, ben como un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ás axudas solicitadas ao abeiro desta orde.

3. O solicitante e o beneficiario están obrigados a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

4. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicalo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo de conformidade coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

5. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago serán comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura e Turismo, co obxecto de contar coa súa autorización previa de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

Artigo 25. Avaliación de impacto ambiental

O solicitante deberá cumprir a normativa en materia de avaliación de impacto ambiental, en concreto, o establecido no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación do impacto ambiental de proxectos e, cando sexa de aplicación, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Artigo 26. Medidas informativas e publicitarias

1. Conforme o establecido no anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, do 17 de xullo, modificado polo Regulamento de execución (UE) nº 669/2016, do 28 de abril, os beneficiarios das axudas deberán cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader. En particular, no caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 euros, deberán colocar polo menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, co deseño que figura no anexo V desta orde, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión e o lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

2. No caso de que na realización dun control a posteriori, que se efectuará nos cinco anos posteriores ao pagamento final da axuda concedida, se verifique o incumprimento do establecido no punto 1 deste artigo, procederase á solicitude de reintegro da subvención concedida.

Artigo 27. Comprobacións

1. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario mentres non exista resolución favorable á petición.

2. A Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, como órgano xestor, antes de levar a cabo a valoración das solicitudes de axuda, comprobará que os beneficiarios cumpren coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. No caso de concesión da axuda, esta comprobación tamén se levará a cabo antes de cada pagamento.

Artigo 28. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar, neste caso, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á Autoridade de Xestión do PDR para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular, en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

Artigo 29. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

Disposición adicional primeira

As axudas concedidas nesta orde son incompatibles con calquera outra axuda concedida sobre a mesma superficie nos últimos cinco (5) anos.

Disposición adicional segunda

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional terceira

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse:

– Polo Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo a axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

– Polo Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

– Pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Pola circular de coordinación do Fega 22/2015: Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2014/2020.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Ordenación e Produción Forestal para ditar as instrucións ou actos de aplicación que considere oportunos para executar esta orde.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

Ángeles Vazquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO I

B7

Castiñeiro

Castanea sativa Mill.

B8

Castiñeiro híbrido

Castanea X hybrida (resistente tinta)

(Clon aprobado por orde da Consellería do Medio Rural)

B28

Castiñeiro enxertado

Castanea spp

(Enxerto das variedades amarelante, famosa, garrida, longal, de parede, ventura, negral, picona e rapada)

BOE nº 101, do 27 de abril de 2016 (anexo II)

ANEXO II

Anexo de prezos máximos atendibles de unidades de obra de plantación

1. Acción previa sobre o mato.

Concepto

Importe

Nº de clave

Ha de roza mecanizada

474,76

2

Importes en euros

2. Preparación do solo.

Concepto

Importe

Nº de clave

Unidade aburatamento de dimensión mínima de 60×60×60 cm mecanizado con retroescavadora

1,06

18

Importes en euros

3. Implantación vexetal.

Concepto

Importe

Nº de clave

Plantación dunha frondosa a raíz núa e acondicionamento de compartimento onde se fixo unha preparación previa do terreo ou sobre aburatamento mecanizado

0,63

48

Plantación manual dunha frondosa de dous zumes ou con máis de 1 m de altura sobre aburatamento mecanizado con retroescavadora ou manual

0,66

17

Importes en euros

4. Outras accións incluíbles na plantación.

Concepto

Importe

Nº de clave

Ha de fertilización (inclúe fertilizante e man de obra)

227,71

19

Unidade de protector de planta, incluso colocado

1,53

41

Unidade de cartel identificativo

255,00

51

Unidade de titor para castiñeiro para froito

0,80

87

Importes en euros

5. Unidade planta.

Concepto

Importe

Nº de clave

Ud. castiñeiro híbrido resistente/sativa de 0,5 ata 1 m, de 1 zume

2,13

26

Ud. castiñeiro híbrido resistente/sativa de máis de 1 ata 2 m, de 1 zume

3,20

27

Ud. castiñeiro híbrido resistente/sativa de 0,5 ata 1 m, de 2 zumes

3,19

85

Ud. castiñeiro híbrido resistente/sativa de máis de 1 ata 2 m, de 2 zumes

4,24

86

Ud. castiñeiro híbrido resistente/sativa de máis de 1 ata 2 m, de 2 zumes enxertado cunha das variedades das sinaladas no punto 7.2.b) desta orde

12,00

88

Importes en euros

6. Infraestruturas de acompañamento das plantacións que se realicen ao abeiro desta orde.

Concepto

Importe

Nº de clave

Metro lineal de peche mediante poste de madeira tratada de 6-8 cm de diámetro e 2 m de altura cada 5 m e malla cinexética

7,58

15

Importes en euros

ANEXO III

Limitacións de uso e condicións técnicas mínimas dos traballos.

Concepto

Condicións técnicas mínimas que deben cumprir os traballos

Condicións da superficie de actuación

Non asolagado e ben drenado

Profundidade do solo superior a un metro

Non pedregoso e pH ácido

Roza mecánica

A altura do mato unha vez rozado non superará os 10 cm

Traballos de preparación do terreo

Marco de plantación:

– Máximo: 14×14-Densidade mínima: 49 plantas/ha

– Mínimo: 10×10-Densidade máxima: 100 plantas/ha

Aburatamento con retroescavadora ou con ripper modificado

Dimensións mínimas do burato: 0,60×0,60×0,60 metros cúbicos

Planta

En altitudes ata 550 m: castiñeiro patrón híbrido

En altitudes superiores a 550 m: Castanea sativa

Limitacións de uso e outras condicións técnicas mínimas dos traballos.

Traballo

Limitacións de uso

Condicións técnicas mínimas que deben
cumprir os traballos

Fertilización completa

• Realizarase con fertilizantes CEE o UE, de aplicación localizada e liberación lenta, adaptados ás características edafolóxicas da zona de plantación, co fin de evitar a contaminación dos acuíferos.

• Os fertilizantes poderán aplicarse en forma de pastillas ou cápsulas resinadas.

Peche

• Xustificación técnica da súa necesidade.

• Peche perimetral que garantirá a protección efectiva dunha área concreta ou de toda a superficie de actuación, coas condicións do artigo 6.3.c) e d).

missing image file

Provincia

Comarca/Concellos

A Coruña

A comarca da Terra de Melide e os concellos de Arzúa e Boimorto (comarca de Arzúa)

Lugo

O conxunto da provincia de Lugo, excepto os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo (comarca da Mariña Occidental), Burela e Foz (comarca da Mariña Central) e Barreiros e Ribadeo (comarca da Mariña Oriental)

Ourense

A totalidade dos concellos da provincia

Pontevedra

As comarcas do Deza e de Tabeirós-Terra de Montes, os concellos de Cotobade, A Lama e Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) e o concello de Cuntis (comarca de Caldas)

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file