Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 27 de xuño de 2016 Páx. 27022

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2016.

BDNS (Identif.): 309866.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para poder acceder a estas subvencións, as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme este regulamento, unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na alínea c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria e a veracidade desta declaración comprobarase nos controis sobre o terreo que se realicen.

6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente despois dunha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito (procedemento MR674A), en réxime de concorrencia competitiva, e proceder á súa convocatoria para o exercicio orzamentario 2016.

2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e con exclusión:

a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.

d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.b) e 23 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de decembro de 2013, L347).

4. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2016.

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse no exercicio do ano 2016 con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:

– Ano 2016: 2.640.427,00 € na aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0, CP 2016 00208.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito ou como consecuencia de xeración, ampliación ou incorporación de créditos procedentes desta ou doutras administracións. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

4. As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son as seguintes:

– Gastos de plantación forestal:

a) Estes gastos incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, protección da planta mediante protectores, os titores e outros materiais necesarios, así como os de plantación propiamente dita. O proxecto non é subvencionable, e só son elixibles os castiñeiros das especies para froito que figuran no anexo I da orde.

b) O valor máximo do investimento en euros por hectárea de actuación é o seguinte:

– O valor máximo do investimento en euros por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os prezos máximos recollidos no anexo II, é o seguinte, segundo a densidade de plantación:

• 100 plantas/ha (10×10): plantacións de planta enxertada: 2.200 €/plantacións de planta portaenxerto: 1.600 €/ha.

• 69 plantas/ha (12×12): plantacións de planta enxertada: 1.800 €/plantacións de planta portaenxerto: 1.400 €/ha.

• 50 plantas/ha (14×14): plantacións de planta enxertada: 1.500 €/plantacións de planta portaenxerto: 1.200 €/ha.

– Primas de mantemento.

Está destinada ao coidado, mantemento, enxertía no caso de ser necesaria e demais traballos posteriores á plantación do castiñeiro para froito que son necesarios para o logro da plantación realizada. Esta prima de mantemento, que se subvenciona con cargo ao PDR, é para tres anualidades alternas e a primeira debe coincidir co ano seguinte ao pagamento final da obra de plantación. O valor máximo por hectárea de actuación que se aplicará é o seguinte:

• 100 plantas/ha (10×10): plantacións de planta enxertada: 400 €.

• 69 plantas/ha (12×12): plantacións de planta enxertada: 350 €.

• 50 plantas/ha (14×14): plantacións de planta enxertada: 300 €.

Esta prima de mantemento non se concederá ás forestacións emprendidas por entidades de dereito público.

– Infraestruturas de acompañamento, obras complementarias e cartel das plantacións que se realicen ao abeiro desta orde. Estarán suxeitas aos seguintes condicionantes:

a) Deberanse localizar dentro ou estremeiras coa área obxecto da plantación.

b) O valor máximo do investimento en euros por quilómetro de actuación que se calculará aplicando os módulos recollidos no anexo II, é o seguinte:

• 255,00 € por cartel (máximo subvencionable un cartel por solicitude).

• 7.000,00 € por quilómetro de peche.

c) A repercusión máxima por hectárea de actuación será a seguinte:

Peche

Euros por ha de actuación

280,00

d) Peche perimetral: poderá ser elixible o peche perimetral sempre que se xustifique a súa necesidade (gando, fauna cinexética, ...), independentemente do tipo de beneficiario de que se trate. En todos os casos o peche deberá garantir a protección efectiva dunha área concreta ou de toda a superficie de actuación. No caso de non alcanzar a lonxitude necesaria para isto pola limitación da alínea c) anterior, o treito máximo elixible poderá engadirse a outro/s non subvencionados sempre que con isto se chegue a delimitar totalmente unha área concreta ou toda a superficie de actuación, garantindo a súa protección. De non ser así, non será elixible.

5. O IVE non é subvencionable.

6. A intensidade de axuda para estas actuacións será do 80 %, e a axuda calcularase sobre o custo real subvencionable do investimento determinado, IVE excluído, no correspondente proxecto técnico.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural