Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 22 de xullo de 2016 Páx. 32191

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

A agricultura galega atópase inmersa nun contexto de mercado moi competitivo e aberto derivado da progresiva liberalización do mercado mundial, da ampliación europea e as sucesivas reformas da PAC.

A racionalización do uso dos factores de produción leva a acometer proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas e que teñan como obxectivo un marcado carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías, así como de incorporación de novos procesos ou de obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias á actividade dos socios, e que promovan o aumento da rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras galegas e a mellora das condicións do traballo.

Vistos o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que establece axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, o Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e Decisión de Execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015 pola que se aproba o Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014_2020.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPITULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2016, no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da medida 4 Investimentos en activos físicos, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR323C).

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán acollerse a estas axudas os seguintes beneficiarios:

a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Sociedades agrarias de transformación (SAT) titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións.

c) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Todos os beneficiarios deberán cumprir o requisito de agricultor activo, segundo as condicións establecidas no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014.

Artigo 3. Requisitos dos beneficiarios

1. Xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

2. Compromiso de exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, durante polo menos cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que nunca será inferior a cinco anos no caso dos bens inscritibles en rexistro público, nin inferior a dous para o resto de bens, e en todo caso, nunca antes do seu período de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, estes extremos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente.

3. As entidades deberán establecer as normas internas de funcionamento que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

4. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria e nacional, coa propia orde e co programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobado pola Unión Europea.

5. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), considerándose que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que, no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, letra 18) do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

6. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

8. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursos os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionado por delitos ou infraccións ambientais.

Artigo 4. Presentación das solicitudes

1. As entidades que estean interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde dirixirán a solicitude de axuda á Consellería do Medio Rural, conforme o modelo normalizado que figura no anexo I.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

8. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

9. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

10. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

11. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a continuación:

a) Instalacións e construcións agropecuarias que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10 % do custo subvencionable.

c) Gastos en honorarios profesionais na redacción do anteproxecto e proxecto que, se é o caso, se requira e vinculados ao obxecto desta orde.

2. Non se concederán axudas para:

a) Os investimentos de simple substitución, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables.

b) Gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

c) Os investimentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos.

d) Os investimentos de carácter forestal.

Artigo 6. Comezo da subvencionabilidade

Serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación da solicitude da axuda en tempo e forma tras a correspondente convocatoria pública, tendo en conta que a simple presentación da solicitude en modo ningún garante a súa aprobación.

Artigo 7. Presentación dos permisos administrativos

Para esta convocatoria, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con esta, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a licenza municipal xunto coa solicitude de axuda ou nun prazo adicional de tres meses desde que remate o prazo de presentación das solicitudes. O mesmo prazo se establece para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda.

Artigo 8. Tramitación e resolución das axudas

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 71.1 e 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Verificado o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, emitirase o correspondente informe do órgano colexiado, que formulará a proposta de resolución á persoa titular da Consellería do Medio Rural. Este órgano estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular desta consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 9. Notificacións

Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta notificación informaranse os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como da medida e da prioridade do PDR da que se trate.

Artigo 10. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos ou conceptos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

3. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se aprobaron deberá ser solicitado cunha anterioridade de polo menos 2 meses antes de que remate o prazo de execución. A autorización destes cambios será anterior á execución destes. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que non supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario.

O prazo para resolver estes cambios será dun mes. Se transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización, esta non se producise, o beneficiario entenderá denegada a súa petición de cambio de investimento.

4. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos que a solicita, recalculándose a axuda segundo corresponda á redución do investimento.

5. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

6. A consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 11. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas remata o 30 de outubro de 2018, inclusive.

2. Atendendo ao artigo 49 da Lei 30/1992, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a metade deste, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse cunha anterioridade de polo menos 1 mes antes de que acabe o prazo de execución.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 12. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa.

Artigo 13. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas (anexo III), tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro total nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Durabilidade dos investimentos: deberá reembolsarse a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pago final ao beneficiario, prodúcese calquera das seguintes circunstancias:

a) Cese ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c) Cambio substancial que afecte a natureza, aos obxectivos ou ás condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. No caso dun pagamento indebido, atendendo ao disposto no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao que se engadirán, no seu caso, os intereses, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Non se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria sexa absorbida ou fusionada por persoa xurídica que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

Artigo 15. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión. En todo caso, os controis levaranse a cabo tendo en conta o Plan galego de controis Feader das medidas non establecidas no ámbito do sistema integrado para o período 2014_2020.

2. Os incumprimentos poderán derivar nos seguintes tipos de penalizacións:

a) Redución: diferenza entre o importe da solicitude de pagamento e o importe determinado ou admisible tras os controis.

b) Sanción: penalización que se aplica ao importe determinado ou admisible tras os controis.

c) Exclusión da axuda e, en determinados casos, do dereito a participar na mesma medida ou liña de axudas.

Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos. Cada unidade xestora determinará:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pago e a decisión de concesión. Para tal efecto tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada. No caso de que o importe da solicitude de pagamento sexa superior ao aprobado axustarase ao límite concedido.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada, mediante control administrativo ou sobre o terreo.

A cantidade a pagar ao beneficiario será a definida no importe b. Cando o importe a supera ao importe b en máis dun 10 %, a cantidade para pagar é igual ao importe b menos a diferenza entre os dous importes, non obstante nunca irá máis alá do importe solicitado.

3. Non se aplicará ningunha redución, sanción ou exclusión nos seguintes supostos:

a) Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior.

b) Cando o incumprimento obedeza a erros obvios.

c) Cando o incumprimento obedeza a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade, e se á persoa afectada por sanción administrativa non lle fora posible detectar o erro.

d) Cando o interesado poida demostrar de forma satisfactoria para autoridade competente que non é responsable do incumprimento das súas obrigas ou se a autoridade competente adquire doutro modo a convicción de que o interesado non é responsable.

e) Cando o incumprimento sexa de carácter menor, segundo defina a Comisión.

f) Outros casos en que a imposición dunha sanción non sexa axeitada, segundo defina a Comisión.

4. Antes do pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non teñen ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

Artigo 17. Publicidade das axudas cofinanciadas polo Feader

Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader. Serán informados tamén os beneficiarios do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016, da Comisión do 28 de abril de 2016, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. Así:

• En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

– O emblema da Unión.

– Unha referencia á axuda do Feader.

• Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

– Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web, e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

– No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 €, colocando ao menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

– No caso de que o interesado se beneficie dunha axuda pública total superior a 500.000€, deberá colocar, nun lugar visible para o público, un cartel temporal de tamaño significativo relativo ás operacións financiadas. Posteriormente, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo no prazo de tres meses a partires da conclusión da operación financiada.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos (bandeira europea e lema Feader) ocuparán como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 18. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos e as informacións previstos nesta norma, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade coa Lei 1/2016 do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigo 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Asemade, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica

Edificio Administrativo San Caetano

San Caetano s/n

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

Artigo 20. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «cofinanciado con Fondos Comunitarios».

3. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizara a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, consignándose todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

l) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

4. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selado, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

CAPITULO II
Convocatoria

Artigo 21. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2016, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014_2020, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde.

Artigo 22. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 23. Documentación que se vai presentar

Para solicitar a axuda do procedemento MR323C, presentarase a seguinte documentación:

a) Anexo I.

b) Anexo II: certificación do acordo do consello reitor para solicitar a subvención.

c) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante, no caso de que se denegue expresamente a súa verificación (se fose o caso).

d) Copia do DNI da persoa representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación (se fose o caso).

e) Copia cotexada dos estatutos da entidade. No caso de novas entidades que presenten por primeira vez a solicitude de axuda, copia cotexada da escritura de constitución e inscrición rexistral.

f) Balances e contas de resultados do último exercicio presentado no rexistro correspondente e realizadas de acordo co plan xeral de contabilidade.

g) Certificación por parte da entidade solicitante na que consten os nomes e data de elección das persoas que compoñen o seu órgano de goberno.

h) Certificación das explotacións agrarias socias ou fusionadas participantes nos investimentos. Identificarase o código de inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, mailo nome do titular da explotación.

i) Certificación de todas as unidades de traballo agrario (UTA). Entendéndose como tal, o traballo efectuado, de modo directo e persoal, por unha persoa dedicada a tempo completo durante un ano á actividade agraria.

Teránse en conta tanto as UTA da propia explotación do beneficiario (no caso de existir), como as UTA das explotacións agrarias socias.

j) Memoria xustificativa da entidade solicitante, asinada polo presidente, que conteña polo menos os seguintes contidos e estrutura:

i. Descrición detallada da entidade asociativa (número de socios, capital social, capital de explotación, instalacións, outros activos, actividades que desenvolve ou pretende desenvolver, etc.).

ii. Relación nominal de socios da entidade solicitante que pretenden participar no proxecto.

k) Tres orzamentos, nos que se detallen claramente os conceptos dos bens polos que se solicita a axuda, de diferentes provedores.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que figure o seu valor de mercado.

l) No caso de investimentos en obra civil, proxecto visado (en soporte dixital) elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente), e a xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras. Así mesmo, no caso de novas construcións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.

m) No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

n) No caso de investimentos relacionadas con operacións en agricultura ecolóxica, certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.

o) Estudo de viabilidade técnico-económica elaborado por técnico ou equipo técnico competente (polo menos deberá formar parte un enxeñeiro agrónomo, enxeñeiro técnico agrícola ou grao universitario equivalente) que deberá incluír:

a. En todos os casos:

i. Definir e xustificar claramente o investimento colectivo a realizar.

ii. Relación e análise técnica das instalacións e medios necesarios acordes co proxecto que se vaia desenvolver.

iii. Plan de investimentos, que incluirá relación dos investimentos que se vaian desenvolver, a súa contía económica e previsión por anos da súa execución.

iv. Orzamento desagregado dos investimentos obxecto da solicitude de axuda.

v. Carga de traballo prevista para desenvolver a actividade vinculada ao proxecto.

vi. Financiamento previsto.

vii. Análise económica da súa viabilidade.

b. No caso de proxectos relacionados coa gandería, ademais do anterior, presentarase un estudo no que se recolla a información e análise seguintes:

i. Referencias do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) (provincia, concello, zona, polígono e parcela) da base territorial da explotación.

ii. Plan de xestión de xurros e/ou estercos da explotación.

Artigo 24. Criterios de selección de operacións

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a) Asociacionismo, número de socios:

1. > 750: 4 puntos.

2. De 151 a 750: 3 puntos.

3. De 31 a 150: 2 puntos.

4. De 6 a 30: 1 punto.

5. De 0 a 5: 0 puntos.

b) Investimentos na explotación agrícola titularidade da entidade asociativa: 4 puntos.

c) Atendendo ao importe neto da cifra de negocio (INCN):

i. 0 € ≤ INCN ≤ 2.000.000 €: 1 punto.

ii. 2.000.000 € < INCN ≤ 10.000.000 €: 2 puntos.

iii. 10.000.000 € < INCN < 25.000.000 €: 3 puntos.

d) Investimento localizado nunha zona de montaña tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014_2020: 3 puntos.

e) Órgano de goberno cunha porcentaxe de mulleres igual ou superior ao 50 %: 2 puntos.

f) Investimentos complementarios aos procesos produtivos das explotacións. Considerarase como complementarios aqueles investimentos que se realicen sobre unha orientación produtiva distinta da principal: 2 puntos.

g) Investimentos de aforro enerxético >50 %: 2 puntos.

h) Investimentos en tecnoloxías novas e eficaces para reducir as emisións de CO2 e NH3: 2 puntos.

i) Investimento localizado nunha zona distinta á de montaña con limitacións naturais significativas ou limitacións específicas tal e como se definen na medida 13 do PDR 2014_2020: 1 punto.

j) Investimentos en proxectos innovadores: 1 punto.

k) Investimentos en proxectos en cooperación cunha operación financiada a través da medida 16 do PDR de Galicia: 1 punto.

4. A puntuación máxima dunha solicitude será de 24 puntos, necesitándose un mínimo de 6 puntos para poder ser subvencionable.

5. No caso de empate en puntos priorizaranse as entidades solicitantes con investimentos en proxectos innovadores, seguido dos investimentos en proxectos de cooperación. Por último, de persistir este empate, priorizaríase segundo a orde dos criterios de selección.

Artigo 25. Contía económica das axudas

1. O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 70 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10 % para investimentos nas zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas.

b) 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco das Asociacións Europeas de Innovación (AEI) en materia de produtividade e sosteñibilidade agrícola.

c) 10 % en investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica.

2. Establécese un investimento mínimo subvencionable de 5.000 € por beneficiario.

Dado o carácter de investimentos colectivos que se subvencionan mediante esta orde, o investimento máximo subvencionable computará individualmente por cada unha das explotacións agrarias socias ou fusionadas que participen no investimento, a razón de 120.000 €/UTA, cun máximo de 500.000 € por explotación, nun período de catro anos referidos ao PDR de Galicia 2014_2020.

Artigo 26. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude (acta de non inicio), agás no caso dos gastos xerais dos proxectos, e ata a data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pago, para os efectos do Regulamento de Execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

3. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

4. Unha vez presentada a solicitude de pagamento dos investimentos, o persoal designado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os correspondentes controis administrativos previos ao pagamento das axudas.

5. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, poderase iniciar o procedemento de revogación da aprobación da solicitude.

6. Poderán realizarse pagamentos á conta, os cales poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

O importe conxunto dos ditos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

De acordo co suposto previsto no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas cun importe subvencionado superior aos 18.000 euros deberán constituír unha garantía bancaria ou unha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe do pagamento á conta, de acordo co referido no artigo 67.3. A dita garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do pagamento á conta.

Artigo 27. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 75 %, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia 13.03.712B 772.0 , para o ano 2016, cincocentos mil euros (500.000), para o ano 2017, un millón cincocentos mil euros (1.500.000) e para o ano 2018, dos millóns de euros (2.000.000). En total catro millóns de euros (4.000.000).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse por:

- A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file