Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 26 de xullo de 2016 Páx. 32358

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 11/2016, do 19 de xullo, de creación dos colexios provinciais de economistas por fusión dos colexios de titulares mercantís e de economistas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Exposición de motivos

De conformidade co disposto no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 14, a constitución dun novo colexio profesional por fusión de dous ou máis colexios correspondentes a distintas profesións farase por lei do Parlamento de Galicia.

Pola súa banda, a Lei 30/2011, do 4 de outubro, sobre a creación do Consello Xeral de Economistas (unificación das organizacións colexiais de economistas e de titulares mercantís), creou o Consello Xeral de Economistas, que representa todos os colexios de economistas, así como os de titulares mercantís que ata agora pertencían ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España e ao Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulares Mercantís de España, respectivamente.

O Consello Xeral de Economistas representará, así mesmo, nos ámbitos estatal e internacional, os intereses dos e das economistas e titulares mercantís, e no artigo 3.1 da Lei 30/2011 establécese que a unificación dos colexios de economistas e dos colexios oficiais de titulares mercantís se rexerá polo disposto na lexislación estatal ou autonómica aplicable sobre colexios profesionais a que estean suxeitos, e establécese tamén no artigo 3.3 da devandita lei que o Consello Xeral de Economistas instará e apoiará os colexios de economistas e os de titulares mercantís para iniciaren e desenvolveren os seus procesos de unificación.

Neste contexto, os respectivos colexios de economistas e de titulares mercantís existentes na Comunidade Autónoma de Galicia solicitaron a fusión de ambas as corporacións a nivel provincial, mediante a creación de catro colexios provinciais de economistas, e o Consello Galego de Economistas mantén a súa personalidade xurídica e asume as funcións de representación dos colexios resultantes da fusión.

As razóns que xustifican esta unificación baséanse en criterios de eficacia e eficiencia na consecución dos obxectivos que deben cumprir como corporacións de dereito público, tanto en relación coa defensa dos intereses das persoas colexiadas como das persoas consumidoras e usuarias, á vez que favorece a interlocución coas administracións públicas, co sector empresarial e coa sociedade no seu conxunto, promovendo unha mellor ordenación das actividades de servizos e o desenvolvemento da economía en xeral.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, procédese mediante esta lei á creación de catro colexios provinciais de economistas, por fusión das organizacións colexiais profesionais de economistas e de titulares mercantís da Comunidade Autónoma de Galicia.

A lei consta dunha exposición de motivos, seis artigos relativos á creación e ao ámbito territorial, á estrutura, ao ámbito persoal, ás relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á igualdade de xénero e composición equilibrada e ao uso do galego, catro disposicións transitorias e unha disposición derradeira.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de creación dos colexios provinciais de economistas por fusión dos colexios de titulares mercantís e de economistas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Creación e ámbito territorial

1. Mediante fusión das organizacións colexiais profesionais de economistas e de titulares mercantís da Comunidade Autónoma de Galicia créanse os seguintes colexios con ámbito territorial provincial:

– Colexio de Economistas da Coruña, por fusión do Colexio de Titulares Mercantís da Coruña e do Colexio de Economistas da Coruña.

– Colexio de Economistas de Lugo, por fusión do Colexio de Titulares Mercantís de Lugo e do Colexio de Economistas de Lugo.

– Colexio de Economistas de Ourense, por fusión do Colexio de Titulares Mercantís de Ourense e do Colexio de Economistas de Ourense.

– Colexio de Economistas de Pontevedra, por fusión do Colexio de Titulares Mercantís de Vigo, do Colexio de Titulares Mercantís de Pontevedra e do Colexio de Economistas de Pontevedra.

2. Os colexios resultantes da fusión, como corporacións de dereito público, terán personalidade xurídica e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins de acordo coa lei, e exercerán as súas funcións dentro do ámbito territorial de cada unha das provincias correspondente á súa denominación.

Artigo 2. Estrutura

A estrutura interna e o funcionamento dos colexios resultantes da fusión serán democráticos e rexeranse nas súas actuacións pola lexislación básica do Estado, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, pola presente lei, polos seus propios estatutos e polas demais normas internas que aproben os colexios.

Artigo 3. Ámbito persoal

1. Os colexios de economistas da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra creados por fusión estarán integrados por todas as persoas colexiadas pertencentes aos colexios fusionados, así como polas que con posterioridade sexan incorporadas ao correspondente colexio, por reuniren os requisitos exixidos para a súa colexiación e dispoñeren da titulación que lles permitise colexiarse en calquera das dúas organizacións colexiais que se unifican, a de economistas ou a de titulares mercantís.

2. Poderán ser colexiados e colexiadas:

a) Ademais dos titulados comprendidos no Real decreto 871/1977, do 26 de abril, os licenciados en Economía, en Administración e Dirección de Empresas, licenciados ou diplomados en Ciencias Empresariais, licenciados en Ciencias Actuariais e Financeiras e licenciados en Investigación e Técnicas de Mercado, as persoas que pola adecuación destes estudos universitarios ao novo Espazo Europeo de Educación Superior teñan a titulación de grao ou máster e cumpran os requisitos recollidos no artigo 9 e seguintes do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. Tamén se poderán colexiar no futuro aquelas persoas que posúan calquera outro título universitario oficial no campo da economía ou da empresa.

b) Todos os colexiados terán os mesmos dereitos e obrigas colexiais, sen prexuízo do establecido nas normas reguladoras das distintas profesións.

c) A incorporación aos colexios provinciais de economistas por fusión dos colexios de titulares mercantís e de economistas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia será voluntaria, sen prexuízo do que dispoña ao respecto a lexislación básica do Estado.

Artigo 4. Relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

Os colexios de economistas e o Consello Galego de Colexios de Economistas da Comunidade Autónoma de Galicia relacionaranse coa Administración autonómica a través da consellaría que teña atribuídas as competencias en materia de colexios profesionais e, no relativo ao contido da profesión, coas consellarías competentes por razón da actividade profesional.

Artigo 5. Igualdade de xénero e composición equilibrada

1. Os estatutos dos colexios ou calquera outra norma organizadora de réxime interno non poderán conter ningunha disposición que supoña discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo, ou desigualdade de trato, de oportunidades ou dereitos e deberes entre mulleres e homes colexiados. O principio de igualdade entre mulleres e homes e a prohibición de calquera forma de discriminación entre eles serán instrumentos xurídicos para ter en conta na interpretación dos estatutos e demais normas internas de organización que aproben os colexios.

2. Terase por non posta calquera disposición e por nulo calquera acordo dos órganos de goberno dos colexios que vulneren o establecido no punto anterior ou calquera principio ou disposición contidos na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

3. Os estatutos definitivos asegurarán a composición o máis paritaria posible nos órganos colexiados de goberno e responsabilidade dos colexios, sen que en ningún caso se poida superar por un dos sexos a porcentaxe do 60 %.

Artigo 6. Uso do galego nas comunicacións

Os colexios e o Consello Galego de Colexios de Economistas procurarán e fomentarán o uso do galego en todas as súas comunicacións, tanto internas coma externas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación de normalización lingüística.

Disposición transitoria primeira. Comisión Xestora

1. A fusión aprobada polas asembleas dos colexios de titulares mercantís e de economistas a nivel provincial rexerase polos acordos adoptados polas respectivas asembleas xerais dos colexios promotores da fusión, protocolizados en escrituras públicas, nos cales se designará a Comisión Xestora formada por nove membros, nomeados un por cada un dos colexios obxecto de fusión.

2. Na designación das persoas integrantes da Comisión Xestora procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

3. A Comisión Xestora exercerá as funcións de impulso e coordinación do proceso de unificación nas catro provincias, garantindo que se realice de forma paralela e simultánea, e asumirá as funcións das comisións de tramitación constituídas a nivel provincial no caso de que estas non acadasen a materialización dos acordos adoptados.

4. A Comisión Xestora actuará como un órgano colexiado, tomará as súas decisións por maioría de dous terzos e elixirá de entre os seus membros a persoa titular da presidencia e a da secretaría da Comisión.

5. A Comisión Xestora, no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, presentará os estatutos provisionais para cada un dos colexios resultantes da fusión, nos cales se regularán a composición e o funcionamento da asemblea colexial constituínte e a forma de designación dos órganos de goberno e as súas funcións. Os estatutos provisionais remitiranse á consellaría da Xunta de Galicia competente, para os efectos de verificar a súa adecuación á legalidade e ordenar, de ser o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Constitución dos colexios de economistas

1. No prazo de dous meses desde a publicación dos estatutos provisionais convocaranse as asembleas constituíntes dos catro colexios resultantes da fusión, nas cales se procederá á aprobación dos estatutos definitivos e á elección dos membros dos respectivos órganos de goberno de cada un dos colexios.

2. Os colexios de economistas da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra quedarán formalmente constituídos e adquirirán personalidade xurídica e plena capacidade de obrar no momento en que se constitúan os seus respectivos órganos de goberno, momento en que quedarán disoltos os colexios promotores da fusión.

3. Os estatutos definitivos, xunto coa certificación da acta da reunión das correspondentes asembleas constituíntes, serán presentados ante a consellaría competente en materia de colexios profesionais, para a verificación da súa legalidade, aprobación definitiva e inscrición no Rexistro de Colexios, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Subrogación

Os colexios resultantes da fusión subróganse en todos os dereitos e obrigas dos colexios promotores da fusión.

Disposición transitoria cuarta. Consello Galego de Colexios de Economistas

Unha vez constituídos formalmente os novos colexios de economistas da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Pontevedra, integraranse no Consello Galego de Colexios de Economistas.

O Consello Galego de Colexios de Economistas, creado polo Decreto 89/2008, do 17 de abril, no prazo de seis meses desde a toma de posesión dos órganos de goberno dos colexios provinciais procederá á modificación dos seus estatutos e da composición da súa xunta de goberno, co obxecto de adaptarse á nova estrutura colexial.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente