Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 28 de xullo de 2016 Páx. 33137

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

No Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, recóllese o compromiso de avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, e establécese como un dos criterios xerais de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito a colaboración coas asociacións e grupos de mulleres.

O VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes ten entre os seus obxectivos fortalecer o tecido asociativo feminino de cara a propiciar a súa adaptación aos retos actuais e de futuro da participación das mulleres e a súa integración en igualdade de condicións no movemento asociativo xeral, consonte as necesidades de incremento cuantitativo da participación das mulleres en todos os ámbitos sociais e incremento cualitativo desta presenza en termos de visibilización e de compromiso social coa igualdade. Así mesmo, cómpre impulsar a participación das mulleres novas no movemento asociativo para promover a súa implicación activa no reto da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e, pola súa vez, facilitar a continuidade xeracional e un pulo innovador ás súas actuacións.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre mulleres e homes.

Neste marco de actuación, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a impulsar e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o que convoca axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións coa finalidade de promover, fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino como elemento clave do cambio de valores e da transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva por razón de xénero, con especial relevancia no ámbito rural para visibilizar e por en valor o papel das mulleres na mellora da calidade de vida, do asentamento da poboación e da dinamización do territorio en termos de igualdade e sustentabilidade.

Nesta actuación establécense dúas liñas axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para o apoio ao desenvolvemento de actuacións ou actividades de sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, e aqueloutras dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro) e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2016 das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, relativas á sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, ou dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

2. Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das liñas previstas no número 1 anterior.

Pola súa vez, para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite subvención.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase un crédito por un importe total de cento oitenta e oito mil euros (188.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.480.0, código proxecto 2016 00020, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, de acordo coa seguinte distribución:

– Liña 1, consolidación do movemento asociativo: ata 94.000 euros.

– Liña 2, promoción de accións singularizadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: ata 94.000 €.

De quedar remanente de crédito nalgunha das liñas unha vez feita a valoración de todas as solicitudes presentadas, poderase destinar o remanente ao financiamento da outra liña, sempre que quedasen solicitudes que, sendo susceptibles de seren subvencionadas, non o fosen por terse esgotada a súa dotación orzamentaria inicial.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de maneira proporcional ás solicitudes presentadas coa documentación completa en cada provincia.

Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia

1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.

Non obstante, estas axudas son incompatibles para o mesmo programa, actuación ou actividade coas subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade convocadas anualmente pola Secretaría Xeral da Igualdade.

2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vai desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstas nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular as seguintes:

a) Ter domicilio social en Galicia.

b) Estar legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

c) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito verificarase de oficio pola unidade de igualdade instrutora do procedemento.

d) Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral.

e) As mulleres socias deben representar, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas, tanto no caso das asociacións como das federacións.

f) Non atoparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

3. Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables e contía da axuda

1. Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2016.

2. Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade.

Poderán ser obxecto de subvención na liña 2 as actuacións e actividades de sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, ou dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos, realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2016, e que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:

a) Actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade: actividades de divulgación, sensibilización e visibilización do papel das mulleres (estudos, campañas, obras de teatro, exposicións e outras actividades análogas) dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral e no ámbito educativo, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero.

b) Actuacións para o empoderamento e participación activa: actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o empoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural, en postos de responsabilidade públicos e privados, e no movemento asociativo.

c) Actuacións dirixidas a facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres: de carácter formativo (cursos ou obradoiros para a adquisición de coñecementos, por exemplo alfabetización dixital ou do uso de novas tecnoloxías da información e comunicación) , así como de carácter cultural, artístico ou de lecer.

No deseño e implementación das actividades culturais, artísticas e de lecer para que poidan ser subvencionables deben ter en conta a perspectiva e o impacto de xénero e estar complementadas con actividades de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade de oportunidades e/ou de prevención da violencia de xénero.

3. Así mesmo, nas actuacións do número 2 deste artigo deberá contemplarse tanto no seu deseño coma no seu desenvolvemento, de ser o caso, as necesidades específicas das persoas con discapacidade.

4. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é de 3.000 €.

O importe da axuda calcularase aplicando ao gasto subvencionable a porcentaxe que resulte da puntuación obtida segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 12 desta resolución, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Na liña 1, consolidación do movemento asociativo, terán a consideración de subvencionables os gastos correntes en bens e servizos derivados do mantemento ou funcionamento das asociacións, xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2016, que respondan, entre outros, aos seguintes conceptos:

a) Gastos de alugamento do local destinado a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación (retribucións salariais, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á seguridade social a cargo da entidade beneficiaria).

d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados do mantemento do local da sede social: luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

g) Gastos de instalación e mantemento de liñas ADSL, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Na liña 2, promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 5.2 xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2016, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal necesario para a execución dos programas: serán subvencionables os gastos do persoal contratado especificamente para o desenvolvemento das actuacións e actividades para as que se solicita axuda, tendo en conta a retribución salarial aplicable pola xornada de traballo realizada para os correspondentes grupos ou categorías profesionais segundo os respectivos convenios colectivos.

Cando a entidade proceda á contratación directa do persoal que vai a desenvolver a actuación ou actividade, a xustificación do gasto farase a través da nómina e documentos xustificativos do seu pagamento, e do ingreso dos seguros sociais e da retención do IRPF.

Cando contrate empresas ou persoas autónomas para o desenvolvemento da actuación ou actividade, a xustificación do gasto farase mediante factura, do documento xustificativo do seu pagamento e, se é o caso, do ingreso do IRPF.

b) Gastos das persoas relatoras: honorarios, aloxamento, transporte.

c) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionado: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación; así como o material de oficina necesario para a súa realización.

d) Outros gastos correntes directamente derivados da realización do programa subvencionado que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores e outros).

En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos.

3. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

4. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación deberán axustarse ao seguinte:

a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (exemplo nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social), estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto no que se reflicte o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, quedando as entidades beneficiarias obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

c) De acordo co establecido no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda. Nestes documentos deben quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento, e será conveniente que no concepto se faga constar o número da factura.

No caso de pagamento mediante cheque terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.

5. No caso de que o orzamento presentado pola entidade solicitante incluíse gastos considerados como non subvencionables por non responder ao previsto neste artigo, estes non serán computados ao obxecto de determinar o orzamento de gastos a ter en conta para a determinación do importe da subvención.

6. No caso de subcontratación da execución total ou parcial da actividade subvencionada, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado por Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 3071992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As copias dos documentos tamén gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.

Artigo 8. Documentación

1. A documentación que se ten que presentar para solicitar as axudas previstas nesta convocatoria é a seguinte:

a) Anexo I: solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa que teña representación para actuar en nome da entidade.

b) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade, acreditativa da representación que ten a persoa que asina a solicitude, así como do seguinte:

– No caso de asociacións, deberá facerse constar o número de persoas asociadas, con indicación do total, así como do número e porcentaxe de socias e, se é o caso, de socios.

– No caso de federacións, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de persoas asociadas en cada unha das ditas asociacións, con indicación do total, así como do número de socias e de socios.

c) Anexo III: memoria explicativa da entidade.

d) Anexo IV: memoria das actividades realizadas no ámbito da igualdade nos últimos dous anos, na cal deberá constar, cando menos, o nome da actividade realizada, o ano, o número de horas, o número de persoas participantes, os contidos impartidos e obxectivos.

e) Anexo V: orzamento desagregado dos gastos subvencionables.

f) Anexo VI, só para o caso da liña 2: memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade para as que se solicita axuda. Deberase presentar unha memoria por cada actividade ou actuación.

g) Copia do DNI da persoa que actúa en representación da entidade solicitante, para o caso de que non autorice a súa consulta no Sistema de verificación de datos do Ministerio de Facenda e Administracións Publicas, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de setembro.

h) Copia do NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no sistema de de verificación de datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

i) Copia dos estatutos da entidade.

j) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida nos anexos III e IV e cuxa extensión non poderá exceder de 6 folios.

2. As entidades ateranse ás especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude, empregando os anexos normalizados previstos neste artigo (anexo I ao VI), non será admitida ningunha outra documentación en substitución deles.

Artigo 9. Consentimento e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos nesta resolución.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar entón a documentación acreditativa nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 10. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da dita lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 11. Instrución dos procedementos e comisión de valoración

1. A instrución dos procedementos corresponde ás unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase en cada delegación unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola/o xefa/e territorial da respectiva delegación e da que formarán parte ademais dúas/dous traballadoras/es designados polo/a respectivo/a xefe/a territorial. Actuará como secretaria/o unha/un traballador/a da xefatura territorial. Se por calquera causa algunha das persoas que a compoñen non pode asistir ás reunións, será substituída pola/o funcionaria/o que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda.

3. A comisión de valoración poderá requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que reunindo todos os requisitos e condicións non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. A comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

1.1. Criterios comúns ás dúas liñas:

a) Actividades organizadas pola entidade solicitante nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero. Para os efectos de valoración, teranse en conta só aquelas actividades relacionadas no anexo IV, que acrediten a súa inequívoca vinculación coa información, a sensibilización ou formación en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero, ata un máximo de 25 puntos, de acordo co seguinte:

– Campañas de difusión e sensibilización: 0,50 puntos por actuación ata un máximo de 5 puntos.

– Actividades informativas sempre que teñan una duración mínima dunha hora: 0,50 puntos por actuación ata un máximo de 5 puntos.

– Actividades formativas para a adquisición de competencias e habilidades básicas e para mellorar a autonomía das mulleres, sempre que teñan una duración mínima de 4 horas: 1 punto por actuación ata un máximo de 10 puntos.

– Actividades culturais, artísticas ou de lecer, que teñan unha duración mínima de 1 hora: 0,25 puntos por actuación ata un máximo de 5 puntos.

b) Domicilio social situado en concellos de zonas rurais ou urbanas en atención á súa cualificación por grao de urbanización (zonas densamente poboadas –ZDP–; zonas intermedias –ZIP–; e zonas pouco poboadas) segundo os estudos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 15 puntos, de acordo co seguinte:

– En ZDP: 6 puntos.

– En ZIP: 10 puntos.

– En ZPP: 15 puntos.

c) Incorporación de socias menores de 40 anos de idade, nos últimos dous anos: ata un máximo de 5 puntos (0,50 puntos por cada unha delas).

d) Incorporación de mulleres con discapacidade, nos últimos dous anos: ata un máximo de 3 puntos (0,50 puntos por cada unha delas).

e) Apoio a asociacións de nova ou recente creación: 4 puntos para aquelas que teñan unha antigüidade non superior a 4 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

f) Achega de fondos propios para o mantemento e/ou funcionamento da entidade ou para o desenvolvemento das actividades da liña 2: ata un máximo de 8 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Ata o 25 % do orzamento total: 2 puntos.

– Máis do 25 % e ata o 50 % do orzamento total: 5 puntos.

– Máis do 50 % do orzamento total: 8 puntos.

1.2. Criterios específicos para a liña 1:

a) Polo número de mulleres asociadas cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións, polo número de entidades que a compoñen, ata un máximo de 18 puntos, de acordo co seguinte:

a.1) No caso de asociacións, 0,20 puntos por cada socia ata un máximo de 18 puntos.

a.2) No caso de federacións, polo número de asociacións integradas na federación, 2 puntos por cada asociación ata un máximo de 18 puntos.

b) Por contar con páxina web propia e actualizada en que se difunda a actividade da asociación ou federación e noticias de interese no ámbito da igualdade de oportunidades: 2 puntos.

1.3. Criterio especifico para a liña 2: calidade técnica da actuación presentada, ata un máximo de 20 puntos segundo a seguinte desagregación:

– Xustificación da necesidade das actividades programadas: ata 6 puntos.

– Idoneidade dos obxectivos e carácter innovador da actuación: ata 8 puntos.

– Metodoloxía e desenvolvemento das actividades: ata 4 puntos.

– Indicadores de avaliación en todas as actividades: ata 2 puntos.

2. Á solicitude que acade maior puntuación corresponderalle, dentro dos límites establecidos no artigo 5.4, unha axuda do 100 % do orzamento elixible; en caso contrario, a contía da axuda reducirase proporcionalmente segundo a puntuación obtida.

No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida en cada criterio de valoración seguindo a orde no que figura no número 1 deste artigo, empezando pola letra a) do número 1.1 ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12 desta resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión de valoración, elevará unha proposta de resolución á/ao xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade. A/o xefa/e territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias sen que, en ningún caso, o importe total das axudas poida superar o límite establecido no artigo 2 desta resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) a súa aceptación e deberá comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra estas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 16. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación subvencionada con data límite do 15 de novembro de 2016, nos lugares sinalados no artigo 7.4 desta resolución.

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo VII: solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade.

b) Anexo VIII: declaración de axudas actualizada á data de xustificación.

c) Anexo IX: certificación do gasto realizado e pagado, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia.

A certificación deberá vir acompañada dos documentos previstos nas letras d), e) e f) deste número, na forma e nos termos indicados no artigo 6 desta resolución.

Para poder ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2016, e estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación.

Os documentos xustificativos do gasto realizado (facturas, nóminas... ou documentos equivalentes) presentaranse en orixinal para a súa conformidade e para seren selados, pola unidade tramitadora correspondente, cun selo que indicará o procedemento para o que se presentan e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada.

d) No caso de gastos de persoal propio da entidade, deberán achegarse os orixinais das nóminas, dos recibos de liquidación da cotización á seguridade social, a liquidación da retención do IRPF e os xustificantes bancarios do seu pagamento.

e) Orixinais das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente dos outros gastos realizados.

Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios do seu pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As facturas deberán traer o IVE desagregado.

f) Os tres orzamentos que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria, segundo o indicado no artigo 6.6 desta resolución.

g) No caso da liña 2, achegarase a memoria de execución da actuación subvencionada, que deberá recoller, como mínimo:

– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

– Valoración do cumprimento dos obxectivos.

– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).

– Publicidade e divulgación que se realizou.

– Número de persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de mulleres participantes con algún tipo de discapacidade.

– Número de mulleres participantes maiores de 65 anos.

– Número de mulleres participantes menores de 40 anos.

– Así como aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.

A dita memoria virá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberá figurar o logo da Secretaría Xeral da Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actuación ou actividade subvencionada.

h) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías, fotocopias, capturas de pantalla da web...) do cumprimento das obrigas de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 18 desta resolución.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención concedida.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de proceder ao seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.

5. Antes de proceder ao pagamento da axuda, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Pagamento da subvención

1. O importe da subvención farase efectivo nun pagamento único, logo da acreditación da realización da actuación ou actividade e da presentación da documentación xustificativa sinalada no artigo anterior.

2. As xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de atoparen conforme a documentación xustificativa, proporán o pagamento do importe concedido ou do resultante da minoración determinada conforme o número 3 deste artigo.

3. Para o caso de que non se xustificase a totalidade do gasto subvencionable tido en conta para a determinación da contía da subvención, a axuda minorarase proporcionalmente.

Artigo 18. Obrigas das beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado que permita unha pista de auditoría suficiente, respecto dos ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. En todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade e nos lugares de realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela.

4. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 19. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 20. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 21. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo asociado a esta resolución, que ten o código SI437A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas unidades de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://www.igualdade.xunta.es, ou nos teléfonos das unidades de igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: igualdade@xunta.gal.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións nos/as xefes/as territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file