Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 4 de agosto de 2016 Páx. 34564

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de xullo de 2016 pola que se adaptan e habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Sanidade.

O 27 de febreiro de 2014 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (plan Achega) co obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar no período 2014-2016 os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Como primeira actuación contida no plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías para a habilitación de procedementos aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013, actualizadas con posterioridade e, se for o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta medida foi configurada como unha liña prioritaria de actuación polo Goberno galego, posto que existen procedementos administrativos que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011, DOG núm. 138, do 23 de setembro) aínda recollían a presentación exclusivamente presencial por parte das súas persoas destinatarias. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Neste marco, e desde o inicio do plan Achega, os traballos de revisión e habilitación na sede electrónica foron as seguintes:

– Mediante a Orde do 2 de xullo de 2014 (DOG nº 132, do 14 de xullo), foron adaptados e incorporados á sede electrónica da Xunta de Galicia 58 procedementos de prazo aberto da Presidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de revisar un total de 99.

– A través da Orde do 22 de abril de 2015 (DOG nº 77, do 24 de abril), 109 procedementos da Consellería do Medio Rural e do Mar habilitáronse electronicamente, logo de revisar un total de 145.

– A través da Orde do 31 de xullo de 2015 (DOG nº 146, do 4 de agosto), 42 procedementos da Consellería de Traballo e Benestar, dun total de 88, foron incorporados para a súa presentación electrónica.

– A través da Orde do 22 de outubro de 2015 (DOG nº 204, do 26 de outubro), 51 procedementos da Consellería de Economía, Emprego e Industria foron incorporados á sede electrónica dun total de 225.

– A través da Orde do 7 de abril de 2016 (DOG nº 69, do 12 de abril), 48 procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda foron incorporados á sede electrónica dun total de 95.

– A través da Orde do 9 de xuño de 2016 (DOG nº 113, do 15 de xuño), 46 procedementos da Consellería de Medio Ambiente foron incorporados á sede electrónica dun total de 86.

A seguir, e seguindo a planificación establecida, levouse a cabo a revisión de todos os procedementos, tanto de prazo aberto como de prazo pechado, correspondentes á Consellería de Sanidade que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda non lles foron aplicadas as pautas de simplificación existentes na actualidade.

En concreto foron revisados un total de 58 procedementos, o que deu como resultado o seguinte:

– 24 procedementos foron dados de baixa por non seren utilizados ou por estaren obsoletos. En concreto, 21 corresponden a procedementos de prazo aberto e 3 a procedementos de prazo pechado.

– 25 procedementos foron preparados para admitir a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde. Ademais, cómpre destacar que 2 destes procedementos son novos e derivan doutros dous existentes que se desagregan coa finalidade de clarificar e facilitar o seu uso e tramitación polos cidadáns.

– 6 procedementos xa foron incorporados á sede electrónica a través da súa propia regulación normativa específica e 3 deles serán incorporados á sede electrónica a través da súa propia regulamentación, e están en tramitación na data de aprobación da presente orde.

Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, un total de 25 procedementos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

Como alternativa, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen prexuízo da obrigatoriedade da utilización de medios electrónicos por parte de determinados suxeitos de conformidade coa normativa vixente.

Así, en virtude do anterior, nun procedemento habilitado a través da presente orde, a sede electrónica configúrase como a canle de uso obrigatorio para a presentación das solicitudes por ter como único destinatario as universidades, onde a súa capacidade profesional está garantida.

Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Ademais, a Xunta de Galicia puxo recentemente á disposición das unidades tramitadoras de procedementos administrativos un sistema para realizar o envío e a xestión de notificacións electrónicas, con xeración de comprobantes da entrega pola persoa emisora e a recepción pola persoa destinataria, conforme a normativa vixente.

Deste xeito, nos 25 procedementos habilitados coa presente orde as persoas interesadas poderán manifestar a súa vontade de que as notificacións que se practiquen sexan realizadas de forma electrónica.

Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Sanidade que figuran no anexo desta orde.

2. Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou a cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Naqueles procedementos que teñan como destinatarias as entidades locais e universidades a presentación de solicitudes será exclusivamente electrónica.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 4. Información do estado da tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación dos procedementos, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados, estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións que se practiquen nos procedementos habilitados nesta orde deberán realizarse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e seguirá o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto que figuran no anexo da presente orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no DOG sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, de 28 xullo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Procedementos habilitados electronicamente a través da presente orde: (25)

• Xa existentes (23):

Código

Denominación

Presentación

SA200A

Reintegro de gastos de prestación farmacéutica ao abeiro do artigo 4 do Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, que engade un novo artigo 94.bis á Lei 29/2006, do 26 de xullo.

Presencial/ electrónica

SA357A

Declaración responsable para a integración das unidades de análise na rede integrada de laboratorios de diagnóstico de triquina da Comunidade Autónoma de Galicia.

Presencial/ electrónica

SA434A

Informe sanitario para concesión de augas de abastecemento.

Presencial/ electrónica

SA451A

Rexistro xeral sanitario de empresas alimentarias e alimentos.

Presencial/ electrónica

SA454A

Notificación de posta no mercado de produtos alimenticios.

Presencial/ electrónica

SA461D

Acreditación para desenvolvemento de actividades con agonistas opiáceos.

Presencial/ electrónica

SA463B

Cancelación no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas.

Presencial/ electrónica

SA463C

Declaración de interese para entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas.

Presencial/ electrónica

SA463D

Inscrición no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas.

Presencial/ electrónica

SA463E

Modificación no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas.

Presencial/ electrónica

SA481A

Autorización de traslado de oficina de farmacia.

Presencial/ electrónica

SA513A

Autorización de funcionamento dos pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes.

Presencial/ electrónica

SA646A

Rexistro de explotacións agrarias elaboradoras de produtos lácteos tradicionais.

Presencial/ electrónica

SA653A

Autorización das industrias transformadoras da especie Acanthocardia tuberculatum.

Presencial/ electrónica

SA655B

Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Electrónica

SA659E

Libro oficial de movemento de biocidas.

Presencial/ electrónica

SA665A

Autorizacións especiais para inhumación antes de 24 horas e exposición de cadáveres en lugares públicos.

Presencial/ electrónica

SA669A

Autorización dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

Presencial/ electrónica

SA673A

Licenza de funcionamento de fabricantes de produtos sanitarios a medida.

Presencial/ electrónica

SA673B

Revalidación da licenza de funcionamento de fabricantes de produtos sanitarios a medida.

Presencial/ electrónica

SA701A

Autorización das entidades de formación do persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose.

Presencial/ electrónica

SA702A

Autorización das entidades de formación de aplicadores de tatuaxe, micropigmentación e piercing.

Presencial/ electrónica

SA703A

Autorización das entidades de formación do persoal operador de aparellos de bronceado.

Presencial/ electrónica

• Procedementos novos (2):

Código

Denominación

Presentación

SA431C

Comunicación da actividade dunha piscina.

Presencial/ electrónica

SA461E

Renovación da acreditación para desenvolvemento de actividades con agonistas opiáceos.

Presencial/ electrónica