Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 4 de agosto de 2016 Páx. 34545

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de xullo de 2016 pola que se crea a tarxeta acreditativa do grao de discapacidade e se regula o procedemento para a súa obtención.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, atribúe a competencia exclusiva en materia de asistencia social á Xunta de Galicia, a cal ten entre os seus obxectivos a promoción e apoio ás persoas con discapacidade.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece como competencia da Xunta de Galicia a creación, mantemento e xestión dos servizos sociais especializados, así como a valoración técnica das situacións que determinen o recoñecemento do dereito aos servizos e prestacións esenciais de carácter material ou económico e determina como unha das funcións dos servizos sociais especializados a de valorar, diagnosticar e intervir ante situacións que requiran dunha alta especialización técnica e, normalmente, interdisciplinar.

A Consellería de Política Social, segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, é o órgano responsable da dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, corresponden á Xunta de Galicia.

O Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade. Neste real decreto establécense os baremos aplicables e determínanse os órganos competentes para realizar o devandito recoñecemento, todo iso coa finalidade de que a valoración e cualificación do grao de discapacidade que afecte a persoa sexa uniforme en todo o territorio do Estado, garantindo a igualdade de condicións para o acceso dos cidadáns aos beneficios, dereitos económicos, prestacións e servizos que os organismos públicos outorguen.

A Orde do 25 de novembro de 2015 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes desenvolve no ámbito da nosa comunidade autónoma as disposicións contidas no citado real decreto.

O procedemento conclúe cunha resolución en que se recoñece un grao de discapacidade expresado nunha porcentaxe, así como a puntuación obtida nos baremos para determinar a necesidade do concurso doutra persoa ou as dificultades de mobilidade para utilizar transportes colectivos, se procede, e a súa presentación constitúe unha condición imprescindible para a obtención de determinados beneficios establecidos na normativa estatal, autonómica e local.

Co fin de que as persoas con discapacidade legalmente recoñecida poidan acreditar de forma áxil e práctica ante terceiras persoas o seu grao de discapacidade e facilitarlles así o acceso a determinados servizos que poidan mellorar a súa calidade de vida a través dun instrumento máis práctico e cómodo, a presente orde crea a tarxeta acreditativa de grao de discapacidade en Galicia.

En consecuencia, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e así como segundo o disposto no artigo 6 e concordantes do Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, e polo Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto a creación da tarxeta acreditativa de grao de discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do procedemento para a súa obtención.

Artigo 2. Finalidade e vantaxes e beneficios vinculados á tarxeta

A tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ten como finalidade facilitar a acreditación da condición de persoa con discapacidade do seu titular.

Anualmente o órgano de dirección con competencias en materia de discapacidade informará sobre as vantaxes e beneficios vinculados á titularidade da tarxeta a través do portal de benestar da consellería con competencias en materia de servizos sociais (http://benestar.xunta.es/web/portal/portada-de-discapacidade), sen prexuízo doutros medios de información que se consideren oportunos.

Artigo 3. Titulares

Poderán ser titulares da tarxeta acreditativa de grao de discapacidade as persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento, cuxo expediente conste en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o procedemento establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, desenvolvido pola Orde do 25 de novembro de 2015 da Consellería de Política Social, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Artigo 4. Condicións de uso da tarxeta e efectos

A tarxeta acreditativa de grao de discapacidade é un documento persoal e intransferible que acredita o recoñecemento do grao de discapacidade recoñecido ao seu titular e serve de documento substitutivo, para todos os efectos, da resolución pola que se recoñece o devandito grao, e que ten validez en todo o territorio do Estado. Non obstante, a tarxeta poderá ser utilizada pola persoa que teña a representación ou o gardador/a de feito da persoa con discapacidade co obxecto de facilitar a acreditación do recoñecemento do grao de discapacidade da persoa titular para o acceso ás vantaxes e beneficios vinculados a esa condición.

A súa presentación debe ir acompañada do documento nacional de identidade, número de identificación de estranxeiro ou pasaporte, no suposto en que así o requira o organismo/entidade competente. As persoas titulares menores de 14 anos, poderán acreditar a súa identidade mediante a presentación dunha certificación literal de nacemento expedida polo rexistro civil correspondente.

Artigo 5. Procedemento de expedición

1. A tarxeta acreditativa da discapacidade expedirase de oficio para aquelas persoas cuxa resolución de recoñecemento ou de revisión do grao de discapacidade teña lugar posteriormente á entrada en vigor da presente orde e se lles recoñeza nos termos indicados no artigo 3.

2. A tarxeta acreditativa da discapacidade expedirase por petición expresa das persoas interesadas ou por quen teña a súa representación, nos seguintes supostos:

a) As que teñan recoñecido un grao de discapacidade, xa sexa de carácter definitivo ou provisional, igual ou superior ao trinta e tres por cento á data de entrada en vigor desta orde. Con todo, en relación coas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento e en curso unha solicitude de revisión do grao de discapacidade, a tarxeta acreditativa expedirase segundo o disposto na alínea anterior.

b) Nos casos de perda ou subtracción.

3. A solicitude da tarxeta, para efectos do disposto no número anterior, debidamente asinada pola persoa solicitante ou por quen teña a súa representación ou gardador/a de feito, deberá presentarse segundo o modelo normalizado do anexo II (no caso das persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade á data de entrada en vigor desta orde) ou do anexo III (no caso de perda ou subtracción) desta orde, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, no rexistro do concello a que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A solicitude, segundo o modelo que se achega como anexo II a esta orde (suposto previsto no número 2.a deste artigo), dirixirase ao órgano de dirección con competencias en materia de discapacidade da Consellería de Política Social. No caso de empregar o modelo recollido no anexo III (suposto previsto no número 2.b deste artigo) dirixirase ao/á xefe/a territorial da Consellería de Política Social competente en función do lugar de residencia da persoa solicitante.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas, por tanto, o modelo de solicitude inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos no artigo seguinte.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a persoa interesada poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 7. Documentación

1. A solicitude deberase acompañar da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa solicitante e, se for o caso, da persoa representante legal ou gardadora de feito, no caso de non autorizar o órgano competente para a tramitación da solicitude, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde do 7 de xullo de 2009 (a autorización formalizarase no anexo correspondente).

b) Certificado de empadroamento do padrón municipal de habitantes do concello de residencia da persoa solicitante no caso de non autorizar o órgano competente para a tramitación da solicitude para a consulta dos datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde do 7 de xullo de 2009 (a autorización formalizarase no anexo correspondente).

c) O anexo IV debidamente completado, no caso de que a persoa solicitante desexe actuar por medio de representante.

d) Fotocopia compulsada do recoñecemento do grao de discapacidade expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia no caso de non autorizar o órgano competente para a tramitación da solicitude para a consulta dos datos de discapacidade, conforme o anexo correspondente.

e) Nos casos de perda ou substracción da tarxeta, ademais copia da denuncia presentada ante a autoridade competente.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Órganos competentes para a tramitación do procedemento de expedición e emisión das tarxetas

1. Nos supostos previstos no artigo 5, números 1 e 2.b, corresponderá ás xefaturas territoriais da consellería competente en materia de servizos sociais, a través dos seus respectivos servizos de dependencia e promoción da autonomía persoal, a competencia para tramitar o procedemento de expedición e emitir a tarxeta acreditativa de grao de discapacidade.

2. A expedición das tarxetas a partir da entrada en vigor da presente orde levaraa a cabo a respectiva xefatura territorial que corresponda, xunto coa emisión da resolución e o ditame que, derivados do procedemento de recoñecemento de grao de discapacidade, procedan, con excepción dos supostos de discapacidade sensorial visual que se expedirá segundo o disposto no punto seguinte.

3. Para os supostos previstos no artigo 5.2.a, corresponderá ao órgano de dirección con competencias en materia de discapacidade da Consellería de Política Social, a través da Subdirección Xeral da Dependencia e Valoración da Discapacidade, a tramitación do procedemento de expedición e emisión da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade. Así mesmo, nos supostos de discapacidade sensorial visual a tarxeta será expedida de oficio polo órgano de dirección con competencias en materia de discapacidade da Consellería de Política Social, unha vez que a respectiva xefatura territorial emita a resolución por que se recoñeza o grao de discapacidade.

Artigo 9. Modificación de grao de discapacidade

Cando se modifique o grao de discapacidade recoñecido á persoa titular dunha tarxeta como consecuencia de resolución administrativa ou xudicial, aplicaranse os seguintes criterios:

a) No caso de que o grao de discapacidade recoñecido fose modificado por unha nova resolución administrativa ou xudicial cun grao de discapacidade superior ou inferior ao orixinario, emitirase de oficio unha nova tarxeta acreditativa a favor da persoa afectada pola modificación do grao e a persoa interesada procederá á devolución da antiga tarxeta á xefatura territorial correspondente.

b) No caso de que o grao de discapacidade recoñecido inicialmente fose igual ou superior ao 33 % e como resultado da resolución administrativa ou xudicial que o modifica pase a ser inferior ao 33 %, a persoa afectada pola modificación do grao estará obrigada á devolución da antiga tarxeta á xefatura territorial correspondente no prazo dun mes desde a notificación da resolución administrativa ou xudicial.

Artigo 10. Perda ou subtracción da tarxeta

Nos casos de perda ou subtracción da tarxeta, o seu titular ou representante legal deberán comunicalo á xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais correspondente da provincia onde teña o seu domicilio o titular e solicitar a expedición dunha nova tarxeta.

A solicitude da tarxeta presentarase segundo o modelo normalizado do anexo III desta orde, dirixida á xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais da provincia onde teña o seu domicilio o titular. Achegarase, ademais da documentación indicada no artigo 7.1, alíneas a) á d), a copia da denuncia presentada ante a autoridade competente en caso da subtracción.

Artigo 11. Vixencia e cancelación da tarxeta

Na tarxeta acreditativa do grao de discapacidade constará expresamente a súa vixencia, que poderá ser de carácter definitivo ou temporal, de acordo co prazo de vixencia que figure na resolución que recoñeza o grao de discapacidade.

As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de servizos sociais, por proposta do servizo de dependencia e autonomía persoal correspondente, procederán á cancelación da tarxeta acreditativa de grao de discapacidade en caso de uso fraudulento desta, logo de audiencia da persoa titular ou do seu representante legal, sen prexuízo das responsabilidades que poidan exixirse.

Artigo 12. Formato da tarxeta

A tarxeta acreditativa de grao de discapacidade terá un formato único conforme as características e modelo establecido no anexo I desta orde.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición e con base no procedemento principal regulado pola Orde do 25 de novembro de 2015 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, do cal deriva a expedición da tarxeta acreditativa do grao de discapacidade, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Xestión de servizos sociais», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o citado órgano, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.gal.

Disposición adicional única. Actualización dos formularios normalizados

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Procedementos iniciados

Os procedementos para o recoñecemento do grao de discapacidade iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse polas disposicións contidas nela en canto á emisión da tarxeta segundo o disposto nos artigos 5.1 e 8 desta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de discapacidade para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I

Características da tarxeta acreditativa da discapacidade: tarxetas PVC 760 micras impresión OFFSET UV 4/4 + tinta de seguridade, laminado brillo ambas as caras troquelada a formato CR80 con holograma. Cantos redondeados.

As dimensións totais son:

Lonxitude: 8,56 cm.

Largo: 5,4 cm.

Cor das tarxetas: Cyan, branco e negro.

Para os supostos de discapacidade sensorial visual especificará en braille as siglas TD, na marxe superior dereita, para facilitar a súa identificación.

Idioma: galego.

Información que contén:

Responsable emisor: Xunta de Galicia, Consellería de Política Social.

Nome e apelidos da persoa titular da tarxeta.

Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificador de estranxeiro (NIE) en texto.

Grao de discapacidade en porcentaxe.

Baremo de terceira persoa: si ou non.

Baremo de mobilidade: si ou non.

Data de efectos.

Validez: definitiva ou temporal (neste último caso, con indicación da data de finalización da validez).

Vista de deseño da tarxeta

missing image file

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file