Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 5 de agosto de 2016 Páx. 34866

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas de compensación en materia de sanidade vexetal na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2016.

Existen pragas ou enfermidades que, por non estaren definitivamente establecidas en determinadas áreas ou na totalidade do territorio de Galicia, merecen unha especial atención e a aplicación duns medios de loita específicos cando se produce a aparición de focos, así como establecer unhas axudas de compensación para estas medidas. É o caso da aparición de focos de Fusarium circinatum en piñeiros de viveiros que veñen detectándose en Galicia desde o ano 2006, da aparición en Galicia no ano 2011 dos primeiros brotes de Pseudomonas syringae pv. actinidiae en plantacións de kiwi na provincia de Pontevedra, da aparición no ano 2014 das primeiras deteccións de Trioza erytreae en árbores de cítricos localizados en hortos particulares das provincias da Coruña e Pontevedra ou a detección en 2015 da presenza de Tecia solanivora en plantacións de pataca no norte das provincias da Coruña e Lugo.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, é a norma básica en que se desenvolven as actuacións nesta materia. Esta normativa compleméntase cos diferentes reais decretos que, en materia de sanidade vexetal e medios de produción agraria, desenvolven normativamente os aspectos de prevención e loita contra pragas. A Lei de sanidade vexetal, no seu artigo 19, establece unha certa discrecionalidade no outorgamento das axudas pola execución das medidas fitosanitarias, posto que aínda que no seu artigo 21 se indica que a autoridade competente que declarase a praga compensará os prexudicados mediante a debida indemnización cuxo importe se valorará segundo os baremos que se establezan, esta lei tamén establece, no seu artigo 19, que as medidas fitosanitarias deberán executalas as persoas interesadas, e serán ao seu cargo os gastos que se orixinen. Esta circunstancia propicia que as axudas que se establezan poidan ter uns límites modulados en función das dispoñibilidades orzamentarias, do interese da erradicación da praga por parte da autoridade competente, segundo o seu perigo, así como a colaboración financeira do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (en diante, Magrama) nas medidas de loita contra pragas.

Nesta orde establécense, por tanto, as bases reguladoras para o outorgamento dunhas axudas de compensación aos produtores agrarios aos cales se lles destrúen vexetais por requirimento oficial debido á presenza de pragas de corentena.

O Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ofrece no seu artigo 26 a posibilidade de indemnizar as persoas agricultoras afectadas por enfermidades das plantas. Por tanto, fai falta comunicar estas axudas para cumprir coa normativa de axudas estatais e convocar segundo as bases reguladoras que estableza a presente orde as axudas para atender as persoas agricultoras afectadas pola destrución de vexetais afectados por pragas cuxa erradicación foi declarada oficialmente.

En consecuencia co exposto, e de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

a) Establecer, no marco dos programas de control e loita contra pragas de corentena, as bases reguladoras das axudas de compensación aos produtores agrarios polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena.

b) Convocar as axudas de compensación para o ano 2016.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto

O obxecto desta sección é o establecemento das bases reguladoras das axudas de compensación para as pequenas e medianas empresas afectadas polas medidas fitosanitarias derivadas da loita contra pragas de corentena.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas todos os produtores de vexetais cuxas producións fosen afectadas polas medidas fitosanitarias adoptadas en virtude dunha declaración da presenza da praga pola autoridade competente, orixinada polo desenvolvemento dun programa oficial de erradicación dos organismos de corentena dos determinados na correspondente convocatoria, sempre que teñan a consideración de pequena e mediana empresa agraria, segundo o establecido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020 e no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que incorran nalgunha das causas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como aquelas que fosen sancionadas por infraccións tipificadas como graves ou moi graves polos artigos 55 e 56 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, nos dous anos anteriores á solicitude. Tampouco poderían ser persoas beneficiarias se persistisen as causas ou estivesen pendentes de cobramento procedementos por infraccións graves ou moi graves anteriores aos dous anos da data de solicitude.

3. No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, e non será posible o outorgamento de axuda se no momento da inspección inicial o viveiro non cumprise este trámite.

4. Non poderán ser beneficiarias as empresas en crise en virtude do artigo 1.6.b) ii) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, segundo a definición destas establecida no artigo 2.14 deste regulamento, agás que a empresa se convertese nunha empresa en crise por motivo dos danos ou perdas causados polas pragas vexetais declaradas.

5. Tampouco poderán ter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente, despois dunha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, e en cumprimento do artigo 1.5.a) do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño.

Artigo 4. Organismos de corentena suxeitos a axuda

A Consellería do Medio Rural establecerá en cada convocatoria de axuda a lista dos organismos de corentena suxeitos ás axudas de compensación que previamente fosen fixadas nas declaracións de pragas. Nas sucesivas convocatorias poderán ser modificadas, cando se produzan modificacións normativas ou a detección de pragas de corentena de recente aparición no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben retirar as compensacións cando a xeneralización da praga faga inviable a erradicación do foco, non sexa asumible o seu custo económico ou cambiase a situación de Galicia respecto dunha determinada praga, de acordo co establecido na Directiva 2000/29/CE.

Artigo 5. Gastos obxecto de compensación

Os gastos obxecto de compensación estableceranse nos correspondentes baremos que se publicarán en cada convocatoria.

Serán obxecto de compensación os seguintes gastos:

1. Destrución, desinfección, esterilización ou calquera outro tratamento aplicado oficialmente a:

a) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos constitutivos de lote ou lotes que fosen a orixe da introdución do organismo nocivo na zona de que se trate, e que fosen recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados.

b) Vexetais, produtos vexetais e outros obxectos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo introducido, que fosen cultivados a partir de vexetais do lote ou lotes de que se trate, ou por estaren situados preto de vexetais, produtos vexetais ou outros obxectos do citado lote ou de vexetais cultivados.

c) Substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou que poidan ser contaminados polo organismo nocivo de que se trate.

d) Materiais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento; os locais de almacenamento ou acondicionamento e os medios de transporte que estivesen en contacto cos vexetais, produtos vexetais e con outros obxectos mencionados anteriormente ou partes deles.

2. As inspeccións ou probas efectuadas oficialmente, ou por mor dunha petición oficial, para os efectos de verificar a presenza ou a importancia da contaminación por parte do organismo nocivo introducido.

Non serán obxecto de compensación os seguintes gastos:

1. Os traballos realizados con man de obra e medios propios dispoñibles na explotación, pero si aqueles para os cales, polas especiais características do foco, sexa preciso a contratación de maquinaria ou persoal alleo á explotación, ou material de desinfección distinto do habitual e sempre baixo o informe do persoal técnico de sanidade vexetal da Consellería do Medio Rural, que valorará a idoneidade dos medios empregados e o seu custo.

2. Restaranse do importe máximo da axuda, que pode acadar o 100 % das perdas sufridas, os pagamentos recibidos en virtude de pólizas de seguros e por calquera outra medida para os mesmos custos subvencionables e, así mesmo, os custos que non fosen directamente provocados pola praga e que noutras circunstancias a persoa beneficiaria tería efectuado.

3. Non se poderán conceder axudas por medidas cuxo custo, segundo o establecido pola normativa da Unión, deba ser sufragado pola persoa beneficiaria, salvo que ese custo sexa totalmente compensado por exencións obrigatorias pagadas polas persoas beneficiarias.

4. Non será obxecto de axuda de compensación o valor das producións de carácter forestal, excepto as plantas de viveiros de carácter forestal.

5. Non será obxecto de axuda o material vexetal destruído nin os gastos ocasionados en aplicación dunha medida fitosanitaria oficial, cando o propietario dos vexetais afectados incumprise a normativa vixente en materia de sanidade vexetal.

6. Tampouco será obxecto de axuda todo aquel material vexetal sensible que constitúa stock ou existencia e que fose adquirida con posterioridade á entrada en vigor da norma legal reguladora que corresponda, do programa oficial de erradicación ou da notificación da resolución administrativa que prohibise a adquisición, o movemento ou a comercialización do dito material vexetal sensible.

7. Non será obxecto de indemnización o lucro cesante nos termos establecidos no artigo 18.2 do Real decreto 1190/1998, do 12 de xuño, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación ou control de organismos nocivos dos vexetais aínda non establecidos no territorio nacional.

Artigo 6. Réxime de concesión das axudas

1. A Consellería do Medio Rural, cando sexa preciso e en función das dispoñibilidades orzamentarias, convocará axudas de compensación coa dotación orzamentaria outorgada polo Magrama para a loita contra pragas, así como cos fondos de que poida dispor para os mesmos fins a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas axustaranse aos principios de publicidade, transparencia e obxectividade, concederanse en réxime de concorrencia competitiva e respectarase, por tanto, o establecido nos artigos 14 e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes serán baremadas de acordo cos criterios obxectivos de concesión establecidos na propia convocatoria.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Artigo 8. Solicitude de axuda

1. Unha vez que os servizos oficiais de sanidade vexetal levanten a acta da efectiva destrución e erradicación do foco, así como do resto das medidas preventivas adoptadas por parte do persoal de inspección de sanidade vexetal do servizo provincial correspondente, a persoa beneficiaria poderá solicitar a axuda de compensación correspondente mediante a presentación dunha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta orde, dirixida á persoa titular da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural da provincia correspondente, dentro do prazo establecido na convocatoria.

2. A Consellería do Medio Rural establecerá mediante a convocatoria a contía das axudas que outorgará. O valor da axuda de compensación debe prever todos os aspectos relativos aos custos do proceso de saneamento, pero sobre todo terá en conta os custos de produción dos bens destruídos tomando como referencia os prezos de mercado dos bens que se destrúen. Tamén se terán en conta no baremo para determinar o importe da axuda os custos dos traballos de erradicación.

3. O órgano instrutor do procedemento será a subdirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

4. O devandito órgano competente incorporará ao expediente de solicitude a documentación no seu poder entregada á persoa interesada como resolucións oficiais, actas de destrución e informes dos servizos técnicos oficiais.

5. A persoa interesada deberá achegar xunto coa solicitude:

a) Se a persoa solicitante ou representante é unha persoa física: copia do DNI só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) Se o persoa solicitante é una persoa xurídica: copia do NIF da persoa xurídica, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Cando se actúe en nome doutra persoa física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación con que se actúa.

d) Facturas dos traballos realizados por empresas alleas durante a erradicación cando polas especiais características do foco sexa precisa a contratación de maquinaria ou persoal alleo á explotación, ou material de desinfección distinto do habitual.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude (anexo I) inclúe autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de axuda pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con todo, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ao mesmo tempo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 10. Lugar e forma de presentación das solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel (en orixinal e dúas copias) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 11. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa (emendas, modificacións das solicitudes, alegacións...), que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Desestimación da solicitude de axuda

A persoa interesada que non presente a solicitude correctamente cuberta ou non entregue a documentación complementaria que corresponda, ou ben non emende a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días desde o momento en que llo notificase a correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural, considerarase que desiste da súa solicitude, segundo o establecido no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e despois de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 13. Instrución dos procedementos de concesión

1. Durante a instrución das axudas establecidas nesta orde teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A axuda unicamente se concederá en relación coas pragas vexetais establecidas en cada convocatoria e reguladas pola normativa específica vixente nese momento.

b) Estas axudas, destinadas a reparar os danos causados por pragas vexetais, limitaranse ás perdas ocasionadas polas pragas cuxos brotes fosen oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes.

c) En aplicación do establecido no artigo 26.6 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, estes réximes de axudas implantaranse nun prazo de tres anos a partir da data en que a praga vexetal ocasionou o custo ou a perda. A axuda pagarase nun prazo de catro anos a partir desa data.

2. Os servizos provinciais competentes en materia de sanidade vexetal remitirán á subdirección xeral competente na mesma materia os seus informes para proposta de resolución (un informe para cada solicitude de axuda), xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da dita dirección. A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de sanidade vexetal emitirá as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Consellería do Medio Rural, para os efectos de resolver as axudas no prazo de 5 meses.

Artigo 14. Solicitudes sucesivas

A sucesión de solicitudes de axudas de compensación durante dous anos consecutivos na mesma instalación ou zona e pola mesma praga, cando non se atopasen motivos para o cesamento da actividade produtiva, leva unha redución dun 50 % da axuda de compensación na segunda convocatoria respecto ao baremo establecido na correspondente convocatoria de axudas, sempre que cobrase a axuda de compensación do primeiro ano.

Artigo 15. Recursos

As resolucións dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Esta axuda é compatible con outras que para os mesmos fins se puidesen outorgar, sempre que entre todas elas non superen o valor dos bens a prezos de mercado, incluídos os ingresos derivados dos réximes de aseguramento privados ou correspondentes ao plan de seguros agrarios para o ano correspondente en vigor.

Artigo 16. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa beneficiaria de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, procederá o reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedan.

Artigo 17. Control

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. A persoa beneficiaria estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. As persoas beneficiarias terán o deber de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, en exercicio da súa función de fiscalización e control.

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 18. Obxecto

O obxecto desta sección é convocar as axudas de compensación, no marco das bases reguladoras establecidas na presente orde, para paliar as medidas fitosanitarias derivadas das seguintes pragas de corentena, recollidas nos seguintes textos normativos:

1. Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, segundo o establecido no Real decreto 637/2006, do 26 de maio, polo que se establece o Programa nacional de erradicación e control do fungo Fusarium circinatum Niremberg et O´Donnell, e as súas modificacións.

2. Pseudomonas syringae pv. actinidiae, segundo o establecido na Decisión de execución da Comisión 2012/756/UE, do 5 de decembro de 2012, relativa ás medidas para impedir a introdución na Unión e a propagación no interior desta de Pseudomonas syringae pv. actinidiae, Takikawa, Serizawa, Ichikawa, Tsuyumu & Goto.

3. Real decreto 23/2016, do 22 de xaneiro, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Trioza erytreae, e o Programa nacional de prevención de Diaphorina citri e Candidatus Liberibacter spp.

4. Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, establécense as zonas demarcadas para esta praga e adóptanse medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia, ou calquera que a substitúa.

Artigo 19. Requisitos e finalidade

1. As persoas solicitantes destas axudas deberán cumprir os requisitos e os compromisos establecidos nas bases reguladoras desta orde.

2. A finalidade das axudas é compensar polas perdas debidas ás medidas fitosanitarias contra as pragas de corentena que así se establezan.

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes computarase desde o día seguinte á publicación desta orde e finalizará o 1 de outubro.

Artigo 21. Prazo e notificación da resolución

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os dous meses. Ao vencer o prazo máximo sen que sexa notificada a resolución ás persoas interesadas, estas poderán entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Financiamento

O financiamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria: 2016.13.03.713E.770.1 C.P. 2009 00740 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 por un importe de 100.000 euros, que poderá incrementarse coa xeración, ampliación ou incorporación de créditos, con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios, segundo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Criterios obxectivos de concesión das axudas

As axudas adxudicaranse segundo o seguinte baremo:

1. Por non recibir nunca ningún tipo de compensación por pragas de corentena: 10 puntos.

2. Por tratarse dun produtor de plantas de viveiro: 5 puntos.

3. Por tratarse dunha persoa agricultora a título principal ou profesional: 5 puntos (este requisito valorarase por declaración responsable da persoa solicitante).

4. No caso de empate ou desempate, farase segundo a data de presentación nos rexistros oficiais das solicitudes de axuda e, no caso de persistir o empate, segundo a data da acta de execución dos traballos de erradicación.

Artigo 24. Baremos de contía compensatoria

Establécense para a convocatoria 2016 os baremos fixados no anexo II desta orde.

Disposición adicional primeira

Nos aspectos non recollidos nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda

Poderán ser obxecto desta axuda de compensación todos aqueles expedientes con resolución de declaración da praga posterior ao 15 de xullo de 2015.

Disposición adicional terceira

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvención (BDNS). A BSNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en sanidade vexetal para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremo da contía compensatoria en viveiros por pragas de corentena

1. Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Fusarium circinatum

Plantas da especie Pinus sp:

Dado que existe unha casuística de viveiros moi ampla, fai falta, por tanto, establecer un baremo diferenciado en función do número de plantas que se van compensar. A compensación para calquera das especies forestais faise tomando como referencia un custo medio de produción (CMP) de 0,16 euros por planta e aplicando unhas porcentaxes decrecentes en función do número de plantas que se van compensar, e resultan os seguintes baremos:

1. Ata 150.000 plantas (90 % CMP): 0,144 euros/planta.

2. De 150.000 ata 300.000 plantas (85 % CMP): 0,122 euros/planta.

3. De 300.000 ata 500.000 plantas (80 % CMP): 0,115 euros/planta.

4. Máis de 500.000 (75 % CMP): 0,108 euros/planta.

2. Baremos para aplicar nas indemnizacións por Pseudomonas syringae pv. actinidiae

Dado que existe unha casuística de viveiros moi ampla, fai falta, por tanto, establecer un baremo diferenciado en función do tamaño das plantas que se van compensar. A compensación faise tomando como referencia un custo medio de produción (CMP) en función do tamaño da planta que se vai compensar, e resultan os seguintes baremos:

1) POT 1: 0,187 euros/planta.

2) POT 2: 0,560 euros/planta.

3) POT 3: 0,934 euros/planta.

4) Raíz espida: 1,120 euros/planta.

3. Baremos para aplicar nas indemnizacións por Trioza erytreae

Dado que existe unha casuística de viveiros moi ampla e unha variedade de especies afectadas, fai falta, por tanto, establecer un baremo diferenciado en función das especies e do tamaño das plantas que se van compensar. A compensación faise tomando como referencia un custo medio de produción (CMP) en función do tamaño da planta que se vai compensar, e resultan os seguintes baremos:

1) Chanteiros de Citrus, Fortunella, Poncirus spp. e os seus híbridos:

1. Con terrón: 5 €/planta.

2. En maceta con diámetro inferior ou igual a 25 cm: 10 €/planta.

3. En maceta con diámetro de 25 a 40 cm: 20 €/planta.

4. En maceta >40: 50 euros/planta.

2) Chanteiros de Choisia spp.

1. En maceta con diámetro inferior ou igual a 25 cm: 2 €/planta.

2. En maceta con diámetro de 25 a 40 cm: 4 €/planta.

Baremo da contía compensatoria a agricultores por pragas de corentena.

Baremo que se aplicará nas indemnizacións por Tecia solanivora.

A compensación realizarase por kg de tubérculos de pataca destruídos debido á afectación da praga. A destrución deberase realizar por algún sistema autorizado pola autoridade competente en sanidade vexetal. A compensación realizarase tomando como custo medio de produción (CMP) 0,30 €/kg.