Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35146

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de xullo de 2016 pola que se establecen os modelos normalizados de impugnación da resolución de asistencia xurídica gratuíta, de insostibilidade da pretensión e de queixas e denuncias.

De acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, débense impulsar as novas posibilidades que ofrece a tecnoloxía.

En relación coa asistencia xurídica gratuíta, hai tres trámites que admiten a posibilidade de facer unha solicitude electrónica, á marxe da solicitude do dereito á asistencia xurídica gratuíta, que xa está regulada.

En primeiro lugar, estaría o trámite de impugnación da resolución ditada pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, que pode presentar quen sexa titular dun dereito ou dun interese lexítimo, de acordo co trámite establecido no artigo 20 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, e no artigo 21 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro.

En segundo termo, a insostibilidade da pretensión, que unicamente a pode alegar o/a avogado/a designado/a pola quenda de oficio, segundo as normas establecidas nos artigos 32 a 35 da antedita Lei 1/1996 e no artigo 24 do regulamento anterior.

Por último, a cidadanía poderá presentar queixas ou denuncias como consecuencia das actuacións dos/as profesionais encargados/as dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta ou das actuacións dos/as profesionais que lles foran designados/as pola quenda de oficio, de conformidade co establecido no artigo 41 da Lei 1/1996 e no artigo 36 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Todo isto aconsella a aprobación duns modelos normalizados de impugnación, insostibilidade e queixa.

De acordo co anterior, en virtude da autorización conferida na disposición derradeira primeira do Decreto 269/2008, e despois de informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación do modelo de impugnación

Constitúe o obxecto da presente orde a aprobación do modelo normalizado de impugnación á resolución da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, que figura como anexo I, de acordo co disposto no artigo 20 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, e no artigo 21 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro.

Artigo 2. Aprobación do modelo de insostibilidade da pretensión

Constitúe o obxecto da presente orde a aprobación do modelo normalizado de insostibilidade da pretensión, que aparece como anexo II, de conformidade co establecido nos artigos 32 a 35 da antedita Lei 1/1996 e no artigo 24 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Artigo 3. Aprobación do modelo de queixas e denuncias

Constitúe o obxecto da presente orde a aprobación do modelo normalizado de queixas e denuncias formuladas polas persoas solicitantes da asistencia xurídica gratuíta como consecuencia das actuacións dos/as profesionais encargados/as dos servizos colexiais ou dos/as profesionais designados/as pola quenda de oficio, que figura como anexo III, de acordo co disposto no artigo 41 da Lei 1/1996 e no artigo 36 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Artigo 4. Presentación da solicitude

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Documentación

Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá presentar copia do DNI ou NIE, se non autoriza a súa consulta e a documentación que acredite o motivo da impugnación, da insostibilidade ou da queixa ou denuncia.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falla, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», dado de alta na Axencia Española de Protección de Datos, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o envío dunha comunicación ao enderezo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a cpapx@xunta.es

Artigo 8. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional. Modificacións e actualizacións futuras

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file