Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 18 de agosto de 2016 Páx. 36851

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 5 de agosto de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

BDNS (Identif.): 314825.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. As agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014 que cumpran todas estas condicións:

a) Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que un mínimo dun 50 % dos seus asociados empresariais dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

b) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster cunha antigüidade mínima de tres anos.

c) Que cumpran os requisitos establecidos no artigo 54 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

d) Que teñan en vigor na data da solicitude o recoñecemento como AEI (agrupación empresarial innovadora) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clústeres expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis) en vigor na data da solicitude.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras que cumpran coas condicións a), b) e c) do número anterior e, ademais, as seguintes:

a) Ámbitos de actividade. O clúster deberá cumprir cando menos unha das dúas seguintes condicións:

i) Representar un ámbito de actividade cuxa facturación conxunta en Galicia supere a barreira do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2015.

ii) Representar un ámbito de actividade/sector definido como prioritario segundo a orientación sectorial do documento Axenda da Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0 aprobado polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015.

b) Representatividade. A entidade xestora do clústeres deberá ter como socios directos un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos:

i) 30 % da facturación do ámbito de actividade englobado.

ii) 10 % das empresas do ámbito de actividade.

iii) 20 % do emprego do ámbito de actividade.

c) Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos propios ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía e rexeitaranse os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.

d) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

e) Capacidade de execución de proxectos implicando aos seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 3 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de polo menos dous proxectos por ano.

Segundo. Obxecto

Fomentar a competitividade, a innovación e a cooperación empresarial en distintos sectores da actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras galegas consolidadas para a realización de actividades neses eidos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de agosto de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7816 e por un importe de 1.500.000 € con cargo ao exercicio 2016, por un importe de 2.000.000 € con cargo ao exercicio 2017 e de 1.670.000 € con cargo ao exercicio 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2016

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica