Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 18 de agosto de 2016 Páx. 36817

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 7 de abril de 2016, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo

Convocar para 2016, en réxime de concorrencia competitiva, as referidas axudas.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo sexa hábil no municipio ou comunidade autónoma na que resida o solicitante e inhábil en Santiago de Compostela, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

2016

2017

2018

09.A1-741A-7816

1.500.000 €

2.000.000 €

1.670.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será catro meses desde a presentación de solicitude de axuda.

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión.

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención entre o 1 e o 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión. A primeira anualidade comprenderá desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 31 de outubro de 2016. As seguintes anualidades irán desde o 1 de novembro ata o 31 de outubro seguinte.

Sexto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia

O impulso das políticas de clústeres durante os últimos anos vén marcado claramente pola Unión Europea e as diferentes iniciativas alí promovidas ou apoiadas, invitando os responsables das políticas económicas, a nivel nacional e rexional, a crearen marcos estratéxicos e programas concretos para fortalecer os seus clústeres e buscar a excelencia destes. O obxectivo é claro: a redución da fenda competitiva entre Europa e outros bloques económicos mundiais baseado nos clústeres world-class, que están chamados a acelerar e protagonizar o futuro económico da vella Europa. A UE deu unha importancia crecente aos clústeres como ferramenta para mellorar as posibilidades de competir en mercados globais das empresas e consideraos importantes motores e condutores da innovación que contribúen á competitividade e ao desenvolvemento sustentable da industria e dos servizos e potencian o desenvolvemento económico das rexións mediante a creación de riqueza e empregos, polo que tamén contribúen á cohesión territorial.

A Axenda de Competitividade Industrial Galicia Industria 4.0 aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015 considera os clústeres como un instrumento idóneo para chegar ás empresas galegas, especialmente nas accións de colaboración, por aglutinaren de capacidades e decisións empresariais no eido da competitividade, o crecemento e a internacionalización e daren soporte a empresas que desenvolven actividades e procesos innovadores, con capacidade de expansión global e que reorientan as súas liñas de negocio cara a un futuro sustentado e sustentable.

Por outra banda, están as chamadas estratexias de especialización intelixente, tamén coñecidas como RIS3. O concepto da especialización intelixente refírese á necesidade de concentrar dun xeito eficiente os recursos dispoñibles para a xeración e explotación de coñecemento no contexto rexional ao servizo dun número concreto de prioridades ligadas ás fortalezas e oportunidades competitivas da rexión a nivel global, para provocar unha orientación do tecido produtivo cara a unha senda de desenvolvemento económico baseada na innovación e o coñecemento, e potenciando a converxencia e cooperación intersectorial. As prioridades seleccionadas dentro dos tres retos da RIS3 galega en que se basea a estratexia de especialización intelixente contan con diferentes debilidades na súa cadea de valor da innovación e a actuación sobre elas debe xerar verdadeiras vantaxes competitivas sobre as cales pilotar o crecemento da economía galega.

Tendo en conta este contexto e o protagonismo que se asigna aos clústeres, tanto nas estratexias de especialización intelixente como na Lei de política industrial de Galicia, os eixes de actuación da política de clúster están orientados a conseguir un efecto na capacidade de actuación da agrupación e na posibilidade de que poida abordar iniciativas de fomento de maior custo. O apoio aos clústeres en Galicia enfócase coa perspectiva dunha mellora na competitividade global dos núcleos máis importantes da economía galega e, na súa consecuencia, polas súas posibilidades de difusión e exemplificación nos restantes ámbitos da actividade económica.

As presentes bases reguladoras establécense ao abeiro do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, que inclúe especificamente no seu artigo 27 as axudas ás agrupacións empresariais innovadoras

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

As presentes bases teñen por finalidade o fomento da competitividade, a innovación e a cooperación empresarial en distintos sectores da actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras galegas consolidadas para a realización de actividades neses eidos.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nestas bases intégranse no artigo 27 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas outorgadas conforme as presentes bases non poderán acumularse con outras axudas para os mesmos custos de persoal.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións ao mesmo proxecto deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

As axudas establecidas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014 que cumpran todas estas condicións:

a) Que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que un mínimo dun 50 % dos seus asociados empresariais dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

b) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster cunha antigüidade mínima de tres anos.

c) Que cumpran os requisitos establecidos no artigo 54 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

d) Que teñan en vigor na data da solicitude o recoñecemento como AEI (agrupación empresarial innovadora) dentro do programa de excelencia do Ministerio de Industria, Energía y Turismo ou ben que posúan a etiqueta Gold de excelencia na xestión de clúster expedida pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis) en vigor na data da solicitude.

Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras que cumpran coas condicións a), b) e c) do número anterior e, ademais, as seguintes:

a) Ámbitos de actividade. O clúster deberá cumprir cando menos unha das dúas seguintes condicións:

i) Representar un ámbito de actividade cuxa facturación conxunta en Galicia supere a barreira do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2015.

ii) Representar un ámbito de actividade/sector definido como prioritario segundo a orientación sectorial do documento Axenda da Competitividade Industrial Galicia: Industria 4.0 aprobado polo Consello da Xunta o 13 de maio de 2015.

b) Representatividade. A entidade xestora do clúster deberá ter como socios directos un número de empresas que cumpra cando menos con dous dos tres seguintes requisitos:

i) 30 % da facturación do ámbito de actividade englobado

ii) 10 % das empresas do ámbito de actividade

iii) 20 % do emprego do ámbito de actividade

c) Capacidade tecnolóxica e de innovación. O clúster deberá contar con centros tecnolóxicos propios ou postos á súa disposición mediante colaboración con outras entidades. Neste último caso, só se considerarán válidos para estes efectos os acordos de colaboración con contidos específicos respecto da innovación e a tecnoloxía e rexeitaranse os acordos con contidos de carácter xeral, de xestión ou administrativos aínda que estean asinados con centros ou institucións tecnolóxicas.

d) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

e) Capacidade de execución de proxectos implicando os seus asociados. O clúster deberá acreditar esta capacidade mediante memoria de actividades realizadas nos últimos 3 anos, enumerando e describindo brevemente os proxectos desenvolvidos xunto cos seus asociados ou promovendo a súa participación, tivesen ou non financiamento público. Considerarase que ten esta capacidade se acredita a execución de polo menos dous proxectos por ano.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas en crise segundo a definición do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Condicións das actuacións e dos conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) A actividade da agrupación para facilitar a colaboración, o intercambio de información e a prestación ou canalización de servizos especializados e personalizados de apoio ás empresas

b) A comercialización da agrupación para aumentar a participación de novas empresas ou organizacións e reforzar a visibilidade

c) a organización de programas de formación, talleres e conferencias para fomentar o intercambio de coñecementos e o traballo en redes, así como a cooperación transnacional.

Para tal efecto, as entidades solicitantes deberán detallar no formulario de solicitude de axuda unha previsión a tres anos (o da solicitude e os dous seguintes) da planificación de proxectos que se van realizar que se aliñen cos plans de impulso da Axenda, especificando os custos necesarios para a súa execución. No caso de que a axuda resulte concedida, esta previsión incorporarase á resolución de concesión como condición particular.

Poderán ser subvencionables os custos de persoal do clúster, actual ou de nova contratación, dedicado ás actuacións subvencionables. O gasto deberá estar realizado e pagado dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión en atención ás características do proxecto para os efectos de cumprimento de todas as condicións da subvención.

Tamén se considerarán como gasto realizado en prazo os ingresos á conta do IRPF ou cotas da Seguridade Social liquidables con posterioridade á data de execución. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada deberá presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario e, en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Para os efectos desta axuda considéranse custos de persoal:

Salario bruto: retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración as liquidacións e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as axudas de custo nin as compensacións de transporte ou comida. O período en que o traballador estea de baixa por incapacidade laboral non se computará para os efectos de xustificar o gasto. As retribucións non periódicas como pagas por produtividade, beneficios ou similares, aínda que teñan a consideración de salario, só se terán en conta como gasto subvencionable se estivesen recollidas no convenio colectivo de aplicación ou en pacto particular co traballador con anterioridade á publicación destas bases, o que deberá acreditar o beneficiario.

Non se aceptarán con cargo a estas axudas incrementos retributivos, agás os derivados da aplicación das leis, do convenio colectivo ou do cumprimento de sentenzas. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá certificar o salario bruto anual percibido por cada traballador dedicado no último exercicio. No caso de contratacións, novas deberán declarar as condicións en que se fará a dita contratación en canto a tipo de contrato, duración, categoría profesional, funcións e retribución total anual, diferenciando salario por todos os conceptos e custo da Seguridade Social.

Establécese en 60.000 euros/ano o salario bruto máximo subvencionable por traballador.

Seguridade Social a cargo do empregador beneficiario da axuda.

Só se considerará o persoal que desenvolva funcións de xestión do clúster. Non se terá en conta o persoal que desenvolva traballo de especialización técnica e/ou de investigación.

A contía total dos custos de persoal subvencionables non poderá superar o custo dos proxectos para desenvolver nos tres anos. No caso de proxectos que se vaian desenvolver conxuntamente con outras entidades, terase en conta como custo do proxecto o correspondente ao custo para a entidade clúster e/ou as empresas ou entidades e asociadas participantes.

Tamén poderán ser subvencionables os custos de auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 14.7 destas bases reguladoras

Artigo 6. Intensidade da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

A subvención será do 50 % dos custos de persoal dedicado ás actuacións subvencionables.

A subvención aos custos de auditoría do número 3 do artigo anterior será do 50 % ata un máximo de 2.000 euros por cada liquidación parcial.

3. A subvención máxima por beneficiario en ningún caso superará a contía de 3.000.000 €.

4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Polas características da agrupación clúster:

1º. Importancia do ámbito da actividade na economía galega: a partir do requisito mínimo do 1 % establecido no artigo 4, 1 punto por cada 0,2 % adicional de facturación conxunta sobre o PIB galego ata un máximo de 10 puntos.

2º. Fortaleza da entidade clúster: número de empresas asociadas galegas ou con centro de traballo en Galicia sobre o total de empresas do ámbito de actividade en Galicia. A partires do requisito mínimo do 10 % establecido no artigo 4, 1 punto por cada 5 % adicional ata un máximo de 10 puntos.

3º. Grao de integración da cadea de valor. Estes datos facilitaranse segundo o detalle especificado no anexo III destas bases. Concederanse 10 puntos se todas actividades da cadea de valor identificadas están desenvolvidas por, cando menos, unha empresa asociada ao clúster e 5 puntos se non están desenvolvidas por empresas do clúster todas as actividades da cadea de valor.

4º. Capacidade de dinamización das empresas asociadas. Terase en conta o número de proxectos para empresas promovidos polo clúster nos tres anos anteriores á solicitude da axuda que se levarán a termo, número total de empresas participantes, número de empresas distintas participantes e orzamento total mobilizado. Concederase 1 punto por cada 5 % de empresas distintas participantes en relación co total de empresas asociadas ata un máximo de 10 puntos.

5º. Capacidade de mobilización de proxectos. Teranse en conta os proxectos en que fose participante a entidade clúster no último exercicio: número, custo asumido pola entidade clúster, financiamento público total obtido. Este criterio valorarase de forma comparativa entre todos os solicitantes en escala descendente dende ata un máximo de 10 puntos.

6º. Excelencia na xestión de clúster acreditada pola ESCA (European Secretariat for Cluster Analysis): posuír a etiqueta Bronze en vigor: 5 puntos. Posuír a etiqueta Gold en vigor: 10 puntos. Este criterio só se poderá valorar se ter a etiqueta Gold non foi o requisito necesario para poder optar a estas axudas.

b) Polas características das actividades que se van desenvolver:

1º. Adecuación da proposta: ata 15 puntos. Neste punto valorarase tecnicamente a congruencia da solicitude e a adecuación dos gastos alegados ao tamaño e capacidades da estrutura. Se os gastos solicitados son superiores ao 70 % do orzamento anual da entidade, outorgaranse 5 puntos; entre o 51 e o 70 %, 10 puntos, e se son iguais ou inferiores ao 50 %, 15 puntos.

2º. Contribución aos obxectivos estratéxicos da Axenda de Competitividade nos ámbitos de a) reforzo das persoas e das organizacións, b) crecemento empresarial, c) innovación e d) expansión de mercados e internacionalización. Concederase 2 puntos por cada actuación que se vaia desenvolver no eido dun obxectivo estratéxico ata un máximo de 10 puntos por cada obxectivo ata un máximo de 30 puntos.

As solicitudes deberán acadar un mínimo de 25 puntos na letra b) anterior. De non seres así, serán denegadas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estean en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso debe presentar a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 900 81 51 51. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará unívocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederase aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal, teranse por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

4. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) DNI da persoa representante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE), só no caso de denegar expresamente a súa consulta. 

d) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

e) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.

f) Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da entidade solicitante.

g) Memoria de actividades nos últimos tres anos para o caso das agrupacións do artigo 1.2.

h) Memoria que conteña toda a información necesaria para a valoración da solicitude segundo os puntos do artigo 6: importancia do ámbito de actividade na economía galega, fortaleza da entidade clúster, capacidade de dinamización de empresas asociadas, capacidade de mobilización de proxectos, adecuación da proposta, actuacións que se van desenvolver e aliñación cos obxectivos estratéxicos da Axenda de Competitividade, plan de actuación do ano en que se presente a solicitude e os previsionais para as dúas anualidades seguintes, o seu financiamento co orzamento corrente e os obxectivos de resultado e recursos humanos dedicados.

i) Descrición da cadea de valor do clúster segundo o anexo III.

j) A certificación e/ou declaración dos custos de persoal a que se refire o artigo 5.2.a).

k) Se for o caso, a etiqueta Bronze ou Gold en vigor emitida pola ESCA.

5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, que constan na sede do solicitante á disposición do Igape.

Na presentación electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado ao formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos da alínea b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape na ligazón de tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun aviso de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE núm. 150, do 23 de xuño).

6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a solicitude que obtivese máis puntuación no baremo no punto 6.3.b)2º (contribución aos obxectivos estratéxicos da Axenda de Competitividade).

4. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e a porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape.

6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que los afecte introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas», http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas).

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas á planificación anual de actividades e a dedicación de recursos.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión e calquera solicitude presentada fóra deste prazo será denegada.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 8 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

Executar as actividades que fundamentan a concesión da subvención durante o prazo establecido na resolución de concesión.

Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou desfrute da concesión.

Colaborar co Igape na realización de análises e estudos clúster e iniciativas coherentes cos plans presentados en materia de difusión e exemplificación transversal, en beneficio do conxunto do sistema produtivo de Galicia

Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes establecidas no artigo 3 destas bases respecto do custo subvencionable do proxecto que vai desenvolver o beneficiario.

f) Dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Xunta de Galicia, así como lendas relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión alén do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser capaz de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

j) As entidades beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Artigo 14. Xustificación da subvención

O prazo para presentar a solicitude de cobramento é o establecido na resolución de convocatoria.

Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 81 51 51, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. Este formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa; incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación achegada.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

Nóminas e TC2 do persoal dedicado e xustificantes bancarios do seu pagamento. Anualmente, cando corresponda, deberá achegar tamén o modelo 190 de retencións e ingresos á conta do IRPF.

b) Arquivo informático en formato folla de cálculo onde conste a porcentaxe de dedicación mensual do persoal ás actuacións subvencionables e o custo imputado.

c) A copia en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.f) destas bases.

7. A conta xustificativa virá acompañada dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. Incorporará, ademais:

i) Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

ii) Memoria económica abreviada que deberá acreditar o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia e conterá un estado representativo dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, e, se for o caso, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións producidas. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

8. En todos os casos os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención e que puideren dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 12 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización das accións e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da primeira anualidade. Nas seguintes anualidades poderán solicitar un anticipo do 25 % do importe da anualidade. No caso de que o beneficiario presente solicitudes de cobramento semestrais, poderá solicitar un novo anticipo por outro 25 % da anualidade logo de aboada a solicitude de cobramento anterior. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. O segundo e, se for o caso, sucesivos anticipos, estarán condicionados á xustificación das actividades subvencionadas realizadas no período anterior. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituíren garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Artigo 16. Pagamentos á conta

1. Nas segunda e terceira anualidade as entidades beneficiarias poderán presentar dúas solicitudes de cobramento parciais polos gastos realizados no semestre anterior, unha entre o 1 e o 31 de maio e a outra entre o 1 e o 30 de novembro, achegando a documentación xustificativa correspondente ao dito período, de acordo co establecido no artigo 14.6 destas bases.

 Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituíren garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá superar en ningún caso o 80 % da porcentaxe subvencionada  correspondente aos pagamentos xustificados nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O pagamento á conta que se solicite estará condicionado á xustificación das actividades subvencionadas realizadas no período.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tiver a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar, e se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

Non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto subvencionable.

ii) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

iii) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 13.f) destas bases.

iv) Non colaborar nos estudos e informes solicitados polo Igape segundo a obriga establecida no artigo 13.c) destas bases

4. Causas de incumprimento total:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable. Suporá o reintegro da subvención percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideren corresponder.

c) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

d) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

f) Non acreditar estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorozam as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros» cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesario presentar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Especificación simplificada da cadea de valor do clúster

Axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia

Todas as entidades clúster solicitantes da axuda deberán achegar toda a información e datos requiridos neste anexo e na forma en que se solicita:

1. Definición do ámbito de actividade da entidade clúster. Esta definición deberá estar recollida en documentos tales como estatutos, plan estratéxico, acordo da xunta directiva ou asemblea xeral ou similares que impliquen consenso no seo da entidade.

2. Facturación conxunta das empresas do ámbito de actividade en Galicia e das empresas socias da entidade clúster segundo o seguinte método:

a) Cando as empresas teñan unha actividade cuxa facturación corresponda na súa totalidade ao ámbito de actividade/negocio da entidade clúster, contarase o 100 % da súa facturación.

b) Cando as empresas teñan máis dunha actividade/negocio contarase unicamente a porcentaxe de facturación procedente do ámbito de actividade/negocio definido pola entidade clúster e non o 100 % da facturación. As empresas socias deberán facilitar ese dato á entidade clúster. Respecto das non socias, e naqueles casos en que a devandita porcentaxe non sexa de fácil acceso, estimarase de acordo co seguinte:

Identificaranse os principais competidores de cada socio e aplicaráselles á súa facturación total a mesma porcentaxe que o socio declarase como procedente do ámbito de actividade/negocio da entidade clúster. Excepcionalmente, no caso de que a estimación anterior non sexa posible por un motivo debidamente xustificado, estimarase un 20 %.

Deberán indicarse as fontes de obtención dos datos, e a información ten que ser trazable e permitir a súa comprobación en calquera momento.

3. Presentación. Polo que se refire á presentación da definición do ámbito de actividade/negocio, realizarase nun único gráfico (unha folla máximo) segundo o seguinte modelo:

missing image file

a) Tres grupos de actividades:

1º. Ecosistema (onde, por exemplo, estarían os provedores de coñecemento ou tecnolóxicos).

2º. Cadea de valor principal.

3º. Industria auxiliar.

4º. De maneira voluntaria, incluiranse todos aqueloutros grupos que se considere necesario como os anteriores ou posteriores da cadea.

Os grupos de actividades estarán desagregados en casas co maior nivel de detalle posible.

1º. En cada casa incluiranse os datos de número de empresas e facturación do clúster e do ámbito de actividade completo.

2º. Así mesmo, identificarase cada casilla cos seguintes códigos de cores:

i) Vermello. Área de traballo prioritaria onde Galicia presenta unha debilidade ou posibilidade de mellora.

ii) Laranxa. Área de traballo non prioritaria onde Galicia presenta unha debilidade.

iii) Verde. Área de traballo consolidada.

iv) Sen cor. Area de traballo en decadencia ou que achega pouco valor ao ámbito de actividade.

Oportunidades e áreas de mellora. Incluiranse referencias ás oportunidades de traballo ou áreas de mellora propias de cada ámbito de actividade. É dicir, cuestións concretas relativas a cada ámbito de actividade á marxe das xenéricas propias do territorio no seu conxunto.

d) Cadro resumo de número de empresas e facturación do clúster e do ámbito de actividade completo.

Só será admisible como documentación complementaria ao devandito gráfico un arquivo de Excel onde se recollan o nome de empresa, a facturación, a descrición de actividades, a porcentaxe aplicada e totais (do clúster e do ámbito de actividade).

A aplicación da metodoloxía anterior debe ser rastrexable e permitir a súa comprobación en calquera momento por requirimento de lgape.