Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 25 de agosto de 2016 Páx. 37827

II. Autoridades e persoal

c) Substitucións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de agosto de 2016 pola que se dispón que a Secretaría Xeral da Presidencia se encargue do despacho dos asuntos da Axencia Turismo de Galicia, da Secretaría Xeral da Emigración e da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

Por medio dos decretos 108/2016, 109/2016 e 110/2016, do 22 de setembro, disponse o cesamento, por petición propia, do director xeral do Gabinete da Presidencia, do secretario xeral da Emigración e da directora da Axencia Turismo de Galicia, polo que cómpre prover a súa suplencia, sen prexuízo do posterior nomeamento dos novos titulares, de forma que se asegure o correcto funcionamento dos servizos e a resolución, se é o caso, dos asuntos encomendados ás devanditas axencia e dirección xeral.

Xa que logo, ao abeiro do establecido no artigo 12.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na disposición adicional primeira do Decreto 88/2013, do 30 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no artigo 3.1 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Artigo 1

O exercicio das competencias da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia, da Secretaría Xeral da Emigración e da Axencia Turismo de Galicia previstas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, será asumido polo secretario xeral da Presidencia ata que se produza a incorporación dos novos titulares aos devanditos órganos.

Artigo 2

Sempre que se exerzan competencias de acordo coa suplencia establecida nesta orde, deberá facerse constar así nos actos ou resolucións administrativas correspondentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza